pack wii u

Está claro que as consolas que van estar no punto de mira dos xogadores para este Nadal van ser a PS4 e a Xbox One, mais para facernos saber que Nintendo aínda está no mercado, a compañía xaponesa anunciou que lanzará tres packs na campaña navideña para intentar facer despegar a súa consola.

O primeiro que será lanzado chamarase pack Premium de Mario & Luigi, que sairá o 8 de novembro e inclue a consola negra cunha memoria interna de 32 GB e un disco con dous xogos: New Super Mario Bros e New Super Luigi U.

O 15 de novembro sairá á venta un pack máis básico que traerá consigo a Wii U cunha memoria interna de 8 GB, o Wii U Gamepad e o mando de Wii plus, a barra sensora de movemento e os xogos Wii Party U e Nintendo Land.

Por último lanzarase un pack básico de Wii U con Just Dance 2014 e Nintendo Land, que sairá o 22 de novembro.

castlevania 2

Mentres agardamos ansiosos á segunda entrega de Castlevania: Lords of Shadow 2, Konami pon data á saída do seu pack denominado Castlevania: Lords of Shadow Collection.

A data de saída será o 7 de novembro para Xbox 360 e Playstation 3 e o pack contará con:

  • Castlevania: Lords of Shadow
  • Castlevania: Lords of Shadow Reverie e Resurrection (DLC)
  • Castlevania: Lords of Shadow Mirror of Fate HD
  • Demo de Castlevania: Lords of Shadow 2

Podedes ler a análise de Castlevania: Lords of Shadow aquí.

willem-defoe

Sen aínda darlle unha oportunidade á crítica da súa nova obra, “Beyond: Dúas Almas“, o polémico David Cage xa está acusando aos medios críticos e analistas de non saber mirar máis alá, e non saber valorar o seu último videoxogo.

Parece ser que o creador non está contento coas críticas que está levando até o de agora Beyond: Dúas Almas, e pensa que a culpa é de ser demasiado conservador:

Algunha xente pode ser moi conservadora sobre este medio, e iso resulta frustrante. Algunha xente quere que os xogos sexan para sempre o que foron nestes últimos 30 anos, pero con máis polígonos. Ninguén debería ter permiso para definir que é un videoxogo ou que non o é; ninguén ten ese poder.

Un videoxogo pode ser cousas moi diferentes. Angry Birds é un xogo; Call of Duty é un xogo; World of Warcraft é un xogo; Gone Home é un xogo. Quén pode decidir “ti es un videoxogo”, “ti non es un videoxogo”, “ti non es da familia”?. Non. Abramos este medio a calquera que teña ideas diferentes, é xenial ver á xente intentanto facer xogos onde disparar non é o principal.

As palabras de Cage non deixan a niguén indiferente, e se as dixese noutro momento da súa traxectoria concordaría ao cen por cen, mais sacar estas declaracións xusto despois da saída do seu novo xogo, e de comprobar como a crítica non foi como esperaba, parece un “berrinche” de adolescente.

De todos os xeitos apoio con toda a miña forza a todos aqueles desenvolvedoras que queren innovar neste mundo, aínda que conleve arriscarse demasiado.

Exercicios dactilares

Por: Martes, 8 de Outubro de 2013, 14:57 COMENTAR

mando gif 2

mando gif 3

mando gif 4

mando gif

Motricidade fina en estado puro

Vía | Miki 800

Katsuhiro-Harada

A falta de máis dun mes para que a esperada PS4 aterre nas nosas tendas, moitos analistas xa están pensando na próxima xeración,e isto é o que opina o mesmísimo responsábel da franquicia Tekken sobre o que será a Playstation 5:

Creo que no futuro as cousas poderanse reproducir mediante un servizo, en vez dun hardware. A nube menciónase moito, e se os avances nos servizos na nube continuan, o momento no que só o nome do servizo exista virá algún día.

A PS5 probablemente non será unha consola principal, quizais só a pantalla e o mando. Así que o que queda vai a ser só o nome do servizo. Podería ser chamado simplemente “rede de Playstation”.

Steam defínese como unha plataforma, mais non é unha plataforma de hardaware. É o nome do servizo.

Harada leva o suficiente tempo neste mundo como para coller con cautela a súas palabras, porque se algo parece que é seguro é que o formato físico ten os anos contados.

