Watch Dogs sairá o 27 de maio

Por: Xoves, 6 de Marzo de 2014, 16:27 COMENTAR

watch-dogs-atraso

Fai escasos minutos que Ubisoft concretou a data de lanzamento dun dos seus xogos estrea, así pois Watch Dogs chegará ás tendas o 27 de maio.

Foron moitos os rumores que navegaban pola rede sobre este dato, incluso algúns abrían a posibilidade a un novo retraso, mais finalmente a propia Ubisoft decidiu saír á palestra e quitarnos toda esta tensión acumulada.

Agora só queda que o xogo cumpra coas enormes expectativas que está a crear. Verémolo en maio.

Videoxogos na Educación

Por: Domingo, 2 de Marzo de 2014, 18:30 COMENTAR

Xogos na Educación

Moito se ten falado sobre a negatividade que implican os videoxogos sobre os nenos e nenas, moitas novas “engordadas” saíron nos medios por casos illados de rapaces con problemas que remataron delinquindo e incluso asasinando a familiares, e os medios de comunicación din que os responsábeis destes feitos son… os videoxogos.

O primeiro que debemos ter claro é que os videoxogos son outro medio para transmitir información, igual cun libro ou filme, e que está remarcado cada título para que idades son recomendados, resumindo na contraportada que temáticas tratará (para que os pais estean informados), polo tanto xamais podemos culpar a un medio, por moi inmersivo que sexa, de actos levados a cabo por rapaces con problemas psicolóxicos.

Partindo desta idea tan negativa que ten a maior parte da sociedade, podemos falar de videoxogos como apoio na educación dos rapaces? Pois eu penso que si.

Existen diferentes estudos que falan na positividade dos videoxogos nos nenos, e un destes aspectos é a capacidade para tomar decisións e rapidez nestas. Aqueles que son consumidores de videoxogos ao longo da súa vida toman mellores e máis rápidas decisións, así como están acostumados a preseleccionar mellor entre un grupo de “ítems”, o que favorece a unha análise máis crítica. A parte deste feito, os videoxogos (e máis na actualidade co seu online) forman unha comunidade virtual no que relacionarse entre eles fomentando a colaboración entre os mesmos e creando un vínculo que deben manter ao longo das súas andainas pola rede empregando videoxogos.

Tamén debemos eliminar os prexuíxos que existen neste ámbito no relacionado a, “xogos = a violencia”. Existen innumerábeis videoxogos que abarcan temas relacionados coa aprendizaxe, así de primeiras véñenme á mente títulos como Brain Trainning (no que nos propoñen asumir retos matemáticos, de memoria, de percepción…) ou mesmo a saga de Layton, na que encarnamos a un detective que terá que resolver os máis enxeñosos problemas para rematar a aventura.

Son simplemente unha pequena mostra dos xogos educativos máis famosos e que nos dan unha idea do que nos podemos atopar, estamos falando só da punta do iceberg, sumerxámonos e démoslle unha oportunidade, porque os videoxogos poden ser un perfecto apoio no ámbito educativo, empregando estes como suxeito motivador, incitar á cooperación, sinxeleza á hora de empregar… e tantas outras vantaxes que se deixan a un lado.

Outro dos factores importantes e que se mellora grazas aos videoxogos é a memoria. Os xogadores habituais teñen que memorizar en cada videoxogo unhas pautas que empregar ao longo da aventura, e indirectamente tamén teñen que memorizar o emprego de cada botón, polo que automaticamente implica un adestramento do propio cerebro.

Non menos importante é a mellora da capacidade dactilar e motricidade fina dos xogadores habituais, que son capaces de manipular mellor os obxectos coas mans. Aínda que nun primeiro momento non parece isto moi evidente, o movemento dos dedos mentres xogamos incrementa a nosa dixitalización, polo que á hora de coller obxectos pequenos, escribir no teclado e actividades similares, a eficacia dos videoxogadores vai estar por enriba do resto.

Pero entón, todo é positivo nun videoxogo?

