o bo o feo e o malo

No 2005 facíase a presentación da Xbox 360, unha consola que bebía directamente de Microsoft e disposta a desbancar a que sen dúbida ningunha era a raíña das videoconsolas, a Playstation 2. A partires dese ano comeza a actual xeración, unha longa para uns, e curta para outros, etapa na que tres consolas disputaron a morte por ser a elixida nos estantes das tendas.

Dende aquelas xa pasaron oito anos, oitos anos cheos de xogos, tanto bos como malos, oito anos na que o cara a cara estaba entre Xbox e Playstation, mentres Wii triunfaba irremediablemente sentada nunha terraza e desfrutando da súa estratexia “todo para os casual-gamers”, e en apenas dous meses chegarán, por fin, as substitutas.
Certo que a Wii U xa leva un tempo connosco, pero pódese catalogar como unha consola de nova xeración? Non. Non. Non. Así de claro e conciso.

Con este panorama comeza un novo filme, un filme que narra a historia de tres personaxes que se entrelazan entre elas, así que sentádevos, collede algo para picar e atentos, porque comeza “O bo, o feo, e o malo”.

ACTO 1: O BO

Os directivos de Sony tíñano moi claro, aínda que na última etapa de Plastation 3 parece ser que incluso se sobrepuxo á súa competidora directa, Xbox 360 (dependendo dos medios din unha cousa ou outra), sufriron moitísimo nesta actual xeración. Quizais se acomodaron vendo o éxito que levaban tendo anos atrás e vendo as pésimas ventas da primeira Xbox, mais a verdade foi que Xbox 360 mantívose líder durante todos estes anos.

Así, PS4 preséntase como unha volta ás orixes, a volta a unha consola na que sexa relativamente doado programar para ela, relativamente asequible para todos e relativamente potente como para satisfacer as ganas pixeladas de calquera persoa.

ps4 accesorios

Así se está a presentar a Playstation 4, como o heroe da xeración que está por entrar, como o triunfador. Podes ser dunha consola ou doutra, pero o que está claro é que actualmente a consola de Sony ten todas as de gañar, polo menos nos primeiros meses de vida, as reservas esgotadas confirman este feito, e despois das medidas que pretendían integrar os de Microsoft coa súa Xbox One, aínda puxeron o camiño máis recto a unha compañía que leva moitos anos neste negocio e que se soubo aproveitar moi ben da situación.

Semanas despois da presentación oficial no E3 comezaron a saberse novas noticias da máquina, que se Sony apoiaría ás compañías independentes, o mando compatíbel co PC, packs que estarían dispostos en decembro, exclusivas que tiran moito dos xogadores… mais obviamente non todo é positivo.

Os cen euros menos que custa ca Xbox One compénsano co cobro obrigatorio do online da consola, así como a carencia de accesorios na venta inicial, tal como a cámara.

Pero que pasa cos videoxogos? Que potencia terá? Obviamente aínda non podo confirmar nada, xa que estou analizando este filme só vendo o tráiler, mais polo que se puido observar (sen facer caso aos responsábeis de Sony, que obviamente din que das próximas consolas vai ser a máis potente), a potencia gráfica está servida, aínda que o salto entre PS2 e PS3 foi moito máis grande que será, de PS3 a PS4, e o mesmo acontece coas máquinas de Microsoft, porque ou son eu, ou tampouco me pareceu unha calidade gráfica tan impresionante. Si, vese mellor, como non, mais espero, e supoño, que esa potencia se deixe ver máis claramente en tempos de cargar, dinamismo de escenarios, efectos do tempo, etc.

En novembro poderemos mirar aos ollos á Playstation 4 e saber se realmente vai ser a gañadora ou non porque mentres…

ACTO 2: O FEO

Recordemos que Microsoft nesta xeración non fixo máis que tomar boas decisión, dende sacar a consola un ano antes que o seu competidor, até crear logros (que pouco despois plaxiaría Sony), dende presentar unha consola na que os desenvolvedores podían traballar de maneira máis doada, até conseguir facer multiplataforma moitas das exclusividades de Sony.

Así foi Xbox 360, para min a gañadora indiscutíbel, mais como será agora.

xbox one disco duro

Despois da nefasta presentación no E3, e non me vou meter no tema das medidas que querían tomar, senón na propia repercusión que tiveron, xa que só fixeron algo peor que tomar e presentar esas medidas, e foi baixarse os pantalóns diante do mundo e recuar.

