Assassins-Creed-IV1
Segundo os rumores, a compañía Ubisoft podería estar a traballar en dúas novas entregas da saga «Assassin’s Creed», unha para as consolas de nova xeración (PlayStation 4 e Xbox One) e outra para as anteriores (PlayStation 3 e Xbox 360). Descoñécese como encaixarán estes lanzamentos para PC e Wii U.

Polo de agora, dende a compañía, non se pronuncian ao respecto destes rumores.

GTA-Online
Onte mesmo, RockStar publicaba unha actualización para o GTA Online que incluía como principal novidade unha versión Beta do creador de contidos que xa anunciaran fai tempo.

Polo de agora, este creador permítenos crear carreiras (normais, GTA ou Rally tanto terrestres como acuáticas ou aéreas) e partidas a morte (todos contra todos ou por equipos).

gta-online-creator

Para os que non sodes moi dados ao modo multixogador, tamén hai novas interesantes, pois esta mesma semana RockStar anunciou que ten plans para incorporar novas misións na historia de Michael, Franklin e Trevor durante o vindeiro ano 2014.

blackbeards-wrath
Ubisoft ven de confirmar o lanzamento do primeiro DLC para o «Assassin’s Creed IV: Black Flag», baixo o título «Blackbeard’s Wrath», que engadirá tres novas personaxes dipoñibles para o modo multixogador:

“Blackbeard, empuñando unha espada e moi mal xenio non está para bromas. A súa reputación como temido pirata faille xustiza e os seu movementos para matar inclúen o uso da súa tremenda forza para lanzar aos seus obxectivos e facer que perdan o equilibrio para, a continuación, rápidamente rematalos cun golpe limpo.”

“Orchid é unha asasina mortal amiga dos templarios medrou na China, servindo como conselleira militar na dinastía Quing, onde perfeccionou as súas habilidades de asasina. Executa aos seus opoñentes rápida e gracilmente coa súa katana, unha extensión do seu corpo e da súa mente.”

“Jaguar Cuali, guerreiro azteca de México, chegou ao mar para loitar contra a conquista española de América Central. Un loitador que sobrevivíu á destrución da súa comunidade e xuntou forzas cunha crecente continxencia de Templarios nativos que buscaban renovar a paz e a orde. Impulsado por unha forza mística, Jaguar loita como o seu homónimo animal, atacando de xeito rápido e silencioso coa súa arma favorita: unha discreta macheta.”

Estará dispoñible a partires do vindeiro martes, 17 de decembro por 2,99 € e está incluído dentro do “pase de tempada” (19,99 €).

«Fez» acada o millón de vendas

Por: Martes, 10 de Decembro de 2013, 9:00 COMENTAR

fez
Tal como confirmou o estudo Polytron na súa páxina web, o xogo indie de plataformas xa superou a cifra do millón de vendas.

Polo de agora o xogo está dispoñible para Mac, PC e Xbox 360. Está previsto o lanzamento das versións para PlayStation 3, PlayStation 4 e PS Vita en 2014, polo que de seguro esta cifra seguirá a aumentar.

En xuño anunciaron que estaban a traballar na súa secuela, mais pouco tempo despois, o propio Phil Fish confirmaba que abandonaba o proxecto e o mundo dos videoxogos, polo que o «Fez II» foi cancelado.

dying-light
Neste novo vídeo presentado o pasado sábado durante os VGX Awards, o estudo Techland, creadores da saga «Dead Island», amósanos novas imaxes do seu novo proxecto «Dying Light» (outro de zombies…).

Podemos ver o xogo funcionando a 1080p na súa versión para PlayStation 4 e como funciona o sistema de combate e como podemos movernos pola cidade.

Está previsto o seu lanzamento para PC, PlayStation 3, PlayStation 4, Xbox 360 e Xbox One nalgún momento de 2014.

Novo tráiler de «Thief»

Por: Luns, 9 de Decembro de 2013, 17:00 COMENTAR

thief
Eidos Montreal publicou este sábado un novo tráiler do seu novo e agardado proxecto: «Thief».

O lanzamento está previsto para o 28 de febreiro para PC, PlayStation 3, PlayStation 4, Xbox 360 e Xbox One.

destiny
A compañía Bungie ven de confirmar o vindeiro 9 de setembro de 2014 como data oficial de lanzamento do seu videoxogo «Destiny».