Sempre temos que ter moi en conta que os videoxogos son actividades inmersivas para o xogador, polo tanto debemos ter moito coidado, sobre todo os pais á hora de deixar que os fillos inicien calquera videoxogo, mais o mesmo acontece cos filmes ou cos libros, os nenos e nenas van asumir o que vivan, e se lles permiten ver a filmes máis terroríficos, van interiorizar esas sensacións, e se lle permiten xogar a títulos violentos, pois pasará o mesmo.

Con isto debemos ter moi en conta e explicar aos rapaces que xogar con videoconsolas non é un acto malo, violento ou terrorífico como pretenden dar a entender algún medios, senón un medio máis e de igual importancia que ver un filme ou escoitar un disco, que como todo non se pode abusar, e que antes de que un rapaz vaia iniciar un videoxogo, hai que asegurarse que é apropiado para a súa idade.

Unha verdadeira pena que existan tantos prexuízos neste ámbito.

Sony está a preparar novos xogos third-party

Por: Martes, 25 de Febreiro de 2014, 15:54 COMENTAR

sony playstation

Coa recente saída de PS4 no territorio nipón, a consola de Sony segue a estar de actualidade e aínda que a propia compañía asegurou que a PS3 e Vita convivirán perfectamente co seu último dispositivo, Sony anunciou que xa está traballando en novos xogos third-party.

O anunciante foi o propio director de títulos third-party para consolas, Gio Corsi, que se apresurou a mencionar que non confirmaría nada até que puidese presentar algo real (moitos deberían tomar exemplo):

Non vou anunciar xogos até que sexan reais, nada de promesas falsas, nada de mentiras, só algo real. Hberá noticias moi pronto.

Mañá anunciarase un novo Angry Birds

Por: Xoves, 13 de Febreiro de 2014, 16:35 COMENTAR

angry birds novo

Así o comunicou Rovio a través dun dos seus portavoces:

Anunciaremos máis sobre unha nova aventura de Angry Birds, incluído o seu nome, mañá.

Pouco máis se sabe sobre esta nova aventura dos paxaros, mais prometen novas innovacións, e polo que podemos ver nesta imaxe, dannos que pensar nun novo apartado técnico.

Así, a saga Angry Birds segue a medrar, e a título persoal, non sei como chegou a tanto.

kartos vita

Sony parece que pretende alimentar a súa portábel tan só con recopilatorios, así, fixeron hoxe oficial o lanzamento de Sly Cooper Collection e God of War Collection.

O primeiro en lanzarse será Sly Cooper Collection que recopilará as tres aventuras saídas na PS2. A data de lanzamento será para o 16 de abril.

Semanas despois sairá God of War Collection, pack que traerá as dúas primeiras entregas da famosa serie protagonizada por Kratos, concretamente o 8 de maio.

Estas novas versións traen gráficos remasterizados e unha nova colección de trofeos que gustará aos cazarrecompensas destes logros.

Sony non debería pensar en realizar algún lanzamento máis orixinal para a PS Vita?

zelda between worlds 2

Se a Nintendo non lle saen as contas coa perda incesante de seguidores, é o suficientemente intelixente para saber que os que quedan debe darlle algo que xustifique este feito, e faino da forma que mellor sabe facer, seguindo lanzando títulos das súas sagas máis emblemáticas, pero isto, hai que recoñecelo, fáino de maneira insuperábel.

Baixo unha continuación de A Link to the Past (outro dos Zeldas obrigatorios) chéganos A Link Between Worlds, no que volven a secuestrar á princesa Zelda e que deberemos rescatar. Mais non é un secuestro habitual, senón que desta volta téñena cautiva nun cadro despois de convertela en pintura mediante un feitizo.

Así deberemos botar man da Triforza e dos poderes que Link irá conseguindo para superar todas as mazmorras que atoparemos ao noso paso. O xogo en si non é unha segunda parte de A Link to the Past, mais si que colle moitísimas influenzas, dende o mapa até a xogabilidade, pero como manter a calidade dos Zelda e ao mesmo tempo ser orixinal?

