GTA: San Andreas xa está dispoñíbel para IOS

Por: Xoves, 12 de Decembro de 2013, 15:19 COMENTAR

GTA-San-Andreas

Aquelas persoas que teñan un dispositivo iOS (os de máis potencia) xa teñen á súa disposición a un prezo de 5,99 euros o GTA: San Andreas, para moitos (incluído eu) o mellor Grand Theft Auto até a data.

O xogo ocupa un total de 1,63 gigas, nos cales atoparemos unhas setenta horas de diversión, con gráficos remasterizados e tres sistemas de control diferentes, incluído a compatibilidade para empregar mandos físicos.

Polo de momento só está dispoñíbel para iOS, mais xa está anunciado para Android, Windows Phone e Amazon Kindle, nalgún día do próximo mes.

broken-age
Neste novo xogo de aventuras, Wood porá a voz a Shay, un dos protagonistas.

Segundo confirmou Tim Schafer esta fin de semana, o actor Elijah Wood (@woodelijah), coñecido principalmente por interpretar a Frodo nos filmes da saga «O Señor dos Aneis», ven de unirse ao reparto de actores que porán a súa voz no novo proxecto do estudo Double Fine: o «Broken Age».

Recentemente tamén confirmaron o personaxe de Curtis, o leñador será interpretado polo actor Wil Wheaton (@wilw), coñecido por interpretar o papel de Wesley Crusher na serie «Star Trek: A nova xeración» ou máis recentemente interpretándose a si mesmo como o inimigo mortal do Dr. Sheldon Cooper na serie «The Big Bang Theory».

Para os que non coñezades este videoxogo, anteriormente coñecido baixo o nome «Double Fine Adventure», en marzo de 2012 conseguíu recadar algo máis de 3,3 millóns de dólares na súa campaña na web Kickstarter.com.

Máis información na páxina oficial.

ridge-racer-slipstream
Tal como anunciou Namco Bandai, unha nova entrega de Ridge Racer chegará este mesmo mes de decembro ao dispositivos iOS e Android.

Cun novo motor gráfico deseñado específicamente para plataformas móbiles, incluirá un total de 10 circuítos (20 en total ao poder correlos nos dous sentidos), 12 coches totalmente personalizables, modo arcade e carreira con máis de 100 eventos diferentes.

No momento do lanzamento non contará cun modo multixogador, pero prometen incluílo nunha próxima actualización, ademáis doutros “contidos adicionais”.

GTA-San-Andreas

GTA: San Andreas, para min o mellor GTA até a data (si, si, por enriba desta quinta entrega) chegará a dispositivos móbiles o mes que vén igual que xa o fixera Vice City.

Rockstar aínda non anuciou prezo desta nova versión, aínda que sairá para plataformas iOS, Android, Kindle e Windows Mobile e con melloras visuais (sombras máis dinámicas, mellores modelos de personaxes…) e cun control adaptado a estes dispositivos.

Cando consigan facer fronte ao problema da xogabilidade nestas plataformas, son títulos obrigados para calquera xogador habitual, e aínda que xa fai dúas xeracións atrás que se converteu nun imprescindíbel, aínda segue dando que falar.

«Bob the Bot», dispoñible para iOS

Por: Martes, 8 de Outubro de 2013, 15:00 COMENTAR

bob-the-bot
A compañía española New Villain estréase co lanzamento ao mercado deste novo shooter arcade que emprega a tecnoloxía do Unreal Engine para iOS.

O control é a través de dous joysticks na pantalla táctil: co da esquerda moveremos o personaxe, mentres que co da dereita controlamos a dirección de disparo, ademáis doutros botóns co que poderemos saltar e empregar outras armas, como misiles ou minas.

Podedes baixar unha versión gratuíta de proba cuns poucos niveis e, se vos gusta, hai unha versión de pago por apenas 0,89 € na que contaredes con ata 350 melloras para o voso personaxe e moitos máis niveis.

Máis información na web de New Villain ou na AppStore.

Actualización 1.2 de Terraria

Por: Mércores, 2 de Outubro de 2013, 18:00 COMENTAR

terraria
Xa podedes descargar a agardada nova versión 1.2 do coñecido Terraria, na súa versión para PC en Steam. Polo de agora non hai ningunha nova sobre as versións para Android e iOS

Ademáis de arranxar certos erros das versións anteriores, esta nova actualización inclúe 1000 obxectos, 100 inimigos, 15 mascotas, 4 novos tipos de madeira e 4 novos xefes finais, entre outras cousas.

Podedes botarlle un ollo aos principais cambios desta nova versión neste documento.

Pois parece que Ubisoft non quere deixar de exprimir a súa actual galiña de ouro, pero isto non será pasarse un pouquiño?

O que días atrás fora un rumor, hoxe a desenvolvedora confirma que Assassin´s Creed: Liberation (o título exclusivo e PS Vita) chegará a PS3, Xbox 360 e PC remasterizado en alta definición.

Segundo Ubisoft Sofia, os encargados deste “port” ás consolas maiores, non será unha simple revisión, senón que melloraron as mecánicas de combate, así como as animacións faciais e outras características xogábeis:

Revisamos as misións individualmente para ofrecer un maior rítmo e desafío. Traballamos moito no “frame rate”. O xogo irá fluído.

Polo de moemento non hai nin data, nin prezo.

O segundo título anunciado trae como nome de Assassin´s Creed: Pirates, un xogo para smartphones que aterrará no outono deste ano.

Pouco se sabe deste título, só que encarnaremos a un pirata sen moita experiencia que recorrerá os mares do Caribe en busca de tesouros. A continuación o vídeo.

