Os 200cc chegan ao Mario Kart 8

Por: Xoves, 16 de Abril de 2015, 16:11 COMENTAR

mario-kart-8Nintendo ven de anunciar que a saga Mario Kart contará, por primeira vez, cunha nova dificultadade, os 200 centímetros cúbicos. Dende que o Super Mario Kart saiu no ano 1992 para a Super Nintendo todos os xogos da saga contaron con 3 modos (se non contamos o modo espello que apareceu por primeira vez no Mario Kart 64): 50cc, 100cc e 150cc.

Os 200cc será un novo modo para o Mario Kart 8 de Wii U. Este modo é un punto máis de dificultade que fará que as carreiras sexan máis vertixinosas, e seica teremos que frear para non saires da pista, aínda que algúns consideramos que frear nun Mario Kart é un sacrilexio. Tocará logo aprender a como conducir o kart, como xirar e como derrapar a tanta velociade para ser competitivo no online, onde tamén poderemos desfrutar desta cilindrada.

Para disfrutar desta nova difictualde teremos que agardar até o 23 de abril que estará dispoñíbel nunha actualización gratuita que poderemos desfrutar os posuidores dunha Wii U.

No seguinte vídeo podemos comparar os 150cc co novo 200cc na pista Cala Delfín.

Mortal Kombat X

Non foi sen tempo a chegada do Mortal Kombat X ás nosas casas. A veterana saga de loita entra na nova xeración con moi boas sensacións entre os fans e os non iniciados. Contando con numerosas entregas na súa historia, a serie creada por Ed Boon e John Tobias en 1992 chega con xa 23 anos nas súas costas e segue a mover moreas de xente ás tendas con cada novo xogo que sae á luz.

Tradicionalmente, o feito que fai resaltar MK por enriba doutras sagas do mesmo xénero é os FATALITIES, unhas accións predefinidas e de corte moi sanguento que serven para executar ó inimigo e dar por rematada unha loita.

Coma sempre, para os que aínda non podemos desfrutar do xogo completo, temos a moita xente recompilando todos estes Fatalities en video para que poidamos ateigar a nosa curiosidade. Sen más, vos deixo cunha destas recompilacións e recomendovos coma sempre facervos con el en canto poidades.

Podes comprobar os prezos nas distintas plataformas en Otogami

Moitas novas de The Witcher 3

Por: Luns, 13 de Abril de 2015, 12:00 COMENTAR

Nos últimos días aqueles que agardamos a saída de The Witcher 3, prevista para o vindeiro 19 de maio, recibimos unha grande cantidade de novas moi interesantes sobre o xogo.

Comezaremos cun novo vídeo, no cal podemos ver, por vez primeira, os minutos iniciais do título, máis concretamente o primeiro cuarto de hora:

Outras novas destacadas veñen da man de Damien Monner, un dos deseñadores do xogo, que deixou varias cousas salientábeis nunha entrevista feita a través do seu Twitter. Falou acerca da lonxitude do título, que fixou en máis de 200 horas para completar a 100%. Esta cifra é un incremento moi grande sobre o que os mesmos desenvolvedores dixeran en 2013, cando a duración estimada era de 100 horas e o número de finais diferentes 36. Tamén falou sobre o deseño do sistema de combate, do que declarou que está moi influenciado polo de Dark Souls. Para concluír coas novas que deixou, unha das máis interesantes foi acerca do nivel gráfico das diferentes versións, xa que afirmou que a versión de Xbox One é gráficamente superior á configuración mínima da versión de PC. Da versión de PS4 non falou máis que para afirmar que os xogadores desa plataforma non tiñan que preocuparse polo xogo e o seu aspecto ante a falta de imaxes e comentarios, falta de datos que dalgúns lugares xustifican con que o estudo teña un suposto contrato de exclusividade con Microsoft para a publicación de novas.

