A resolución de puzles é sinxela, pero orixinal

A resolución de puzles é sinxela, pero orixinal

Un dos grandes problemas co que se atoparon os desenvolvedores de videoxogos dende sempre foi encontrar a correcta maneira de transmitir a historia que queremos contar, envolver o xogador na propia aventura. Non só que siga o fío argumental, senón que se sinta parte dela.

Pois ben, Ubisoft Montpellier crea unha novela gráfica baixo o nome de Valiant Hearts: The Great War, que non só consegue contarnos unha historia verdadeiramente fermosa (dentro do que é unha Guerra Mundial) senón que nos agasalla cunha clase de historia interactiva que nos implica, aínda máis, a meternos na pel dos protagonistas.

Como xa adiantaba antes, Valiant Hearts é unha aventura gráfica na que nos narra a historia de varios protagonistas na Primeira Guerra Mundial, que verán como os seus camiños se cruzan ao longo de catro longos capítulos. Todo baixo unha interface de cómic interactivo dunha beleza enorme, que vos vai facer quedar observando os escenarios unha e outra vez grazas ao seu estilo propio.

Pero antes de falar do apartado audiovisual, pasemos a comentar un pouco o seu desenvolvemento. Se algo caracteriza as aventuras gráficas é a resolución de quebracabezas, a través da investigación de escenarios para recolectar obxectos que nos permitirá pasar á seguinte zona. E aquí debemos mencionar que, ao manexar a protagonistas diferentes, tamén teñen recursos e misións diferentes, aínda que controlando todos de maneira exacta.

Isto permite dar ordes a un can para que acceda a zonas que nós non podemos, empregar a forza (moi poucas veces), curar a aliados e mesmo pilotar un coche dende unha visión frontal nun pequeno minixogo de habilidade que vos fará desfrutar. E é que simplemente escoitar como nos lanzan bombas a ritmo da música (grandes temas clásicos que recoñeceredes enseguida) mentres vamos esquivando os perigos é… delicioso.

Atoparédesvos con pequenos minixogos de habilidade

Atoparédesvos con pequenos minixogos de habilidade

Pero aquí saco á luz o que para min é o grande erro de Valiant Heart: a dificultade. Porque sendo unha aventura gráfica, non nos supón absolutamente ningún desafío e avanzaremos sen ningún tipo de problemas nin trabas. A desenvolvedora francesa debeu arriscar algo máis neste apartado para ofrecer unha experiencia máis progresiva, porque mesmo certos minixogos de habilidade que nos propón a aventura podemos superalos á mínima.

A pesar disto, a duración é moi boa para un título deste calibre (9-10 horas). E aínda que a historia se divida en apenas catro capítulos, estes teñen múltiples subdivisións. Xa vos adianto que non é un xogo para pasar nunha tarde. E se engadimos que ao longo dos escenarios están escondidos sempre unha serie de obxectos, axúdanos a avanzar de maneira atenta e amodo.

Isto lévame falar a outro dos grandes acertos de Valiant Hearts, a clase de historia. Si, podemos falar de clase de historia, porque cada obxecto que topamos conta cunha descrición histórica sobre a súa relevancia na primeira Grande Guerra. E non só iso, senón que por cada fase que desbloqueemos (por non dicir que avancemos) ponse ao noso dispor unha serie de documentos que nos narran, de maneira breve pero efectiva, algunhas das pasaxes sufridas naquel conflito tan duro e estremecedor como real. E aínda que estes documentos son opcionais de ler, dende Memoria Pixelada vémolos case obrigatorios ao xogar este título, porque non só nos fai saber datos que ao mellor decoñeciamos, senón que esas historias están ligadas á historia que vivimos no propio xogo, polo que nos axuda aínda máis a meternos na historia. De verdade, sublime.

Recorrer todo o escenario, unha constante

Percorrer todo o escenario, unha constante

Agora tócame falar do apartado audiovisual, pero tendo en conta que Ubisoft Montpellier foron os encargados dos últimos Rayman, tampouco sorprende tanto que este apartado sexa sobresaliente. Graficamente é como ver un auténtico cómic en movemento, nin máis nin menos, con escenarios cheos de detalles (en certa maneira minimalista), pero quizais sexa isto o que lle da tanta personalidade a este apartado.

Alén disto, durante toda a historia non existen os diálogos, simplemente se nos indican as misións a través de imaxes, limitando os diálogos ao do narrador que nos introduce en cada capítulo de maneira perfecta.

E no referente a banda sonora, outro tanto do mesmo. Dependendo do capítulo podemos escoitar dende alegres cancións da época até grandes clásicos introducidos no títulos de maneira maxistral. Mención especial á música que escoitamos cando estamos a ler os documentos históricos, baseada simplemente nun piano que nos evoca a tristeza e desesperación do que supón un conflito así.