Anunciado para PlayStation 3, PlayStation 4, Xbox 360 e Xbox One este ambicioso shooter multixogador futurista será o primeiro traballo do estudo Bungie despois do Halo.

“Destiny sempre representou un novo comezo para o noso equipo. Soñamos cunha Bungie renovada e independente. Atopamos socios dispostos a apostar forte por algunhas das nosas novas ideas tolas.”

“Primeiro, compartimos os piares de deseño de Destiny hai menos de un ano. Prometemos redefinir o que os xogadores deben agardar dun xogo de Bungie. Dixemos que queriamos cambiar como xoga a xente xunta. Puxemos o listón alto. Para nós, Destiny representa unha oportunidade única na vida.”

“Dende entón, Destiny seguíu a revelar a súa promesa. Cada nova versión achéganos á nosa visión orixinal. Con eses obxetivos en mente, pretendemos utilizar cada momento a partir de agora ata o lanzamento do xogo para garantir que Destiny cumpre coas vosas expectativas e coas nosas.”

“O apoio e entusiasmo inicial con Destiny foi inspirador. Cremos que é a decisión correcta para o noso xogo, o noso estudo e a nosa apasionada comunidade. Grazas por vir connosco nesta aventura.”

Esta fin de semana tamén publicaron un novo tráiler:

Segundo confirmou a compañía, os xogadores de PlayStation 3 e PlayStation 4 poderán probar a versión beta durante o “verán de 2014”.

nissan-gt-academy
Hoxe mesmo chega ás tendas a nova entrega da saga de simulación de conducción, o «Gran Turismo 6»

Gran Turismo 6 é o primeiro da saga en introducir as tan habituais como pouco populares “microtransaccións”, mais dende Polyphony xa se apresuraron a comentar que serán opcionais e non limitarán o progreso no xogo, como sucede noutros títulos.

Os paquetes de créditos dispoñibles serán:

  • 500.000 Cr: 4,99 €
  • 1.000.000 Cr: 9.99 €
  • 2.500.000 Cr: 19.99 €
  • 7.500.000 Cr: 49.99 €

Sony publicou na súa canle de PlayStation 3 en Youtube estes dous vídeos.

O primeiro é o anuncio para televisión que se emitirá en Europa para promocionar este novo xogo:

O segundo vídeo é a introducción coa que se atoparán os xogadores cando inicien o xogo na súa videoconsola:

battlefield 4 1
Para compensar aos xogadores polos problemas iniciais de conexión, DICE anunciou unha semana enteira na que os xogadores recibirán o dobre de experiencia. Así, dende o vindeiro 28 de novembro e ata o 5 de decembro poderedes aproveitar para mellorar o nivel do voso personaxe multixogador.

Dende o seu lanzamento, Battlefield 4 tivo moitos problemas, como inestabilidade dos servidores, partidas gardadas corruptas, perda de experiencia e caídas do xogo, como admitíu o xefe de DICE, Karl Magnus Troedsson:

“O xogo experimentou algunhas turbulencias no seu lanzamento. Mentres que algunhas plataformas soamente tiveron problemas menores, outras tiveron moitos máis problemas.”

“Resolver os problemas de lanzamento é a nosa prioridade número 1. De feito, para nós é tan serio que temos a todo o equipo traballando para estabilizar o xogo e non nos poremos a traballar noutros proxectos ata que esteamos seguros de que Battlefield 4 cumpre – e excece – as vosas expectativas.”

A maiores, o último día, 5 de decembro, os xogadores tamén recibirán como agasallo un arma especial:

“O 5 de decembro darémoslle a todos os xogadores que inicien sesión no modo multixogador de Battlefield 4 unha pistola M1911. Esta arma especial, que estaba reservada para os nosos desenvolvedores de DICE, conta cun zoom de 3 aumentos e está dispoñible para todos os rangos en Battlefield 4.”

Análise de Call of Duty: Ghosts

Por: Martes, 19 de Novembro de 2013, 16:50 COMENTAR

COD Ghosts 3

Hai dous xogos que nunca faltan nunha campaña de Nadal, un é o FIFA e outro é o Call of Duty e baixo o sobrenome de Ghosts, Infinity Ward volve poñerse detrás dun título bélico que pretende seguir sorprendendo, mais que queda nunha posición moi pouco cómoda para seguir explotando a unha saga que aínda mantendo a dose de diversión, as sorpresas son mínimas ou nulas.

