Informan de Pokéxperto que está dispoñíbel na Europa un novo evento para os xogos Pokémon Omega Ruby e Pokémon Alpha Sapphire. Introducindo o código Pokemon497 no regalo misterioso obteremos un Serperior coa habilidade oculta Contrary (Respondón) e o ataque Hold Back (Clemencia), que non poden saber doutro xeito.

Se tes dúbidas de como conseguilo, simplemente segue as instrucións que dá Pokéxperto neste vídeo.

O Club Nintendo bota o fecho

Por: Martes, 20 de Xaneiro de 2015, 19:16 COMENTAR

club-nintendo-e-mario

O Club Nintendo Europa comezou alá por 1989 como un servizo de atendemento ao cliente. Coas consolas de Nintendo (e, en ocasións, algúns xogos) viña un cartón para facerse socio, que só tiñas que encher e enviar (co franqueo pago!). Entón enviábanche á casa un carné de socio e… xa eras parte do clube!

Nos primeiros tempos enviábanche unha revista bimestral á casa, mais había que renovar a pertenza ao clube unha vez ao ano, mostrando que compraras produtos da Nintendo. Máis tarde, na época da Nintendo 64 (que é a que lembro eu) o clube era un chisco distinto. Funcionaba por teléfono e correo postal. Dunha banda, se quedabas atascado nun xogo podías chamar ao teléfono do Club Nintendo e axudábanche, dando previamente o número de serie do xogo para garantir que o compraras. E tamén podías pedir unha guía do xogo, que che enviaban á casa gratis. E, aínda por riba, tiñan un servizo onde enviabas cartas coas túas dúbidas e respondíanche igualmente por carta. Moi útil, aínda que non me valeu para que me dixesen como conseguir a Mew no Pokémon Azul.

Máis tarde chegaron a Game Cube e a Game Boy Advance, e o clube pasou á internet. As guías dos xogo pasaron a ser online, a axuda por correo electrónico… e en 2003 chegou a mellor novidade de todas. O Catálogo de Estrelas. Con cada xogo e consola viña un código de rexistro, que metendo na web podías trocar por estrelas. E as estrelas podíanse trocar por premios. Así conseguín eu, por exemplo, o The Legend of Zelda: Collector’s Edition para a Game Cube (como suei para conseguir as 10.000 estrelas, mi madriña!). E non só iso, aínda hai un mes conseguín o Kirby: Triple Deluxe cunha promoción do clube!

Mais chega de nostalxia. Hoxe a Nintendo anunciou que fechaba o clube. Deste modo, a partir do 1 de abril os produtos de Nintendo deixarán de traer o código para trocar por estrelas. A partir de 20 de abril xa non será posíbel trocar por estrelas os produtos dixitais descargados da eShop. E o 30 de setembro acaba todo e xa non se poderán trocar estrelas, nin darse de alta no clube, nin nada.

A parte boa? Dunha banda prometen novos premios para trocar as nosas estrelas até o 30 de setembro, incluíndo quizá algún xogo descargábel. E da outra o fin non é ben o fin, e o Club Nintendo terá como sucesor outro programa de fidelidade do que aínda non sabemos nada, e que traerá como regalo o Flipnote Studio 3DS descargábel a quen se apunte nel coa nova New Nintendo 3DS.

Continuaremos a informar cando haxa máis información.

Beta do Zelda: Majora’s Mask

Por: Xoves, 15 de Xaneiro de 2015, 11:14 COMENTAR

The Legend of Zelda: Majora’s Mask é un gran xogo mesmo que sexa diferente… e teña unha lúa arrepiante..

Mais este vídeo non fala sobre a arrepiante lúa e os seus arrepiantes amigos, fala sobre a beta do Majora’s Mask. Ou debería dicir Zelda Gaiden?

Nota: O vídeo está en inglés.

Canal | Beta 64

Fonte | Lifehacker

A física nos videoxogos

Por: Domingo, 4 de Xaneiro de 2015, 15:39 COMENTAR

Nunca vos preguntastes cal sería a aceleración da gravidade no Super Mario Bros? Non? Pois que raros sodes… neste vídeo explican iso e moitas máis cousas sobre a física dos videoxogos. E si, segundo iso Mario é máis rápido que Sonic, mais todos sabemos que iso é absurdo.

Canal | Nerdologia

Os xogos actuais son moooito máis fáciles que os de antes. Entón, como reaccionarán os adolescentes de hoxe a un dos xogos máis desafiantes da Nintendo?

