Nintendo DeNA

Era algo que se levaba rumoreando desde hai moito tempo e que tiñamos un pouco esquecido despois destes último meses de bo facer da compañía nipoa, ata que finalmente hoxe The Verge saltaba coa nova: Nintendo terá xogos en plataformas móbiles, aínda que con matices. Para comezar non será a propia Nintendo a que se ocupe de crear estes novos xogos coas súas, xa coñecidos por todos, personaxes, senón que a encargada será DeNA, unha coñecida empresa do sector, quen se fará cargo de traer á vida estas aventuras.

Outra das cousas que tamén nos quedou clara é que pese a dar este importante paso cara a diversificación de contidos, isto non significa que vaiamos ver ports de xogos para Wii ou Wii U nos nosos móbiles, nin moito menos. A idea desta alianza é facer as cousas ben e que os contidos que se creen para plataformas móbiles sexan pensados desde a concepción para estas, evitando así botóns que ocupan toda a pantalla e adaptacións que deixan moito que desexar fronte ao orixinal. Como dicía, esta acción trátase dunha alianza, xa que ambas empresas intercambian activos, facéndose Nintendo cun 10% de DeNA e esta cun 1,24% da empresa nipoa.

O certo é que se pensamos na última etapa da compañía non é complicado ver xogos que se adapten á perfección ás pantallas táctiles, se botamos a vista ao catálogo actual podemos ver varios títulos que poderían estar no nosos petos sen demasiado esforzo. Un grande exemplo disto pode ser Captain Toad que incluso a máis de un, salvando as distancias, nos lembra a algún coñecido xogo para móbiles. Veremos que nos depara esta nova etapa xunto DeNA que comezará a dar os seus froitos no outono.

Pero esta non foi a única nova que nos trouxo o día, ao parecer en Nintendo xa están a traballar nunha nova consola co nome en clave NX, unha nova máquina que ao parecer contará cun novo concepto de xogo, como foi no seu momento o control da Wii, e da que teremos máis detalles ao longo deste ano.

Rebaixas Ubisoft Steam

Para moitos, entre os cales me inclúo, a fin de semana xa chegou, ese momento en que poder xogar e probar todos os xogos que o traballo ou os estudos non nos deixaron desfrutar, e esta semana grazas ao Steam e Ubisoft ides ter moito que probar a bo prezo.

Entre o 12 e o 18 deste mes tedes no Steam todo o catálogo de Ubisoft cun prezo moi reducido e rebaixas que alcanzan ata os 75% en xogos e DLC’s. Xogos como a saga Assassin’s Creed, Far Cry ou Sprinter Cell sen nos esquecermos dos pequenos títulos como Valiant Hearts, Child of Light ou algunha sorpresa como foi no seu momento South Park: The Stick of Truth. Todo rebaixado e posto a vosa disposición para vos dar horas de diversión.

Se sodes dos indecisos, entre os descontos tamén se atopa un paquete con 8 títulos por 59,48€ e que vos pode dar unha boa idea do que significa Ubisoft no mundo dos videoxogos. A pasar boa finde!

GTA Twitch

Unha semana máis estamos aquí un mércores animándovos a participar no noso directo dos mércores en Twitch. Nesta ocasión traemos con nós un dos mellores xogos dos últimos anos, o GTA V, que acaba de recibir, non sen problemas de por medio, a esperada actualización que trae consigo, entre moitas outras cousas, nova roupa, novos vehículos e como non os golpes. Acompáñanos e descubre todas as novidades que trae este esperado DLC gratuíto surcando os aires de Los Santos xunto a nós, hoxe máis que nunca, xa que se contas cunha PS3, unha copia do GTA V e estás libre hoxe entre as 23:00 e as 00:00 podes formar parte do noso primeiro atraco, tan só envíanos os teus datos a contacto(at)memoriapixelada.com, ou se prefires déixaos nos comentarios, no twitter ou no facebook e poñerémonos en contacto contigo.