A duración estimada por riba das 200 horas para completar a 100% pode encaixar perfectamente con outras das novas que foron publicadas nestes días tolos para o xogo, nas cales aseguraban que os betatesters de CD Projekt Red foran quen de acabar a historia principal do xogo en 25 horas, empregando as mellores rutas posíbeis.

witcher3_2

Mais as novas acerca da lonxitude que terá o xogo non terminan aquí, xa que tamén foron anunciadas 2 expansións alén dos 16 DLC gratuítos que xa foran anunciados. A primeira delas chegará en outubro dese mesmo ano e levará o nome Hearts of Stone, terá unha lonxitude de 10 horas e situará o xogador nunha nova aventura encargada por un home chamado O home de cristal. A segunda destas expansións chegará no primeiro trimestre do 2016 e levará o xogador a unha rexión non visitada nos xogos anteriores chamada Toussaint, cunha lonxitude de 20 horas. Os custos destas expansións non foron publicados.

Tamén tivemos acceso por vez primeira ao mapa completo do xogo, a través dunha imaxe na cal se poden ver todas as rexións que comporán a terceira entrega da saga. Rexións acerca das que un dos guionistas do xogo, Jakub Szamalek, declarou que nesta entrega introduciran 5 illas grandes xunto a outras 5 máis pequenas que poden ser exploradas polo xogador, tanto por terra coma por mar, sexa empregando barcos ou directamente somerxéndose nas augas que as rodean.

witcher3 map

O estudo tamén fixo declaracións acerca dunha das habilidades de Geralt, como é a posibilidade de facer que o tempo vaia máis devagar cando se desexe atacar os enemigos do cabalo en que imos montados. O estudo xustifica que o tempo pase máis lento debido á velocidade de desprazamento nesa situación, que fai que, se o tempo continua a unha velocidade normal, sexa moito máis complicado poder atinar nos obxectivos.

Concluímos con outro vídeo, que neste caso fala das características do xogo.

«No 1º de abril van os burros onde non deben ir»

Este artigo foi unha piada do Día dos Enganos. Todo o que di é inventado. Nin a suposta entrevista nin a nota de prensa existiron realmente.

Os anxos de Kojima

Estas son as novas que están a resoar por toda a internet neste día un de abril. Posto que nunha nota de prensa e nunha entrevista na televisión, o propio Hideo Kojima expresou a vontade do estudio de realizar un xogo que trate o lado escuro das políticas que nos últimos anos nos deixaron un bo número de escándalos en todos os países do mundo e, e de modo destacado en España. Seguiamos sen saber cara onde se dirixía o estudio despois das novas que se daban semanas atrás da súa marcha de Konami e estas declaracións foron toda unha bomba nos medios. Este xogo percorrerá unha serie de elementos que xa temos visto nos telexornais unidos a certos elementos máis propios do cinema como asasinatos encubertos, atentados simulados ou actividades propias dunha película de espías.

Cabeceira da publicación nos medios xaponeses

Cabeceira da publicación nos medios xaponeses

En palabras de Kojima para NHK (Nippon Hoso Kyokai, cadea de noticias xaponesa), que traducimos para vos:

“As novas que están a xurdir ao longo do mundo nesta época de crise sobre actividades ilícitas por parte de persoas con cargos públicos resultan moi chocantes. No Xapón serían motivo de dimisión e repudio social, pero noutros países estanse a realizar de forma case impune. Estamos a velo nos Estados Unidos ou en países europeos, moi digno de sinalar paréceme o caso de España no que se está a ver unha vaga destes caso que parece non ter fin. Chamoume a atención o caso Pokémon porque fixeron uso do nome dun videoxogo e a partir disto comecei a fixarme nesta operación para escribir o guión da nosa próxima produción.”

Kojima na súa entrevista na canle NHK

Kojima e outro membro de Kojima Productions na súa entrevista na canle NHK

Parece que o mal momento político que atravesa Galicia foi o gomo que comezou a xerminar na súa mente para idear o próximo título. Aínda non se ten coñecemento de quen será o publisher, se seguirá de mans de Konami ou farán unha distribución independente, nin sequera temos data de saída, pero fálase do Nadal de 2016.

Non esperedes ver a Baltar ou Conde Roa na súa versión 3D, pero segundo Kojima moitas das novas que vemos neste caso terán o seu reflexo na historia. Seguiremos atentos ás novas que nos cheguen sobre este novo proxecto.

