Pokémon Apokélypse

Por: Venres, 24 de Setembro de 2010, 2:20 1 COMENTARIO

Este tráiler é un proxecto de KI-VOLTAGE PRODUCTIONS. O filme acaba aquí, non hai versión completa nin se vai facer, é só un tráiler. Máis información en: http://shogungamer.com/news/live-action-pokemon-movie-full-hd-trailer-and-interview-its-creators

SINOPSE:

A Cidade Azulona non volveu ser a mesma desde que os Ximnasios fecharan. Os combates Pokémon tornáronse marxinais e o deporte adquiriu o sabor do sangue. Ash, Misty e Brock víronse forzados a adentrarse no submundo da cidade para continuar a adestrar, mais os Pokémon non son os únicos en perigo. Agora, Ash debe escoller entre ser un mestre no sombrío mundo dos combates Pokémon ilegais ou facer unha tentar desesperadamente ceibalos todos das poutas de Industrias Rocket.

Super Mario Land (GB)

Por: Sábado, 11 de Setembro de 2010, 1:08 1 COMENTARIO

Alá pola lonxincua década de 90 había un xogo imprescindíbel en toda Game Boy, o Super Mario Land. Foi o primeiro xogo de Mario para unha videoconsola portátil (se non considerarmos as Game&Watch, claro).

Lembro, cando neno, ver outros cativos con máis sorte ca min coa súa Game Boy tocha tixolo gorda Classic, unha proeza da tecnoloxía que usaba catro pilas para poder acender a pantalla de cristal líquido en branco e negro. Esa pantalla que non tiña máis iluminación que a propia do sol ou da lámpada que estivese iluminando o ambiente nese momento. Pois esoutros cativos xogaban, mentres rosmaban molestos porque mirase por riba do seu ombro, ao Super Mario Land.

Cando por fin tiven a miña primeira Game Boy co seu correspondente cartucho pirata* con 15 xogos, un deles era o ansiado xogo do fontaneiro de Nintendo. A xente dirá o que queira dos xogos antigos, que os gráficos son noxentos comparados cos de agora, que non tiña historia, que era lineal, pero podo dicir sen temor a me enganar que xa non se fan xogos como ese. Levoume tardes e tardes conseguir pasalo, e cada vez que morría e tiña que comezar era unha posta a proba da miña constancia e esforzo. Cada cogumelo, cada flor, cada castelo no que a princesa Daisy resultaba ser un bicho feo disfrazado, supuñan un desafío a superar.

E, como todo bo xogo, ao derrotar o xefe final e rescatar a princesa, e recompensa é… o modo difícil! Si, pasar o xogo de novo cun maior nivel de dificultade. E ese modo si que é un verdadeiro reto para xogadores. Hoxe en día moitos xogos pecan de facilidade, fanse accesíbeis a todos os tipos de usuarios e chegan a ser insultos á capacidade intelectual. Daquela non, xogos como o Super Mario Land aínda son hoxe un desafío para quen afirme ser seareiro dos videoxogos. Desde aquí, convídovos a desempoardes as vosas vellas Game Boy e xogardes unha partida. Polos vellos tempos. Polos tempos deste vello.

E até o meu seguinte post, déixovos con esta canción dedicada ao insigne Super Mario:

*Nenos, a pirataría é mala. Non asaltedes barcos.

Como funcionan as 3D da Nintendo 3DS?

Por: Xoves, 9 de Setembro de 2010, 22:27 2 COMENTARIOS

Como saberedes, a nova portátil de Nintendo vai traer a capacidade de mostrar imaxes tridimensionais directamente. Isto é, non van ser necesarios ningún tipo de anteollos especiais. Pero… como é iso posíbel?

– Por que se ven as cousas en 3D?

O efecto 3D é un efecto óptico. Trátase de enganar ao ollo pensando que existe profundidade nunha imaxe plana. Isto lévase facendo dun xeito rústico toda a vida, por exemplo nos cadros pintados ao óleo, onde o artista xogando con sombras e tamaños crea a ilusión de que hai cousas en primeiro plano e outras máis atrás, cando en realidade o cadro é plano.

No caso do que se coñece hoxe en día como 3D é un chisco diferente. A visión tridimensional dos animais vén do feito de termos dous ollos. Na vida real cada ollo recibe unha imaxe lixeiramente distinta dada a súa posición diferente na cara e despois o cerebro encárgase de montalas e crear a imaxe que vemos finalmente. Para comprendelo tapade o ollo esquerdo e, acto seguido e sen mover a cabeza, destapádeo o tapade o dereito. Vese que a perspectiva é diferente segundo vexas cun ollo ou co outro.

Pois as pantallas 3D fan iso, mostran unha imaxe diferente a cada ollo para que o cerebro as monte creando unha ilusión. Isto pódese facer de varios xeitos, como o mítico das fotos que se vían cuns anteollos que tiñan un plástico vermello e outro verde, un para cada ollo. Iso impedía que cada ollo vise certas partes da imaxe, o que creaba unha perspectiva da imaxe diferente para cada ollo que o cerebro unía creando a ilusión das 3D. (Ai, míticos fascículos de dinosauros da miña tenra infancia…)

– Como se poden ver 3D sen anteollos?

Fronte ao método habitual con anteollos, chamado estereoscopía, existe un outro método que recibe o nome de autoesteroscopía. A autoesteroscopía é, de xeito xeral, toda a tecnoloxía que permite ver imaxes con sensación de 3D directamente na pantalla. Actualmente, o método que se usa para isto é Parallax Barrier (barreiras de paralelaxe). E este é, meus amigos, o método que usa a Nintendo 3DS.

– Si, si, moi interesante todo iso… pero como carallo funciona?

En primeiro lugar non hai motivo para ser tan groseiro coas preguntas. E que é iso de usar palabróns? Non ves que este blogue pode ser lido por nenos?

Pois ben, o método este das barreiras de paralelaxe é simple. Entre a pantalla de cristal líquido e a luz de detrás ponse unha barreira descontinua. Esta barreira provoca que cada ollo vexa unha imaxe diferente, que ao se uniren no cerebro crearán a sensación de 3D. Para comprendelo, sería como unhas reixas. O ollo dereito non pode ver certas partes do que hai detrás delas que si pode ver o ollo esquerdo e vice versa. Fagamos unha experiencia para velo: Colle un lapis e pono a media distancia entre a túa vista e o computador e fixa a vista neste texto. Se fechas o ollo esquerdo verás que o lapis tapa unha parte deste texto, se fechas o dereito verás que o lapis tapa outra parte distinta do texto, e se abres os dous verás que o lapis se ve esvaido e consegues ler todo o texto sen problemas. Pois iso a un nivel moito máis pequeno é o que fai o efecto.

Isto ten outra vantaxe, que é que se pode desactivar ou activar o efecto pondo ou quitando a barreira. Así, podemos escoller entre ver a imaxe en 2D ou en 3D, cousa que non permite o método dos anteollos. Incluso, regulando a barreira, pódese regular a intensidade do efecto.

– E se este método é tan abraiante, por que non se usa nas TV e nas salas de cinema?

Porque ten moitas eivas insalvábeis polo momento. Para comezar, tes que situar a pantalla totalmente recta defronte de ti, non vale outro ángulo de visión. Á parte, a pantalla non pode estar a máis de 60 cm dos teus ollos, porque a máis distancia tamén deixa de funcionar o efecto.

Cronoloxía de todos os xogos RPG de Pokémon (omitindo Pokémon Stadium, Pokémon XD e outros xogos que escapan á liña principal).

1º xeración (Game Boy) – 151 pokémons

Pokémon Verde e Vermello (J)

Foron os primeiros dous xogos de Pokémon (Pocket Monsters no Xapón). Estas versións non viron a luz fóra do Xapón, xa que para a estrea mundial se fixeron dúas versións melloradas deste. Contra o que di a lenda popular, non é posíbel capturar a Mew. Só se pode conseguir cun evento de Nintendo ou facendo trucos aproveitando erros do xogo.