Vós que opinades sobre este tema? Pensades o mesmo que Harada?

o bo o feo e o malo

No 2005 facíase a presentación da Xbox 360, unha consola que bebía directamente de Microsoft e disposta a desbancar a que sen dúbida ningunha era a raíña das videoconsolas, a Playstation 2. A partires dese ano comeza a actual xeración, unha longa para uns, e curta para outros, etapa na que tres consolas disputaron a morte por ser a elixida nos estantes das tendas.

Dende aquelas xa pasaron oito anos, oitos anos cheos de xogos, tanto bos como malos, oito anos na que o cara a cara estaba entre Xbox e Playstation, mentres Wii triunfaba irremediablemente sentada nunha terraza e desfrutando da súa estratexia “todo para os casual-gamers”, e en apenas dous meses chegarán, por fin, as substitutas.
Certo que a Wii U xa leva un tempo connosco, pero pódese catalogar como unha consola de nova xeración? Non. Non. Non. Así de claro e conciso.

Con este panorama comeza un novo filme, un filme que narra a historia de tres personaxes que se entrelazan entre elas, así que sentádevos, collede algo para picar e atentos, porque comeza “O bo, o feo, e o malo”.

ACTO 1: O BO

Os directivos de Sony tíñano moi claro, aínda que na última etapa de Plastation 3 parece ser que incluso se sobrepuxo á súa competidora directa, Xbox 360 (dependendo dos medios din unha cousa ou outra), sufriron moitísimo nesta actual xeración. Quizais se acomodaron vendo o éxito que levaban tendo anos atrás e vendo as pésimas ventas da primeira Xbox, mais a verdade foi que Xbox 360 mantívose líder durante todos estes anos.

Así, PS4 preséntase como unha volta ás orixes, a volta a unha consola na que sexa relativamente doado programar para ela, relativamente asequible para todos e relativamente potente como para satisfacer as ganas pixeladas de calquera persoa.

ps4 accesorios

Así se está a presentar a Playstation 4, como o heroe da xeración que está por entrar, como o triunfador. Podes ser dunha consola ou doutra, pero o que está claro é que actualmente a consola de Sony ten todas as de gañar, polo menos nos primeiros meses de vida, as reservas esgotadas confirman este feito, e despois das medidas que pretendían integrar os de Microsoft coa súa Xbox One, aínda puxeron o camiño máis recto a unha compañía que leva moitos anos neste negocio e que se soubo aproveitar moi ben da situación.

Semanas despois da presentación oficial no E3 comezaron a saberse novas noticias da máquina, que se Sony apoiaría ás compañías independentes, o mando compatíbel co PC, packs que estarían dispostos en decembro, exclusivas que tiran moito dos xogadores… mais obviamente non todo é positivo.

Os cen euros menos que custa ca Xbox One compénsano co cobro obrigatorio do online da consola, así como a carencia de accesorios na venta inicial, tal como a cámara.

Pero que pasa cos videoxogos? Que potencia terá? Obviamente aínda non podo confirmar nada, xa que estou analizando este filme só vendo o tráiler, mais polo que se puido observar (sen facer caso aos responsábeis de Sony, que obviamente din que das próximas consolas vai ser a máis potente), a potencia gráfica está servida, aínda que o salto entre PS2 e PS3 foi moito máis grande que será, de PS3 a PS4, e o mesmo acontece coas máquinas de Microsoft, porque ou son eu, ou tampouco me pareceu unha calidade gráfica tan impresionante. Si, vese mellor, como non, mais espero, e supoño, que esa potencia se deixe ver máis claramente en tempos de cargar, dinamismo de escenarios, efectos do tempo, etc.

En novembro poderemos mirar aos ollos á Playstation 4 e saber se realmente vai ser a gañadora ou non porque mentres…

ACTO 2: O FEO

Recordemos que Microsoft nesta xeración non fixo máis que tomar boas decisión, dende sacar a consola un ano antes que o seu competidor, até crear logros (que pouco despois plaxiaría Sony), dende presentar unha consola na que os desenvolvedores podían traballar de maneira máis doada, até conseguir facer multiplataforma moitas das exclusividades de Sony.

Así foi Xbox 360, para min a gañadora indiscutíbel, mais como será agora.

xbox one disco duro

Despois da nefasta presentación no E3, e non me vou meter no tema das medidas que querían tomar, senón na propia repercusión que tiveron, xa que só fixeron algo peor que tomar e presentar esas medidas, e foi baixarse os pantalóns diante do mundo e recuar.