CONCLUSIÓN

Estamos ante un xogo sobresaliente en case todos os seus aspectos, que nos fai vivir unha historia fermosa chea de emoción, tensión e tristeza a través dun cómic interactivo, e que nos consegue somerxer de cheo nel grazas a maneira soberbia de nos contar unha historia.

Os subscritores a PSN Plus non teñen escusa este mes para non lle dar unha oportunidade a este título que parece que pasou desapercibido, xa que o poden descargar de maneira gratuíta.

Se lle perdoades a dificultade e vos gustan as aventuras gráficas, ou simplemente as aventuras fermosas, non o dubidedes e botádelle man.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=92|SON=88|XOGABILIDADE=93|DIVERSIÓN=95|DURACIÓN=83[/puntuacion]

Captura

A web de Humble Bundle sorprendeunos esta vez cun novo paquete de xogos no que como é costume xa, poderemos pagar o que queramos e destinalo a organización benéficas, ós desenroladores ou ó equipo de Humble Bundle. Neste caso teremos xogos da distribuidora Square Enix, neste caso principalmente procedentes de Eidos ou como se chama agora Square Enix Europe. Pasemos a facer un repaso dos xogos que poderemos conseguir.

Por calquera prezo obteremos dous xogos da saga Hitman e o Supreme Commander 2

Hitman: Absolution

Pouco que dicir desta saga que tan ben coñecemos, un xogo para os amantes da infiltración es os asasinatos encubertos.

Supreme Commander 2

Se cadra o que menos atraeme de todos os títulos, estratexia en tempo real futurista.

Hitman GO

Troco radical da saga hitman adaptada á plataforma android cun xogo de crebacabezas por turnos.

 

Pagando máis da media, temos, polo momento tres xogos altamente recomendábeis.

Thief

Totalmente recomendado, un xogo con tinguiduras de Assassins Creed e Skyrim, sen chegar á altura de ningún dos dous pero moi válido e cun numero de horas de xogo bastante aceptábel.

Murdered: Soul Suspect

Ácha a verdade sobre os acontecementos que están a ocorrer nunha actual Salem neste detectivesco thriller de misterio sobrenatural. Aínda non tiven ocasión de xogalo e sen dúbida está a pedir a berros que o merque.

Deus Ex: Human Revolution – Director’s Cut

Unha das xoias de Square Enix hai uns anos, un gran xogo e moi bó o detalle de que sea a versión “director’s cut”

E a promesa de que haberá máis proximamente.

 

E se pagamos máis de 15$ teremos:

Tomb Raider

O xogazo con maiusculas deste paquete, a volta de Lara Croft a primeira liña dos AAA. Se non o tedes, mercádeo agora mesmo.

Sleeping Dogs

Un sandbox de acción similar o GTA sobre un axente dobre da policía e as tríadas chinesas. En liñas xerais moi bo xogo, tiven a ocasión de xogalo no PSPlus de hai uns meses e quedei moi satisfeito con él.

 

A falta de que desvélense o resto dos xogos incluídos, é probablemente un dos mellores Humble Bundle que houbo e sen dúbida paga a pena mercalo. O contrapunto de que sexan todos títulos tan soados e que moitos de vos seguramente xa teñades unha presa deles nas vosas xogotecas. En calquera caso case calquera deles vale os 7$ que custa actualmente o prezo medio e pode ser unha boa compra se tedes curiosidade por probar ó resto.

Web de Humble Bundle

freemium1

Si carallo, ímos gastar 100 € no xogo dos Simpsons

 

Dise que un xogo é Freemium cando segue un modelo de monetización baseado en distribuír o xogo de forma gratuíta inicialmente pero que ben para completar a experiencia do xogo ou ben para obter vantaxes neste esíxense micropagos (ou non tan micro). Dentro desde modelo podemos ver diferentes formas de aplicalo, pero o mais habitual e o uso de determinado recurso no xogo que só pode obterse mediante pagos ou permitir ós xogadores mercar diferentes elementos como edificios para a nosa cidade ou equipación para o personaxe. De ahí o seu nome, de Free porque o xogo e gratis e Premium porque podemos mercar valor engadido.

Esta tendencia xurdiu hai uns anos, co crecemento do mercado móbil, as compañías de desenvolvemento de videoxogos déronse conta de que a xente non estaba tan disposta a pagar por xogos no móbil como para xogos en plataformas máis tradicionais. De modo que inicialmente fixéronse moi habituais as versións Lite dos xogos, basicamente demos que podías probar gratis antes de pagar a versión completa. Isto, sobre todo potenciado pola habilitación dos pagos in-app por parte de google, derivou no modelo freemium actual.

Candy Crush un dos xogos que mais beneficios obtivo neste modelo

Candy Crush un dos xogos que mais beneficios obtivo neste modelo

Dende que comezou a popularizarse, tivo moito éxito e ata chegou a dicirse que o 98% dos ingresos de Google play viñan desde tipo de ingresos. Podemos atopar todo tipo de xogos que o adoptaron, dende os xa clásicos crebacabezas como o Candy Crush, xogos de carreiras onde desbloqueas autos ou reduces tempos de espera, xogos de estratexia que permítenos pagar para evitar esperar pola construción de novos edificios e unidades, ou xogos de acción nos que podemos mercar armas e defensas.