Lembra, hoxe na nosa canle de Twitch, da que agardamos que xa sexas subscritor, poderás xogar con nós en directo ao GTA V e descubrir todo o que trae o último DLC da franquicia de Rockstar, pode botarlle un ollo a nosa última emisión na canle de youtube. Agardámoste entre as 23:00 e as 00:00 en Twitch!

Os golpes de GTA V xa están entre nós

Por: Martes, 10 de Marzo de 2015, 17:45 COMENTAR

Golpes GTA V

Non foi pouco o que tivemos que esperar os primeiros compradores do GTA V nas súas plataformas de lanzamento, PS3 e Xbox 360, para ver ao fin chegar as nosas consolas os xa tan ansiados golpes, tal e como podíamos facer no modo historia, agora no modo Online para poder preparalos e disfrutalos cos nosos amigos. Esta actualización, que xa está dispoñible no noso territorio, trae consigo multiples melloras e novos obxectos enfocados aos atracos e similares. Así temos novas armas, roupa e vehículos dispoñibles para mercar unha vez instalado o parche.

Para poder acceder a estos golpes teremos que ser polo menos nivel 12 co noso personaxe online, unha vez alcanzado este nivel e tendo unha casa en propiedade habilitarase nesta unha zona onde poder realizar os preparativos dos golpes que constaran de varias misión secundarias e unha final onde realizar o citado atraco. Moi importante é ter en conta que no caso de que algún dos membros do equipo morra será necesario volver a realizar todas as misións dende o principio, pero claro, a contrapartida é moi suculenta pois obtaremos a recompensas de 70,000$ ou máis dende o primeiro momento.

Tedes todo isto e moito máis dispoñible para Xbox One e PS4 a través de unha actualización de 5Gb e para PS3 e Xbox One a través de un paquete de 1,5Gb aproximadamente.

Torneo Super Smash Bros Fnac

Para nós, que nos gusta xogar e probar de todo, a idea de pasar a tarde do sábado na Fnac xogando ao Super Smash Bros cun colega semella un plan perfecto para estas chuviosas tardes de inverno, un plan que por riba mellora cos agasallos que Nintendo promete por tan só inscribirse e que melloran se somos dos 27 primeiros en facelo e que se traducen nunha copia do Super Smash Bros para Wii U se saímos vitoriosos na competición.

Para inscribirse tan só tedes que pasarvos polo mostrador de gaming da tenda ou, se o preferides, enviar un mail cos vosos datos, nome, apelidos, idade e teléfono móbil a coruna@fnac.com e eles xa se poñen en contacto contigo dende a tenda para formalizar a inscrición.

Así pois agardamos vervos o sábado 7 de marzo ás 17horas no fórum de Fnac A Coruña na Praza de Lugo neste campionato do que podedes atopar máis información na propia páxina da Fnac.

Xoga con nós a OlliOlli esta noite en Twitch

Por: Mércores, 4 de Marzo de 2015, 20:00 COMENTAR

olliolli Twitch

Como vos dicía onte cando falabamos dos lanzamentos de marzo, dende fai un tempo vimos incorporamos pequenas melloras para facer deste espazo na rede para falar de videoxogos un sitio onde todo o mundo atope algo interesante que facer, ver ou ler. Así que tendo isto en mente hoxe incorporamos unha nova forma de falar de videoxogos, xogalos, e é que se o pensades dende Memoria Pixelada falamos de todo o percorrido dos videoxogos, dende que son anunciados ata que saen e os analizamos, pero sempre nos quedou por facer o máis divertido de todo, xogalos con vós! Así que hoxe por primeira vez poderedes vernos xogar a OlliOlli na nosa canle de Twitch de 23.00 a 00.00.