Non me entendades mal, agradezo que deran marcha atrás porque son dos que castigo tales medidas, mais iso quitoulle toda a credibilidade que ten unha compañía coma Microsoft. Demostrou que aínda non leva demasiado tempo nesto das consolas, demostrou que non tiña unha estratexia clara marcada e isto os xogadores vímolo, e vímolo en directo.

Tampouco axudou o feísmo da consola, e moito menos axudou o prezo. Todo isto nun E3 que de seguro se voltasen atrás correxirían o 98% da presentación.

Pero como unha consola que se mantivo no podio durante oito anos, chega cunha predecesora que non sabe como gustar aos fans?
Os propios directivos falan que estaban moi adiantados ao seu tempo, a min pégame a risa, outros analistas afirman que as medidas non afectarían ao xogador, a min ségueme pegando a risa, porque o que realmente penso é que só eran medidas abusivas contra o xogador cun só fin, facer desaparecer o formato físico.

Seino, chegará un momento no que isto acontecerá, seino, dóeme, pero seino, quizais sexa demasiado romántico co pasado, por iso non me gustan este tipo de medidas, mais con este feito, como pode agora competir con PS4?

A parte de rectificar todo, seguen confiando no seu Kinect, agora unha versión mellorada, algo que NUNCA, NUNCA, me chamou a atención en absoluto. Tamén teñen unha serie de sagas que poder explotar, e obviamente o apartado técnico, que aínda que Sony presuma de máis potencia, dame a min nos fociños que estarán as dúas á par, exactamente como pasaba nesta xeración.

Está claro que aínda que non se presentase con bo pé, a Xbox One é unha consola suficientemente potente como para poñerse diante da PS4 e facerlle fronte, non teño a menor dúbida, pero o que si que está claro é que perdeu a confianza de moitos dos fieis seguidores da Xbox 360, e entre eles estou eu.

ACTO 3: O MALO

E chegamos á terceira consola que teoricamente tratan como de nova xeración, eu non, xa non a vexo como tal, de feito, xa castiguei toda a vida útil da Wii como para agora darlle oportunidade a un xoguete. Non, non me miredes así, botádelle un ollo, ide a calquera tenda e mirade os títulos que ten para xogar, mirade a quen vai dirixido esta consola, como diría Manquiña “a los hechos me remito”.

Nintendo segue no seu mundo de Casual Gamer esquecéndose por completo dos xogadores habituais, dos Hardcore Gamers. Debería botar a vista atrás e preguntarse porque hoxe en día é a compañía que é, e grazas a quén, entón quizais se acordaría algo máis de nós.

Wii U

Wii U

Nunha das tantas conferencias que deron, non recordo moi ben que directivo dixo que coa nova Wii U volverían a coller a confianza dos xogadores de toda a vida. Foi algo que soñei, crucei os dedos até que me doeron, incluso fun a unha misa para que fose verdade. Obviamente non foi así, e por moito que me quixese enganar, víase vir.

Mais aínda que o éxito da Nintendo Wii foi absoluto, non cabe a menor dúbida, parece que non está acontecendo o mesmo cos sucesora. Non consegue vender o previsto, non saca xogos, perde o apoio de desenvolvedoras…non sei que vai acontecer nun futuro, pero de ser así, a Wii U non chega a bo porto.

Eu mentres vexo a nenos de cinco anos probar a Wii U nas tendas recordo con bágoas nos ollos a época na que Nintendo mandaba no panorama, pero mandaba porque podía, porque era sublime e sacaba consolas e videoxogos a cada cal mellor. Así é a Nintendo que me gustaría ver nesta batalla, porque está claro que Wii U está a kilómetros luz do resto de compañías.

Nintendo ten que saber que non se pode alimentar só do xenio Miyamoto para realizar títulos de calidade, e a verdade, é o único que está a facer. O resto pseudoxogos infantiloides carentes de personalidade.

DESENLACE

Nun par de meses entramos nunha nova etapa, unha etapa na que seguro que veremos xogazos que revolucionarán o panorama, fracasos comerciais e éxitos, a loita está a piques de comezar.

E durante os seguintes anos poderemos responder ás seguintes cuestións, canto falta para que o formato físico desapareza? Sairán as consolas con novo erros como o Círculo da Morte ou o seu equivalente?

Non sei cal será o final deste filme, mais o que si é seguro é que o tráiler promete.

need-for-speed-rivals
Neste novo vídeo da nova entrega da saga, Need for Speed: Rivals, creado polo estudo sueco Ghost Games, podemos ver os desafíos que terá que superar o xogador nas carreiras ilegais e persecucións para conseguir as melloras para o seu coche.