Un bo modelo a priori que te permite xogar gratis e gastar o que ti queiras para mellorar a experiencia

O seu nacemento aplicado a servicios web tivo coma grandes valedores a google, Spotify, Dropbox. E isto supuxo unha revolución e pode que ata debamos estar moi agradecidos por que triunfaran. E sen dúbida o seu uso nos xogos fixo que definitivamente se popularizasen tanto en android coma en iOS e que este sexa un mercado con moitísimo futuro. Proporcionou grandes beneficios ós que souberon aproveitalo, Clash of clans, Candy Crush Saga ou Game of war gañaron nos últimos anos millóns de dólares só cas compras in-app. En moitos casos, que este modelo resultase tan produtivo fixo que moitos estudios de videoxogos que planeáran abandonar o mercado móbil volveran a el e que moitas outras compañías o veran como unha oportunidade para entrar nese mercado.

Pero ten consecuencias

As máis directas foron a caída das ventas nos xogos de maior prezo, que xa de por si eran baixas. Fixeron moito máis difícil para os desenvolvedores indies pór os seus produtos en venta a prezos razoábeis xa que fan que xogos do mesmo tipo aparezan como gratuítos (aínda que non o sexan realmente). E a estratexia de viralización que seguen absorbe ó mercado e evita que xogos sen esta participación social queden relegados nas listas de descarga. Por algunha razón a xente prefire estatisticamente xogar a un xogo incompleto, gastar 10 euros por extras e seguir a ter un xogo con limitacións que gastar 3, 4 ou 5 euros por un xogo rematado e completo que poderán desfrutar de principio a fin. Neste caso moitos optan por adaptar os seus xogos con esta mesma estratexia, aínda que non fora a idea inicial e a acaban publicando gratis, o cal fai que o fenómeno continúe.

freemium3

Google intentou dar algo de luz sobre este asunto, deixando de clasificar as aplicacións con pagos in-app como gratuítas, isto fixo que cando imos buscar unha aplicación sabemos que dentro dela pode haber necesidade de pagar. Soluciona este cambio o problema? Cabe pensar que non o fai realmente, o único que sabemos e que unha aplicación non é de todo gratis, pero isto pode ser porque é una versión máis curta que nos permite mercar a versión completa, porque podamos retirar a publicidade se a ten, para mercar engadidos para o xogo o se realmente estamos ante un pay2win (pagar por ganar, autodescritivo) que esixiranos pagar si ou si. Seguen parecendo mellor opción que as apps de pago e seguimos tendo que navegar pola gran cantidade de comentarios da xente para saber se ese xogo pode xogarse realmente ou imos ter que afrontar tempos de espera ou similares. Polo tanto este problema segue no aire

Prexuizo para o xogador

A non ser que busquemos un xogo para o descanso no trono de porcelana, ó normal e que se estamos a buscar un xogo, queremos xogar todo o tempo que podamos de forma continuada, se a nosa batería nolo permite. Resulta moi frustrante chegar a un xogo no que cada vez que facemos algo temos que esperar 8 horas, pero tal e como esta o mercado a min polo menos resúltame case imposíbel atopar un xogo de estratexia, e xa non digamos de citi-building, sen tempos de espera ou uso de créditos que podemos conseguir a cambio de moreas prohibitivas de cartos. E o peor disto e que, aínda que puxerámonos a gastar eses cartos e eliminásemos o tempo de espera, a dificultade do xogo desaparece. Atopámonos con xogos nos que a “dificultade” ven por esperar ou ben pagar, non en construír de determinado xeito ou en seguir unha estratexia, se pagas, desvanecese por completo o obxectivo do xogo (xa que realmente o obxectivo do xogo é que remates pagando).

Parte da culpa disto evidenciouna Elías na entrevista de hai uns días, no que dicía que as grandes empresas non se poden ou non se queren permitir innovar nin facer nada distinto sen a seguridade de que vai dar beneficios. Ao comezo do boom dos dispositivos móbiles algunhas compañías, non moitas aventuráronse a desenvolver os primeiros xogos, algunhas delas presentando xogos  sen moito coidado e de dubidosa calidade como EA ou similares, cando comprobaron que os beneficios non eran os esperados directamente comezaron a anunciar a súa retirada de este mercado, ata que chegaron os freemium, a oportunidade de ouro de monetizar ese tipo de xogos sen grandes aspiracións pero cun compoñente adictivo que funciona ben. Obviamente estou a falar de forma xenérica, sempre houbo honrosas excepcións e de novo foron os desenvolvedores indies os que intentaron presentar mecánicas novas e que seguen apostanto polos xogos completos a prezos reducidos. Aínda que moitos subíronse tamén o carro do fremium con maior ou menor sorte.