Canal | REACT

Os problemas de chamar New 3DS á nova 3DS

Por: Sábado, 27 de Decembro de 2014, 12:08 COMENTAR

Tes a 3DS estragada e queres comprar unha 3DS nova? Que vas comprar entón, unha 3DS nova ou unha Nova 3DS nova? Ou sexa, queres unha 3DS vella nova ou a nova Nova 3DS? E quérela de segunda man, ou prefires unha 3DS vella nova nova ou unha Nova 3DS nova nova?

Nota: O vídeo está en inglés.

Canal | BalrogTheMaster

Primeiras imaxes do novo Zelda para Wii U

Por: Sábado, 20 de Decembro de 2014, 12:21 COMENTAR

Aquí están as primeiras imaxes do novo xogo de Zelda que se espera para a Wii U, segundo mostros a propia Nintendo.

Nota: O vídeo está en inglés.

Canal | TheJWittz

Por que Nintendo fai ben

Por: Venres, 19 de Decembro de 2014, 19:00 4 COMENTARIOS

Hai moita xente que rexeita as consolas actuais de Nintendo, que non son para xogadores de verdade, que se están a equivocar moito e van acabar na ruína… mais eu aquí vos vou demostrar que non é así.

iwata-mostrando-wiimote

Satoru Iwata, presidente de Nintendo, mostrando ao público o WiiMote.

Na diferenza está a cuestión

familia-xogando-wii

Típica familia estadounidense.

Para comezar, dedicarse aos grupos de xente que normalmente non xogan aos videoxogos é unha estratexia comercial moi boa. Mentres que Sony e Microsoft compiten polo nicho limitado dos hardcore gamers, Nintendo prefire ir polos nenos, as nais, os pais e os avós. E funciona. Poucas nais se sentirían atraídas polo GTA, se cadra algún pai si, porque o mundo dos videoxogos aínda está bastante marcado por estereotipos de xénero, mais non vou entrar niso. O caso é que esas nais e pais desfrutan como tolos xogando ao Wii Sports, ou botando unha partida ao New Super Mario Bros. cos nenos. Aí hai mercado, e Nintendo sábeo ben.

Mais fóra de intereses comerciais, Nintendo ten unha cousa que o resto non teñen: innovación. Pensádeo, do punto de vista actual, cal é a diferenza entre a Super Nintendo e a Sega Mega Drive? Ou entre a Playstation e a Sega Saturn? Os xogos. Nada máis. E os xogos non dependen da plataforma, calquera deles funcionaría igual de ben, ou mellor, no computador. E non digades que non, que aquí todos temos usado emuladores.

Que pasa na época actual?

Viaxemos entón á época actual. Temos claramente 4 plataformas de mesa e 3 portátiles. Nas consolas de mesa temos a Xbox One, a PS4, a Wii U e o PC. Cal é delas destaca, sobresae, marca a diferenza? A Xbox One e a PS4, a nivel de experiencia de xogador, son iguais, e non ofrecen ningunha experiencia que non poida ofrecer un computador. Os principais xogos de ambas as plataformas tamén están dispoñíbeis en Steam, ou en menor medida en Origin, coa vantaxe de que no computador podes ter un mellor rendemento se o tes actualizado. E o seu valor como centro de entretemento, con videoclub, reprodución de DVD… telo tamén nun computador, e con menos problemas de compatibilidade. Mais a Wii U, ai amigos, esa é diferente. Si, se cadra non foi ben en vendas por problemas de márketing (e a lea dos controladores, entre gamepad, wiimote, e demais), mais é a que dá unha experiencia diferente. E unha aposta decidida, non experimentos con gasosa como o EyeToy ou o Playstation Move.

amigos-xogando-3ds

Amigos xogando á 3DS no típico espazo en branco fóra do espazo-tempo.

No campo portátil, temos Nintendo 3DS, PS Vita e toda unha chea de trebellos con Android. Cal gaña? Android. Sobradamente. A xente prefire un xoguiño simple no móbil para matar o tempo mentres agarda polo bus, aí está o mercado. O problema da PS Vita é que acaba por ser unha consola igual que as de mesa, só que portátil. Podes xogar onde queiras, con bos gráficos, e mesmo con engadidos interesantes como o Near, mais esas funcións están a ser engadidas aos móbiles, que cada vez teñen máis potencia. Ou podes simplemente xogar na túa consola de mesa habitual, trocando portabilidade por comodidade e mellores gráficos. Non ten nada que a faga imprescindíbel. Pola súa banda, a 3DS opta por ofrecer cousas novas, con diferente éxito. A tecnoloxía 3D ten moitos seguidores e moitos detractores, mais é algo que o resto non dan. E cando está ben implementado no xogo, realmente paga a pena. Tamén o feito das dúas pantallas dá moito xogo. Aínda que xa pasou a febre da época da DS, onde todo xogo era manexado coa pantalla táctil (ás veces pasándose un pouco), ter unha pantalla inferior para mapas e menús mellora moito a experiencia. E o StreetPass, con recompensas como o Tícket Eon nos novos Pokémon, dá alicientes para sacar a consola a pasear. En definitiva, diferénciase.

Que ensinanza podemos tirar de todo isto? Que nos videoxogos, como na vida, o que importa non é ser o mellor, senón ser diferente, orixinal e innovador.

dragonagesims

Origin tráenos dous DLC de balde:

• O primeiro deles é a expansión multixogador Destrución (ver ficha do DLC na Origin) para o Dragon Age Inquisition (ver ficha do xogo na Origin). Só temos que ir á tenda, comprobar que aparece cun prezo de 0,00€ e engadilo ao carriño.

• O segundo deles é o pack Felices Festas (ver ficha do DLC na Origin) para Os Sims 4 (ver ficha do xogo na Origin). De novo, só temos que ir á tenda, comprobar que aparece cun prezo de 0,00€ e engadilo ao carriño.

O método para conseguir estes dous DLC é engadilos ao carriño e finalizar a compra, non se requiren datos do banco nin nada. Unha vez feito, xa nos quedan reclamados, pero non poderemos descargalos até termos instalado o xogo requirido (quedan gardados na nosa conta para cando nos fagamos con el, non vos preocupedes).

930.0x524.0

Origin, o cliente de xogos para PC de EA, ofrécenos o Simcity 2000 Special Edition gratis (ficha na web de Origin) dentro da promoción On the house (Convida a casa). O xogo está en inglés e é compatíbel con Windows 7  mediante emulación de DosBox e DOS/4GW (o cliente Origin xa fai o traballo, non te preocupes con isto). Como contra, non trae o Urban Renewal Kit (o editor de edificios) nin as cidades que viñan no CD orixinal (mais se tes o CD podes incluílas no cartafol CITIES e despois de facer a sincronización en liña poderás usalas).

Para obtelo só tes que ter unha conta en Origin e ir a esta ligazón.

Comeza o I Torneo ALSA de “Enumerados”

Por: Xoves, 18 de Decembro de 2014, 17:17 COMENTAR
enumerados

Enumerados é un xogo de intelixencia e axilidade mental, baseado en operacións matemáticas.

Se non o coñecedes, o Enumerados é un xogo gratuíto de operacións matemáticas para smartphones e tablets, que se pode descargar de balde para Android e iOS. Pois ben, está en marcha un torneo que finaliza nesta segunda feira, 22 de decembro de 2014, ás 23h59 (hora galega).

A inscrición ao torneo é tamén gratuíta, e haberá 5 persoas gañadoras diarias (as 5 persoas que estean no topo do ránking cada día) e unha gañadora final (a que estea primeira no ránking ao concluír o torneo). Como condición, para non abusar, unha mesma persoa non poderá obter máis dun premio diario.

Os premios? Pois as gañadoras diarias obterán como premio un billete de isa en buses ALSA (que oes, é algo), e a gañadora final recibirá un Cartón Club ALSA Plus con 7.500 puntos, ou o que é o mesmo, 150€ en viaxes de bus.

Como participar?

É un torneo aberto, sen código de acceso, no modo de partida Xpress (os movementos caducan ás 24 horas e as partidas compóñense de 4 quendas por xogadora). Para xogar é preciso ter a app do Enumerados (obviamente), ben para Android, ben para iOS. É preciso, iso si, ter instalada a última versión do xogo.

Unha vez no xogo, só é preciso premer na icona Torneos para facer a inscrición. A partir de aí considérase inscrita a calquera persoa que completase ao menos unha partida, sen se render el nin o rival. E aínda que o xogo permite escoller rivais, só contarán os rivais aleatorios. E non se poderán rexeitar partidas, ou será contabilizado como derrota!

As gañadoras irán sendo anunciadas a través do seu Twitter (@enumerados) e do seu Facebook (facebook.com/MasEnumerados).