Fumito-Ueda

Fumito Ueda, pai e xenio creador de títulos como ICO ou Shadow of the Colossus acaba de pedir desculpas publicamente polo enorme retraso que está a sufrir o seu próximo proxecto, The Last Guardian.

Sinto pedir perdón polo gran retraso, motivado por varias razóns que están facendo agardar aos xogadores durante tanto tempo.

Obviamente, a prensa non dubidou en facerlle todo tipo de preguntas, mais Fumito non soltou prenda, polo que seguimos sen saber data oficial, plataformas, ou se finalmente dará salto á PS4.

Manter a motivación é producir algo grande. Un hobby ou o alcohol pódenche refrescar temporalmente, mais non motivan a creatividade. Quero dar forma rapidamente a algo creativo e aumentar o ritmo de produción.

No caso de The Last Guardian, a miña visión estaba case rematada fai tempo, mais os detalles de cando, onde e como se complementaría estaban fóra do meu control.

Comenta polos problemas que tivo o equipo para darlle vida a este xogo.

Moito pedir desculpas, moito comentar que non ten problema ningún co equipo, mais polo de momento seguimos sen saber absolutamente nada sobre un dos xogos que máis deu que falar cando se anunciou, xa fai… xa fai… moito tempo.

thief_2013_sigilo

Os Quick Time Events seguen encantando a uns (parece que cada vez menos) e sendo odiados por outros, e despois de que os fans criticasen a inclusión destes na próxima entrega de Thief, os seus responsábeis decidiron eliminalos completamente.

Na demostración do xogo do E3 dunha hora de duración só había un QTE. Porén, debido ás fortes reaccións que se produciron entre a prensa especializada e a comunidade de usuarios, foi decisión fácil acabar con eles comlpetamente.

Este novo título chegará ao longo do 2014 para PC, PS4 e Xbox One.

Tráiler da historia de Dead Rising 3

Por: Luns, 11 de Novembro de 2013, 15:42 COMENTAR

dead-rising-3

Son eu ou o salto gráfico con respecto da próxima xeración non é tan importante como están a dicir. Polo de momento non me pareceu que ningún título dos que amosaron rechamase tanto, e agora, que nos chega o tráiler de Dead Rising 3, non vexo moita diferenza (ou ningunha) entre a Xbox 360 e Xbox One.

Obviamente falo deste tráiler que parece que non apostará pola calidade gráfica, e si polo número de personaxes en pantalla.

Dádelle a play e compartide a vosa opinión, porque a ver se vai ser cousa miña todo isto…

Análise de GTA V

Por: Xoves, 7 de Novembro de 2013, 16:27 COMENTAR

gta 5 2

Por fin, despois de innumerábeis horas percorrendo a xigante cidade de “Los Santos” cheguei á fin da historia de GTA V e podo dar a miña opinión persoal sobre este xogo que tanto deu que falar. De verdade é tan bo como din os críticos? Si, e non, pero vaiamos por partes.

Primeiro comecemos pola historia, e xa dando por sentado que a violencia (moitas veces extrema) é o pan de cada día desta saga, esta quinta entrega ponnos en pantalla a tres personaxes ben diferentes, Trevor, un psicópata amante da violencia e falto dun verán que non ten reparo e aniquilar a ninguén, Michael, ex compañeiro deste, que despois dalgún cambio nas súas vidas volven a reencontrarse, e Franklin un “pandilleiro” que sen querer, vese involucrado entre estas dúas persoas.

A novidade desta entrega non recae só na historia entrelazada de tres protagonistas diferentes, senón que inflúe directamente en termos de xogabilidade, xa que poderemos cambiar entre os tres personaxes nunha mesma misión, o que nun momento parece que o transcurso das misión será máis variada, pero deixemos de ser tan benévolos con este título e preguntémonos, está ben implementada esta idea? Pois aínda que nun principio gusta moito, pronto nos decataremos que non se explota demasiado ben a posibilidade que nos ofrecen tres personaxes simultáneos, e remataremos finalizando cada misión case en exclusividade cun só protagonista. Non me entendades mal, esta idea é xenial e agradécese un puntiño de orixinalidade, mais despois de ver tanta análise de “dez” , pensaba atoparme con algo máis xenial.

Mais o que si que saben facer ben os de Rocstar é involucrar a tres personaxes nunha mesma historia, mentres consegue narrarnos a vida individual de cada un sen que perda folgos en ningún momento, incluso obrigándonos a tomar decisións que influirá no resto da historia.

gta 5 3

E con isto preguntarédesvos, entón hai que volver a xogar ao GTA V varias veces? Pois se queredes saber a variación entre algunhas das decisións entón si, aínda que dubido que non queiras darlle un descansiño, porque GTA V é abrumador en canto a posibilidades.

