Adeus, Memoria Pixelada!

Por: Venres, 12 de Xuño de 2015, 22:12 8 COMENTARIOS

memoria-pixelada

Un domingo, 5 de abril de 2009, Memoria Pixelada abría as súas portas aportando novos datos sobre a posíbel chegada de Beyond Good & Evil 2, e desde aquela até hoxe, a pesar de que o mencionado videoxogo aínda non saíu á luz, nin se sabe nada del, a páxina si que sufriu moitos cambios e aventuras.

Aquel domingo, un servidor que vos escribe estas palabras tiña moi claro o que pretendía coa páxina, escribir para unha elite dunha minoría sobre videoxogos e empregando o noso idioma. Non sabía como ía avanzar, como ían presentarse as circunstancias pero esa primeira premisa tíñaa moi clara, e penso que a mantivemos ao longo dos anos.

Pouco a pouco foise unindo xente ao proxecto, colaboradores (ou integrantes) dos que sen dúbida, se non fose por eles, sábeno ben AmilGZ e Netoverflow (non me esquezo do resto, mais estes foron os que máis peso tiveron e máis tempo estiveron erguendo a páxina) Memoria Pixelada tería sido pechada xa hai ben tempo.

Así, conforme os colaboradores fomos medrando, a páxina tamén se foi facendo adulta, tropezando en determinadas ocasións, mais sempre sabendo erguerse e avanzando. Como dixen, non podo mencionar todas as persoas que colaboraron coa páxina, mais como creador dela, só vos podo dar grazas e centos de grazas. Con vós sentinme Mario comendo un cogumelo, sentinme Link cabalgando por Hyrule, sentinme ledo.

Nestes seis anos escribimos novas, artigos, análises, mesmo saímos na radio falando un pouco sobre nós. Comentamos a chegada desta xeración de consolas, vivimos en diferido todos estes E3 que tanto dan que falar e sobra dicir que xogamos a multitude de videoxogos para despois pasarvos a nosa opinión. Todo isto sendo moi conscientes de que aínda que a audiencia non era moita, tiñamos uns seguidore moi fieis que nos ofrecían todo o seu apoio. Foi por eles que percorremos toda esta viaxe, mais agora queda o peor, despedirse.

Crédenos que non foi doado, crédenos que tentamos evitar ver a realidade, porque moitas veces a realidade non é o que nos gusta vivir. Mais sodes moi conscientes de que a páxina leva un tempo en stand-by, e a pesar de que tentamos mudar este feito, non fomos capaces. A causa? A falta de tempo, sen máis.

Como saberedes, os que escribimos para Memoria Pixelada facémolo simplemente porque nos gusta, sen máis incentivo que o feito de que nos leades. Mais cando xa non podemos ter o tempo suficiente como para facelo de maneira habitual, chegan estas decisións. Oxalá puidésemos pasar o día a xogar a videoxogos e a plasmar todas as novas deste mundo. Oxalá, mais non é así. Non podemos dedicarlle á páxina o tempo que merece, e por tanto é o momento de poñer un punto e final.

Ollo, non é un “Game Over”, porque sempre pode quedar unha moeda de 25 pesetas no peto de atrás, agachada entre os panos, para un insert coin e volver renacer, pero de momento debemos dicirvos adeus, absolutamente agradecidos polo apoio que nos destes durante estes seis anos. Como dixen, o que depara o futuro ninguén o sabe, mais de momento Memoria Pixelada bota o peche. Tristes, porque as despedidas nunca son unha festa, mais ao mesmo tempo ledos e contentos por ter chegado até aquí con todos vós.

Milleiros de agradecementos pixelados.
Adeus, Memoria Pixelada.

A sobre explotación dunha saga, nótase ao longo dos anos

A sobre explotación dunha saga, nótase ao longo dos anos

SuperData, unha empresa de analistas deste mundo é quen lanza a nova á rede, asegurando que será un ano de grandes estreas sobre franquías ben coñecidas, como son Resident Evil e Call of Duty.

No caso de Black Ops 3, avanzan que será a finais deste ano cando a nova entrega desta rendíbel saga de disparos chegará ás tendas, mentres que no caso de Resident Evil, non se aventuran a especificar unha data.

De todos os xeitos, simplemente falamos de especulación, xa que non hai confirmación ningunha por parte de Activision nin Capcom, mais non é un aliciente máis para volvernos preguntar o de sempre.

Está xustificada esta sobreexplotación de títulos?

Que caducidade ten unha saga en que a orixinalidade se esgotou fai anos (nos dous casos), mais que o nome continúa a resoar con suficiente forza na cabeza dos xogadores, que seguen dándolle oportunidades perdidas?

Entendo que arriscarse con novas IPs pode resultar fatídico para unha desenvolvedora, mais, canto están dispostos a aguantar os consumidores de videoxogos a manter viva unha saga?