Pokémon Azul (J)

Foi unha reedición dos Pokémon Verde e Vermello, cunha mellora das imaxes dos pokémon e certos gráficos máis. Alén disto, conta cunha reestruturación da Masmorra Rara (onde se captura a Mewtwo) e mudan as localizacións de certos pokémons. Contra o que di a lenda popular, neste xogo non se poden conseguir os 150 pokémon sen intercambiar, senón que hai pokémons que saen nas edicións verde e vermella que non se podn capturar neste. E, obviamente, tamén é imposíbel capturar a Mew “legalmente”.

Pokémon Vermello e Azul (U)(E)

Foron as versións que saíron á luz fóra do Xapón. Están baseadas na aparencia da edición azul xaponesa, mais en forma de dúas edicións como o vermello e o verde. A masmorra rara correspóndese coa mesma da edición azul xaponesa.

Pokémon Amarelo (J)(U)(E)

Foi unha reedición dos xogos anteriores con gráficos aínda mellores, unha certa especificidade coa Game Boy Color e a novidade de ser máis fiel ao anime. Comezas con Pikachu que che seguirá indo fóra da pokebóla e no camiño dás conseguido a Charmander, Squirtle e Bulbasaur. Como no caso do azul xaponés, é preciso ter as versións vermella ou azul para conseguir todos os pokémons.

2º xeración (Game Boy Color) – 251 pokémons

Pokémon Ouro e Prata (J)(U)(E)

Unha historia completamente nova e 100 pokémons novos. Á vella rexión Kanto, onde transcorrían os xogos anteriores, engádeselle agora a nova rexión de Johto. Ten moitísimas novidades como a diferenza dia/noite grazas ao reloxo interno, o pokérus, a diferenza de sexos, a crianza, a evolución por felicidade ou a equipaxe de obxectos fixer. Para moitos, estes son os mellores xogos de Pokémon.

Pokémon Cristal (J)(U)(E)

Reedición das edicións Ouro e Prata con poucas melloras como que as imaxes dos pokémons gozan de certo movemento, Suicune ten un novo xeito de se capturar e ten unha Torre de Batalla. Na súa versión xaponesa contaba cun aparello para poder intercambiar pokémons vía teléfono móbil. A pesar dos rumores, para conseguir a Celebi había que ir a un evento de Nintendo, mesmo na versión xaponesa.

3º xeración (Game Boy Advance) – 386 pokémons

Pokémon Rubí e Safiro (J)(U)(E)

Foi un xogo totalmente novo, adaptado ás características da Game Boy Advance. Veñen con esta versión 133 pokémons novos e infinidade de novidades, como o sistema de crianza de ovos mellorado, os concursos de pokémon ou os combates dous contra dous. Todo o xogo transcorre na nova rexión Hoenn e non se poden visitar as rexións anteriores. Para completar totalmente a pokédex é preciso, á parte destas dúas versións, as dúas versións vermello lume e verde folla, sendo a primeira vez que é preciso 4 xogos para capturalos todos.

Pokémon Vermello Lume e Verde Folla (J)(U)(E)

Remake dos primeiros xogos de pokémon con gráficos da Game Boy Advance. É a mesma historia mais con algunhas novidades, ataques e evolucións do rubí e safiro e unha arquipélago totalmente novo para explorar unha vez rematada a aventura en Kanto. O xogo orixinal vén cun adaptador para poder combater ou intercambiar pokémons sen fíos, sen ter que usar o cable link. Todo un luxo para nostálxicos que paga a pena xogar.

Pokémon Esmeralda (J)(U)(E)

Reedición mellorada do rubí e safiro, con poucas novidades como o retorno das animacións ao estilo Pokémon Cristal. Realmente poucas novidades ten, e quedou deslucido ao saír despois das versións vermella lume e verde folla.

4º xeración (Nintendo DS) –  493 pokémons

Pokémon Diamante e Perla (J)(U)(E)

Desta vez aparece unha rexión nova, Sinnoh. Está adaptada á nova portátil, polo que alén da mellora gráfica tamén tira proveito da pantalla táctil e a conexión sen fíos. Volta a diferenciación dia/noite que tiñan as versións ouro e prata e agora os pokémons machos e femias teñen subtís diferenzas no seu deseño.

Pokémon Platino (J)(U)(E)

É unha simple reedición dos diamante e perla. Conta con algunha novidade menor como a nova forma de Giratina ou Shaymin e tira máis porveito da conexión sen fíos grazas á nova Wi-Fi Plaza.