Monument Valley é un xogo cun prezo inferior a 4 euros e que tivo serios problemas coa piratería, así somos

Monument Valley é un xogo cun prezo inferior a 4 euros e que tivo serios problemas coa piratería, así somos

Asumamos a nosa culpa

Moitas veces falamos do mercado coma se fora algo autónomo ou externo a nós, coma se non influiramos nel, e está claro que hai moitas cousas que non compartimos todos os tipos de xogadores. Pero as tendencias do mercado non son mais que as nosas tendencias como clientes, somos nos os que vemos un xogo de uns poucos euros e o descartamos por outro xogo freemium, somos nos os que diriximos as tendencias das produtoras, xa que se non fora así non lles pagaría a pena este modelo.

Coma sempre este é un tema onde xorden moitas opinións afrontadas e pode que a miña sexa só unha delas, sen moita razón, pero así e como o vexo e así e como me sinto cando vexo isto no Google play:

 

Lista no google play de ranking por ingresos, isto é o mellor que hai?

Lista no google play de ranking por ingresos a día de hoxe, isto é o mellor que hai?

A pregunta é se estos xogos son realmente o mellor que podemos atopar nas tendas, e se e necesario que se tomen medidas para corrixir estas tendencias.

 

BeautifunGames

O día 28 de Xaneiro vivimos a saída dún dos xogos indie español con maior éxito dos últimos anos para a portátil de Sony, a PSVita cunha novidade que a min polo menos resultoume agradábel, xa que inclúe a tradución o Galego. Isto que debería darse mais a miúdo torna a ser un feito sorprendente e que esperamos que resulte, cando menos, tan ben como esperan en Beautifun Games. Para comentar isto e outras cousas do panorama indie temos a Elías Pereiras, un dos programadores da empresa que creou Nihilumbra.


 

Boas Elías, moitas grazas por compartir a túa experiencia con nós e parabéns por este lanzamento.

Cóntanos un pouco quen es, de onde ves e que pintas nesta loucura do desenrolo de videoxogos.

Téndome criado nunha pequena vila (A Estrada), e estudado Enxeñaría Informática nunha pequena cidade (Santiago de Compostela), no meu útilmo ano de carreira decidín ir a Barcelona a facer o meu Traballo de Fin de Grao. Comecei a entrar no mundo da computación gráfica e programación de videoxogos, aproveitando as opcións que me daba a Facultade de Informática de Barcelona que non tiña en Santiago. Tiña claro que ese mundo atraíame, co que entrei nun Máster en creación de videoxogos. Aínda que esperaba máis no apartado académico, coñecín xente coas miñas afinidades, e desenrolar un proxecto relativamente grande foi moi enriquecedor. Despois desto, e como non dou ficado quedo, comecei un proxecto persoal, que foi o que me serviu para entrar en Beautifun Games uns meses despois. Dende ese momento levo traballando na nova IP Megamagic.

IMG_20140711_075700_1

 

Unha das razóns de que esta entrevista sexa nun momento tan adecuado é a saída de Nihilumbra coa tradución ó galego para PSVita. Estaba nos plans inicialmente esta tradución e expandirase as versións do xogo noutras plataformas?

Sendo unha empresa catalana, sen vinculación con Galicia ata a miña chegada, non estaba planeada ningunha tradución máis das que xa tiña, e moito menos outras linguas nacionais. Ó pouco de chegar, e vendo que o xogo estaba traducido ó catalán, sinxelamente non me pareceu unha cuestión dubidable que debía estar tamén en galego. Así que adiquei un pouco do meu tempo persoal fóra da empresa para traducilo.

Hai outra nova plataforma que recibirá o seu port inminentemente

Integrouse rapidamente na versión na que se estaba traballando nese intre, a de Wii U. Non, non o busquedes aínda na eShop, porque aínda estando rematada fai varios meses, un bug aínda non solucionado do motor Unity evítanos poder publicar esta versión. Esta versión colleuse de base para facer o port de PS Vita, e por iso xa a leva, así como a última actualización da versión de iOS. Non podo dicir nada oficial, pero hai outra nova plataforma que recibirá o seu port inminentemente (HYPE).

Se tedes unha PS Vita e non xogastes a Nihilumbra, recomendaría esta versión antes que ningunha.

Que cres que pode aportar PSVita que non viramos con anterioridade en outras plataformas.

Cando probei Nihilumbra na PS Vita quedei abraiado do ben que se adapta ó control. Parece, sen selo, un xogo totalmente pensado para ela, simplemente, é natural. Se tedes unha PS Vita e non xogastes a Nihilumbra, recomendaría esta versión antes que ningunha.

nihilumbra820-re

Nihilumbra

 

Moitos consideran a PSVita coma un morto en vida e a maioría das empresas pásana por alto salvo o sector indie e o mercado asiático. Como ves ti a situación?

É certo que fai bastante tempo que non sae un bo xogo AAA para a Vita, pero persoalmente gústame moito como dispositivo. É unha pena que se esté desaproveitando desta maneira, pero aínda así, como ben dis, o sector indie non a olvida, e pode ser a plataforma ideal para certos títulos, co que eu non a ignoraría de ningunha forma.

Se alguén mostra interese por un produto na súa lingua, e o estudio ten a oportunidade de traducilo, non debería deixar de facelo.

A nivel persoal, que che parece a inclusión do galego nas localizacións de videoxogos?

Aínda que leve vivindo case 4 anos en Barcelona, nunca perderei a morriña por certas cousas do meu orixe, e unha delas é a lingua. Independentemente de que sexa galego, catalán, euskera ou tibetano, se alguén mostra interese por un produto na súa lingua, e o estudio ten a oportunidade de traducilo, non debería deixar de facelo, porque como digo, a lingua natal é algo que sempre nos toca a fibra.

É o mundo dos videoxogos como soñaras cando te formabas?

Dado que me fun introducindo pouco a pouco nel, non me tomou de sorpresa ningún cambio que non esperase. Tanto na parte dos coñecementos, como na organizativa, fun tomando contacto durante os anos de estudo, tanto cos contidos académicos, como coas opinións de profesionais do sector, polo que xa entrei sabendo o que había. De todas formas, se miro atrás e poñome na pel do eu de fai anos, posiblemente sorprenderíame a cantidade de distintos campos que se necesitan dominar, e a carga de traballo que supoñen incluso as tarefas máis básicas. Pero isto para nada me deprime, de feito motívame a nunca baixar a garda e valorar aínda máis ó que me dedico.

Que opinas do fenómeno indie, xa tan asentado no panorama actual da industria? Cres que é un medio necesario para a renovación desta ou ‘per se’ pode xa aportar una visión de seu que cambie o entorno?

O inicio do xénero indie é baixo o meu punto de vista o mellor que lle podería ter pasado á industria dos videoxogos.

O xénero indie foi simplemente algo que tiña que ocorrer, no momento que tiña que ocorrer. Tanto o público coma os desenroladores fixéronse pouco a pouco máis esixentes, e pedían cousas que as grandes compañías non podían ofrecer. Non se podían permitir arriscarse a algo novo dado que a súa única finalidade é maximizar beneficios. A resposta a isto foi o inicio do xénero indie, que é, baixo o meu punto de vista, o mellor que lle podería ter pasado á industria dos videoxogos. Grazas a isto, podemos desenrolar cousas nas que cremos, e non só cousas que nos impoñen, creando unha variedade inimaxinable fai uns anos, axudando a elevar os videoxogos ó concepto de arte. E alégrame inmensamente a aceptación destes títulos, que permite que proliferen os estudios, e se poñan cada vez menos trabas por parte de distribuidoras e compañías grandes.

A nova IP de Beautifun Games, Megamagic

A nova IP de Beautifun Games, Megamagic

Que tedes preparado para o futuro? Seca estades a preparar un novo xogo, Megamagic, que nos podes contar del?

Aínda que pareza que só estamos facendo ports de Nihilumbra, a realidade é que estamos preparando algo moito máis grande. Todo o estudio levamos bastante tempo traballando nun novo xogo, que se chamará Megamagic. É un proxecto moito máis ambicioso que Nihilumbra, máis grande, máis complexo e máis de todo, polo que o desenrolo cun equipo moi pouco maior que o que tivo Nihilumbra é bastante esixente, e temos que dalo todo para avanzar a bo ritmo, pero estou seguro que pagará a pena cando chegue o momento.

Sobre Megamagic podo dicir que se trata dunha harmoniosa mestura de Diablo, Command & Conquer, Pokemon, Streets of Rage, e Zelda. E ata aquí podo ler!

É certo que hai moi pouco material e información publicado, pero estamos a comezar un goteo na páxina de Facebook, e pronto ensinaremos cousas definitivas do xogo. En canto a como será… aínda é confidencial, teredes que esperar a que se faga un anunciamento oficial, pero o que podo dicir é que se trata dunha harmoniosa mestura de Diablo, Command & Conquer, Pokemon, Streets of Rage, e Zelda. E ata aquí podo ler!

Tamén sabemos que tiveches proxectos persoais anteriormente, podes falarnos deles? Tes algo no que estés a traballar agora?

Os meus proxectos anteriores non foron concebidos como produtos comerciais, se non como proxectos didácticos. De feito dous deles son os proxectos finais da carreira e do máster respectivamente. Son World Air Race (Ligazón á Play Store) e Playtime Stories (Páxina Oficial).

Rob_battle

Playtime Stories

 

O terceiro trátase dun proxecto persoal, no cal aproveitei o arte de Playtime Stories para facer un xogo completamente novo. Nel, desenrolei pola miña conta todas as partes do xogo. Repito que se tratou dun proxecto didáctico, no que tentei pórme a proba para seguir aprendendo a partir do final do máster. Aínda así, é un proxecto totalmente acabado e cerrado: Run for your Lunch na Play Store

Sobre se estou traballando en algo agora, o meu principal proxecto actual é Megamagic, pero non descarto nun futuro próximo sorprender con algo realizado en horario fóra do traballo, e desvinculado de Beautifun Games.

Moitas grazas Elías, foi un pracer contar contigo. Parece que queres deixarnos con moitas ganas de probar tódolos vosos xogos e de seguro que seguiremos preto os próximos pasos de ese novo título, Megamagic.


 

Para os que queiran continuar informándose sobre Beautifun Games podedes seguir o seu Facebook, Twitter ou a súa páxina oficial. E a Elías o podedes ver na súa conta de Twitter.

Colours, un xogo galego de habilidade

Por: Mércores, 21 de Xaneiro de 2015, 16:08 COMENTAR

Dende hai dous días, está dispoñible para descargar de balde Colours, un xogo para Android creado polo estudio galego AxouxereGames.

 

 

colours

 

Colours é un crebacabezas, e o obxectivo deste xogo é combinar as mesmas cores en combos de dous, tres ou catro cores iguais en tempo limitado para conseguir o máximo de puntos. Conta tamén cunha serie de ítems que darán vantaxe de tempo ou puntos, aínda que hai que ter coidado, xa que tamén poden producir o efecto contrario. 

Consta de dous modos: «acumulapuntos» que, como o seu nome indica, consiste en acadar o máximo número de puntos, e «apágao», no que haberá que conseguir o máximo número de puntos evitando que se apaguen as lámpadas. Mesmo dispón dun modo para daltónicos, aprobado pola Asociación de Daltónicos Non Anónimos (Asdna).

 

Velaquí tedes un gameplay que resume o explicado anteriormente:

Sonic terá un novo xogo

Por: Martes, 30 de Decembro de 2014, 10:00 COMENTAR

Sonic-Runners-Ann-Smartphone

Sega non quere que Sonic morra definitivamente e anunciou que o equipo de desenvolvemento orixinal dos mellores xogos do ourizo azul, o Sonic Team.

Este novo xogo, do que ainda non se publicaron imaxes, sairá para iOS e Android, terá o nome Sonic Runners, e prometéronse máis datos acerca del no vindeiro mes de Xaneiro.

Comeza o I Torneo ALSA de “Enumerados”

Por: Xoves, 18 de Decembro de 2014, 17:17 COMENTAR
enumerados

Enumerados é un xogo de intelixencia e axilidade mental, baseado en operacións matemáticas.

Se non o coñecedes, o Enumerados é un xogo gratuíto de operacións matemáticas para smartphones e tablets, que se pode descargar de balde para Android e iOS. Pois ben, está en marcha un torneo que finaliza nesta segunda feira, 22 de decembro de 2014, ás 23h59 (hora galega).

A inscrición ao torneo é tamén gratuíta, e haberá 5 persoas gañadoras diarias (as 5 persoas que estean no topo do ránking cada día) e unha gañadora final (a que estea primeira no ránking ao concluír o torneo). Como condición, para non abusar, unha mesma persoa non poderá obter máis dun premio diario.

Os premios? Pois as gañadoras diarias obterán como premio un billete de isa en buses ALSA (que oes, é algo), e a gañadora final recibirá un Cartón Club ALSA Plus con 7.500 puntos, ou o que é o mesmo, 150€ en viaxes de bus.

Como participar?

É un torneo aberto, sen código de acceso, no modo de partida Xpress (os movementos caducan ás 24 horas e as partidas compóñense de 4 quendas por xogadora). Para xogar é preciso ter a app do Enumerados (obviamente), ben para Android, ben para iOS. É preciso, iso si, ter instalada a última versión do xogo.

Unha vez no xogo, só é preciso premer na icona Torneos para facer a inscrición. A partir de aí considérase inscrita a calquera persoa que completase ao menos unha partida, sen se render el nin o rival. E aínda que o xogo permite escoller rivais, só contarán os rivais aleatorios. E non se poderán rexeitar partidas, ou será contabilizado como derrota!

As gañadoras irán sendo anunciadas a través do seu Twitter (@enumerados) e do seu Facebook (facebook.com/MasEnumerados).

As primeiras imaxes do que será o xogo de “Padre de Familia” para Android e iOS, vanlle soar familiares a máis de un, porque tirará por unha estratexia similar ao exitoso xogo dos Simpsons, “Springfield”.

O produto responderá ao nome de “The Familiy Guy Mobile Game” e sairá en abril deste ano.

OUYA chega ás tendas

Por: Domingo, 9 de Marzo de 2014, 16:03 COMENTAR

ouyaO próximo 21 de Marzo, a consola baseada en Android OUYA chegará as tendas a un prezo aínda por determinar. A empresa baseada en Madrid BadLand Games conseguiu facerse cos dereitos de distribución da máquina.

Se aquí falabamos dos xogos máis agardados do ano, nesta ocasión falarei dos xogos menos agardados por min neste ano 2014. Ó igual que no anterior artigo, os xogos irán ordeados por orde alfabética.

 

1 – Assassin’s Creed V e VI (PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One)

assassins_creed_future_header

Comezamos forte o artigo, cunha das franquicias máis recoñecidas da anterior xeración, pero, cabaleiros de Ubisoft, xa pasamos o límite fai tempo. Xa agotástedes a franquicia ate o punto de ter que desprazarvos de época para acadar unhas ventas respetábeis. Xa chegou, deixade que a saga morra ou, polo menos, metédea no conxelador un intre para ter tempo de pensar o que queredes facer e non dinamitar a saga, que é o que estades a facer. E non tedes pensado publicar un xogo no 2014, tedes pensado sacar dous.

 

2 – Call of duty (PS3, PS4, PC, Xbox 360, Xbox One)

cod2014-620x360

Ó igual que no caso anterior, Activision, estou comezando a confirmar o meu pensamento de que unha das peores cousas que ocorreron nesta industria foi o acertado reinicio da saga naquel sobresaínte Modern Warfare. A saga leva sendo repetitiva dende a seguinte entrega, moito efecto, moitas partículas, moita polémica ca xa lexendaria fase “No Russian”, pero é outra pita dos ovos de ouro que estades afogando. As análises xa dan por segura unha baixada de ventas na nova xeración debido, precisamente, o desgaste ó que sometestes á saga publicando unha entrega anual. Call of Duty necesita un repouso.

 

3 – Donkey Kong Country: Tropical Freeze (Wii U)

2406627-7558528740-donke

Nunca me gustou Donkey Kong,  e moito menos me gusta que, nunha xeración na que a tecnoloxía permitirá realizar auténticas maravillas, Nintendo apareza agora cun xogo con vista lateral. Creo que tamén sería o momento de que decidiran arriscar cunha versión rompedora, como foi o Mario 64 no seu momento ou como foi o Mario Galaxy uns cantos anos máis tarde. Xa que Wii U técnicamente non está ó nivel das consolas de nova xeración, é necesario que marquen a diferenza dalgún modo, e continuar a saga tal e como leva sendo dende fai moitísimo tempo, non é unha boa maneira de facelo.

 

4 – Dying light (PS3, PS4, PC, Xbox 360, Xbox One)

16

¿É unha boa idea mesturar Mirror’s Edge con Dead Island? Eu non o creo, pero parece que a xente que conforma Techland pensa que si que é unha boa idea. E se a maiores lle engadimos a coletilla “Survival Horror” xa temos o enxendro completo. Un xogo no que levas armas dabondo para aniquilar un pequeno país ou no que podes botar a correr e escalar casas e muros para evitar a aqueles enemigos que non sexamos quen de masacrar pode ser chamativo, pero se estes enemigos son zombies, un xa está máis que saturado de xogos de apretar o gatillo ate que a pistola/fusil/escopeta estea totalmente valeira. Quero algo diferente, un survival de verdade, e estou seguro de que unha mestura como esta non vai ser ese algo.

 

5 – Elder Scrolls Online (PC, Mac, PS4, Xbox One)

images

O normal sería que voltar a visitar Tamriel fora para un xogador unha oportunidade para alegrarse e acudir a fume de carozo á tenda a mercar a copia que empregará para quedarse sen vida durante, como mínimo, próximas semanas. Se ademáis desto engadimos o feito de que este xogo sexa un multixogador online, o efecto debería ser o de xa non ir a fume de carozo, senón o de montar no coche e aparcalo diante da porta da tenda para evitar que ninguén poida arrebatarche esa copia que ten o teu nome. O xogo sitúanos 800 anos antes de Oblivion e 1000 antes de Skyrim e promete contar, seguindo a liña típica da saga, cun mundo aberto e a posibilidade de poder facer, casi literalmente, o que queiramos. E con todo isto preguntarédesvos o motivo de que este xogo estea nesta lista en lugar destar na dos 15 xogos máis agardados. A resposta é un número: 12.99, que son os euros que teremos que pagar cada mes se queremos desfrutar de Elder Scrolls Online.

 

6 – Godus (PC)

Project-Godus

Molyneux, a min non ma colas outra vez. Desta xa aprendín.

 

7 – Lego: The Hobbit (PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One, PC, 3DS, Wii U)

lego_the_hobbit-2414610

A coña do Lego: Star Wars estivo moi ben, a de Lego: Indiana Jones xa comezou a saturar, e co Lego: Batman xa remataches, todas as demais entregas xa son darlle voltas unha e outra vez ó mesmo. Un novo exemplo do modo de matar unha franquicia por éxito.

 

8 – Mad Max (PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One, PC)

mad-max-2013613115231_1

O enésimo videoxogo que sairá misteriosamente ó mesmo tempo co novo filme. Aínda que ven dos creadores de Just Cause, non agardo moito del. Quizáis é o xogo que máis dubidosamente está nesta lista, xa que a combinación de sandbox e a ambientación son atractivos, téñeme pinta de publicidade para o filme máis que dun xogo realmente bó.