Mario, Super Mario

Por: Xoves, 26 de Marzo de 2015, 16:56 COMENTAR

mario negro

Fonte: Geek Time

Sentimentos dun videoxogo

Por: Xoves, 26 de Marzo de 2015, 16:51 COMENTAR

The Last of Us™ Remastered_20140808224650

Poucas veces un videoxogo marca tanto como esta xenial historia, porque The Last of Us, xa foi, e será, un referente de como facer as cousas ben.

En Memoria Pixelada: «Análise de “The Last of Us”»

Vía: jjoelmiller

A resolución de puzles é sinxela, pero orixinal

A resolución de puzles é sinxela, pero orixinal

Un dos grandes problemas co que se atoparon os desenvolvedores de videoxogos dende sempre foi encontrar a correcta maneira de transmitir a historia que queremos contar, envolver o xogador na propia aventura. Non só que siga o fío argumental, senón que se sinta parte dela.

Pois ben, Ubisoft Montpellier crea unha novela gráfica baixo o nome de Valiant Hearts: The Great War, que non só consegue contarnos unha historia verdadeiramente fermosa (dentro do que é unha Guerra Mundial) senón que nos agasalla cunha clase de historia interactiva que nos implica, aínda máis, a meternos na pel dos protagonistas.

Como xa adiantaba antes, Valiant Hearts é unha aventura gráfica na que nos narra a historia de varios protagonistas na Primeira Guerra Mundial, que verán como os seus camiños se cruzan ao longo de catro longos capítulos. Todo baixo unha interface de cómic interactivo dunha beleza enorme, que vos vai facer quedar observando os escenarios unha e outra vez grazas ao seu estilo propio.

Pero antes de falar do apartado audiovisual, pasemos a comentar un pouco o seu desenvolvemento. Se algo caracteriza as aventuras gráficas é a resolución de quebracabezas, a través da investigación de escenarios para recolectar obxectos que nos permitirá pasar á seguinte zona. E aquí debemos mencionar que, ao manexar a protagonistas diferentes, tamén teñen recursos e misións diferentes, aínda que controlando todos de maneira exacta.

Isto permite dar ordes a un can para que acceda a zonas que nós non podemos, empregar a forza (moi poucas veces), curar a aliados e mesmo pilotar un coche dende unha visión frontal nun pequeno minixogo de habilidade que vos fará desfrutar. E é que simplemente escoitar como nos lanzan bombas a ritmo da música (grandes temas clásicos que recoñeceredes enseguida) mentres vamos esquivando os perigos é… delicioso.

Atoparédesvos con pequenos minixogos de habilidade

Atoparédesvos con pequenos minixogos de habilidade

Pero aquí saco á luz o que para min é o grande erro de Valiant Heart: a dificultade. Porque sendo unha aventura gráfica, non nos supón absolutamente ningún desafío e avanzaremos sen ningún tipo de problemas nin trabas. A desenvolvedora francesa debeu arriscar algo máis neste apartado para ofrecer unha experiencia máis progresiva, porque mesmo certos minixogos de habilidade que nos propón a aventura podemos superalos á mínima.

A pesar disto, a duración é moi boa para un título deste calibre (9-10 horas). E aínda que a historia se divida en apenas catro capítulos, estes teñen múltiples subdivisións. Xa vos adianto que non é un xogo para pasar nunha tarde. E se engadimos que ao longo dos escenarios están escondidos sempre unha serie de obxectos, axúdanos a avanzar de maneira atenta e amodo.

Isto lévame falar a outro dos grandes acertos de Valiant Hearts, a clase de historia. Si, podemos falar de clase de historia, porque cada obxecto que topamos conta cunha descrición histórica sobre a súa relevancia na primeira Grande Guerra. E non só iso, senón que por cada fase que desbloqueemos (por non dicir que avancemos) ponse ao noso dispor unha serie de documentos que nos narran, de maneira breve pero efectiva, algunhas das pasaxes sufridas naquel conflito tan duro e estremecedor como real. E aínda que estes documentos son opcionais de ler, dende Memoria Pixelada vémolos case obrigatorios ao xogar este título, porque non só nos fai saber datos que ao mellor decoñeciamos, senón que esas historias están ligadas á historia que vivimos no propio xogo, polo que nos axuda aínda máis a meternos na historia. De verdade, sublime.

Recorrer todo o escenario, unha constante

Percorrer todo o escenario, unha constante

Agora tócame falar do apartado audiovisual, pero tendo en conta que Ubisoft Montpellier foron os encargados dos últimos Rayman, tampouco sorprende tanto que este apartado sexa sobresaliente. Graficamente é como ver un auténtico cómic en movemento, nin máis nin menos, con escenarios cheos de detalles (en certa maneira minimalista), pero quizais sexa isto o que lle da tanta personalidade a este apartado.