Non me entendades mal, agradezo que deran marcha atrás porque son dos que castigo tales medidas, mais iso quitoulle toda a credibilidade que ten unha compañía coma Microsoft. Demostrou que aínda non leva demasiado tempo nesto das consolas, demostrou que non tiña unha estratexia clara marcada e isto os xogadores vímolo, e vímolo en directo.

Tampouco axudou o feísmo da consola, e moito menos axudou o prezo. Todo isto nun E3 que de seguro se voltasen atrás correxirían o 98% da presentación.

Pero como unha consola que se mantivo no podio durante oito anos, chega cunha predecesora que non sabe como gustar aos fans?
Os propios directivos falan que estaban moi adiantados ao seu tempo, a min pégame a risa, outros analistas afirman que as medidas non afectarían ao xogador, a min ségueme pegando a risa, porque o que realmente penso é que só eran medidas abusivas contra o xogador cun só fin, facer desaparecer o formato físico.

Seino, chegará un momento no que isto acontecerá, seino, dóeme, pero seino, quizais sexa demasiado romántico co pasado, por iso non me gustan este tipo de medidas, mais con este feito, como pode agora competir con PS4?

A parte de rectificar todo, seguen confiando no seu Kinect, agora unha versión mellorada, algo que NUNCA, NUNCA, me chamou a atención en absoluto. Tamén teñen unha serie de sagas que poder explotar, e obviamente o apartado técnico, que aínda que Sony presuma de máis potencia, dame a min nos fociños que estarán as dúas á par, exactamente como pasaba nesta xeración.

Está claro que aínda que non se presentase con bo pé, a Xbox One é unha consola suficientemente potente como para poñerse diante da PS4 e facerlle fronte, non teño a menor dúbida, pero o que si que está claro é que perdeu a confianza de moitos dos fieis seguidores da Xbox 360, e entre eles estou eu.

ACTO 3: O MALO

E chegamos á terceira consola que teoricamente tratan como de nova xeración, eu non, xa non a vexo como tal, de feito, xa castiguei toda a vida útil da Wii como para agora darlle oportunidade a un xoguete. Non, non me miredes así, botádelle un ollo, ide a calquera tenda e mirade os títulos que ten para xogar, mirade a quen vai dirixido esta consola, como diría Manquiña “a los hechos me remito”.

Nintendo segue no seu mundo de Casual Gamer esquecéndose por completo dos xogadores habituais, dos Hardcore Gamers. Debería botar a vista atrás e preguntarse porque hoxe en día é a compañía que é, e grazas a quén, entón quizais se acordaría algo máis de nós.

Wii U

Wii U

Nunha das tantas conferencias que deron, non recordo moi ben que directivo dixo que coa nova Wii U volverían a coller a confianza dos xogadores de toda a vida. Foi algo que soñei, crucei os dedos até que me doeron, incluso fun a unha misa para que fose verdade. Obviamente non foi así, e por moito que me quixese enganar, víase vir.

Mais aínda que o éxito da Nintendo Wii foi absoluto, non cabe a menor dúbida, parece que non está acontecendo o mesmo cos sucesora. Non consegue vender o previsto, non saca xogos, perde o apoio de desenvolvedoras…non sei que vai acontecer nun futuro, pero de ser así, a Wii U non chega a bo porto.

Eu mentres vexo a nenos de cinco anos probar a Wii U nas tendas recordo con bágoas nos ollos a época na que Nintendo mandaba no panorama, pero mandaba porque podía, porque era sublime e sacaba consolas e videoxogos a cada cal mellor. Así é a Nintendo que me gustaría ver nesta batalla, porque está claro que Wii U está a kilómetros luz do resto de compañías.

Nintendo ten que saber que non se pode alimentar só do xenio Miyamoto para realizar títulos de calidade, e a verdade, é o único que está a facer. O resto pseudoxogos infantiloides carentes de personalidade.

DESENLACE

Nun par de meses entramos nunha nova etapa, unha etapa na que seguro que veremos xogazos que revolucionarán o panorama, fracasos comerciais e éxitos, a loita está a piques de comezar.

E durante os seguintes anos poderemos responder ás seguintes cuestións, canto falta para que o formato físico desapareza? Sairán as consolas con novo erros como o Círculo da Morte ou o seu equivalente?