Aquí Nintendo fixo os deberes e aprobou con sobresaínte, porque ofrecen unha nova habilidade ao xogador, a posibilidade de converterse en pintura e así percorrer calquera superficie plana dentro da propia parede.

zelda between worlds 3

Este feito abre un enormísimo feixe de posibilidades, mais onde máis se nota é á hora de superar cada mazmorra. As mazmorras neste xogo son sublimes (quizais non ten complexas como noutros títulos, xa que raramente te trabas), mais a súa resolución é unha gozada. Cambio de planos verticais, posibilidade de camiñar dentro das paredes, enorme cantidade de obxectos que empregar e sempre cuns monstros finais, tamén moi doados, mais que debemos buscar o seu punto feble para derrotalos.

SUBLIME este apartado.

Mais se isto non vos parece suficiente, tamén temos a posibilidade de cambiar de dimensión, é dicir, a través dunhas aberturas que atoparemos en Hyrule chegaremos a un mundo paralelo denominado Lorule, no que habitan monstros de todo tipo e a perigosidade aumenta de maneira proporcionada. Tan ben implementada está esta opción, que incluso hai puzles nos que deberemos xogar coas dúas e cambiarnos entrando pola abertura correcta para chegar a solucionalo.

E todo isto coa liberdade absoluta, xa que por primeira vez teremos todos os nosos obxectos dende case o inicio da aventura, grazas a un peculiar personaxe que nos alquila e posteriormente nos vende tales obxectos como martillo, arco, bombas, etc.

Así, temos dous enormes mapas que investigar e con todos os nosos ítems case dende o inicio da aventura.

Se sodes dos que non vos gusta a linealidade e preferides avanzar superando misión secundarias, tamén estades de noraboa. Falando cos habitantes pedirannos que lles axudemos a realizar algunha fazaña, outros retarante a unha carreira, esquivar “galiñas”… e nunca sen esquecernos que por todo o mapeado están escondidos partes de corazóns, que se as atopamos alongamos a nosa barra de vida.

E por se fose pouco todo isto, coñeceremos a unha estraña criatura que nos perdirá se podemos atopar a todos os seus fillos denominados “mai-mais”, un total de cen criaturas escondidos nos lugares máis insospeitados entre Hyrule e Lorule.

Como podedes comprobar, o xogo ofrece moitas posibilidades que aumenta a súa duración considerablemente.

No referente nao apartado técnico Nintendo vove estar á altura, cuns efectos do 3D moi logrados (nótase como xa van collendo práctica) que incluso nos axuda a solucionar algunha mazmorra e cuns gráficos moi bos para a portábel de Nintendo. O colorido non falta, as texturas moi ben recreadas e aínda que a vista é cenital, a cámara ofrécenos sempre o que debemos ver, e o que non, xa está feito a posta para que o atopes pola túa conta.

Zelda Between Worlds 4

O son volve namorar, non só pola xa clásica musiquiña de Zelda, senón por toda a banda sonora que nos axuda a introducirnos no título.

Así, The Legend of Zelda: A Link Between Worlds é un xogo redondo, absolutamente obrigatorio para todos que teñan unha Nintendo 3DS. O único punto feble pode ser a dificultade que queda por debaixo que outros títulos, certo que para atopar algún ítem secundario quizais tardes, mais no referente á resolución de mazmorras é bastante sinxelo, unha forma máis de seguir namorando aos casual gamers.

De todos os xeitos só hai unha afirmación que sacar desta análise:

Tes unha Nintendo 3DS? Entón tes que ter este xogo.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=91|SON=95|XOGABILIDADE=95|DIVERSIÓN=99|DURACIÓN=93[/puntuacion]

nintendo-logo

Soturo Iwata, despois da reunión que tivo cos accionistas da compañía e debatir sobre o futuro de Nintendo, anunciou que traballa nunha nova plataforma dedicada ao deporte e “calidade de vida”, recordando claramente a Wii Fit.

Nos próximos anos, Nintendo creará unha nova plataforma que será independente das plataformas de videoxogos existentes. Este novo negocio ten que ver coa “calidade de vida” e centrarase na saúde en primeiro lugar. Isto apóiase na historia de Nintendo, que nun pasado creou experiencias de entretemento interesantes e fóra do tradicional.

Aínda non anunciaron cando sairía esta nova plataforma, mais queren poñela nas tendas entre abril de 2015 e marzo de 2016.