Alén disto, durante toda a historia non existen os diálogos, simplemente se nos indican as misións a través de imaxes, limitando os diálogos ao do narrador que nos introduce en cada capítulo de maneira perfecta.

E no referente a banda sonora, outro tanto do mesmo. Dependendo do capítulo podemos escoitar dende alegres cancións da época até grandes clásicos introducidos no títulos de maneira maxistral. Mención especial á música que escoitamos cando estamos a ler os documentos históricos, baseada simplemente nun piano que nos evoca a tristeza e desesperación do que supón un conflito así.

CONCLUSIÓN

Estamos ante un xogo sobresaliente en case todos os seus aspectos, que nos fai vivir unha historia fermosa chea de emoción, tensión e tristeza a través dun cómic interactivo, e que nos consegue somerxer de cheo nel grazas a maneira soberbia de nos contar unha historia.

Os subscritores a PSN Plus non teñen escusa este mes para non lle dar unha oportunidade a este título que parece que pasou desapercibido, xa que o poden descargar de maneira gratuíta.

Se lle perdoades a dificultade e vos gustan as aventuras gráficas, ou simplemente as aventuras fermosas, non o dubidedes e botádelle man.

[puntuacion]ESTILO=Sonic|GRÁFICOS=92|SON=88|XOGABILIDADE=93|DIVERSIÓN=95|DURACIÓN=83[/puntuacion]

A casualidade dos “Casual Gamers”

Por: Luns, 2 de Febreiro de 2015, 16:51 1 COMENTARIO

Ao mellor as palabras que estades a ler non son máis que froito da miña memoria, moitas veces moldeada pola motivación daqueles anos no que xogar era un sinónimo de meta a lograr, de satisfación sufrida e de enfados alegres. Ao mellor as palabras que estades a ler non son máis que unha vulgar sincronía para dicir a falacia de sempre: “O de antes era mellor”.

Non o nego, mais o que si que estou seguro é que de certo tempo cara adiante comezouse a empregar un termo que hoxe en día está completamente inmerso no léxico de calquera xogador, “casual”.

3101_540x314

Pero como chegamos a este termo? Acaso fai vinte anos non existían? Pois por suposto que existían, fai vinte anos (podemos pensar en máis atrás tamén), existían igual que agora xogadores con máis pericia que desfrutaban do difícil, e xogadores que preferían a fugacidade dos videoxogos respaldada pola facilidade, mais o verdadeiro cambio con respecto á actualidade era a mentalidade da sociedade “gamer”.

Daquelas a comunidade de xogadores daba por feito que rematar un videoxogo era motivo de conversa, era un reto que merecía ser contado nas redes sociais, que daquelas eran tabernas, bares, parques, colexios… Aínda recordo perfectamente (e tampouco hai tantos anos) contarlle aos compañeiros que superara o primeiro Devil May Cry en dificultade difícil, e xa o modo normal lle chegaba ben, todo sexa dito. Todo isto orgulloso do feito, todo isto despois de horas e horas diante da consola memorizando as mellores estratexias para rematar cos inimigos.

As compañías sabían perfectamente este feito, sabían que os xogadores querían retos e facían xogos de acorde, porque non nos enganemos, o mercado manda, e naquelas mandaban os xogadores de toda a vida, os que pouco despois foron catalogados como “hardcore gamers”, alcume que trouxo consigo múltiples prexuízos a estes xogadores e menciono directamente:

“Eses son uns frikis””Eses non teñen vida social””Eses perden a vida diante da consola”…

Pero non nos alonxemos daquelas épocas, porque a solución das compañías de videoxogos para os xogadores que non querían os retos tan complexos era ben sinxela e efectiva: Diversos niveis de dificultade.

1994-vs-2010-difficulty

Xa sei que agora tamén existen estes niveis, pero sexamos honestos, a inmensa maioría dos xogos actuais, a que chamamos dificultade normal, aseméllase moito máis a dificultade doada de anos atrás, e o que hoxe chaman “difícil”, ten moitas máis similitudes á dificultade normal daqueles anos. Que pasou? Por que esta diferenza?

Frústrome ao ler análises sobre videoxogos nos que catalogan como “unha dificultade moi ben axustada”. Axustada a quén? a unha sociedade que só busca o breve e sinxelo (xa non só en termos de videoxogos), a unha sociedade que se un usuario queda bloqueado nunha fase xa abandona o xogo, ou corre mirar en internet cal é a mellor maneira de superalo.

Ben sei que hai excepcións e xogos actuais ben complexos, mais simplemente estou facendo unha breve comparación entre o antes e o agora, entre o amor polos videoxogos e a simplemente continuación dunha moda, e tamén é certo que un xogo difícil non é sinónimo de calidade nin moito menos, pero si de paciencia e esmero, de ilusión e forza de vontade.

