Análise de Splinter Cell: Blacklist

Por: Martes, 3 de Setembro de 2013, 20:23 COMENTAR

Splinter Cell Blacklist 2

Cando Ubisoft aseguraba que con esta sexta entrega a saga Splinter Cell volvería ás orixes, o meu cerebro dividiuse en dous, unha parte alegrábase de satisfacción por este feito e a parte racional sabía que non ía ser así.

Deste xeito Blacklist volve a ter a Sam Fisher de protagonista, e ao mesmo tempo volve repetir estratexia e xogabilidade de Conviction, un excelente xogo pero que se achegaba máis á acción que á infiltración.
O que si volve aos inicios é o marco argumental, que nos sitúa nun conflito internacional no que un grupo de terroristas chamados “Os Enxeñeiros”, ameazan a seguridade dos Estados Unidos . Para solventar esta ameza contamos co mellor grupo antiterrorista, Fourth Echelon, no que obviamente está Sam Fisher.

O seu centro de mando sitúase nun avión que recorre diversos puntos do planeta para resolver este problema internacional e capturar aos “enxeñeiros”. Mais esta aeronave non é só un detalle argumental, senón que nos serve de interface para elexir a misión que queremos cumprir, adquirir novos accesorios e incluso mellorar o propio avión.
O que si sabe facer á perfección Blacklist é introducir o multixogador, sobre todo a pantalla partida que sempre quedaba un pouco “light” dentro da propia aventura, xa que dende a nosa interface poderemos observar as misións que podemos superar no modo online, en solitario ou a pantalla dividida.

Splinter Cell Blacklist 3

Como é obvio, as misións individuais son moito máis espectaculares e divertidas, mais as cooperativas serven como misións secundarias relacionadas coa propia historia, o que engade máis emoción para superalas con outro compañeiro.

Xa dentro do xogo atopámonos cun título moi similar á anterior entrega, como dixen , copiando xogabilidade. É certo que agora temos máis lugares nos que escondernos, mais a posibilidade de seleccionar a varios inimigos e eliminalos con só premer un botón resta bastante emoción a un xogo que de por si debería evitar isto.

Neste punto gustaríame que fagamos un exercicio de memoria, aqueles que xogastes a calquera dos tres primeiros títulos, recordades cantas veces sobreviviades se vos descubrían? Contadas veces. Porque o que valía era a infiltración, a misión de Sam Fisher era pasar desapercibido, era unha sombra, e se nos vían, a nosa morte era case segura.

Co longo dos anos isto foi cambiando e agora se nos descobren podemos correr a escondernos nun lugar escuro e agardar a que se lles pase o “medo”, e se non, poderemos saír victoriosos disparando como se de un xogo de acción puro se tratase, tanto é así, que por momentos controlaremos ao compañeiro de Sam, e a súa xogabilidade é exactamente a de un FPS.

Este feito son consciente de que gustará a moita xente, porque verdadeiramente a xogabilidade é moi boa, mais a balanza xira a favor da acción e declínase pola infiltración, algo que Splinter Cell non debería permitir.

Lonxe queda o de tirar botellas para facer ruídos, lonxe queda o de memorizar as rutas dos gardas, incluso lonxe queda o de disparar ás luces… agora avanzamos nun afán de aventureiro sen medo a nada sabendo que se nos descobren case sempre poderemos resolver o problema a tiro limpo.

Como seguidor da infiltración quero castigar este feito, castígalo até que Ubisoft de verdade volte ás orixes. Algo iluso pola miña parte.

Se falamos do apartado técnico, a pesar dalgún que outro erro sonoro, todo está a un nivel moi apto. É certo que graficamente tampouco chama demasiado a atención, pero non desentoa en absoluto co producto final, con boa cantidade de sombras, uns efectos de luz moi bos e escenarios bastante amplos e detallados, nos que case sempre temos varios camiños que elexir para chegar ao noso destino.
Polo tanto podemos asegurar que Ubisoft tiña moi claro o que quería facer, Conviction vendérase o suficientemente ben como para cambiar de estratexia, así, mellorando puntos como o multixogador e engadindo algunha que outra misión ao estilo clásico, é dicir, sen poder tocar a ninguén, para poder dicir que volvían ás orixes, xa tiña o produto desexado, un título divertido no que pasar unhas seis horas (se só realizamos as misións da aventura, xa que se realizamos as cooperativas o tempo duplícase) na que os amantes da infiltración pura e dura coma min terán unha pequena dose e os amantes da acción terá outra pequena dose.