Non sei cal será o final deste filme, mais o que si é seguro é que o tráiler promete.

watch-dogs

Dominic Guay, director do esperado xogo, Watch Dogs, afirmou que o título poderase superar case na súa totalidade sen disparar a ninguén:

É algo que deberá decidir o xogador.

Sobre o 95% das misións pódense completar con sixilo, ou polo menos saír fuxindo ou realizar unha persecución sen ter que apretar o gatillo.
A idea é que o xogador teña o suficiente poder de decisión como para actuar según lle veña en gana, sen limitar a súa liberdade de movemento.

Para rematar o directivo aclara:

Hai unha cantidade moi limitada de misións nas que se obriga a matar xente.

DualShock4

Polo de momento poucos máis detalles temos sobre este tema, mais o que si asegurou Shuhei Yoshida é que o mando da Playstation 4 será compatíbel co PC dende a saída da consola:

As funcións básicas estarán dispoñíbeis dende a saída. Os dous botóns analóxicos e os botóns funcionarán ben.

A guerra de mandos está servida, a guerra de consolas tamén, e cada vez queda menos para saber en que rematará a batalla final. Escondédevos onde poidades, porque van saltar píxeles.

rcintonexus

Sabiamos que a nova entrega de Ratchet & Clanck chegaría á Playstation 3, mais o rumor que nos toca é o da posibilidade de que aterre tamén na PS Vita e en plataformas móbiles.

A nova non está confirmada, mais o feito de aparecer no ESRB (organismo de calificación por idades) ofrécelle moita forza e aumenta a porcentaxe de ralidade.

O ESRB anuncia que aparecerá na PS Vita, así como en dispositivos móbiles de tipo smartphone, pero sen concretar a que sistema ou sistemas.

O único que direi é que Sony parece que está cumprindo iso de querer impulsar a Vita con novos títulos. E polo de momento, gústame.

Killzone-Shadow-Fall

Guerrila Games chegaron á boca de todo o plante grazas a un nome, Killzone. Dende que a primeira entrega aterrara na PS2 a saga non parou de evolucionar para ofrecernos guerras frenéticas e futuristas.

Pois ben, parece que Guerrilla non quere cerrar portas na inminente nova xeración (si, excluín á Wii U), e o deseñador gráfico, Eric Boltjes, comentou que parte do equipo xa está a traballar nunha nova IP diferente a Killzone:

Como estudo queremos diversificar a nosa actividade, e comezamos a trballar nunha nova IP, algo completamente diferente a Killzone. Non quero dicir nada ao respecto neste momento, pero queremos facer algo fresco.

Agardaremos nova información deste novo xogo.

A vós que vos parece este cambio de rumbo na compañía?

Xa dispoñíbel GTA Online

Por: Martes, 1 de Outubro de 2013, 15:07 COMENTAR

GTA-OnlineA partires de hoxe ás 13:00 xa está dispoñíbel a versión online de GTA que tanto está dando que falar. Cunha pequena actualización e premendo o cuarto recadro libre de selección de personaxe xa podemos acceder a este modo.

Rockstar pide que informemos de calquera erro surxido nas primeiras semanas.

PS4-Vita-

O rumor sobre un posíbel pack no que a Playstation 4 viñese coa PS Vita foi sempre unha opción que barallaron os responsábeis de Sony, mais sempre se mantiveron na negación deste pack de lanzamento na próxima consola de Sony.

Pero a idea parece que vai cobrando cada vez máis forza, e así o di Fegal Gara, un dos directivos de Sony:

Cambiaron varias cousas dende a última vez que tratamos o asunto. Penso que quedeou demostrado que hai un gran paso can do as dúas máqunas se xuntam, e na Gamescom víuse.

De todos os xeitos, Gara afirma que polo de momento non existe ningún tipo de pack deste tipo.

Neste preciso instante non estamos producindo unha caixa que inclúa Playstation 4 e PS Vita. Mais para ser honestos poderiamos cambiar de opinión mañá mesmo e aínda estariamos a tempo de chegar ao lanzamento de PS4. Non é algo difícil de facer.

Como vedes vos este posíbel pack? Pensades que será unha estratexia clave para aumentar as ventas da portábel ou de verdade hai un vínculo moi bo entre PS4 e Vita?