En opinión persoal, nunca fun moi fan desta saga, mais incluso para aqueles fieles seguidores, non estaremos a ver demasiada sobresaturación de Assassin´s Creed?

plants-vs-zombies-2
Segundo anunciou a compañía PopCap, o seu novo videoxogos «Plants vs. Zombies 2» xa superou as descargas totais do seu predecesor, superando os 25 millóns de descargas. Todo un éxito, se temos en conta que chegou ao mercado o pasado 15 de agosto.

Pero este logro tamén ten o seu truco: o novo «Plants vs. Zombies 2» adoptou o modelo free-to-play, tan de moda últimamente, mentres que o orixinal había que pagar pola descarga da aplicación.

layton-7-artwork-1

Level 5 acaba de anunciar nun pequeno evento realizado por eles que están traballando nunha nova entrega do Profesor Layton que se vai titular Layton 7.

Non só o nome chama a atención deste novo título, senón que o xogo será lanzado para 3DS e para plataformas IOS e Android.

E non, non rematan aquí as sorpresas, porque as imaxes amosadas pola propia compañía desvélannos un xogo moi diferente ao que temos visto nos títulos anteriores.

O novo xogo foi resumido como:

Un xogo de puzles no que es un personaxe e compites por puntos.

Despois desta sorprendente noticia só temos que agardar novos datos e facernos a seguinte pregunta, sentaralle ben á saga semellante cambio?

layton-7-screens-1

Anunciado o «Angry Birds Star Wars 2»

Por: Luns, 15 de Xullo de 2013, 22:00 COMENTAR

angry-birds-star-wars-2
Rovio e Lucasfilm anunciaron o lanzamento do Angry Birds Star Wars 2 para dispositivos iOS.

Esta nova entrega contará con máis de 30 personaxes das películas da saga Star Wars e, por primeira vez, permitirá aos xogadores unirse ao bando contrario e unirse “ao lado porco”.

Está previsto que o xogo esté dispoñible na App Store o vindeiro 19 de setembro.

deus-ex-the-fall
Square Enix acaba de lanzar o videoxogo «Deus Ex: The Fall» para dispositivos móbiles e non tardou en aparecer pola rede a tan curiosa coma controvertida medida anti-piratería que incorporaron para os dispositivos con “jailbreak”: os usuarios cando intentan disparar por primeira vez, aparécelles unha mensaxe de advertencia: “Sentímolo, pero non podes disparar en dispositivos con jailbreak”.

Evidentemente esta medida vai contra os usuarios que descarguen o xogo de balde dende páxinas pirata. O problema é que tamén funciona coa xente que o mercou legalmente na AppStore oficial.

A polémica non tardou en chegar á rede en páxinas como Reddit, onde os usuarios mostran o seu enorme descontento, pois, aparte de que o “jailbreak” é totalmente legal, os usuarios poden mercar o xogo por 5,99 €, sen recibir notificación ningunha desta limitación.

Polo de agora, dende a compañía aínda non se pronunciaron ao respecto.

Sonic the Hedgehog para Android e iOS

Como xa anunciaban os nosos compañeiros de Código Cero, SEGA acaba de publicar o xogo de Sonic primixenio para móbiles. E por unha vez os de SEGA fixeron as cousas ben, cunha versión mellorada, e non as emulacións trapalleiras ás que estamos afeitos (o Sonic Classics Collection da DS aínda me provoca náuseas…). Así, teremos a primeira aventura do ourizo a 60 fps, formato panorámico, e con interesantes engadidos como usar a Tails ou a Knuckles. Todo isto por 2,81€ na Google Play Store e na App Store.

E as novidades móbiles non acaban aquí, senón que xa hai rumores de que están a preparar algo semellando para o Sonic the Hedgehog 2. E sumade a isto a versión mellorada do Sonic CD, que está dispoñíbel desde hai tempo por 2,80€ (Google Play, App Store). Sen dúbida, non habedes de encontrar forma mellor de rexogar estes clásicos… a non sei que teñades unha Mega Drive, claro. Todos os xogos lucen máis bonitos se se xogan na súa plataforma orixinal.

SEGA e Nintendo, do odio ao amor hai só un paso

Atrás fican os tempos de rivalidade entre segueiros e nintendeiros. Os tempos do “Genesis does what Nintendon’t”. Tempos de loitas encarnizadas entre quen defendía a supremacía do ourizo azul e quen vivía enganado pensando que un fontaneiro italiano podía ser mellor. Todo iso xa pasou. Hoxe en día Nintendo e SEGA camiñan de mans dadas pola rúa mentres ollan un para o outro con cariña romántica.

Aonde quero chegar? Pois a que SEGA e Nintendo asinaron unha colaboración pola cal sairán 3 xogos exclusivos de Sonic para as consolas de Nintendo. Isto significa que haberá 3 novos xogos do ourizo para a Wii U e/ou a 3DS que non sairán en ningunha outra plataforma.

Deses 3 xogos exclusivos de Nintendo sabemos o seguinte:

  • Dun deles non se falou nada, non se sabe que é o que estarán a argallar.
  • Outro deles, presentado no Nintendo Direct do 17 de maio, será un novo Mario & Sonic nos Xogos Olímpicos de Inverno para a Wii U. Non moita cousa…
  • E o terceiro deles será o Sonic Lost World, do que imos falar no seguinte apartado.

Sonic Lost World

Antonte no web TSSZ filtraban a nova de que SEGA rexistrara o dominio www.soniclostworld.com. E onte mesmo a propia SEGA, desde a súa páxina do Facebook, publicaba o seguinte:

Sonic.Lost.World

No Nintendo Direct que mencionamos antes, o mestre Satoru Iwata dixo que sería un “xogo de acción, plataformas e aventuras exclusivo para Wii U e 3DS” e que teríamos máis información acerca del no E3. Que podemos agardar del, un xogo bo ou un fiasco?

Continuaremos a informar.