E porque comezamos xogando a OlliOlli? Pois porque hoxe sae á venta a segunda parte deste xogo, ‘OlliOlli 2: Welcome to Olliwood’, así que que mellor que probar onde comezou todo. Ademais se tras ver o directo vos gusta o xogo poderedes facervos con el por tan só 2,74€ en Steam dispoñible para todas as plataformas, que máis se pode pedir?

Se vos interesa podedes subscribirvos xa a nosa canle de Twitch para que vos avise cando esteamos en directo e se non podedes estar hoxe as 23.00 en casa non vos preocupedes, terédelo mañá en Youtube para velo cando queirades.

Que xogos vos gustaría en próximas semanas?

Project Morpheus

Quizás non o fixemos notar moito por este blog pero agora mesmo en San Francisco está sendo a Games Developers Conference 2015, unha feira que, como o seu propio nome indica, serve para que os diferentes desenvolvedores de videoxogos e empresas creadoras de hardware se xunten e falen sobre o futuro do sector. Neste último senso onte tocoulle a quenda a Sony Computer Entertainment Inc. quen non se quere quedar atrás no mundo da realidade virtual e que presento o seu novo prototipo de VR para PS4, o Project Morpheus.

O encargado de presentar esta nova aos presentes na conferencia foi Shu Yoshida, o presidente de Sony Worldwide Studios, e que sen dúbida colleu a máis de un por sorpresa ante semellante anuncio. Este novo Project Morpheus conta cunha pantalla de 120Hz que promete chegar a 120fps para os videoxogos, un input lag, ou retardo de entrada, algo menor aos 18ms e unha pantalla que pasa do antigo panel LCD da versión anterior a un OLED RGB de 1920×1080 píxeles da nova que de seguro mellora a experiencia respecto ao anterior modelo. En concreto esta nova pantalla é de 5,7 polgadas, algo que nos ofrecerá un campo de visión aproximado de 100 graos. Evidentemente este novo casco tamén conta con trackers LED, en concreto 9, que nos darán un seguimento do noso movemento de 360 graos.

A verdade é que o futuro da realidade virtual pinta interesante, varios competidores con diferentes apostas que loitarán por demostrar que o seu é o mellor dispositivo, e iso só pode significar unha cousa, mellores aparellos dos que sairemos beneficiados nós, os usuarios, claro que polo der agora aínda imos ter que agardar, Sony espera poñer nos nosos fogares un Project Morpheus no primeiro semestre do 2016.

Lanzamentos do mes de marzo 2015

Por: Martes, 3 de Marzo de 2015, 17:45 COMENTAR

Lanzamentos marzo 2015

Continuando cos pequenos cambios que está sufrindo a web, e que agardamos esteades apreciando, este mes sacamos a escena unha nova forma de seguir todos os lanzamentos que se producen no mundo dos videoxogos a través do voso propio calendario. Se ata o de agora contabamos cunha sección na portada da web onde poder ver os próximos lanzamentos, nesta ocasión imos un paso máis aló creando un calendario que podedes exportar ao voso propio e así saber en todo momento o que está por chegar a vosa consola. Para iso podedes consultar o calendario de tres formas, a primeira importandoo ao voso mediando o enlace XML que atoparedes ao pé, no caso de ser usuario de Apple o que teredes que facer será pinchar sobre o enlace iCal, e por último se tan só queredes consultalo e telo a man tedes o enlace HTML, que non volo gardará.

Unha vez dito todo isto animarvos a que nos comentedes calquer título que se nos puidera escapar para que o incluamos na nosa lista e no calendario. Cales son os títulos que máis agardades deste mes? Pola miña parte Hotline Miami 2 e OlliOlli 2 serán dos que seguro estarán no meu ordenador.