 

9 – Plants vs. Zombies: Garden Warfare (Xbox 360, Xbox One, PC)

maxresdefault

Nunca me chamou especialmente a saga Plants vs. Zombies, pero vendo o modo no que resultou o troco dunha saga como Worms ás 3 dimensións, as espectativas non son nada boas.

 

10 – RIOT (PC, iOS, Android, OUYA)

TwpJkFQ

A pesares de que nestes intres este xogo ten o potencial necesario polo seu argumento para ser un exitazo, e que a súa ambientación pode ser revolucionaria (nunca mellor dito) á mínima que consigan facelo medianamente ben, non me espero moitas cousas máis aló do aproveitamento da publicidade que de seguro van ter.

 

11 – The evil within (PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One, PC)

1375383254-the-evil-within-1

Un xogo de Shinji Mikami nesta lista? Un xogo de terror de Shinji Mikami nesta lista? Si, un xogo de terror de Shinji Mikami nesta lista. Non dubido que será superior á meirande maioría dos xogos de medo que saen este ano, pero chéirame  a xogo de acción con catro pinceladas de terror que tira de cú. Espero estar trabucado e que sexa un xogo da vella escola, similar ás obras maestras feitas polo señor Mikami no pasado.

 

12 – The Sims 4 (PC)

images (1)

Volta o xogo casual orixinal. Que o merquen outros. Nunca me chamou a saga máis aló do mítico de metelos na piscina e quitarlles a escaleira ou encerralos nunha habitación sen porta de saída e non o vai comezar a facer agora.

 

13 – Thief (PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One, PC)

thief-ps4

Outro rearranque dunha franquicia lexendaria, ó igual que fixeron con Tomb Raider. A diferenza é que neste caso, unha vez máis, ten pinta de que o troco vai levar tamén engadido o borrado de moitas das señas de identidade da saga para facela máis atractiva para os novos xogadores. E se a Thief lle quitamos o sixilo extremo, queda noutro xogo calquera de acción no que usamos o nome dunha franquicia coñecida para sumar ventas.

 

14 – Tom Clancy’s the division (PS4, Xbox One, PC)

image_tom_clancy_s_the_division-22299-2751_0002

Neste mismo mes de Xaneiro, os responsábeis do desenvolvemento deste xogo parece ser que declararon que tiñan o motor gráfico prácticamente finalizado, pero qeu o desenvolvemento do xogo en sí mesmo prácticamente non comezara. E se temos en conta que é un xogo MMO e, que en teoría outra vez, terá unhas mecánicas innovadoras, comeza a ter pinta de que un apartado do xogo vai quedar descompensado. E Ubisoft xa deixou claro que o motor gráfico non vai ser esa parte.

 

15 – Watch Dogs (PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One, PC, ¿Wii U?)

watch-dogs-gameplay-ps4-móvil

Aínda non se confirmou a data de saída ó mercado e xa se confirmou o desenvolvemento de DLCs para o xogo. Textualmente os motivos dados foron: “porque temos moitas historias que contar acerca do mundo do xogo”. A miña pregunta é cal é o motivo de non meter esas historias dentro do propio xogo. Pode que sexa o segundo ou o terceiro xogo máis rechamante dos que sairán no 2014, e pode que sexa unha das propostas máis atractivas dos derradeiros anos, pero aínda teño algo de dignidade en temas de xogos e non me gusta que me tomen o pelo. Non o vou tocar ata que saia a versión GOTY con todos eses DLCs que non entran no xogo orixinal.

Mañá anunciarase un novo Angry Birds

Por: Xoves, 13 de Febreiro de 2014, 16:35 COMENTAR

angry birds novo

Así o comunicou Rovio a través dun dos seus portavoces:

Anunciaremos máis sobre unha nova aventura de Angry Birds, incluído o seu nome, mañá.

Pouco máis se sabe sobre esta nova aventura dos paxaros, mais prometen novas innovacións, e polo que podemos ver nesta imaxe, dannos que pensar nun novo apartado técnico.

Así, a saga Angry Birds segue a medrar, e a título persoal, non sei como chegou a tanto.

Axuda a curar o cancro mentres xogas

Por: Martes, 4 de Febreiro de 2014, 18:00 COMENTAR

play-to-cure-genes-in-space
O Centro de Investigación do Cancro do Reino Unido ven de lanzar un novo xogo para Android e iOS que axudará aos seus investigadores no análise de datos mentres xogas no teu dispositivo móbil.

En «Play to Cure: Genes In Space» o xogador ten que recoller unha substancia ficticia chamada Elemento Alpha, que representa os datos xenéticos do cancro. Mentres xogas, o xogo analiza enormes cantidades de datos que lles levaría moitas horas analizar aos científicos.

Podedes descargalo de balde dende a Google Play ou a App Store.