Ubisoft quere ter contentos a todos, mais isto pode facelo? Está acertada Ubisoft nesta estratexia?

Personalmente paréceme que non, Splinter Cell naceu como unha saga para xogadores con paciencia, na que había que memorizar cada paso dos gardas para saír con éxito das misións, non podías ter ningún erro ou sería a fin. Agora temos un xogo correcto, pero que perde por completo a esencia da saga, supoño que aqueles que levades con esta saga dende os inicios me entenderedes, os que nunca a probaron, si, pode ser un xogo bo para vós.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=85|SON=81|XOGABILIDADE=90|DIVERSIÓN=83|DURACIÓN=81[/puntuacion]

Assassin-s-Creed-4-Black-Flag-Gets-Brand-New-Screenshots
Ubisoft ven de publicar un novo vídeo onde entrevistan a tres dos actores que puxeron a voz e movementos aos personaxes no xogo. Os actores Matt Ryan, Mark Bonnar e Ralph Ineson que interpretan a Edward Kenway (Protagonista do xogo), Blackbeard e Charles Vane, respectivamente, fálannos da personalidade e obxectivos dos seus personaxes en Assassin’s Creed IV: Black Flag

O lanzamento está previsto para o 1 de novembro para PlayStation 3, Wii-U e Xbox 360, mentres que as versións para PC, PlayStation 4 e Xbox One agárdase que sáia ao mercado pouco tempo despois.

rome-total-war-2
Onte, xusto un día antes do seu lanzamento, Sega publicou o tráiler de lanzamento do «Rome 2 Total War» coa seguinte nota oficial:

“Un período histórico incrible, a creación da primeira superpotencia mundial, o dominio dunha xente, a cultura e un estilo de vida que aínda perdura hoxe en día. Hai máis de 2.000 anos os romanos comezaron o camiño que culminaría coa creación dun imperio como nunca antes se vira e nunca se verá. Un tempo de gloriosas batallas e sanguentas derrotas, heróicos e despóticos homes e mulleres, familias que se romperon na procura da cidade eterna e o poder que representaba. Algúns alcanzaron ese premio, pero só fugazmente. Outros moitos fallaron. Ata onde irás por Roma?”

Este novo videoxogo, creado por The Creative Assembly sae hoxe mesmo á venda , así que se vos interesa, correde ata a tenda que teñades máis preto.

f1-2013
Codemasters publicou un novo vídeo do novo «F1 2013» para amosar un dos seus trazados clásicos, o circuíto de Xerez.

Aos mandos dun Ferrari F1-87/88C de 1988, o 10 veces campión dun GP, Gerhard Berger rememora os tempos nos que ese circuíto acollía o Gran Premio de España de Fórmula 1. O tamén ex-piloto Anthony Davidson, que axudou no apartado técnico durante a creación deste xogo, coméntanos como sacar o máximo rendemento do coche en cada curva do trazado andaluz.

O lanzamento está previsto para o vindeiro 4 de outubro para PC, PlayStation 3 e Xbox 360.

pes-2014
Adam Bhatti (@Adam_Bhatti), director da comunidade PES en Europa, explicou porqué a nova entrega non terá moitas das características habituais.

Por unha banda, o xogo non contará co efecto da choiva, segundo di, debido a problemas técnicos,

“A choiva non foi implementada no 2014 porque tivemos que reformular o xogo e comezar dende cero.”

“Mentres que implementar un simple efecto de choiva é viable, necesitamos pensar como afectará á xogabilidade. Isto inclúe que o céspede se volva esvaradío, o efecto do bote do balón e sobre a potencia dos xogadores do equipo”

“Imos tentar traballar máis este ano para ter estes elementos implementados para o 2015.”