 

XML | iCal | HTML

Vive VR

Sony e o seu proxecto Morpheus, Oculus Rift e as súas VR, Samsung e as súas Gear VR e agora, despois de un tempo agardando, chega Valve á realidade virtual con Vive, os seus anteollos producidos por HTC e que, polo menos en especificacións, e a espera de que Oculus Rift saque o seu hardware definitivo a finais de ano, sitúanse como as máis punteiras e avanzadas do mercado, e iso sabendo que Valve está detrás asegura unhas cantas cousas.

Se nos centramos no apartado técnico temos que con cada ollo imos ter unha resolución de 1200×1080 píxeles, algo por debaixo dos 1920×1080 das Oculus, pero que contarán cun refresco de 90Hz, o que non quere dicir que vai funcionar a 90 fps. Na parte exterior destacan os 70 sensores aos que lles temos que sumar un acelerómetro, un xiroscopio, posicionador e un sensor de localización láser que é capaz de situar a posición da cabeza no espazo cun erro inferior ao 0,1º. Ademais de isto, que sería o conxunto dos anteollos por si mesmo, contaremos nun futuro con dous posibles engadidos, o primeiro a SteamVR Base Station, unha base que nos localizará con exactitude nun área de 4,5×4,5 metros, e polo outro lado dous mandos, un para cada man, que nos axuden a interactuar co xogo dunha forma máis real.

Que conclusión podemos sacar de todo isto? Pois por un lado, e atendendo só ao apartado técnico presentado, queda claro que as Vive van ser un referente no que se refire a mobilidade e a posibilidade de interactuar co xogo, xa non só a través dos controis senón tamén co noso propio corpo con controis que simulan a Kinect, aos mandos da Wii e incluso sensores novos para o sector, un paso máis cara unha realidade virtual máis transparente. Polo outro lado temos a Valve detrás, algo que nos asegura contido, e non calquer contido, os primeiros rumores xa sinalan a unha versión de Half-Life para VR, algo que sen dúbida agardamos con ganas.

E vós que pensades da realidade virtual? Será o futuro ou só unha posibilidade máis no mundo dos videoxogos?

 

Web oficial | HTC Vive

Hotline Miami 2

Dende Dennaton Games e Devolver Digital veñen de anunciar a data definitiva para a saída de Hotline Miami: Wrong Number, a conclusión desta brutal saga que xa na súa primeira entrega non deixou a ninguén indiferente e que de seguro repetirá nesta segunda e última entrega que verá a luz o 10 de marzo. Xa tivemos unha boa dose disto coas declaracións de Jonatan Söderström aka “Cactus”, desenvolvedor do xogo, cando dende o goberno australiano anunciaron a posibilidade de que este xogo non vira a luz naquel país e el respondeu animando aos australianos a piratear o xogo.

 

Como dicía o xogo verá a luz o 10 de marzo para PC, Linux, Mac, Ps4, Ps3 e Vita cun requerimentos moi accesibles para calquer persoa, polo que poucas ou ningunha son as escusas que se nos ocorren para non probar este xogo no que se nos promete máis acción, máis armas e máis forma de acabar cos nosos rivais. Ademais se mercades o xogos antes da data de saída desfrutaredes de un 10% de descontos deixando esta conclusión de saga nuns moi apetecibles 13,49€. Se non podedes agardar ata o día 10 tamén tedes dispoñible o cómic de forma gratuíta onde meterse de cheo na historia e nos seus principais actores, unha agradable forma de introducirse neste mundo mentres non chega a acción.

Deixovos o trailer para que lle botedes un ollo se aínda non o coñecedes.

Bardo, o novo campeón do League of Legends

Por: Xoves, 26 de Febreiro de 2015, 16:47 COMENTAR

Bardo League of Legends

 

Os moba (multiplayer online battle arena) están en pleno auxe, é algo que podemos ver coa multitude de xogos de este estilo que temos dispoñibles hoxe en día de forma gratuíta para multitude de plataforma, o Dota 2, Smite, o recén estreado Heroes of the Storm por parte de Blizzard e como non podía ser de outra forma o League of Legends tamén coñecido como lol. