A conferencia da Nintendo no E3, coñecida no Twitter polo hashtag #NintE3ndo, foi retransmitida na nosa conta (@MemoriaPixelada) a tempo real. Con todo, facemos agora un resumo cos datos máis importantes.

Zelda fai xa 25 aniños... e que ben se conserva!

25 ANIVERSARIO DE ‘THE LEGEND OF ZELDA’

A conferencia comezou cunha orquestra a interpretar temas míticos desta saga, mentres mostraban vídeos dos diferentes xogos da historia doZelda. Despois saíu Shigeru Miyamoto quen, despois de brincar un pouco coa orquestra, anunciou algunhas novidades para celebrar este aniversario:

– ‘The Legend of Zelda: Link’s Awakening‘, o mítico xogo da Game Boy, estará dispoñíbel para descargar na nova eShop da 3DS. E para como están de conmemoración, a descarga será gratuíta.
– Haberá un ‘The Legend of Zelda: Four Swords‘ descargábel para a Nintendo DSi (descoñezo se será compatíbel coa 3DS).
– Para a Wii, chegará no Natal o ‘The Legend of Zelda: Skyward Swords‘.
– E, por último, os compradores do novo ‘The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D‘ que sexan socios do Club Nintendo terán, de balde, o CD coa banda sonora do xogo.

NOVIDADES PARA A NINTENDO 3DS

Imaxe da N64 portát... non, perdón, da 3DS

Foron anunciados novos xogos para a Nintendo 3DS:

Super Mario Kart 3D, con carros que voan e se mergullan. Os vehículos serán totalmente personalizábeis.
Starfox 3D, con control por sensor de movemento e un modo multixogador moi interesante. Poderás ver a cara dos teus compañeiros ao xogar.
Super Mario 3D. Pouco máis hai que dicir, moi na súa liña.
Kid Icarus: Uprising. O xogo ten voces en inglés… aínda que os actores de dobraxe non pareceron moi acaídos.
Liugi’s Mansion 2, que usará todas as posibilidades da 3DS mais continuará na liña do Luigi’s Mansion da Game Cube.
– Outros títulos anunciados: Ace Combat, Tetris, Cave Story, Driver Renegade, PAC-MAN, Tekken, Metal Gear

Tamén falaron sobre a Pokédex 3D (da que xa faláramos aquí) e do Excitebike 3D. Ambos aplicativos gratuítos da eShop.

O ‘PROJECT CAFÉ’ CHAMARASE DEFINITIVAMENTE… WII U

O novo comando desenvolvido pola Nintendo

Anunciaron finalmente que a sucesora da Wii será a Wii U. O nome é un xogo de palabras, pois Wii soa como ‘we’ (nós) e U como ‘you’ (ti). Da videoconsola en si, a verdade, non falaron. Non deron datos de potencia nin nada, limitáronse a presentar o seu controlador.

O comando parece un tablet con botóns aos lados, e conta con pantalla táctil, dous sticks analóxicos, control de movemento, altofalantes, microfono e cámara. Poderás realizar videoconferencias desde el, alternar entre xogar na TV ou na propia pantalla do mando ou usalo como unha segunda pantalla. Persoalmente recordoume moito á conexión entre a Game Cube e a Game Boy Advance, pois parte da mesma premisa, mais desta volta con todos os avances tecnolóxicos actuais.

A potencia da Wii U, á vista dos vídeos que mostraron, está á altura da PS3 ou XBOX360. Entre os xogos que anunciaron están Darksiders II, Dirt, Alien Colonial Marines, Ghost Recon Online, Metro Last Night, Tekken, Ninja Gaiden 3… e o xogo que máis aplausos levou, o Batman Akhram City.

UNHA SORPRESIÑA AGRADÁBEL, O SMASH BROS.

O público tamén se emocionou cando anunciaron que estaban a desenvolver un novo Super Smash Bros., que sairá para Wii U e 3DS. Con todo, non deron datas para el.

Os clásicos sempre voltan…

A Nintendo 3DS non está a ser o éxito de vendas que se prevía. A empresa xaponesa de procuras online Goo decidiu facer un inquérito a 1.110 consumidores xaponeses (39.5% homes e 60.5% mulleres) sobre os motivos de aínda non teren comprado unha 3DS. As 20 razóns máis populares son:

20. Á espera de que os meus amigos me compren unha.
19. Os xogos da DS parecen estricados e fican difíciles de ver.
18. Non hai xogos da Famicom (a nosa NES) na Consola Virtual.
17. Os botóns parecen difíciles de usar.
16. Non é posíbel transferir Puntos DSi.
15. Á espera dunha versión con pantalla maior.
14. Á espera da NGP da Sony.
13. Non é posíbel xogar xogos da Game Boy.
12. Non existe na cor que eu quero.
11. Non é posíbel xogar xogos de Game Boy Advance.
10. Debe ser pesada de levar.
9. O tempo de duración da batería parece ruín.
8. Satisfeito coa PSP.
7. Satisfeito cun teléfono móbil e xogos para móbil.
6. Á espera dos xogos que eu quero (como Pokémon, Zelda…).
5. Xogos de lanzamento mediocres.
4. Medo de marearse coa pantalla.
3. Medo de ter problemas de visión.
2. Satisfeito coa DS/DSi.
1. É cara/Á espera dunha redución de prezo.

