Acabo de ter cinco minutos dunha sensación rara vendo un vídeo do Sonic. Normalmente xa daba por feito o que ía topar, un Sonic ortopédico correndo como se o capasen. Mais desta volta mudou algo, mellor, mudou todo.

Acabo de ter cinco minutos de alegría vendo como o Sonic Team fixo caso aos seguidores do Sonic e con Sonic Generations pretenden resucitar unha icona que se fixo clásica con apenas tres entregas (tres e media contando Sonic & Knuckles), porque do resto é mellor esquecerse.

Vemos un Sonic a correr de verdade por escenarios en 2D, intercalando pequenas fases en 3D que polo que parece non interrompen o correcto funcionamento do xogo. Vemos un título cun apartado técnico decente. Vemos escenarios en movemento. En resumo, a min o que vin agradoume.

SEGA volverá estar na boca de todo o mundo con este título? Habémolo de saber en novembro, data en que sairá o Sonic Generations para Xbox 360, PS3 e Nintendo 3DS.

Polo de agora déixovos con este gameplay e espero a reacción dos que medraron co Sonic.

Nintendo 3DS baixará de prezo en agosto

Por: Xoves, 28 de Xullo de 2011, 14:50 COMENTAR

Xa o comentamos no noso Twitter (@memoriapixelada), pero penso que a nova ben merece unha atención especial. E é que a Nintendo 3DS baixará de prezo o vindeiro 12 de agosto en todo o mundo. E non será unha ofertiña pequena, non, pretenden rebaixar aproximadamente un terzo do prezo actual.

Facendo contas estariamos a falar dunha rebaixa aproximada de algo máis de 80€, quedando a Nintendo 3DS nuns 167€, os cales se arredondarían a 170€, como fan sempre. Con todo, a rebaixa na Europa aínda non ten unha cifra oficial, ao contrario que nos Estados Unidos (de 249,99$ pasa a 169,99$) e no Xapón (de 25000¥ para a 15000¥).

Como vedes a rebaixa é substancial, máis que substancial. Tendo en conta o pouco tempo que leva no mercado, xa nos podemos dar unha idea dos problemas que está a ter a Nintendo con esta consola. Non vende, as 3D sen lentes non convenceron a maioría dos usuarios e o prezo de saída (xunto a ausencia dun bo catálogo de xogos) foi a gota que rebordou o vaso. E os prognósticos da Nintendo se evaporáronse nos catro meses que leva a consola no mercado.

E que facemos os que mercamos a Nintendo 3DS antes do 12 de agosto? (Á parte de nos cagar en todo, abofé) Pois a Nintendo ten pensado sacar o que denominaron Programa embaixador (Ambassador Program), que permitirá descargar un total de 20 xogos da consola virtual, 10 da NES (a partir do 1 de setembro) e 10 da Game Boy Advance (dispoñíbeis un pouco máis adiante). Para isto debedes conectarvos á eShop antes do 12 de agosto, que non vos esqueza.

‘Snake Eater 3DS’ atrasado tamén para 2012

Por: Mércores, 27 de Xullo de 2011, 12:35 COMENTAR

Se hai uns días vos informabamos que The Darkness 2 se atrasaba até 2012, agora tócalle ao remake do mellor Metal Gear Solid da historia adiar un pouco o seu lanzamento. Porque se ben estaba previsto que saíse para finais de anos, teremos que esperar a principios de 2012. E coñecendo ás compañías, “principio” son os tres primeiros meses.

Aos poucos, moi aos poucos, o catálogo de Nintendo 3DS pretende ir subindo de nivel, esperemos que non se encontre con ningún monstro final moi complexo.

E polo de agora atopámonos como sempre, en stand-by.