Mais como dixen ao principio, quizais só sexan as palabras da memoria dun xogador, que viu como se foron transformando os videoxogos de experiencias interactivas, a filmes interactivos.

PS-VITA

Un dos responsábeis de Sony Computer Entertainment na súa división americana falou sobre a posibilidade de cambiar de estratexia para levar xogos Triple A á súa portábel.

A economía simplemente non funciona co proceso tradicional. Temos que facer algo diferente para levar xogos Triple-A en PS Vita. Lográmolo até certo punto facendo xogos de Playstation 4 que funcionen na portábel coa funcionalidade de xogo remoto.

PS Now será outra maneira, amosando en streaming xogos de PS3 na PS Vita. Non podo agardar para ver PS now, espero que podades probar a experiencia e me fagades saber o que pensades de todo isto.

Aínda que á portábel de Sony non está pasando polo seu peor momento, Sony sabe perfectamente que ten que aumentar a calidade dos seus videoxogos, porque os usuarios desta consola son unha masa moi crítica, e a compañía sabe perfectamente este feito.

codigo wii

A pouco máis dun mes de que a feira dos videoxogos por excelencia, o E3, dea comezo, os rumores comezan a aflorar, e un dos que máis chama a atención é que Nintendo podería presentar un novo sistema.

Así aparece reflexado no código fonte da web oficial da compañía, pouco antes de que e apresurasen a borrala.

Despois da mala época que está a pasar Nintendo a ninguén nos estraña que pretendan avanzar e cambiar de estratexias, mais de aquí a presentar unha nova videoconsola hai un treito moi grande.

Mais este novo sistema pódese referir a algún que outro dispositivo que relance as súas ventas, quén sabe.

gears_of_war_4-2520572

A saga Gears of War aterrará na Xbox One, iso sempre foi un dato seguro, mais o que non sabiamos é quen ía estar ao se cargo, levando esta enorme responsabilidade.

Pois Microsoft decidiu darlle esta oportunidade ao nóbel estudo Black Tusk. Custa crer esta arriscada decisión, sabendo que a saga Gears of War leva millóns de seguidores, e aínda que a última entrega fose un “fracaso”, en todos os seus aspectos, a chegada dos Gears á nova xeración tennos a todos impacientes, e quizais non perdonaremos unha entrega tan “light” como a anterior.

De todos os xeitos o estudo Black Tusk amósase emocionado ante este proxecto e para nada initimidado, tanto que xa está a pedir opinión a todos os fans da saga para saber as súas opinións do que lles gustaría ver nesta nova entrega.

Obviamente aínda queda moito para ver algo máis deste novo Gears of Wars, pero non sexamos mal pensados, démoslle unha oportunidade.

E3MicrosoftPhilSpencer-1

Microsoft non o está facendo ben, isto sabíase dende o fracaso de presentación da súa Xbox One e neste momento podemos asegurar que a PS4 está moi por diante da Xbox One.

Microsoft sabe isto perfectamente, polo que despois de poñer como xefazo a Phil Spencer, a súa gran primeira intervención é para dicir que neste E3, Microsoft vai traer o mellor catálogo de contido en moito tempo.

Estamos nos inicios da nova xeración e obviamente Sony tivo un gran lanzamento. A industria do xogo en consola está a facelo incriblemente ben nestes momentos. Fai seis meses todo o mundo preguntábase se o feito de xogar en consola había morto…mais esta é unha longa xeración e teño a creencia de que os grandes xogos crean as mellores plataformas.

Acabou mencionando que a súa conferencia no E3 centraríase en exclusiva nos videoxogos, con moi poucos executivos en escena e que duraría aproximadamente 90 minutos.

As primeiras imaxes do que será o xogo de “Padre de Familia” para Android e iOS, vanlle soar familiares a máis de un, porque tirará por unha estratexia similar ao exitoso xogo dos Simpsons, “Springfield”.

O produto responderá ao nome de “The Familiy Guy Mobile Game” e sairá en abril deste ano.

ground zeroes

Todos coñecemos a Hideo Kojima e a súa maneira de “hypear” os seus videoxogos, e como o vai facer coa súa nova entrega de Metal Gear Solid? pois xustamente desta maneira:

Estou preocupado porque o xogo é demasiado grande, 200 veces máis grande que Ground Zeroes.

Ground Zeroes, que servirá como prólogo até a chegada da quinta entrega de Metal Gear sairá o 18 de marzo e está a ter boa crítica, mais sabemos que non é precisamente un prólogo moi longo, algo que queren compensar con Phantom Pain.

Realidade nas palabras de Kijoma ou simplemente publicidade para que o seu xogo estea na boca de todos?

Vós diredes.