O lanzamento está previsto para o vindeiro 22 de novembro para PC, PlayStation 3, PlayStation 4, Xbox 360 e Xbox One.

fm5
Microsoft publicou un novo vídeo do popular simulador de condución Forza Motorsport 5 onde podemos ver unha volta ao sinuoso trazado dos Alpes Berneses no superdeportivo Pagani Huayra.

“O circuíto dos Alpes Berneses debutou en Forza Motorsport 4 e foi reconstruído completamente para a Xbox One, presentando o novo motor gráfico traballando a 1080p e 60 imaxes por segundo.”

Estará dispoñible de balde o vindeiro 22 de novembro, día de lanzamento da Xbox One. Os usuarios que reserven a videoconsola, poderán escoller entre unha copia gratuíta do Forza 5 ou do FIFA 14.

phill harrison

Microsoft non deixa de falar das políticas pre-E3 que tanto deron que falar, e sigue buscando excusas para retraerse.

Deste vez foi Phil Harrison, que afirma que estiveron pasos por diante de calquera outra compañía:

Penso que cando creas unha visión de futuro, estás pintando a visión que máis che emociona. Pero tivemos moito feedback e decíanos que moitas das cousas que estabamos propoñendo eran demasiadao adiantadas ao noso tempo. Así que cambiamos. Cogimos ese feedback da comunidade e cambiamos os nosos plans. Penso que iso é bo.

E para darlle o punto final, Harrison tamén pensa que co seu catálogo de lanzamento o resto de compañías non teñen nada que facer ao respecto.

Gañamos a batalla dos xogos. Os xogos da nosa plataforma levaron máis de 100 premios no E3, o que é máis do dobre que as plataformas da competencia. Así que os medios recoñeceron o catálogo de lanzamento de Xbox One como o mellor catálogo de lanzamento das consolas que están por vir.

Polo de momento Microsoft e Sony amósanse optimistas as dúas, Microsoft afirmando que teñen o mellor catálogo de lanzamento e Sony intenta que todas as reservas teñan consola no primeiro día de lanzamento.

Dentro dun par de meses saberemos quen gaña esta guerra, mais persoalmente paréceme que Sony atópase con menos preocupacións.

Microsoft quere levar Gears of War á Xbox One

Por: Mércores, 18 de Setembro de 2013, 13:39 COMENTAR

gears-of-war-judgment

Así o recoñeceu Phil Spencer, vicepresidente de Microsoft Game Studios, que afirma querer levar a famosa saga Gears of War á Xbox One, aínda que a decisión está nas mans de Epic Games.

A saga Gears of War está desenvolvida por Epic Games e eles foron os nosos socios por moito tempo en Xbox 360. Deberías preguntarlle a Epic Games sobre que desexan facer.

Nós non anunciamos nada aínda sobre esta saga, mais agardamos levar Gears of War á Xbox One dalgunha maneira. Non hai máis que vos poida dicir neste momento.

Co éxito que tivo esta saga case me sorprende que non chegue á nova consola de Microsoft, o que xa me mete máis medo é de que maneira, porque a última entrega non é que fose unha marabilla, a verdade.

ryse_sons_of_rome-006

Aaron Greenberg, un dos directivos de Microsoft foi o encargado de aclarar aos fans que dous dos xogos que estarán de saída coa Xbox One, Ryse e Forza Motorsport 5, correrán a unha resolución de 1080p nativos.

Greenberg non fixo alusión a outros videoxogos:

Non podo falar de títulos que non son da propia Microsoft, mais sei que Ryse e Forza Motorsport 5irán a 1080p nativos.

Recordade que Xbox One chagará ás tendas o 22 de novembro a un prezo de 499€. Para que vaidades tomando as vosas propias decisións.

Yves-Guillemot

Yves Guillemot, CEO de Ubisoft, amósase así de optimista ao falar da saída das consolas de próxima xeración, e asegura que será difícil facerse con estas consolas de lanzamento, xa que os xogadores levan oito anos agardándoas e lanzaranse a elas sen pensalo.

Penso que vai ser difícil atopar unha consola de próxima xeración porque levamos agardando oito ou nove anos por algunha destas máquinas.

Todos os nosos xogadores e fans din que queren realmente algo novo e que irán polas consolas tan pronto saian. Tamén hai moitos xogos fermosos este ano, para o lanzamento, que farán que queiran ir por esas experiencias.

E isto dio Ubisoft, que terá a nosa disposición co lanzamento das consolas dous dos xogos máis agardados polos xogadores, Watch Dogs e Assassin´s Creed IV: Black Flag.

A ver se son suficientes para confirmar as palabras de Yves Guillemot.

