Chrono Trigger ponse a tiro da PSN

Por: Martes, 26 de Abril de 2011, 17:36 1 COMENTARIO

 

Pois si, parece que este clásico de Super Nes con varios remakes xa feitos, vai aparecer nesta ocasión para a plataforma virtual de PlayStation (que tantos problemas anda a dar nestes últimos días).

Pouco se pode dicir de este clásico que non se dixera xa, Sakaguchi na dirección do xogo, Uematsu na parte sonora, e Toriyama no deseño de personaxes. Todo un plantel de luxo que de feito denominouse “Dream Team”.

Ler o resto da entrada »

Emulador de Game Boy Online

Por: Martes, 5 de Abril de 2011, 17:06 COMENTAR

Moitos dos xogadores habituais acudimos a diferentes emuladores para rexogar algunha maravilla pasada, ou probar xoias que non puidemos xogar no seu momento.

Neste punto preséntovos outro dos tantos emuladores da mítica Game Boy, pero que ten este de especial?, pois que é un emulador online, polo que non fai falta descargar nin instalar nada.

Deste xeito cun simple click teremos a nosa disposición os grandes clásicos da Game Boy, como Mario Land,Zelda,Tetris,Kirby…

Supoño que dos que leades isto a maioría xa desfrutou da impresionante Game Boy, pero nunca está de máis revolver no pasado con estes grandes clasicos.

Emulador de Game Boy Online

Deseño retro

Por: Xoves, 17 de Marzo de 2011, 13:24 COMENTAR

Para que vou explicar esta preciosidade de imaxe de deseño?. Abonda con observala e deixar fluír os recordos.

Aínda que o tentou con vehemencia, Paco Menéndez nunca conseguiu que o seu xogo levase o título d’O nome da rosa. Esta adaptación non autorizada da novela de Umberto Eco supón un dos títulos cumio da coñecida como Idade de ouro do soft español.

Menéndez non tiña a intención de facer unha aventura gráfica, foi o tempo o que tentou atoparlle acomodo nun xénero ao que non pertence. A historia parte do diario de Adso, que durante a súa etapa de novizo (s. XIV) viaxara xunto ao seu mestre, Frei Guillerme de Occam, á abadía de… onde se acababa de producir unha morte en misteriosas circunstancias (non sería a derradeira). O abade, temendo que o crime fose cometido por un dos seus monxes, encoméndanos a misión de atopar ao responsábel.

Ler o resto da entrada »

Descarga gratis Tiny Barbarian

Por: Sábado, 29 de Xaneiro de 2011, 21:27 COMENTAR

Nun alarde de amor pixelado, un señor chamado Michael Stearns decidíu crear un xogo con similitudes a Castlevania e mantendo intacto esta ambientación retro.

O resultado foi Tiny Barbarian, un xogo plataformas-acción que teremos que superar uns escenarios en 2D perseguindo un espectro de muller. Este xogo freeware mantente pegado á ecrá grazas a súa diversión directa e constante.

Unha pena que sexa tan curto, pero se por algún casual non conseguistes superar o monstro final, podedes seguir estos nada recomendados pasos.

Descargar aquí (4 MB)

“Gens” en galego

Por: Venres, 21 de Xaneiro de 2011, 1:48 1 COMENTARIO


http://www.gens.me

Gens é un emulador da Sega Mega Drive distribuído baixo unha licenza GPL. É dicir, é software libre. Emula tanto xogos propios da Mega Drive como os xogos do MegaCD e da 32X (para estes últimos fan falta os ficheiros das BIOS).

Como é software libre, tomei a liberdade de traducilo ao galego para todos vós. Informarei aos desenvolvedores para ver se é posíbel incluíren a tradución de forma oficial. Mais, entrementres, podedes encontrala aquí. A seguir está a ligazón para baixares o emulador traducido e coas BIOS incluídas. Está todo configurado, só tes que baixalo, facer duplo clique no ficheiro gens.exe e xa vai.

DESCARGAR EMULADOR GENS EN GALEGO
GENS 2.14 executábel para Windows en galego coas BIOS incluídas e configuradas

Ler o resto da entrada »

Battle City (NES)

Por: Luns, 4 de Outubro de 2010, 16:18 1 COMENTARIO

Non podo deixar de falar de este título por varias razóns, a primeira porque foi un dos primeiros xogos que probei, a segunda porque podo decir que foi un dos títulos que máis horas me fixo divertir diante da televisión e a terceira porque foi un dos primeiros títulos en permitir xogar a dous xogadores na mesma pantalla, polo que a duración era prácticamente infinita, e tede en conta que de aquela internet non existía.

battle city 1

Empecemos polo principio. Battle City naceu aló polo ano 1985 para a plataforma NES, e non só foi un dos primeiros títulos que apareceu para esta incríbel videoconsola, se non que trouxo novidades suficientes como para captar a atención do xogador,e  no meu caso, vaia se o conseguíu. Está claro que nesta época o argumento nestes xogos arcade era innecesario e superficial, no que primaba a diversión directa (gustaríame saber que opinan agora os desenroladores de moitos xogos, xa que o cambio foi radical entre a finalidade dos videoxogos de antes e os de agora).

Battle City poñíanos na pel dun tanque o cal debía impedir que atacasen a súa base, así debía disparar e eliminar ao resto de tanques inimigos antes de que o fixesen eles, e para isto tiñamos varios ítems que nos axudaban, como aumento do noso disparo,velocidade, paralización dos inimigos,escudo… como vedes a variedade era bastante elevada. Pero aínda que tiñamos todas estas axudas, os inimigos eran moitlo máis numerosos e existían diferentes tipos que nos poñían as cousas complicadas.

Así,no longo de 35 fases debiamos poñer a proba a nosa pericia para conseguir salvar cada pantalla.

battle city 2

Pero como xa dixen no principio, Battle City foi un dos primeiros videoxogos en incluír un multixogador, e deste xeito pasei horas e horas xunto ao meu irmán pasando fase tras fase, e detalles como a paralización do noso compañeiro se lle disparabamos por casualidade, facía que houbese certo pique entre nós para conseguir a máxima puntuación (cada tanque destruído conlevaba un premio en forma de puntos).

Pero non só iso, se non que este divertido xogo traía a posibilidade de crear as nosas propias fases e pantallas, que tendo en conta que estamos no ano 85 cando saíu, foi todo un adianto na súa época.

Un xogo que marcou a miña infancia e que non podía deixar de aparecer no noso recuncho de xogos retro.

Super Mario Land (GB)

Por: Sábado, 11 de Setembro de 2010, 1:08 1 COMENTARIO

Alá pola lonxincua década de 90 había un xogo imprescindíbel en toda Game Boy, o Super Mario Land. Foi o primeiro xogo de Mario para unha videoconsola portátil (se non considerarmos as Game&Watch, claro).

Lembro, cando neno, ver outros cativos con máis sorte ca min coa súa Game Boy tocha tixolo gorda Classic, unha proeza da tecnoloxía que usaba catro pilas para poder acender a pantalla de cristal líquido en branco e negro. Esa pantalla que non tiña máis iluminación que a propia do sol ou da lámpada que estivese iluminando o ambiente nese momento. Pois esoutros cativos xogaban, mentres rosmaban molestos porque mirase por riba do seu ombro, ao Super Mario Land.

Cando por fin tiven a miña primeira Game Boy co seu correspondente cartucho pirata* con 15 xogos, un deles era o ansiado xogo do fontaneiro de Nintendo. A xente dirá o que queira dos xogos antigos, que os gráficos son noxentos comparados cos de agora, que non tiña historia, que era lineal, pero podo dicir sen temor a me enganar que xa non se fan xogos como ese. Levoume tardes e tardes conseguir pasalo, e cada vez que morría e tiña que comezar era unha posta a proba da miña constancia e esforzo. Cada cogumelo, cada flor, cada castelo no que a princesa Daisy resultaba ser un bicho feo disfrazado, supuñan un desafío a superar.

E, como todo bo xogo, ao derrotar o xefe final e rescatar a princesa, e recompensa é… o modo difícil! Si, pasar o xogo de novo cun maior nivel de dificultade. E ese modo si que é un verdadeiro reto para xogadores. Hoxe en día moitos xogos pecan de facilidade, fanse accesíbeis a todos os tipos de usuarios e chegan a ser insultos á capacidade intelectual. Daquela non, xogos como o Super Mario Land aínda son hoxe un desafío para quen afirme ser seareiro dos videoxogos. Desde aquí, convídovos a desempoardes as vosas vellas Game Boy e xogardes unha partida. Polos vellos tempos. Polos tempos deste vello.

E até o meu seguinte post, déixovos con esta canción dedicada ao insigne Super Mario:

*Nenos, a pirataría é mala. Non asaltedes barcos.

Cronoloxía de todos os xogos RPG de Pokémon (omitindo Pokémon Stadium, Pokémon XD e outros xogos que escapan á liña principal).

1º xeración (Game Boy) – 151 pokémons

Pokémon Verde e Vermello (J)

Foron os primeiros dous xogos de Pokémon (Pocket Monsters no Xapón). Estas versións non viron a luz fóra do Xapón, xa que para a estrea mundial se fixeron dúas versións melloradas deste. Contra o que di a lenda popular, non é posíbel capturar a Mew. Só se pode conseguir cun evento de Nintendo ou facendo trucos aproveitando erros do xogo.

Pokémon Azul (J)

Foi unha reedición dos Pokémon Verde e Vermello, cunha mellora das imaxes dos pokémon e certos gráficos máis. Alén disto, conta cunha reestruturación da Masmorra Rara (onde se captura a Mewtwo) e mudan as localizacións de certos pokémons. Contra o que di a lenda popular, neste xogo non se poden conseguir os 150 pokémon sen intercambiar, senón que hai pokémons que saen nas edicións verde e vermella que non se podn capturar neste. E, obviamente, tamén é imposíbel capturar a Mew “legalmente”.

Pokémon Vermello e Azul (U)(E)

Foron as versións que saíron á luz fóra do Xapón. Están baseadas na aparencia da edición azul xaponesa, mais en forma de dúas edicións como o vermello e o verde. A masmorra rara correspóndese coa mesma da edición azul xaponesa.

Pokémon Amarelo (J)(U)(E)

Foi unha reedición dos xogos anteriores con gráficos aínda mellores, unha certa especificidade coa Game Boy Color e a novidade de ser máis fiel ao anime. Comezas con Pikachu que che seguirá indo fóra da pokebóla e no camiño dás conseguido a Charmander, Squirtle e Bulbasaur. Como no caso do azul xaponés, é preciso ter as versións vermella ou azul para conseguir todos os pokémons.

2º xeración (Game Boy Color) – 251 pokémons

Pokémon Ouro e Prata (J)(U)(E)

Unha historia completamente nova e 100 pokémons novos. Á vella rexión Kanto, onde transcorrían os xogos anteriores, engádeselle agora a nova rexión de Johto. Ten moitísimas novidades como a diferenza dia/noite grazas ao reloxo interno, o pokérus, a diferenza de sexos, a crianza, a evolución por felicidade ou a equipaxe de obxectos fixer. Para moitos, estes son os mellores xogos de Pokémon.

Pokémon Cristal (J)(U)(E)

Reedición das edicións Ouro e Prata con poucas melloras como que as imaxes dos pokémons gozan de certo movemento, Suicune ten un novo xeito de se capturar e ten unha Torre de Batalla. Na súa versión xaponesa contaba cun aparello para poder intercambiar pokémons vía teléfono móbil. A pesar dos rumores, para conseguir a Celebi había que ir a un evento de Nintendo, mesmo na versión xaponesa.

3º xeración (Game Boy Advance) – 386 pokémons

Pokémon Rubí e Safiro (J)(U)(E)

Foi un xogo totalmente novo, adaptado ás características da Game Boy Advance. Veñen con esta versión 133 pokémons novos e infinidade de novidades, como o sistema de crianza de ovos mellorado, os concursos de pokémon ou os combates dous contra dous. Todo o xogo transcorre na nova rexión Hoenn e non se poden visitar as rexións anteriores. Para completar totalmente a pokédex é preciso, á parte destas dúas versións, as dúas versións vermello lume e verde folla, sendo a primeira vez que é preciso 4 xogos para capturalos todos.

Pokémon Vermello Lume e Verde Folla (J)(U)(E)

Remake dos primeiros xogos de pokémon con gráficos da Game Boy Advance. É a mesma historia mais con algunhas novidades, ataques e evolucións do rubí e safiro e unha arquipélago totalmente novo para explorar unha vez rematada a aventura en Kanto. O xogo orixinal vén cun adaptador para poder combater ou intercambiar pokémons sen fíos, sen ter que usar o cable link. Todo un luxo para nostálxicos que paga a pena xogar.

Pokémon Esmeralda (J)(U)(E)

Reedición mellorada do rubí e safiro, con poucas novidades como o retorno das animacións ao estilo Pokémon Cristal. Realmente poucas novidades ten, e quedou deslucido ao saír despois das versións vermella lume e verde folla.

4º xeración (Nintendo DS) –  493 pokémons

Pokémon Diamante e Perla (J)(U)(E)

Desta vez aparece unha rexión nova, Sinnoh. Está adaptada á nova portátil, polo que alén da mellora gráfica tamén tira proveito da pantalla táctil e a conexión sen fíos. Volta a diferenciación dia/noite que tiñan as versións ouro e prata e agora os pokémons machos e femias teñen subtís diferenzas no seu deseño.

Pokémon Platino (J)(U)(E)

É unha simple reedición dos diamante e perla. Conta con algunha novidade menor como a nova forma de Giratina ou Shaymin e tira máis porveito da conexión sen fíos grazas á nova Wi-Fi Plaza.

Pokémon Corazón de Ouro e Alma de Prata (J)(U)(E)

Remakes das versións ouro e prata. Voltan as rexións Johto e Kanto cunha mellora moi grande no aspecto visual e infinidade de novidades sacadas directamente das versións diamante, perla e platino. Ten novas historias paralelas que suceden durante o xogo, a posibilidade de levar calquera pokémon canda ti ao estilo Pokémon Amarelo. O xogo trae consigo un accesorio, o PokeWalker, que ao estilo dun Tamagotchi permíteche levar un pokémon descargado do xogo e adestralo en función do que camiñes con el. Todo un luxazo para quen tivo a ocasión de xogar os ouro e prata orixinais, e tamén para quen non.

5º xeración (Nintendo DSi/3DS?) –  ~650 pokémons?

Pokémon Branco e Negro (J: set-2010) (U: primavera-2011) (E: primavera-2011)

Aínda á espera da súa saída, xa se teñen algúns datos sobre este xogo. En primeiro lugar será un re-comezo para a saga, con novidades moi grandes. Terá certa compatibilidade coas edicións da DS (poderás pasar os pokémon a esta nova versión). As batallas pokémon contarán cunha nova perspectiva, e mesmo se rumorea a capacidade de ter batallas en 3D coa saída da Nintendo 3DS. Transcorrerá integramente na nova rexión Isshu. Mais a grande revelación será a Conexión Global Pokémon, coa que manter combates vía Internet. Máis info en Pokéxperto [ES].

Lexenda: (J) = Xapón;(U) = Estados Unidos;(E) = Europa.

Sonic the Hedgehog (MD)

Por: Mércores, 4 de Agosto de 2010, 15:48 COMENTAR

“Rompa la barrera del sonido en juegos de video con Sónico, “el puercoespín”. Desplácese en una mancha usando el Super Ataque Circular de Sónico. Haga un bucle sobre bucle derrotando la gravedad. Usted incluso puede girar 360º en un laberinto circular, ¡Usted jamás ha visto nada igual!”

Son AmilGZ, e a partir de agora serei colaborador neste blogue. Preséntome a vós do mesmo xeito que os videoxogos se presentaron a min, aínda que eu o farei cun pouco máis de corrección gramatical. Era unha tarde de primavera cando uns parentes me regalaron a Mega Drive co Sonic the Hedgehog incluído. A miña primeira videoconsola, o meu primeiro videoxogo, o comezo dunha longa amizade. Aínda hoxe, moitos anos despois, boto de cando en cando unha partida naquel vello aparello.

O 23 de xuño de 1991 saía á venda no Xapón un xogo desenvolvido por Yuji Naka. Era un tempo de grande rivalidade entre a Sega e a Nintendo, e era preciso unha mascota carismática para facer frente ao fontaneiro Mario. Afortunadamente, o ourizo azul conquistou o corazón da xente e fixo despegar as vendas da Mega Drive en todo o mundo.

O xogo é un plataformas en dúas dimensións cunha calidade visual moi boa para a época, tanto que nin nestes tempos das 3D se fai feo ou desagradábel á vista. A historia é simple, o malvado Dr. Robotnik (Eggman no Xapón) está a converter animais en robots e Sonic terá que vencelo para liberalos. Para iso terá que superar 6 zonas, cada unha con 3 actos e un xefe final ao concluír o terceiro acto. Á parte, conta cunha zona final (Final Zone) e seis fases especiais (Special Stages) onde conseguir as Esmeraldas do Caos.

Se queres rememorar vellos tempos e queres xogar a el tes as seguintes opcións:

– Mega Drive so Sonic the Hedgehog
– Sega Saturn co xogo Sonic Jam
– PS2/XBOX/Game Cube co Sonic Megacollection
– Game Boy Advance co (pésimo) Sonic the Hedgehog Genesis
– Nintendo DS co Sonic Classic Collection
– Wii/XBOX 360 descargándoa da respectiva tenda virtual
– iPod baixándoo do iTunes
– E, obviamente, nun computador cun emulador

A que esperas para xogar?