Esta quinta entrega é unha xoia en canto a programación, e sentiraste como unha formiguiña no medio dese mapa, porque se che parecen poucas case 70 misións principais, terás infinidade de misión secundarias, todas elas da man das personaxes secundarias máis curiosas que nos pedirán axuda nas súas aventuras paralelas, ademais que de cando en vez aparecen marcados no mapa puntiños azuis que indican situación na que algún habitante necesita a túa axuda (nós decidiremos se o axudamos ou non), a parte a cidade de “Los Santos” está viva, e poderemos xogar ao golf, ao tenis, ir ao cine e outras tantas acción que xa estaban presentes en anteriores títulos o que fai que o simple feito de camiñar por esta cidade sexa unha verdadeira gozada. Iso si, é un título para desfrutalo con tempo, hai que darlle unha posibilidade e intentar descubrir todo o que nos ofrece, porque cando penses que xa non hai máis sorpresas, alí aparecerá un detalle mínimo que che fará pensar que os desenvolvedores pensaron en todo.

Se nos centramos na historia principal que é o que nos atopamos? Pois por moito que me berren os incondicionais da saga, non me parece unha historia principal nada espectacular en canto á definición destas. Si, certo, a medida que avanzamos atopámonos con momentos verdadeiramente épicos, pero quédanse a unha proporción mínima coa cantidade de misións de recheo, por chamalas dalgunha maneira.

Explícome para que non haxa mal entendidos. Moitas veces prepararemos golpes, como atracar algún banco, etc, e para iso necesitaremos realizar mini-misións, como conseguir un coche especial, vixiar…
Pois ben, que unha misión consista en ir a un extremo da cidade para roubar un camión, collelo, e gardalo nun almacén, sen atopar absolutamente ningunha resistencia ou algo que poña en alerta a nosa pericia, pois paréceme, por esaxeralo un pouco, unha perda de tempo. E coma esta misión, o xogo está pragado delas, algo que lle resta puntos a un título que polo que se escoita, aspira ser o título da vida (nótese a ironía).

Para min, este punto foi o máis negativo que vin neste xogo, porque por moi ben que o pases camiñando pola cidade, descubrindo segredos, a historia principal é o que marca a verdadeira calidade dun xogo, e para min, GTA V é un xogo demasiado sinxelo de pasar, no que carecen os momentos espectaculares e priman misións de recheo. Podería poñer decenas de misión deste tipo no que o único que hai que facer é avanzar sen ningunha oposición cara nós, é máis, o xa clásico medidor de alarma da policía, apenas pasa das tres estrelas, só en momentos puntuais, momentos no que tampouco é demasiado complexo desfacerte desta alerta. Aquí Rockstar non estivo demasiado atenta, poñería todo o empeño en recrear esa enorme cidade e despreocupouse un pouco das misión principais?

En canto á xogabilidade pouco cambio con respecto ao predecesor, só me parece algo confuso o control dos vehículos aéreos, aínda que no cómputo xeral é excelente, coches de todo tipo, motos, camións, tractores, quads, lanchas, avións… todo canto vexamos, poderémolo conducir.

gta 5 4

Por suposto non faltan as xa míticas emisoras de GTA V, que a dicir a verdade, de todos os xogos de GTA que lle botei a man, ningunha me gustou tanto como para que me chamase a atención, supoño que farán o seu propósito, dar unha ambientación de fondo mentres conducimos polas rúas da cidade, pero de aí a dicir que a selección de cancións é boa… hai un treito, moi, moi longo.

Até aquí sabemos que é un xogo xigante, cheo de posibilidades, con misión principais moi boas, aínda que pragadas de mini-misións nas que pouco hai que facer, con tres protagonistas entrelazados e un mundo por descubrir, pero como se plasma isto todo a nivel gráfico?
Pois Rockstar volve a sorprender neste aspecto, porque a nivel técnico é unha gozada. Resulta sorprendente observar as sombras da cidade, o xogo de luces, a nitidez coa que se ve todo e o dinamismo co que se move. Aínda que non conseguiron eliminar por completo o “popping” (xeración espontánea de obxectos), agora apenas se produce. Obviamente, cun mapeado de tal magnitudes sempre se produce algún “bug”, pero non deixa de quedarse nunha anécdota, porque en termos técnico, GTA V é unha auténtica obra de arte.

E falo ata detalles de ver como a xente abre paraugas cando empeza a chover, presenzar unha persecución policial allea a nós, atoparnos a xente acampando no medio dun monte, escoitar a xente rir mentres fala…

Estes detalles fan que a cidade estea viva, e todo cun apartado gráfico sobresaínte que nos fai que avanzar pola cidade sexa aínda máis agradábel.