Fonte: Entrevista orixinal na NHK (Xaponés)

Recrean o Super Mario 64 en HD para PC

Por: Mércores, 1 de Abril de 2015, 14:22 COMENTAR

supermario64HD

Quen necesita emuladores? Roystan Ross non, certamente. Este desenvolvedor de videoxogos tivo a idea de refacer a primeira fase do Super Mario 64 co motor de xogo Unity, mellorando os gráficos e prescindindo dalgúns detalles pequenos (como gorras ou moedas vermellas).

O xogo está dispoñíbel para Windows, Linux, Mac e navegador no blogue de Roystan Ross. E aínda que anunciou que non continuaría a desenvolver o xogo completo, puxo o código fonte ao dispor doutros desenvolvedores, no caso de que alguén queira amplialo ou completalo a partir do punto en que o deixou.

Ligazóns:

No pasado Game Awards, Nintendo anunciou que o novo videoxogo da saga The Legend of Zelda para a súa consola de sobremesa sairía a finais do 2015. Pero agora Nintendo vén de publicar nas súas redes sociais un video de Eiji Anouma, produtor de The Legend of Zelda para a Wii U, en que explica que xa non é unha prioridade que o xogo saia no 2015, a súa prioridade agora é rematar un bo xogo, polo que é probábel que saia no 2016.

Anouma explica que están a facer un xogo cunha liberdade de exploración sen precedentes nun xogo da saga, o que fai que pensen en novas posibilidades que non tiñan contempladas desde un comezo. O produtor cre que o xogo ten un potencial enorme que mesmo excede as súas propias expectativas e queren facelo o mellor posíbel, polo que a data de lanzamento xa non é unha prioridade. A nova prioridade é facer un xogo completo.

Aos fans da saga seguro que non llesimporta demasiado o atraso e son quen de agardar polo xogo, se é para que estea ben rematado con todo o que Eiji Anouma promete.

A sobre explotación dunha saga, nótase ao longo dos anos

A sobre explotación dunha saga, nótase ao longo dos anos

SuperData, unha empresa de analistas deste mundo é quen lanza a nova á rede, asegurando que será un ano de grandes estreas sobre franquías ben coñecidas, como son Resident Evil e Call of Duty.

No caso de Black Ops 3, avanzan que será a finais deste ano cando a nova entrega desta rendíbel saga de disparos chegará ás tendas, mentres que no caso de Resident Evil, non se aventuran a especificar unha data.

De todos os xeitos, simplemente falamos de especulación, xa que non hai confirmación ningunha por parte de Activision nin Capcom, mais non é un aliciente máis para volvernos preguntar o de sempre.

Está xustificada esta sobreexplotación de títulos?

Que caducidade ten unha saga en que a orixinalidade se esgotou fai anos (nos dous casos), mais que o nome continúa a resoar con suficiente forza na cabeza dos xogadores, que seguen dándolle oportunidades perdidas?

Entendo que arriscarse con novas IPs pode resultar fatídico para unha desenvolvedora, mais, canto están dispostos a aguantar os consumidores de videoxogos a manter viva unha saga?

gamers-no-Youtube

A pesar de que o Youtube conta cun servizo de emisións ao vivo desde hai anos, o chamado Youtube Live, parece que nunca deu callado. Está activo, hai algunhas retransmisións de todos os tipos nel, mais está oculto nun segundo plano dentro do portal de vídeos. Entón, vendo o auxe dos eSports e o streaming de partidas, hai un ano a Google tentou facerse coa líder no mercado, Twitch, que por desgraza para eles foi finalmente comprada por Amazon. Significaba isto que a Google ía abandonar este apetitoso mercado? Non ho!

En Memoria Pixelada: «Steam xa permite retransmitir»
En Memoria Pixelada: «Open Broadcaster Software, gameplays para todos»

Segundo unha información do The Daily Dot, a Google estaría a prepararse para o relanzamento do Youtube Live, totalmente renovado e reformulado para ser unha alternativa ao Twitch. “Os videoxogos e os eSports en particular serán as grandes forzas que van conducir este novo YouTube Live”, declarou unha fonte ao The Daily Dot. “Non será fácil para o YouTube alcanzar o Twitch no referido ás transmisións de videoxogos, mais ter alternativa e concorrencia é sempre algo bo para o público”. E cando será mostrado? Pois suxiren que no E3 deste ano, que decorrerá os días 16, 17 e 18 de xuño. Teremos que esperar para ver.