Criterion presentará o seu novo proxecto no E3

Por: Martes, 28 de Xaneiro de 2014, 16:22 COMENTAR

need for speed most wanted

Criterion Games, famosa por elevar a velocidade ao máximo esplendor coa saga Burnout fixo uhas declaracións sobre como será o seu próximo títulos:

Cambiamos moito. Cando somos adultos, encollemos, cambiando a forma. Novas persoas entran e outras antigas vanse. Iso é algo propio da natureza do negocio. Non se pode estar quieto en absoluto, non creo que se poida xamais. Iso é sen dúbida un gran foco para nós: sempre cambiar, adaptarse e innovar.

Fixemos Need for Speed: Hot Pursit xusto despois de Burnout: Paradise. Despois fixemos Need for Speed: Most Wanted. Entón dímonos conta que queriamos facer algo novo.

Encantaríame ofrecer o lado máis aberto do noso equipo, mais simplemente agora non é o momento adecuado. Cando chegue o momento, vamos a ser moito máis abertos do que fomos durante os últimos anos. Encántame que xa estea cerca o E3 para dar a coñecer máis. É unha pena que non poida dicir moito máis.

Toca agardar até o E3 que se celebrará durante os días 10, 11 e 12 de xuño, para ver se van innovar algo ou seguiremos vendo xogos de calidade, pero moi similares.

Primeiras imaxes do filme de Sly Cooper

Por: Martes, 28 de Xaneiro de 2014, 15:53 COMENTAR

Parece ser que nuns anos os cines recibirán unha serie de cintas baseadas en videoxogos, o que non é boa nova para aqueles excépticos, pero si para aqueles inxénuos.

Así, a títulos como Ratchet & Clank ou Heavenly Sword, únese Sly Cooper, coas primeiras imaxes incluídas.

O filme estará dirixido por Kevin Munrou, productor dos anteriores mencionados e chegará aos cines no longo do 2016.

Aínda que agardar, mais aquí vos deixo as tres primeiras imaxes que vos darán unha primeira impresión, para uns mala, para outros boa.

Ubisoft fala sobre os DLCs de Watch Dogs

Por: Xoves, 23 de Xaneiro de 2014, 14:46 COMENTAR

watch-dogs-atraso

Esta nova xeración vai tirando máis polo online, polo social, e con isto arrastra un dos grandes protagonistas da pasada xa pasada xeración, os DLCs.

Non vou entrar en polémica sobre o por que teño que pagar máis por algo que xa paguei, mais Ubisoft xa confirmou que ese gran esperado por todos, Watch Dogs contará con DLCs:

Si, estamos traballando nos nosos plans de contidos descargábeis agora mesmo, definitivamente temos a intención de facer DLCs. Estamos estudando a posibilidade de lanzalos ao comezo do ano que vén. Hai moitas historias que contar no universo do xogo, e hai diferentes perspectivas que queremos explotar, así que para nós é unha gran oportunidade.

Unha das cousas que estamos explorando é como poderiamos, dentro do mes seguinte ao lanzamento do título, crear máis experiencia xogábel, porque é unha cidade rica e temos montóns de ideas para cousas divertidas que se poderían facer e que non necesariamente están nos nosos plans agora mesmo.

Así que estamos explorando diferentes tipos de experiencia xogábel que podería permitirnos ampliar o mundo de xogo despois do seu lanzamento.

erros

Hai que entendelos…

Vía | Gamers de Culto

Filtrado vídeo de DriveClub

Por: Mércores, 22 de Xaneiro de 2014, 12:24 COMENTAR

Acábase de filtrar un novo vídeo de DriveClub, mais non é o típico vídeo gameplay para meternos o xogo polos ollos, senón un vídeo explicativo sobre as directrices de DriveClub que nos resume algunhas das súas características e de como se pode converter nun dos grandes do xénero.

Certo que tamén visualizamos uns segundos de gameplay, e do único que estou seguro é que están a facer unha campaña deste xogo realmente boa, e se todo o que amosan del é tan certo como parece, os amantes do motor (e incluso os que non) están de noraboa.