Albert-Penello

Agora parece que a Microsoft lle vai algo mellor despois de que tivese que baixar os pantalóns diante dunha comunidade gamer que non aceptaba as políticas de obrigatoriedade a conectarse cada 24 horas ou o bloqueo dos xogos de segunda man, mais, aínda hoxe, na compañía seguen sen comprender esta reacción dos xogadores.

Así o comenta Albert Penello, quen parece que está tomando o control:

Penso que co tempo a xente entenderá o que intentabamos facer, e entón veranse as reaccións. A xente estará como “Deus, quero que aquelas medidas volvan”. O problema é que penso que os xogadores tiñan na cabeza que o que íamos facer era o mal, ou algo anti-xogador.

Estivemos observando como funciona Steam e IOS, cara onde ían os consumidores e pensamos, ” Agora podemos dar unha gran experiencia dixital”. O cambio ao dixital ocorrerá antes do que os xogadores pensan.

Agora pensámolo e non deixa de sorprendernos as reaccións ao que intentabamos facer.

Con isto podemos asegurar que Microsoft non se quita da cabeza o movemento que pretendían facer e tarde ou cedo levarano a cabo. En canto tempo pensades que o formato físico desaparecerá? Parece ser que ninguén é o suficientemente romántico como para querer conservar este formato.

Hai non, que eliminando o formato físico aforraranse os cartos de creación, edición e distribución…todo colle forma.

Watch-Dogs-connected
Ubisoft publicou un novo vídeo de case 15 minutos de duración con imaxes do «Watch Dogs»

O lanzamento está previsto para o vindeiro 22 de novembro, para PC, PlayStation 3, PlayStation 4, Wii U, Xbox 360 e Xbox One.

fm5
Turn 10 anunciou que o novo «Forza Motorsport 5» incluirá o trazado australiano de Mount Panorama de Bathurst. Este novo cirtuíto únese aos xa confirmados anteriormente de Mazda Laguna Seca, Spa-Francorchamps e Praga.

Foi construído en 1938 e na actualidade ten unha lonxitude total de 6.213 km. e 23 curvas.

Mapa do circuíto (Fonte: Wikipedia)

Mapa do circuíto (Fonte: Wikipedia)

Este anuncio coincide coa nova que confirmaba que Microsoft creará o equipo Xbox One Racing Team para competir na 2013 Supercheap Auto Bathurst 1000, carreira de resistencia de 1.000 km. que se disputa habitualmente o primeiro domingo de outubro de cada ano neste circuíto. Como adoita ser habitual nas competicións de motor australianas, o coche elixido será o Holden VF Commodore.

O «Forza Motorsport 5» sairá a venda o 22 de novembro, data de lanzamento da Xbox One. As reservas da videoconsolas contarán cunha copia dixital deste simulador de conducción ou do FIFA 14, a elección do xogador.

Xa hai data de lanzamento da Xbox One

Por: Mércores, 4 de Setembro de 2013, 20:30 COMENTAR

xbox one disco duroHoxe mesmo, Microsoft publicou unha nota de prensa anunciando a data de lanzamento da Xbox One.

A nova videoconsola sairá ao mercado o vindeiro 22 de novembro nestes 13 mercados: Australia, Austria, Brasil, Canadá, Francia, Alemaña, Irlanda, Italia, México, España, Reino Unido, Estados Unidos e Nova Zelandia.

Así, a Xbox One sairá unha semana despois da PlayStation 4 nos Estados Unidos, mentres que en Europa, sairá unha semana antes que a nova videoconsola de Sony.

Esta data non é casual, pois coincide coa do lanzamento da súa videoconsola actual, a Xbox 360, que foi lanzada o 22 de novembro de 2005.

“Estamos abrumados e encantados co tremendo interese que espertou a Xbox One nos nosos fans. Esgotamos todo o stock de videoconsolas coas reservas moito máis rápido que con calquer outra das nosas videoconsolas. Agardamos celebralo cos millóns e millóns de xogadores este Nadal.”

“Como resultado desta incrible demanda e progreso dos desenvolvedores, estou emocionado de compartir hoxe que estamos a engadir un número limitado de videoconsolas para as reservas. Coordinámonos cos nosos distribuidores para facer máis sinxelas as reservas da Xbox One.”

xbox one disco duroO xefe de márketing de Xbox, Yusef Mehdi comentou nunha conferencia que a producción da nova videoconsola está a pleno rendemento para conseguir cumprir as datas de lanzamento. Tamén anunciou un aumento na velocidade do procesador, pasando dos 1,6 GHz orixinais, ata os 1,75 GHz.