Canal de Memoria Pixelada no Twitch
Canal de Memoria Pixelada no Youtube

Nintendo-DeNA-Iwata

Hai uns días anunciabamos que a Nintendo daría o salto aos móbiles da man de DeNA. Pois ben, nunha recente entrevista para a revista Time, Satoru Iwata, actual presidente da compañía, dá máis información acerca de como vai ser.

En Memoria Pixelada: «Nintendo dá o salto ao móbil e anuncia nova consola»

En primeiro lugar, Iwata aclara que «imos desenvolver software completamente novo que cadre perfectamente co estilo de xogo e os mecanismos de control dos dispositivos intelixentes». Ou sexa, xogos específicos para móbiles, e nada de portaxes de xogos nin de botóns incómodos na pantalla táctil. Sobre se os xogos serán de pagamento ou free-to-play, declarou que «ara cada título, imos debater con DeNA e decidir o método de pagamento máis apropiado. Deste modo, ambas son opcións posíbeis, e se para máis sae algún novo invento nintendeiro, pois aínda mellor».

No tocante ao desenvolvemento dos xogos, será Nintendo quen leve o maior peso, deixando a DeNA a parte máis técnica de conectividade e adaptación ao mercado móbil. Porén, o grande xenio Miyamoto non estará envolvido nun comezo, xa que «a súa prioridade é o desenvolvemento de títulos de WiiU que verán a luz neste ano». Satoru tamén deu máis pistas do que parece que será o sucesor do desaparecido Club Nintendo, ao dicir que «Estamos a planear o comezo dun novo servizo de membros, o cal poderá ser usado en varios dispositivos, tales como as consolas da Nintendo, dispositivos intelixentes e computadores. Dará comezo en outono deste mesmo ano e será desenvolvido xunto con DeNA.» E que pasará entón co Nintendo ID? Será substituído por este novo servizo, ou convivirán ambos como co antigo clube? Pois «para máis detalles agarden a próximos anuncios».

En Memoria Pixelada: «O Club Nintendo bota o fecho»

Por último, tamén tivo unhas palabras acerca da nova consola, de nome en clave NX: «O motivo por que anunciei “NX”, que a propósito, non está directamente relacionada coa nosa alianza con DeNA, foi porque queria evitar enganos do tipo “Nintendo perdeu a paixón polas consolas propias”, e porque quería que a xente entendese que a Nintendo vai continuar co seu negocio de sistemas de xogo con máis paixón e motivación do que nunca. Síntoo, mais como dixen na conferencia de prensa, non podemos facer máis anuncios acerca da “NX” até o ano que vén».

Podería realmente Kojima abandonar Konami?

Por: Venres, 20 de Marzo de 2015, 14:00 COMENTAR

kojima 1

Levamos unhas horas bombardeados con novas que sitúan a Hideo Kojima fóra de Konami, unha vez este acabe cos seus compromisos coa compañía xaponesa. Calquera podería pensar que se trata dun ruxerruxe como outros tantos que se reproducen polas redes a diario e que non paga a pena dedicar máis atención, e pode que en parte sexa certo.

Mais é ben certo tamén que esta información percorreu practicamente a totalidade dos blogs de todos os países, moitos deles coñecidos porque acostuman dar sempre con este tipo de cousas. Certo é que nin eu nin ninguén do equipo de Memoria Pixelada ten a sorte de ter o señor Kojima nun grupo do Whatsapp nin queda con el aos sábados para xogar ao mus, polo que a nivel informativo pouco máis podemos achegar fóra da pura especulación.

Canto á miña opinión, non me sorprendería esta decisión. Sempre foi coñecido por constantes mudanzas de opinión, agora fago un novo Metal Gear, despois digo que quero dedicarme a outras cousas, un mes despois anuncio que hai unha nova edición en camiño e que non participo activamente nela, e un anaco despois digo que todo o equipo de desenvolvemento está formado por mancos e que paso a desenvolvelo case en solitario. Así é Kojima, coñecido ególatra e tirano, mais que por unha razón ou por outra, todo o que toca faise ouro, e non é algo que Konami estivese disposta a perder.

