Como podo xogar con eses cartuchos doutros países que tanto se ven no “ebay” nas miñas consolas clásicas? Como podo facer para que a miña NES saque son estéreo? Que solución teño ante os quencementos esaxerados dos meus sistemas de entretemento de toda a vida que non teñen ventilador interno? Con esas e outras preguntas similares un pode acabar o día mirando na rede e atopar titoriais, artigos e todo tipo de axudas para algo que quizais non soubera: as posibilidades que existen para modificar as nosas consolas para poder gozar de características técnicas que non ofrecían ao compralas no seu día e todo iso sen ser enxeñeiro nin ter demasiados coñecementos de electrónica xeral. O chamado “modding” no seu termo inglés ou máis coñecido polas nosas terras como “bricolaxe consoleiro”.

As modificacións que se poden atopar van dende cambiar artísticamente a imaxe exterior da consola ata truquiños para que unha consola execute xogos doutras rexións en principio incompatibles, novas saídas audio/video en sistemas que son teñen a típica de antena RF, son estéreo ou pseudo estéreo en sistemas “mono”, interruptores para cambiar a rexión (o que afecta á velocidade e visualización), trocar ou engadir “luceciñas” ou “leds”, ou mellorar os mandos de control con botóns e pancas novas máis “amigables”.

Ler o resto da entrada »

Son diversos os xeitos de gozar nos sistemas actuais de xogos de corte clásico, sinxelos e sen pretensión algunha de durar para sempre aumentando experiencia en personaxes sen un final determinado. O primeiro que se nos ven á mente son os emuladores e os arquivos de rom, ou se cadra pensades en edicións especiais de colección nas que se recompilan antigos xogos para os sistemas de hoxe en día, como poden ser os “SEGA Classics” ou os “SNK Arcade Classics”. Pois nin unha cousa nin a outra (ou poida que un chisquiño da segunda); nesta ocasión falarei dos “minis”, pequenos xogos feitos ben por creadores independentes ou ben por grandes empresas, pero con características comúns referentes principalmente ao tamaño en disco e ao sinxelo das súas fórmulas, e que se poden conseguir na PlayStation Store para a PSP de Sony.

Nesta ocasión falareivos de tres xogos en concreto sen basearme en nada especial como podería ser prezo, xénero, orixinalidade ou características técnicas. Son tres xogos que probei, que me gustaron e que quero que coñezades.

O primeiro é un “mini” chamado “Coconut Dodge” (evitar cocos) da compañía Futurlab. A idea é simple: ti es un cangrexo que está tranquilamente na praia cando de súpeto empezan a chover cocos, ouros, bolas de praia, diamantes e tesouros variados. Ben, non é a cousa precisamente así, pero facédevos unha idea. Hai que manexar con destreza ao animaliño pola pantalla, recollendo os obxectos de valor e evitando os cocos, que nesta ocasión son “o que nos mata”. As cousas non deixan de caer en series ben programadas e por momentos a estratexia que hai que seguir resulta complicada e “para expertos”. Lóxicamente, canto máis dure a partida e máis tesouros academos, máis alta a puntuación. Como dixen antes, sinxelo. Cando un canse do modo principal de xogo ten o chamado “modo labirinto” ou “maze” como aparece en pantalla, no que no canto de aguantar ata morrer, o xogador ten que acadar unha puntuación mínima nunha serie concreta e normalmente rápida na que a estratexia é fundamental. Estas pantallas especiais deberanse desbloquear no outro modo de xogo según vaia avanzando a cousa. Coidado, que é ben aditivo!

Coconut dodge

Coconut dodge

O segundo “miúdo” do que vou falar é “Spot the differences” (sinala as diferenzas) de Sanuk Games. Penso que non compre dicir moito deste xogo para que vos fagades unha idea case perfecta do que lle agarda ao xogador, pero alá vou: dúas imaxes, unha á esquerda e outra á dereita, en principio iguais pero con cinco pequenos detalles que fan que perdan a condición de xemelgas. E son esas pequenas diferenzas as que hai que sinalar co cursor. Basicamente iso é o que hai que facer unha vez tras outra no que dure a partida, procurando que non remate o tempo antes de atopar todas as diferenzas de cada par de imaxes. Como empurronciño para animar a cousa, ao xogador se lle presentan varios niveis de dificultade que deberán ser desbloqueados no que avanzamos. Logo de xogar un pouco poderemos facelo nas categorías de imaxes que prefiramos en partidas especiais. Non ten máis, pero dende logo a moitos de vos seravos dabondo para poder dicir que paga a pena facerse co xogo. Se lle dabades duro nos recreativos ao “find it!” nas maquiniñas táctiles, vaivos gustar sen dúbida.