Despois de ver o éxito do The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D, non me sorprende que os seus creadores mencionen o seguinte:

“Se os fans pedisen con tanto fervor un remake do Majora’s Mask, igual que fixeron co Ocarina of Time, estariamos dispostos a facelo”

Pois vaia novidade, estamos sempre igual, se unha desenvolvedora sabe de antemán que o xogo vai vender moitísimo, como se van negar a realizalo? Mais obviedades e marketing fóra, podería ser outro bombazo para a portábel de Nintendo.

Recordemos que o Majora’s Mask foi unha continuación do Ocarina of Time para a Nintendo 64, e aínda que non tivo tanto apoio polos fans, resultou ser un xogo moi divertido e entretido.

E non sería mellor que sacasen un novo xogo da man seguindo co estilo destas dúas xoias?

Gameplay do ‘Luigi’s Mansion 2’

Por: Mércores, 13 de Xullo de 2011, 15:29 COMENTAR

Un dos xogos que máis chamou a atención no E3 pasado foi o Luigi’s Mansion 2 para a Nintendo 3DS. E non é para menos, xa que un apartado técnico moi alto xunto a un desenfadada formulación fai regresar o bo do Luigi a unha mansión encantada, aínda que teremos acceso a máis edificios e lugares para aumentar a variedade e a duración.

Se queredes ver a boa pinta que ten botádelle unha ollada ao seguinte vídeo, que nos presenta o irmán de Mario metido nun destes edificios cheos de seres sobrenaturais.

Unha lanterna, unha arma aspiradora e moito sentido do humor é o que lle sobra a un dos xogos máis esperados do catálogo. Agardo a súa chegada.

Se sodes dos que pensades que aínda existen moi poucos xogos que motiven para mercar a Nintendo 3DS, amósovos catro gameplays de xogos que vos farán mudar de opinión, xogos que de seguro mellorarán as ventas de 3DS para o próximo Nadal.

O primeiro é do Mario Kart 3DS, en que volvemos ver esta xoia en acción mergullándose, saltando e voando. Pero sáeme unha dúbida, por que o que xoga non derrapa en ningunha curva? Espero que sexa porque non ten moita idea de xogar…

No segundo vídeo podemos ver once minutazos do Super Mario 3DS. Sobran palabras.

A continuación observamos o regreso do Star Fox, aínda que cada vez vexo un xogo máis frouxo.

E para rematar, somerxerémonos en corredores cheos de zombis co próximo Resident Evil Revelations, o cal me deixou bastante bo sabor de boca.

Como dixen, vídeos obrigados para aqueles que non tendes unha 3DS.

Todos os vídeos tras o salto.

Ler o resto da entrada »

Parece un trabalinguas si, pero detrás deste pésimo nome atópase a próxima obra de Square Enix. Entón xa imaxinades que traza terá este título, non si? Pois esquecede o que tendes na mente, porque neste caso non será un xogo de rol clásico.

Theatrhythm será un xogo musical para a 3DS (si, como escoitades) que contará coa música da saga e con personaxes xa habituais como Lightning ou Cloud.

Segundo parece avanzaremos por masmorras e zonas abertas, e todo isto nunha perspectiva lateral. Por outro lado a xogabilidade estará centrada no ritmo e teremos que tocar a pantalla táctil en función disto.

Como é normal polo de agora non temos nin prezo nin data de saída, pero veremos como lle sae a xogada a Square Enix cun título tan arriscado.

Parece que a Capcom quere arremeter contra a compra-venda de videoxogos de segunda man. E de que maneira pretenden evitar isto? Pois dunha xeito moi sinxelo….. as partidas do Resident Evil: The Mercenaries 3D non se poderán borrar xamais, nunca, polos séculos dos séculos, estupidez humana e cantos sinónimos máis de infinito se vos acordaren.

Que supón isto? Pois que non só os que pretendan xogar a este título de segunda man non poden comezar o xogo dende cero, senón que tampouco o poderán facer irmáns, amigos , familiares…

Só poderemos xogar o xogo desde cero unha soa vez.

Soa ridículo verdade? Pois xa se comezou a rumorear que non será o único título en utilizar este método anti-mercado de segunda man.