Máis unha vez, os falantes de xaponés poden ver a nova orixinal no sitio da Goo: http://cache001.ranking.goo.ne.jp/crnk/ranking/027/nintendo3ds_notbuy/p1/

Pokédex 3D, novo aplicativo para a Nintendo 3DS

Por: Mércores, 1 de Xuño de 2011, 15:14 COMENTAR

No próximo 7 de xuño estrearase a eShop da Nintendo 3DS, onde poderás descargar aplicativos. E con esta eShop vén un curioso aplicativo gratuíto, a Pokédex 3D. Nel estarán dispoñíbeis todos os novos pokémons das edicións Branca e Negra, porén non estarán todos desde o comezo. Ao principio terás apenas 16 e deberás ir conseguindo o resto mediante SpotPass (recoñecemento de redes sen fíos), StreetPass (recoñecemento doutras 3DS dentro do alcance) e Códigos QR (eses simpáticos garabatos que parecen códigos de barras).

Trátase dunha Pokédex, un aplicativo que lista os pokémons con informacións de cada un deles. Acerca de cada pokémon verás, alén dunha descrición, unha imaxe completa del en 3D (que poderás rotar á vontade) e unha completa información cos movementos que aprende. Tamén terá unha curiosa opción de realidade aumentada que poderás usar para ver os pokémons a correr pola túa casa.

Características da aplicativo:
– Inclúe todos os pokémons das edicións Branca e Negra.
– Máis de 150 pokémons cos seus movementos.
– Compatíbel com SpotPass, StreetPass e realidade aumentada.
– O aplicativo é gratuíto.
– Apenas 16 pokémons ao comezo.
– O resto dos pokémons son desbloqueados escaneando Códigos QR, usando o SpotPass ou trocando datos con amigos.
– O SpotPass permite conseguir tres pokémons aleatorios ao día.
– Cada pokémon conta cun deseño 3D e que se pode rotar 360 graos.
– Conta con filtros e capacidade de marcar páxinas.
– Ten a opción de mostrar os pokémons en fotos tiradas coa cámara 3D.

Kratos non se fía da 3DS

Por: Domingo, 29 de Maio de 2011, 8:43 COMENTAR

Kratos non se fía de ninguén nin de nada, e queda demostrado neste vídeo no cal discute co mesmo Deus de Deuses sobre a grandeza da nova portábel de Nintendo.

Desculpade a pésima calidade gráfica.

Ninguén pode negar que Ocarina of Time supuxo unha serie de cambios no mundo dos videoxogos que ninguén pode negar, e non só no revolucionario apartado técnico, aínda que hoxe en día non signifique nada, se non na empatía que existía entre o personaxe e o xogador.

Foi un título que sumerxía ao xogador incondicionalmente dentro da propia aventura, pioneiro na fixación dos inimigos ao atacar e no salto automático.

Agora chéganos un novo tráiler expandido dos anteriores no que nos demostra de novo o que xa sabemos, que será un xogazo e que calquera que teña unha Nintendo 3DS debería probar. No meu caso xa teño a reserva feita dende fai case un mes, e dentro de vinte días tereino nas miñas mans.

Análise de Splinter Cell 3DS

Por: Martes, 24 de Maio de 2011, 9:49 COMENTAR

Colócome diante da estantería dos videoxogos e miro cal vou adquirir para estrear a miña Nintendo 3DS, miro de arriba abaixo, de abaixo arriba e soño en que da segunda vez que miro aparezan novos e mellores xogos, pero non é así, o conxunto de xogos que sacaron para estrear a nova portábel de Nintendo non está á altura da propia consola, e a miña man coaccionada polo meu cerebro pixelado agarra o Splinter Cell 3D.

Por que?,pois porque a pesar de xa ter xogado o Chaos Theory, os meus excelentes recordos ante esta obra de infiltración fan que prefira volver pasar este remake, que calquera do resto de proxectos.

Pero comecemos analizando esta versión 3D do Chaos Theory.

Ler o resto da entrada »

Mario Kart 3DS chegará neste mesmo ano

Por: Martes, 26 de Abril de 2011, 16:55 2 COMENTARIOS

Despois da fornada de xogos cutres que sacou a 3DS ao mercado xa vai sendo hora de que os grandes proxectos vaian dando signos de vida.