Spot the differences

Spot the differences

O derradeiro xogo que vos recomendo é o “Pacman Championship Edition” (Pacman edición campeonato) de Namco Bandai. Unha delicia, sen máis; pódevos gustar máis ou menos o xoguiño do “comecocos” e pode que esteades fartos de xogalo e pode ser que pensedes que non vos pode ofrecer nada a estas alturas do conto, pero paga a pena, en serio. Un “pacman” moi dinámico, cun desenrolo animado e que invita a seguir xogando e reintentando as partidas para mellorar a nosa puntuación, todo grazas (supoño) a pequenas pero importantes variantes con respecto ao orixinal. Nesta ocasión os “puntiños” que o protagonista vai comendo non estarán dispoñibles así por así, se non que aparecerán ao tragar as froitas que aparezan en sitios estratéxicos. Como engadido para os que aínda non teñan razóns dabondo para probalo, están as “medalliñas” que conseguiremos con proezas concretas nas partidas, cada vez máis complicadas de conseguir, lóxicamente. Perfecto título para redescobrir o “Pacman” ou ben para reconciliarse con el se é que lle tiñades algunha clase de teima.

Pacman Championship Edition

Pacman Championship Edition

É doado que todos lembredes o popular xogo de espada e maxia de SEGA “Golden Axe”, descaradamente baseado nos personaxes de “Conan o bárbaro”, que revolucionou os arcades alá por 1989 e poida que unha bo morea de vos continue a xogar nel hoxe nas consolas ou emuladores. Non so foi declarado mellor xogo daquel ano pola prensa especializada senón que a afección corroborou tal galardón de xeito case unánime, sendo moi alta a recadación nos salóns recreativos e as ventas das conversións oficiais para os fogares en Mega Drive e Master System.

Dende aquela foron saíndo máis conversións, despois segundas e terceiras partes da saga e “remakes” de afecionados, uns con máis sona que outros. O que aquí vou comentar é un deses “remakes” pero de corte profesional, programado pola propia SEGA para a PlayStation 2 de Sony, que podemos atopar no recompilatorio “SEGA Classics Collection” do ano 2005, que viña tamén con versións melloradas doutros sete xogos de SEGA “de toda a vida”: Columns, OutRun, Virtua Racing, Monaco GP, Fantasy Zone, Space Harrier e Puzzle & Action (Bonanza Bros. / Tant R).

O primeiro que habería que remarcar é que para alguén que nin xogou nin coñece a versión orixinal do Golden Axe, este “remake” pareceralle un xogo aburrido e sobre todo monótono, que asemella non ter fin e por intres cunha dificultade demasiado elevada. É dicir, que para gozar do título cómpre non só coñecer a saga (ou polo menos a primeira parte) senón tamén ser “fan” dela. E aínda así… en fin, vexamos.  Ler o resto da entrada »

Escoita con atención

Por: Domingo, 18 de Novembro de 2012, 19:55 COMENTAR

Por todos é ben sabido que os temas musicais en 8 e 16 bits eran en moitas ocasións composicións complexas que ven poderían ser asinadas polo mesmiño Mozart. E sen esaxerar, por grandes compositores do noso tempo. O que está claro é que estas pezas das que falo non son as típicas melodías para “pasa-lo grolo” por parte dos programadores que ben poderían darse tendo en conta o apartado visual dos xogos da época, que era primario e baixo recursos de hardware limitados. A diferenza entre os gráficos e o son era, nos mellores casos, como o do día e a noite. O malo é que esta calidade musical pasaba desapercibida ou máis ben menosprezada. Sen ir máis lonxe, aos mandos dunha NES levando a Mario polo mundo dos cogomelos, escoitabamos unha doce e harmoniosa musiquiña que acompañaba os brincos e as carreiras do fontaneiro pero que quizais non era ben comprendida en toda a súa magnitude, asemellando, se non lle prestabamos atención dabondo, sons “tintineantes” un detrás doutro sen moita complicación. E tampouco é cousa de criticar ao xogador por iso, pero si que merece que deamos outra oportunidade ao concepto que quero transmitir e vexamos un exemplo práctico. Nesta ocasión, preséntovos un vídeo no que un seguidor dos xogos clásicos  interpreta ao teclado as músicas do xogo Ice Climber, un clásico entre clásicos para a NES de Nintendo. Non o tentedes na casa a non ser que dispoñades de horas e horas para ensaiar.