Poucos dos que lean este título imaxinarán que me refiro a videoxogos mainstream para ordenadores. Alá polos afastados 80, cando as creacións videoxoguís se baseaban no cine, e non ó revés; cando esta industria era algo embrionario e as ideas frescas e algo inxenuas duns poucos (post) adolescentes, brillantes pero sen medios (factores hoxe en día etiquetados no Credo dos indies), os videoxogos se vendían en cintas de cassette.

Dinamic_anuncio_entebras

Certo é que en países coma o Xapón e os EUA xa había outros formatos e niveis de Industria substancialmente maiores, pero no Reino Unido (e un pouco máis ó Sur de Europa) máis do 80% do ocio electrónico se xestaba nas casas, con programadores e grafistas que tomaban bocatas de chourizo en vez de café, grafistas que usaban cadernos de papel cuadriculado en vez de complexos entornos GUI, xoves que intuían e evoluían as súas obras conforme avanzaba o seu desenvolvemento (ás veces sen apenas información técnica).

Sen plans de mercadotecnia ou de complexos plans de mercado. Case sempre ó amparo da economía paterna. Ata que algún selo de distribución se fixaba neles.

Algúns “puntas de lanza” chegaron a establecerse como membros do cadro de persoal asalariados e nun local físico, nalgunha das 4 grandes: Dinamic (dos irmáns Víctor e Snatcho Ruíz, e que despois de diversas crises posteriores e adaptacións ós saltos tecnolóxicos perdura ata hoxe en día como FX Interactive), Erbe/Topo Soft (creada e impulsada polo excantante de Fórmula V, e para min unha sorte de Steve Jobs hispano-perdoádeme o hype-, Paco Pastor), Ópera Soft (no que se atopaban mentes tan brillantes coma Gonzo Suárez, activo na industria ata hai “4 días”), Zigurat/Made in Spain (con fundadores totalmente autodidactas, e posteriormente recrutadora de freelances ata o colapso dos 8 Bits).

Opera_Soft_entebras

Outros traballaron para outros selos menores (a espectacular Dro, Zafiro, Proein, Mind Games España), pero en calquera caso e a pesar de que na moi frutífera produción había producións claramente amateurs e con graves carencias (aínda que non sempre por falta de responsabilidade ou gana, lembremos que as obras de animación e de ocio electrónico se consideraban infantís e insolventes); houbo xogos que destacaron pola súa validez ou pola orixinalidade (ceibes de filtros de censura, corsés de clasificación por idades ou do dirixismo dos “Briefings” doutros Sectores).

Foi unha época na que os xogos e o cómic se daban a man (incluso nos Packaging, contratando a ilustradores de tanto prestixio coma Carlos Giménez, Ciruelo Cabral, Alfonso Azpiri, Luis Royo -estes dous últimos con multitude de encargos no sector-). Era unha época na que a memoria RAM era un recurso a conservar, non había formatos gráficos estándar nin algoritmos de compresión de son coma o .MP3.

¿Onde foron todo eses pioneiros? Algúns non pasaron de programar uns poucos xogos, ata que marcharon á Universidade ou foron chamados a filas (sí, daquela había un Servizo Militar Obrigatorio); outros, traballaron nos florecentes novos sectores da Informática (que tanto creceu e se diversificou na década dos 90, xente coma Roberto Potenciano), e tamén houbo programadores que engrosaron as filas dos programas de Xestión.

E os menos, permaneceron nesta Industria, xa cunha presenza minúscula e batallando contra tódolos obstáculos da actualidade (a Globalización dos Mercados, a Piratería, as políticas restrictivas dalgunhas plataformas de xogo). Incluso houbo oco para entrar nos sector das Máquinas Recreativas antes do seu colapso definitivo (Gaelco).

After_the_War_entebras

Todo o proceso se facía de forma artesanal, pero aquel espírito e cariño deses pioneiros impregnaba as súas obras de singularidade, e permitiu prende-la chama creativa para nenos coma min.

De tódalas formas, a industria dos 8 bits foi inspiración, e os novos futuros creadores se empaparon das novas tendencias (como anos atrás fixeron aqueles que tiñan diante un Spectrum, Amstrad ou MSX): a demoscene (os que alimentaron o staff da Saga Commandos), as páxinas web. En fin, outra historia.

Lectores/as, se esta época significa algo na vosa vida (ou se ledes esta reseña porque vos picou a curiosidade), a vós e só a vós vai adicado este artigo.