O guión de Call of Duty Ghosts sitúanos nun futuro no que despois do emprego de armas nucleares lanzadas dende o propio espazo a terra non é máis que un lugar lúgubre no que os únicos superviventes do bando perdedor son considerados como pantasmas (de aí o nome) os cales conseguiron manterse con vida grazas o seu adestramento e camuflaxe en todo tipo de terreos.

O resto xa case o podedes intuír verdade? Nós encarnaremos a un destes Ghost, aínda que pouco experimentado e teremos que facer fronte ao bando inimigo en diversas situacións.

COD Ghosts 1

Un guión bastante simple e sen sorpresas argumentais no que nos intenta facer superar misións das máis variadas, e quizais o consiga, mais o que non logra é que nos metamos na pel do protagonista.
Si, dende aquel impresionante Modern Warfare a saga quixo facernos vivir momentos espectaculares nos máis recógnitos lugares, e en Call of Duty: Ghosts lévanos a localizacións bastante dispares entre si, misións baixo o mar, cidades asolagadas, control de helicópteros e incluso nos leva ao propio espazo exterior, mais o que non sabe facer é emocionarnos en cada unha desas misións.

Será porque xa non sorprende e contamos co que imos atopar? Será porque Infinity Ward non pon o empeño que debería nestas sagas porque saben que van vender exactamente o mesmo? Sexa polo que sexa non logra que o xogador se emocione avanzando no xogo.
E penso eu, será tan complexo involucrar ao xogador no título? Por que o conseguiron no Modern Warfare?

Se somos honestos teñen moito camiño andado, porque xa teñen unha xogabilidade perfecta, repite exactamente a mesma que en títulos anteriores, pero se algo funciona para que o queren cambiar. Parécenme sublimes os controis desta saga, e esta última entrega non ía ser menos, incluso en misións nas que pilotamos un helicóptero ou un tanque, o control adáptase perfectamente ao pad da consola permitíndonos reaccionar en milésimas de segundos ante calquera ataque sorpresa.

Tamén teñen a un nivel moi alto o apartado técnico, que tamén volven repetir e non destaca máis que capítulos anteriores, é máis, iso de querer plasmar un mundo destruído case por completo fai que predominen as cores escuras e contando mínimas excepcións, as paisaxes son bastante feas a verdade.

Aínda así, isto non inflúe na definición das texturas, que continúa estando a un nivel moi alto.

Así que rememoremos, teñen o control dominado, o apartado técnico tamén, só deben crear unha historia á altura cun guión medianamente traballado e unhas misións que nos adentre de verdade na historia con protagonistas máis carismáticos. É tanto pedir?

COD Ghosts 2

Pero para que van facer isto se facendo o que fixeron conseguen un xogo decente e para que enganarnos, divertido para aqueles amantes dos FPS. E para aqueles que non sexan moi amantes dos shooters en primeira persoa tampouco teñen moito problema, porque o xogo ten unha duración da historia principal case ridícula dunhas cinco ou seis horas, co único afán de rexogalo para conseguir atopar todos os ordenadores que hai escondidos polos escenarios, ou para superar o título nunha dificultade maior (se sodes veteranos da saga podédelo comezar no nivel difícil sen problema ningún).

CONCLUSIÓN

Que é Call of Duty: Ghosts?

Call of Duty: Ghosts é máis do mesmo pero un chisco peor do esperado. Intenta meternos en situacións espectaculares sen conseguir emocionarnos a través dunha historia pouco traballada. De todos os xeitos non sexamos hipócritas, persoalmente, como fan dos FPS non me aburrín durante as escasas seis horas que dura o xogo, pero tampouco me emociona en ningún punto concreto, o que deixa a Ghosts non correcto pero pouco ambicioso proxecto.