Os anxos de Kojima

Os mercenarios 4

Non foron unha nin dúas veces as que Kojima practicamente deixou entrever a sua saída de Konami e o certo é que nunca se acabou de cumprir. Será esta a definitiva?

As fontes dan por feita non só a súa marcha, senón tamén a doutros nomes importantes do equipo creativo, e mesmo achegan información que suxire que en Konami lles foi restrinxido o acceso ao correo, documentos internos e contactos, dada a inminencia desta situación. Alén disto apúntanse outros movementos, como a retirada da marca Kojima Productions de todas as producións propiedade de Konami, o que parece indicar que tanto Kojima como o seu equipo partirán durante este ano como un estudio independente.

Do que podedes estar seguros é que Kojima non é un home que se retire da imaxe pública sen máis e que, por certo, sen Kojima non imos quedar.

Nintendo DeNA

Era algo que se levaba rumoreando desde hai moito tempo e que tiñamos un pouco esquecido despois destes último meses de bo facer da compañía nipoa, ata que finalmente hoxe The Verge saltaba coa nova: Nintendo terá xogos en plataformas móbiles, aínda que con matices. Para comezar non será a propia Nintendo a que se ocupe de crear estes novos xogos coas súas, xa coñecidos por todos, personaxes, senón que a encargada será DeNA, unha coñecida empresa do sector, quen se fará cargo de traer á vida estas aventuras.

Outra das cousas que tamén nos quedou clara é que pese a dar este importante paso cara a diversificación de contidos, isto non significa que vaiamos ver ports de xogos para Wii ou Wii U nos nosos móbiles, nin moito menos. A idea desta alianza é facer as cousas ben e que os contidos que se creen para plataformas móbiles sexan pensados desde a concepción para estas, evitando así botóns que ocupan toda a pantalla e adaptacións que deixan moito que desexar fronte ao orixinal. Como dicía, esta acción trátase dunha alianza, xa que ambas empresas intercambian activos, facéndose Nintendo cun 10% de DeNA e esta cun 1,24% da empresa nipoa.

O certo é que se pensamos na última etapa da compañía non é complicado ver xogos que se adapten á perfección ás pantallas táctiles, se botamos a vista ao catálogo actual podemos ver varios títulos que poderían estar no nosos petos sen demasiado esforzo. Un grande exemplo disto pode ser Captain Toad que incluso a máis de un, salvando as distancias, nos lembra a algún coñecido xogo para móbiles. Veremos que nos depara esta nova etapa xunto DeNA que comezará a dar os seus froitos no outono.

Pero esta non foi a única nova que nos trouxo o día, ao parecer en Nintendo xa están a traballar nunha nova consola co nome en clave NX, unha nova máquina que ao parecer contará cun novo concepto de xogo, como foi no seu momento o control da Wii, e da que teremos máis detalles ao longo deste ano.

Rebaixas Ubisoft Steam

Para moitos, entre os cales me inclúo, a fin de semana xa chegou, ese momento en que poder xogar e probar todos os xogos que o traballo ou os estudos non nos deixaron desfrutar, e esta semana grazas ao Steam e Ubisoft ides ter moito que probar a bo prezo.

Entre o 12 e o 18 deste mes tedes no Steam todo o catálogo de Ubisoft cun prezo moi reducido e rebaixas que alcanzan ata os 75% en xogos e DLC’s. Xogos como a saga Assassin’s Creed, Far Cry ou Sprinter Cell sen nos esquecermos dos pequenos títulos como Valiant Hearts, Child of Light ou algunha sorpresa como foi no seu momento South Park: The Stick of Truth. Todo rebaixado e posto a vosa disposición para vos dar horas de diversión.

Se sodes dos indecisos, entre os descontos tamén se atopa un paquete con 8 títulos por 59,48€ e que vos pode dar unha boa idea do que significa Ubisoft no mundo dos videoxogos. A pasar boa finde!