Como podedes comprobar, GTA V é enorme si, pero ten as súas pegas, e para min a máis grande é a pouca espectacularidade das misión principais, de todos os xeitos non deixa de ser un xogo moi divertido, perfecto para adentrarte nel tendo tempo, moito, moito tempo, mais aquí está a pregunta do millón.

Este é o mellor GTA da historia? Polo que puiden ler todos opinan que si, mais dende logo a miña opinión é contraria, porque persoalmente, GTA San Andreas cómelle as papas a GTA V en canto a diversión, e o resto que poida escoitar, “hype” sen caducar.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=95|SON=89|XOGABILIDADE=94|DIVERSIÓN=90|DURACIÓN=97[/puntuacion]

iwata

Nintendo é un espíritu libre e non lle preocupa en absoluto a inminente chegada das novas consolas de nova xeración, é máis, presidente de Nintendo, Satoru Iwata, asegurou que isto non fai máis que fortalecer a industria do videoxogo.

E postos a dicir verdades, aclarou que o público a quen van dirixidos as consolas de Sony e Microsoft é diferente ao que vai dirixido Wii U.

Outras compañías lanzarán novas consolas en Occidente, mais creo que están enfocadas a un público máis dedicado. Neste sentido, aínda que a competición se poñerá quente e haberá artículos nos medio con títulos como ” a guerra das consolas”, preguntámonos se realmente o público destas plataformas será o mesmo que o noso.

Os nosos xogos dispoñíbeis para finais de anos, como Super Mario 3D World, Wii Party U, Mario & Sonic nos xogos Olímpicos de invero en Sochi 2014, Wii Sports Club ou Wii Fit, están dirixidos ao emprego familiar, e aqueles que mercaron a Wii e están interesados no que ofrece Wii U. O que é lixeiramente diferente a onde apuntan outras compañías.

Estas son as palabras de Iwata, deixando claro que non queren saber nada dos xogadores de toda a vida e seguen planificando crear para os casual gammers.

Aínda que despois de dicir estas palabras, quizais por arrepentimento, quizais por calmar aos hardcore gammers, tamén rematou dicindo:

Wii U comezará a recibir títulos harcore a partires do ano que ven.

Bo intento Iwata, bo intento…

Toyama-san

Keiichiro Toyama, director do clásico xogo de Silent Hill, así como o creador do moi recomendábel Gravity Rush, de PS Vita, confesa que estaría interesado en realizar un noco xogo de terror, aínda que diferente aos que ten feito.

Deste xeito cando se lle preguntou sobre cal sería o xogo que lle gustaría realizar, as súas palabras foron:

Traballei tanto tempo en xogos de medo que se acumula unha grande cantidade de ideas que serían boas nun xogo de terror. Así que me gustaría facer outro xogo de terror, mais facer algo diferente e facer un unicamente descargábel.

Se puidese facer un xogo dixital que puidese ser rematado nunhas horas, como Journey, e ofrecese unha intensa experiencia de terror, encantaríame intentalo.

PS4 non reproducirá nin CDs, nin arquivos MP3

Por: Xoves, 31 de Outubro de 2013, 14:36 COMENTAR

ps4 dual

Unha xarra de auga fría é o que lle supuxo a todos os futuros consumidores de Playstation 4 as declaracións de Shuhei Yoshida, presidente de Sony, afirmando que a consola non dará soporte a certos contidos multimedia entre os que se atopan CDs e arquevos en MP3.

Isto obriga a empregar o servizo Sony Music Unlimited se queremos escoitar música na nosa consola, algo que non gustou aos consumidores.

Para calmar os nervios Yoshida dixo:

Grazas polo feedback da ausencia de MP3 e soporte DLNA no lanzamento de PlayStation 4. Compartirei os vosos comentarios co equipo de desenvolvemento de PlayStation 4 para a súa futura consideración.

Nexon

O xefe financieiro de Nexon, Owen Mahoney, fixo unhas declaracións sobre a diferenza entre dispositivos móbiles e consolas e as súas palabras son para pensar a verdade:

A miña sensación é que as consolas farán moito no primeiro ou os dous primeiros anos, mais non penso moito nas consolas. A día de hoxe a diferenza entre as dúas está parcialmente definida como a que hai entre un MacBook Air e un Ipad. Están moi cerca, son dispositivos moi similares. Cando noso proxecto saia nun par de anos serán practicamente o mesmo dispositivo.

Continuou exemplificando:

Se unha consola che colle no peto xa non necesitas que estea enganchada a unha televisión ao 100% do tempo. Cando vexo aos meus fillos xogar, a maioría do tempo están xogando cun portábel ou unha tableta, en fronta dunha pantalla de 60 pulgadas cun par de consolas unidas. Sinxelamente, xa non lles interesan.