Será o momento de volver a darlle un lavado de cara a Call of Duty? Pode ser.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=93|SON=94|XOGABILIDADE=98|DIVERSIÓN=80|DURACIÓN=50[/puntuacion]

Análise de GTA V

Por: Xoves, 7 de Novembro de 2013, 16:27 COMENTAR

gta 5 2

Por fin, despois de innumerábeis horas percorrendo a xigante cidade de “Los Santos” cheguei á fin da historia de GTA V e podo dar a miña opinión persoal sobre este xogo que tanto deu que falar. De verdade é tan bo como din os críticos? Si, e non, pero vaiamos por partes.

Primeiro comecemos pola historia, e xa dando por sentado que a violencia (moitas veces extrema) é o pan de cada día desta saga, esta quinta entrega ponnos en pantalla a tres personaxes ben diferentes, Trevor, un psicópata amante da violencia e falto dun verán que non ten reparo e aniquilar a ninguén, Michael, ex compañeiro deste, que despois dalgún cambio nas súas vidas volven a reencontrarse, e Franklin un “pandilleiro” que sen querer, vese involucrado entre estas dúas persoas.

A novidade desta entrega non recae só na historia entrelazada de tres protagonistas diferentes, senón que inflúe directamente en termos de xogabilidade, xa que poderemos cambiar entre os tres personaxes nunha mesma misión, o que nun momento parece que o transcurso das misión será máis variada, pero deixemos de ser tan benévolos con este título e preguntémonos, está ben implementada esta idea? Pois aínda que nun principio gusta moito, pronto nos decataremos que non se explota demasiado ben a posibilidade que nos ofrecen tres personaxes simultáneos, e remataremos finalizando cada misión case en exclusividade cun só protagonista. Non me entendades mal, esta idea é xenial e agradécese un puntiño de orixinalidade, mais despois de ver tanta análise de “dez” , pensaba atoparme con algo máis xenial.

Mais o que si que saben facer ben os de Rocstar é involucrar a tres personaxes nunha mesma historia, mentres consegue narrarnos a vida individual de cada un sen que perda folgos en ningún momento, incluso obrigándonos a tomar decisións que influirá no resto da historia.

gta 5 3

E con isto preguntarédesvos, entón hai que volver a xogar ao GTA V varias veces? Pois se queredes saber a variación entre algunhas das decisións entón si, aínda que dubido que non queiras darlle un descansiño, porque GTA V é abrumador en canto a posibilidades.

Esta quinta entrega é unha xoia en canto a programación, e sentiraste como unha formiguiña no medio dese mapa, porque se che parecen poucas case 70 misións principais, terás infinidade de misión secundarias, todas elas da man das personaxes secundarias máis curiosas que nos pedirán axuda nas súas aventuras paralelas, ademais que de cando en vez aparecen marcados no mapa puntiños azuis que indican situación na que algún habitante necesita a túa axuda (nós decidiremos se o axudamos ou non), a parte a cidade de “Los Santos” está viva, e poderemos xogar ao golf, ao tenis, ir ao cine e outras tantas acción que xa estaban presentes en anteriores títulos o que fai que o simple feito de camiñar por esta cidade sexa unha verdadeira gozada. Iso si, é un título para desfrutalo con tempo, hai que darlle unha posibilidade e intentar descubrir todo o que nos ofrece, porque cando penses que xa non hai máis sorpresas, alí aparecerá un detalle mínimo que che fará pensar que os desenvolvedores pensaron en todo.

Se nos centramos na historia principal que é o que nos atopamos? Pois por moito que me berren os incondicionais da saga, non me parece unha historia principal nada espectacular en canto á definición destas. Si, certo, a medida que avanzamos atopámonos con momentos verdadeiramente épicos, pero quédanse a unha proporción mínima coa cantidade de misións de recheo, por chamalas dalgunha maneira.

Explícome para que non haxa mal entendidos. Moitas veces prepararemos golpes, como atracar algún banco, etc, e para iso necesitaremos realizar mini-misións, como conseguir un coche especial, vixiar…
Pois ben, que unha misión consista en ir a un extremo da cidade para roubar un camión, collelo, e gardalo nun almacén, sen atopar absolutamente ningunha resistencia ou algo que poña en alerta a nosa pericia, pois paréceme, por esaxeralo un pouco, unha perda de tempo. E coma esta misión, o xogo está pragado delas, algo que lle resta puntos a un título que polo que se escoita, aspira ser o título da vida (nótese a ironía).

Para min, este punto foi o máis negativo que vin neste xogo, porque por moi ben que o pases camiñando pola cidade, descubrindo segredos, a historia principal é o que marca a verdadeira calidade dun xogo, e para min, GTA V é un xogo demasiado sinxelo de pasar, no que carecen os momentos espectaculares e priman misións de recheo. Podería poñer decenas de misión deste tipo no que o único que hai que facer é avanzar sen ningunha oposición cara nós, é máis, o xa clásico medidor de alarma da policía, apenas pasa das tres estrelas, só en momentos puntuais, momentos no que tampouco é demasiado complexo desfacerte desta alerta. Aquí Rockstar non estivo demasiado atenta, poñería todo o empeño en recrear esa enorme cidade e despreocupouse un pouco das misión principais?

En canto á xogabilidade pouco cambio con respecto ao predecesor, só me parece algo confuso o control dos vehículos aéreos, aínda que no cómputo xeral é excelente, coches de todo tipo, motos, camións, tractores, quads, lanchas, avións… todo canto vexamos, poderémolo conducir.

gta 5 4

Por suposto non faltan as xa míticas emisoras de GTA V, que a dicir a verdade, de todos os xogos de GTA que lle botei a man, ningunha me gustou tanto como para que me chamase a atención, supoño que farán o seu propósito, dar unha ambientación de fondo mentres conducimos polas rúas da cidade, pero de aí a dicir que a selección de cancións é boa… hai un treito, moi, moi longo.

Até aquí sabemos que é un xogo xigante, cheo de posibilidades, con misión principais moi boas, aínda que pragadas de mini-misións nas que pouco hai que facer, con tres protagonistas entrelazados e un mundo por descubrir, pero como se plasma isto todo a nivel gráfico?
Pois Rockstar volve a sorprender neste aspecto, porque a nivel técnico é unha gozada. Resulta sorprendente observar as sombras da cidade, o xogo de luces, a nitidez coa que se ve todo e o dinamismo co que se move. Aínda que non conseguiron eliminar por completo o “popping” (xeración espontánea de obxectos), agora apenas se produce. Obviamente, cun mapeado de tal magnitudes sempre se produce algún “bug”, pero non deixa de quedarse nunha anécdota, porque en termos técnico, GTA V é unha auténtica obra de arte.

E falo ata detalles de ver como a xente abre paraugas cando empeza a chover, presenzar unha persecución policial allea a nós, atoparnos a xente acampando no medio dun monte, escoitar a xente rir mentres fala…

Estes detalles fan que a cidade estea viva, e todo cun apartado gráfico sobresaínte que nos fai que avanzar pola cidade sexa aínda máis agradábel.

Como podedes comprobar, GTA V é enorme si, pero ten as súas pegas, e para min a máis grande é a pouca espectacularidade das misión principais, de todos os xeitos non deixa de ser un xogo moi divertido, perfecto para adentrarte nel tendo tempo, moito, moito tempo, mais aquí está a pregunta do millón.

Este é o mellor GTA da historia? Polo que puiden ler todos opinan que si, mais dende logo a miña opinión é contraria, porque persoalmente, GTA San Andreas cómelle as papas a GTA V en canto a diversión, e o resto que poida escoitar, “hype” sen caducar.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=95|SON=89|XOGABILIDADE=94|DIVERSIÓN=90|DURACIÓN=97[/puntuacion]

need-for-speed-rivals
A menos dun mes para o seu lanzamento, chéganos este novo vídeo onde nos amosan a rivalidade entre corredores e policías, que será o eixo central do xogo.

Creado polo estudo sueco Ghost Games, promete capturar “a adrenalina e intensidade da rivalidade na rúa entre pilotos e policía, nun abraiante entorno aberto.”

O lanzamento está previsto par o vindeiro 19 de novembro para PC, PlayStation 3 e Xbox 360.

As pobres vendas da entrega anterior, o Need for Speed: Most Wanted en PSVita e Wii U e a incompatibilidade desta última co motor gráfico Frostbite 3, son os principais motivos da ausencia nestas dúas plataformas da nova entrega da saga.

Por outra banda, Electronic Arts anunciou recentemente que chegou a un acordo de colaboración como asesor consultivo co piloto Ken Block (@kblock43), coñecido máis polos seus vídeos de exhibición que polos seus éxitos deportivos.