Un dos grandes acaban de dicir que o sacarán neste mesmo ano, o grandísimo e insuperábel xogo de carreiras Mario Kart. Foi anunciado nun evento realizado en París no cal Shigeru Miyamoto asegurou que antes de que remate este 2011 terémolo nas tendas (aínda que polo de agora non anunciaron absolutamente nada del, mais cunhas pouca imaxes).

Outro dos que fixo acto de presenza foi o remake de Star Fox que tamén sairá este ano.

Como vedes a nova portábel de Nintendo comeza a apretar fondo, e alégrome porque polo de agora os xogos que ten á nosa disposición non é que me chamen demasiado a atención.

Opinión sobre a Nintendo 3DS

Por: Mércores, 30 de Marzo de 2011, 13:41 COMENTAR

Este luns o meu cerebro fixo un dobre “click” e decidín adquirir a innovadora Nintendo 3DS.

Moitas incógnitas tiña acerca desta nova portábel, como serían estas 3D?, gráficamente estaría á altura?,opcións do sistema?,tarxetas de realidade aumentada?,etc,etc. Agora podo responder a todas estas dúbidas e outras cuestións similares.

A continuación a miña opinión sobre a 3DS.

Ler o resto da entrada »

F1 2011, o 23 de setembro

Por: Domingo, 27 de Marzo de 2011, 21:56 COMENTAR

Codemasters ven de anunciar que lanzará a nova entrega do simulador de condución ‘do gran circo’ o vindeiro 23 de setembro para PS3, Xbox 360 e PC. Tamén haberá versións para a Nintendo 3DS e NGP.

Se ven gráficamente a versión anterior estaba moi ben, no apartado da xogabilidade, xerou certas críticas por parte de moitos xogadores, tanto por consideralo demasiado ‘arcade’ como pola cantidade de erros que tiña dende o seu lanzamento e que moitos aínda non arranxaron. Terán que aprender dos seus propios erros en Codemasters se non queren perder prestixio no mundo dos videoxogos de conducción, prestixio que gañara fai tempo con títulos como os Colin McRae, por exemplo.

Haberá que agardar a ver que sucede…

Tráiler de Monkey Ball 3DS

Por: Luns, 14 de Marzo de 2011, 15:00 COMENTAR

Existe unha serie de videoxogos que parece que foron creados única e exclusivamente para estrear as novas consolas que saen ao mercado. Un deles é o xogo de condución arcade Ridge Racer e outro é o título que nos corresponde hoxe, o Monkey Ball.

Sexamos honestos, Monkey Ball nunca foi un xogo que chamara demasiado a atención, é máis, nin sequera o vídeo que vos amoso aquí capta a atención do espectador, pero supoño que se aproveitará das ansias iniciais dos xogadores que queren probar a 3DS para vender o suficiente e non ter perdas.

Polo menos desta volta pode ter o aliciente das tres dimensións, pero aínda así, case vale a pena esperar un pouco a títulos de máis calidade.

É curioso como meses antes de saír a Nintendo 3DS os usuarios xa comezan a falar de esperar por unha reedición da propia.

Non me extraña demasiado mirando a política que leva a cabo Nintendo, coa DS foron catro modelos diferentes, cantos terá a 3DS?. Aínda así, Nintendo pretende cubrir o cupo de consolas vendidas dende un inicio, polo que o seu propio presidente Satoru Iwata apresurouse a dicir que a 3DS xa leva implementado todos os trucos de aforro de espazo que leva a DS Lite, e por consecuencia non tiñan plantexado sacar ningunha reedición “Lite” a curto prazo.

Por outro lado, o director da división de manufactura da plantilla, Nobuo Nagoi, aclarou que nesta ocasión xa está completamente equipada dende o principio.

Agora só queda esperar á xente que verdadeiramente crea estas palabras,porque tendo en conta o ben que lle vai á DS,incluso coa última versión, dubido moito que deixen esta línea estratéxica.

Por certo, hai que ter en conta que non todos están moi convencidos con esta portábel, a verdade:

kratos 3ds

Seguir a presentación europea de 3DS

Por: Mércores, 19 de Xaneiro de 2011, 12:45 1 COMENTARIO

Hoxe foi o día escollido para que a nova portábel de Nintendo se presente a Europa. Os que seguimos esta consola de cerca (máis por curiosidade que por outra cousa) estaremos atentos a Amsterdam, porque hoxe ás 15:00 poderemos seguir este esperado lanzamento.

Se vós tamén queredes ver o seu prezo final, día concreto de lanzamento e os títulos que acompañarán a consola en directo, mergulládevos nesta ligazón:

http://live.nintendo3ds.nintendo-europe.com

Persoalmente creo que este evento non vai sorprender ninguén, xa que o prezo case é seguro que sexa de 250 euros, os títulos de lanzamento serán similares aos anunciados no Xapón e a consola sairá sobre marzo.

Pero sempre hai que deixar un oco para a esperanza… sobre todo no referente ao prezo. Hai que saber soñar.