Doutra banda, feita a lei, feita a trampa. Algúns usuarios xa comentaron que pode haber unha maneira para borrar estas partidas. Pero se hai que dar moitas voltas para poder pasar o xogo de novo (algo que nun principio debería ser algo obvio) xa me perde toda a confianza.

Crucemos os dedos para que á Capcom non se lle volva ocorrer facer esta parvada.

Non vexo frase máis axeitada para este remake do Zelda: Ocarina of Time que… “A lenda volveu”. Para moitos todo o que vou dicir a partir de agora sobraba ante palabras que signifiquen tanto, pero seguramente hai xente que non probou este prodixio de videoxogo, polo que vou tentar expresar o que sentín ao pasar este xogo de novo.

Zelda: Ocarina of Time é unha perfecta mestura entre xogo de rol, aventura e plataformas que nos insire no fantástico mundo de Hyrule, unha apracíbel chaira que pronto se verá comprometida co ataque dun servidor do mal. Adiviñades a quen lle vai tocar salvar Hyrule? É obvio que a nós.

Ler o resto da entrada »

Que personaxes levará esta entrega?

Outro dos xogos que chamou atención da xa pasada feira E3 2011 foi a nova entrega de Super Smash Bros. A verdade é que non se escoitara falar nada desta cuarta entrega até a propia feira, algo que chama realmente a atención, pero despois de deixar pasar uns días e repousar o ambiente, podemos contar un par de cousas sobre este título de loitas.

O primeiro que fixo Masahiro Sakurai, máximo responsábel do videoxogo foi facer unha clara diferenza entre a versión de 3DS e de Wii U.

Con respecto á 3DS pretenden que sexa unha experiencia máis centrada no modo historia para un xogador, coa posibilidade de editar e adestrar ao noso personaxe. Ademais, coas opcións sociais da máquina poderiamos ter os nosos logros sempre á nosa man.

Pero falando de Wii U a estratexia é diferente, xa que mencionaron que pretenden crear unha experiencia máis social, dado que esta consola permite que se enfronten máis xogadores simultaneamente. Por suposto, adornado dun apartado técnico moi superior.

Pero o que máis chamou atención destas declaracións foi que cando lle preguntaron cales serían os novos personaxes e se incluirían algún de Capcom, mencionaron que estaban pensando no tema e que non descartaban nada.

Significa isto que poderemos ver a Mega Man no próximo Smas Bros disparando a súa arma?

Precisamente estas foron as palabras de Yoshikazu Matsuhana (productor de Metal Gear Solid 3D Snake Eater), na cal deixa ben claro que se os consumidores queren e piden estes dous títulos, non terán problema en sacalos na Nintendo 3DS.

A min paréceme unha obviedade isto, porque se sabes que hai moita xente que che van mercar o videoxogo, normal que non teñas problema en sacalo, pero deixando as cousas lóxicas a un lado, eu estaría encantado de recibir estes dous clásicos.

Aínda que por outro lado, escollerían ben o MGS2 sabendo que xa vai saír en novembro para Xbox 360 e PS3?, e honestamente, prefiro xogalo de novo nas consolas maiores que na nova portábel de Nintendo.

Gameplay do Sonic Generations 3DS

Por: Mércores, 8 de Xuño de 2011, 16:36 COMENTAR

Hai pouco anunciábase que, finalmente, teremos versión do Sonic Generations para a Nintendo 3DS. Pois ben, no E3 estaba dispoñíbel o xogo e hoxe temos un vídeo co gameplay.

Tranquilos, a música do vídeo foi engadida polo autor. En realidade a melodía de Green Hill Zone será a mesma que escoitábamos na Mega Drive hai 20 anos (aínda que remasterizada, claro). Podedes comprobalo neste outro vídeo gravado no E3.

http://www.youtube.com/watch?v=MT0nZzMa1CY

Agora só resta agardar. Estará por fin o xogo á altura do ourizo?