Declaracións que me producen tristeza, porque non deixa de ser un paso máis cara a evidencia, a desaparición das consolas.

ffvii-remake_2

Final Fantasy VII, despois de tantos anos despois do seu lanzamento aínda é nova a día de hoxe.

O rumor sobre a posibilidade dun remake actual camiñou por toda a rede ilusionando a tantos fans, mais foron Motomu Toriyama e Yuji Abe (director e deseñador de Lightning Returns:Final Fantasy XIII) quenes negaron este feito.

Polo que parece afrontar un proxecto destas características suporía un custo moi elevado para realizalo correctamente, xa que un remake deste clásico conlevaría redefinir e cambiar practicamente todo, polo que sería moi parecido a crear un xogo novo.

Remataron por comentar que aínda que existe interés en Square Enix por afrontar este proxecto, de momento a compañía nipona non vai a dar luz verde a esta produción a curto prazo.

xbox one disco duro

Aínda que polo que parece PS4 leva certa vantaxe sobre a súa competidora Xbox One, un grupo de analistas, concretamente a firma Baird Research, consideran que a consola de Microsoft venderá máis unidades que Playstation 4 neste Nadal.

O portavoz deste grupo, Colin Sebastian sinala:

A pesar de que outras estimacións dan certa vantaxe á PS4 en Nortamérica, nós agardamos un rendemento similar e incluso superior en ventas para Xbox One para o final da ventá de lanzamento.

Colin Sebastian tamén considera que entre ambas consolas van a vender entre 5 e 6 millóns de unidades, así como o esgotamento destas na maioría dos puntos de venta:

Os nosos controis en cadeas de tendas sinalan que hai unha demanda moi superior á oferta.

call-of-duty-ghosts

Con cada entrega de Call of Duty o hype e as polémicas surxen a miúdo, e despois de rumorearse que Call of Duty: Ghosts correrá a 1080p en Playstation 4 e a 720p en Xbox One, chéganos os requisitos mínimos de PC para correr esta nova entrega da saga de guerra máis famosa.

E preparádevos porque realmente debedes ter un ordenador potente:

Requisitos mínimos

Sistema Operativo: Windows 7 64-Bit / Windows 8 64-Bit.
CPU: Intel Core 2 Duo E8200 2.66 GHZ / AMD Phenom X3 8750 2.4 GHZ ou superior.
Memoria: 6GB RAM.
Disco Duro: 40 GB de espazo libre.
GPU: NVIDIA GeForce GTS 450 / ATI Radeon HD 5870 ou superior.
Tarxeta de sonido compatíbel con DirectX.
DirectX 11.
Conexión a Internet en Steam e para xogar ao multixogador.

Recordemos que estamos a falar dos requisitos mínimos, non dos aconsellados.

6 GB de Ram? Só sistemas operativos de 64 bits? Non controlo moito de ordenadores, pero non falamos dun ordenador verdadeiramente potente? Quizais coa chegada da nova xeración Infinity Ward queira subir o nivel do PC.

David-jaffe

Que Nintendo está perdendo folgos parece que é algo que se ve diariamente, e David Jaffe, pai de God of War falou ao respecto sobre esta situación que sofre a compañía nipona.

Non só asegurou que Nintendo ten que renovarse se non que incluso se atreveu a darlle unha solución, venderse a Disney:

Se fose Nintendo estaríame ropendo o cerebro para conseguir vender a miña compañía a Disney. Se nos fixamos no que fixeron con Marvel e o que está pasando con Star Wars despois de que a mercaran, daste conta que eles si que saben márketing e coñecen de marabilla ao seu público.

Por outro lado Jaffe tamén pide que Nintendo renove a súa plantilla, para aumentar a sí a súa orixinalidade:

Ultimamente escóitase moito que Miyamoto se vai retirar e que quere deixar paso a novos desenvolvedores. Non son gran fan de Pikmin, e non creo que haxa ningún xogo recentemente que me chame a atención como xogador, aínda que historicamente o que fixo é incriblemente importante para a industria do videoxogo. Cambiou para sempre a industria e aos seus personaxes seguen vivos.

David Jeffe ao seguir falando de Nintendo parece que se vai enfadando pouco a pouco, até pedirlle que por favor, que fagan algo novo:

Debería haber máis sangue nova traballando dentro da compañía empregando todo ese talendo. Son un gran fan de Nintendo, mais penso que é hora que haxa xente nova que realmente aprecie o que teñen e traian ás novas xeracións novas “merdas”. Que non perdan nunca a súa esencia, pero polo fodido a mor de deus, facede algo novo.

Personalmente non sei que será mellor, se que Nintendo siga así, sen facer nada, ou que se venda a Disney, mais o que si que estou seguro é que Nintendo terá que tomar unha complexa decisión, e tena que tomar xa.