Pokémon Corazón de Ouro e Alma de Prata (J)(U)(E)

Remakes das versións ouro e prata. Voltan as rexións Johto e Kanto cunha mellora moi grande no aspecto visual e infinidade de novidades sacadas directamente das versións diamante, perla e platino. Ten novas historias paralelas que suceden durante o xogo, a posibilidade de levar calquera pokémon canda ti ao estilo Pokémon Amarelo. O xogo trae consigo un accesorio, o PokeWalker, que ao estilo dun Tamagotchi permíteche levar un pokémon descargado do xogo e adestralo en función do que camiñes con el. Todo un luxazo para quen tivo a ocasión de xogar os ouro e prata orixinais, e tamén para quen non.

5º xeración (Nintendo DSi/3DS?) –  ~650 pokémons?

Pokémon Branco e Negro (J: set-2010) (U: primavera-2011) (E: primavera-2011)

Aínda á espera da súa saída, xa se teñen algúns datos sobre este xogo. En primeiro lugar será un re-comezo para a saga, con novidades moi grandes. Terá certa compatibilidade coas edicións da DS (poderás pasar os pokémon a esta nova versión). As batallas pokémon contarán cunha nova perspectiva, e mesmo se rumorea a capacidade de ter batallas en 3D coa saída da Nintendo 3DS. Transcorrerá integramente na nova rexión Isshu. Mais a grande revelación será a Conexión Global Pokémon, coa que manter combates vía Internet. Máis info en Pokéxperto [ES].

Lexenda: (J) = Xapón;(U) = Estados Unidos;(E) = Europa.

Sonic the Hedgehog (MD)

Por: Mércores, 4 de Agosto de 2010, 15:48 COMENTAR

“Rompa la barrera del sonido en juegos de video con Sónico, “el puercoespín”. Desplácese en una mancha usando el Super Ataque Circular de Sónico. Haga un bucle sobre bucle derrotando la gravedad. Usted incluso puede girar 360º en un laberinto circular, ¡Usted jamás ha visto nada igual!”

Son AmilGZ, e a partir de agora serei colaborador neste blogue. Preséntome a vós do mesmo xeito que os videoxogos se presentaron a min, aínda que eu o farei cun pouco máis de corrección gramatical. Era unha tarde de primavera cando uns parentes me regalaron a Mega Drive co Sonic the Hedgehog incluído. A miña primeira videoconsola, o meu primeiro videoxogo, o comezo dunha longa amizade. Aínda hoxe, moitos anos despois, boto de cando en cando unha partida naquel vello aparello.

O 23 de xuño de 1991 saía á venda no Xapón un xogo desenvolvido por Yuji Naka. Era un tempo de grande rivalidade entre a Sega e a Nintendo, e era preciso unha mascota carismática para facer frente ao fontaneiro Mario. Afortunadamente, o ourizo azul conquistou o corazón da xente e fixo despegar as vendas da Mega Drive en todo o mundo.

O xogo é un plataformas en dúas dimensións cunha calidade visual moi boa para a época, tanto que nin nestes tempos das 3D se fai feo ou desagradábel á vista. A historia é simple, o malvado Dr. Robotnik (Eggman no Xapón) está a converter animais en robots e Sonic terá que vencelo para liberalos. Para iso terá que superar 6 zonas, cada unha con 3 actos e un xefe final ao concluír o terceiro acto. Á parte, conta cunha zona final (Final Zone) e seis fases especiais (Special Stages) onde conseguir as Esmeraldas do Caos.

Se queres rememorar vellos tempos e queres xogar a el tes as seguintes opcións:

– Mega Drive so Sonic the Hedgehog
– Sega Saturn co xogo Sonic Jam
– PS2/XBOX/Game Cube co Sonic Megacollection
– Game Boy Advance co (pésimo) Sonic the Hedgehog Genesis
– Nintendo DS co Sonic Classic Collection
– Wii/XBOX 360 descargándoa da respectiva tenda virtual
– iPod baixándoo do iTunes
– E, obviamente, nun computador cun emulador

A que esperas para xogar?