En canto a ausencia dos principais estadios europeos e ningún español, culpou diso á agresiva estratexia de Electronic Arts firmando contratos de exclusividade con numerosos equipos, imposibilitando a inclusión dos seus estadios no PES.

“EA foi extremadamente agresiva firmando acordos con clubes e ligas este ano e é por iso que non podemos incluír os principais estadios europeos e ningún estadio español. A xente estaba preocupada cando anunciaron estes acordos de exclusividade cos equipos españois. Iso significa que nós non podemos incluír o seu estadio, entre outros.”

“Estas novas chegáronnos moi tarde, xerándonos un problema de tempo, xa que significaba que non tiñamos tempo para reconstruír outros estadios para reemprazalos. Por iso o PES 2014 soamente contará con 20 estadios.”

“Ademáis do tema das licenzas, o Editor de estadios foi eliminado. Isto, personalmente, é o maior golpe. Non podo falar moito, pero fixo que o equipo entendese máis que nunca o tema da adquisición de licenzas e estamos determinados a loitar nese sentido para o vindeiro ano. Se as cousas son elimidadas do modo edición por temas de licenzas cada ano, sería como eliminar a alma do PES e non debemos permitir que iso suceda.”

O lanzamento do PES 2014 está previsto para o vindeiro 20 de setembro para PC, PlayStation 3 e Xbox 360.

the-elder-scrolls-online
Como xa vos informamos hai un tempo, a compañía Bethesda está a traballar arreo no seu MMO «Elder Scrolls Online» que agarda ter listo para o seu lanzamento o ano que ven.

Este novo MMO requerirá dunha subscrición mensual para poder xogalo e estará dispoñible para Mac, PC, PlayStation 4 e Xbox One. É precisamente nestas dúas últimas onde se poderían atopar co recelo de moitos usuarios se, ademáis da cota mensual do MMO, teñen que pagar tamén a subscrición a PS Plus e Xbox Live, respectivamente. É por iso que a compañía está a negociar tanto con Sony como Microsoft para que os usuarios que soamente queiran xogar online ao «The Elder Scrolls Online», non se vexan obrigados a ter que pagar dúas cotas.

Sobre as negociacións con Microsoft, comentaron recentemente:

“Estivemos a falar con Microsoft do tema e vendo se é posible cambiar a súa mentalidade para aqueles usuarios que soamente queiran xogar a The Elder Scrolls Online e non queiran pagar unha subscrición a Xbox Live só para xogar a Elder Scrolls Online.”

“A resposta agora mesmo é que esa é a forma como funciona, pero somos conscientes e seguimos presionando, para ver se se pode facer algo.”

A situación é a mesma no caso da videoconsola de Sony, a pesares de que MMO’s como o DC Universe Online non requerirá unha subscrición a PlayStation Plus.

Polo de agora, descoñécese o prezo que terá a subscrición mensual do «The Elder Scrolls Online».

«Warface» confirmado para Xbox 360

Por: Xoves, 29 de Agosto de 2013, 10:00 COMENTAR

warface
Crytek confirmou que haberá unha versión do «Warface» para a videoconsola Xbox 360.

Aínda que este shooter en primeira persoa será un free-to-play, requerirá ter unha subscrición Gold en Xbox Live para poder xogalo.

Polo de agora está aberta a inscrición para a versión beta do xogo para PC na páxina oficial de Warface

Aínda se descoñecen as datas de lanzamento, pero agárdase que sexa a comezos de 2014.

xbox-one-gamescom-2013
Estas son as principais novidades que puidemos ver na conferencia que a compañía Microsoft presentou na GamesCom 2013:

Novas imaxes da interface de usuario da Xbox One.

Novas imaxes da interface de usuario da Xbox One e como poderá executar varias aplicacións ao mesmo tempo.

Os creadores independentes poderás autopublicar os seus xogos.

Agora os creadores de videoxogos poderán rexistrarse e publicar automáticamente os seus videoxogos na tenda dixital, co novo servizo “Desenvolvedores Independentes” (Independent Developers @ Xbox), sen ter que pagar ningunha cota, como sucedía ata agora.

«Fighter Within»

O novo título de loita de Ubisoft, exclusivo para Xbox One aproveitará a mellorada tecnoloxía de captura de movemento do novo Kinect, co que controlaremos ao noso perxonaxe cos nosos propios movementos.

«Fable Legends»

Nesta nova entrega para Xbox One, o noso heroe contará con outros tres compañeiros de viaxe cos que explorar Albión e completar misións. Unha parte interesante é que eses compañeiros poderán ser controlados por ata tres amigos a través da rede. Empregará o motor gráfico Unreal Engine 4, co que a calidade gráfica está asegurada.

«The Division»

Microsoft anunciou que a versión para Xbox One deste novo videoxogo terá contido exclusivo antes e despois do seu lanzamento, mais non deu maiores detalles sobre a natureza dese contido. Yves Guillemot anunciou que a data de lanzamento estará máis próxima ao final de 2014 que ao principio do mesmo, debido a unha posible mellor recepción por parte do mercado durante o Nadal. Así mesmo, tamén anunciaron o lanzamento dunha versión para PC, debido á enorme demanda por parte dos usuarios desta plataforma.

«FIFA 14»

Durante a conferencia, confirmaron que todos os usuarios que reserven a Xbox One en Europa, recibirán unha copia gratuita da nova entrega da saga futbolística de EA, o FIFA 14.

Ademáis, tamén anunciaron a exclusividade para Xbox One e Xbox 360 de FIFA 14 Ultimate Team Legends, co que poderemos elaborar o noso equipo ideal con estrelas actuais e xogadores míticos como Ruud Gullit, Dennis Bergkamp, Pelé, Patrick Vieira, Gary Lineker e Freddie Ljungberg.

«Call of Duty: Ghosts»

Tal como se puido ver na imaxe, haberá un pack de Xbox One e xogo. Ademáis tamén anunciaron que contará con servidores adicados para o modo multixogador. Activision confirmou a data de lanzamento para o vindeiro 5 de novembro para PC, PlayStation 3, WiiU e Xbox 360. Para a PlayStation 4 e Xbox One estará dispoñible na data de lanzamento das mesmas.
cod-ghosts(Imaxe por: TheDesertFoxOne)

«Ryse: Son of Rome»

A compañía Crytek presentou no seguinte vídeo o modo cooperativo multixogador coñecido como Gladiador, onde os xogadores deberán loitar conxuntamente contra as hordas inimigas. Tamén podemos apreciar a calidade gráfica do Coliseo romano na época do seu maior esplendor coas plataformas móbiles que empregaban para recrear as batallas das forzas romanas contra as hordas bárbaras.

«Plants vs. Zombies: Garden Warfare» e «Peggle 2»

Microsoft anunciou que os dous títulos da compañía PopCap serán lanzados en primeiro lugar para a Xbox One. A nova entrega de Plants vs. Zombies será compatible con SmartGlass e Kinect. Contará con modo multixogador de ata 24 xogadores e modo cooperativo con ata 4 xogadores.

«Killer Instinct»

A nova entrega deste videoxogo de loita será gratuito e contará cun único personaxe para xogar, Jago. Como na maioría dos F2P, haberá contido de pago e neste caso serán 5 personaxes no momento do lanzamento e outros dous tempo despois e custarán dende 4,99 € cada un. Tamén haberá dous packs de aforro: o Combo Breaker Pack, que contará cos 8 personaxes, por 19,99 € e a Ultra Edition, que ademáis do pack anterior, incluirá tamén accesorios e traxes para os personaxes, así como unha copia do xogo orixinal, todo por 39,99 €.

«Project Spark»

Este título de construcción tamén será gratuito e os usuarios xa poden rexistrarse para probar a versión beta dende finais deste outubro. Estará dispoñible para PC e Xbox 360, consola na que será compatible coa captura de movementos dos xogadores a través do Kinect.

«Cobalt»

Seguindo a súa relación co creador do exitoso Minecraft, o estudo Mojang lanzará unha versión do seu novo título de plataformas para Xbox 360 e Xbox One. Xa está dispoñible para probar unha versión alfa da versión para PC.

«Dead Rising 3»

Na entrega anterior podiamos crear novas armas mesturando diferentes obxectos. Iso non é nada… Ao máis puro estilo MacGyver ou O Equipo A, neste novo tráiler vemos como o protagonista crea un novo vehículo “aplasta-zombies”. Segundo confirmaron, o tamaño do mapa será meirande que os das dúas entregas anteriores xuntos.

«Forza Motorsport 5»

Microsoft publicou unha serie de novas capturas do xa habitual trazado Mazda Laguna Seca, onde tamén podemos ver que incluirán o último gañador das famosas 24 Horas de LeMans, o híbrido Audi R18 e-Tron. Unha das maiores novidades (e máis agardadas por moitos fans) é que por fin incluirán na saga o circuito de Spa-Francorchamps (onde por certo esta mesma fin de semana se disputa o GP de Fórmula 1 de Bélxica), mítico trazado e as súas non menos míticas curvas de Eau Rouge” ou a chicane da “Parada do Autobús”, entre outras.
forza-5-audi-r18-etron

«Kinect Sports Rivals»

Os deseñadores de Rare fálannos do proceso de creación do novo videoxogos e as incribles melloras, grazas, sobre todo, á maior sensibilidade do novo Kinect, que lles permite capturar mellor os movementos de todo o corpo, incluíndo os movementos dos dedos e expresións faciais.

gtav
A compañía RockStar publicou na súa páxina web unhas animacións onde podemos ver con detalle tres novos modelos deportivos que atoparemos no novo «Grand Theft Auto V».

Como adoita acontecer na maioría de entregas desta saga, os coches teñen unha enorme similitude con modelos da vida real, pero por cuestións de dereitos, están modificados o xusto para evitar problemas legais. Así, atopámonos co Benefactor Feltzer(que lembre moito a certo Mercedes), o Obey Tailgater (moi similar a un modelo de Audi) e o Coil Voltic (alguén dixo Lotus Exige?).

Podedes botarlle un vistazo na páxina de RockStar Games.

thief
A compañía Square Enix acaba de confirmar a data do 28 de febreiro de 2014 para o lanzamento de «Thief», cuarta entrega da saga creada en 1998.

Aproveitando o anuncio, a compañía tamén publicou un novo tráiler e como serán as diferentes apariencias das caixas en cada plataforma:

O videoxogo estará dispoñible para PC, PlayStation 3, PlayStation 4, Xbox 360 e Xbox One.

f1-2013
A compañía Codemasters ven de publicar unha lista co contido clásico do «F1 2013». Ademáis de todos os circuítos, escuderías e pilotos desta tempada 2013, o xogo contará tamén con algún dos máis lexendarios deste deporte.

Haberá dúas edicións do xogo, a normal, que incluirá grandes clásicos dos anos 80 e a edición clásica, que tamén incluirá clásicos dos anos 90.

Contido dos anos 80:

  • Circuíto de Xerez. Sede do antigo GP de España.
  • Brands Hatch. Sede do antigo GP de Gran Bretaña.
  • 1980 Williams FW07B. Pilotos: Alan Jones e Alain Prost.
  • 1986 Lotus 98T. Pilotos: Mario Andretti, Emerson Fittipaldi.
  • 1988 Ferrari F1-87/88C. Pilotos: Gerhard Berger, Michael Schumacher.
  • 1988 Lotus 100T. Pilotos: Satoru Nakajima, Mika Hakkinen.
  • 1988 Williams FW12 Pilotos: Nigel Mansell, Damon Hill.

Contido dos anos 90:

  • Circuíto de Imola. Sede do antigo GP de San Marino.
  • Circuíto de Estoril. Sede do antigo GP de Portugal.
  • 1992 Ferrari F92 A Pilotos: Jean Alesi (e outro piloto sen confirmar).
  • 1992 Williams FW14B Pilotos: Nigel Mansell, David Coulthard.
  • 1996 Ferrari F310 Pilotos: Michael Schumacher, Gerhard Berger.
  • 1996 Williams FW18 Pilotos: Damon Hill. Jacques Villeneuve.
  • 1999 Ferrari F399 Pilotos: Eddie Irvine, Jody Scheckter.
  • 1999 Williams FW21 Pilotos: Alain Prost (e outro piloto sen confirmar).

Como podemos ver, non coinciden exactamente os pilotos oficiais cos do ano dos coches, pero todos son pilotos lexendarios que fixeron historia no mundo da Fórmula 1.

O lanzamento está previsto para o 4 de outubro en PC, PlayStation 3 e Xbox 360.

games-for-windows-live
A tenda online de xogos para PC de Microsoft, «Games for Windows Live» pechará dentro de aproximádamente unha semana.

A compañía publicou unha serie de «Preguntas e Respostas» na súa páxina web, para aclarar as posibles dúbidas dos usuarios afectados.

Como parte da recente actualización do sistema da Xbox 360, os Microsoft Points serán retirados e a tenda para PC de Xbox.com será pechada o vindeiro 22 de agosto de 2013. Animámoste a gastar os teus Microsoft Points antes deste cambio. Aínda que non poderás mercar xogos novos, poderás seguir a desfrutar dos que mercaras anteriormente, descargándoos a través do programa cliente de Games for Windows, como habitualmente.

Preguntas frecuentes:

Que sucede cos xogos e contido descargado que xa merquei?

Podes seguir a desfrutar os xogos e contido descargable que mercaras anteriormente do teu catálogo descargándoo a través do programa cliente de Games for Windows. Aínda que a función para mercar novos xogos será deshabilitada, o servizo Games for Windows Live seguirá a funcionar normalmente.

Aínda podo mercar xogos en Games for Windows Live?

Non, a tenda para PC en Xbox.com deixará de vender videoxogos a partir do 22 de agosto de 2013. Para máis información sobre títulos de Games for Windows Live non publicados por Microsoft, por favor, ponte en contacto coa compañía publicadora do xogo.

Podo mercar contido descargable para os xogos de Games for Windows Live que xa posúo cando os Microsoft Points desaparezan?

A dispoñibilidade das compras dentro do xogo e outros contidos descargables dependerá de cada xogo en particular. Por favor, ponte en contacto coa compañía publicadora do título en cuestión para obter máis información.

Poderei mercar xogos de Games for Windows Live noutras tendas agora que os xogos de Games for Windows Live xa non van estar dispoñibles en Xbox.com

Os xogos de Games for Windows Live publicados por Microsoft xa non van estar dispoñibles noutras tendas. Para outros títulos, por favor, consulta directamente coa compañía publicadora.

Que lle sucederá aos Microsoft Points que aínda teño na miña conta? Podo gastalos?

Os Microsoft Points van ser retirados como parte da actualización do sistema de Xbox 360. A vindeira vez que realices unha compra ou introduzas o código dunha tarxeta de Microsoft Points na túa conta, engadiremos unha contía equivalente ou maior do valor equivalente dos Microsoft Points da túa conta. Entón poderás empregar a túa moeda local para mercar unha variedade de contidos de Xbox das túas tendas favoritas de Xbox e se posúes un dispositivo Windows Phone 8, contido da Windows Phone Store.

Nota: Se non posúes unha Xbox 360, por favor ponte en contacto co noso Soporte técnico.

Onde podo atopar máis información sobre a retirada dos Microsoft Points?

Para máis información, por favor visita a páxina da transición das contas Microsoft á moeda local.

Así que tranquilos, se vos asustáchedes ao ler o título da nova: poderedes seguir a desfrutar dos xogos que xa mercárades, aínda que non poderedes mercar xogos novos. Se aínda tedes na vosa conta Microsoft Points ide vendo o catálogo de xogos e apurádevos a gastalos, antes do 22 de agosto.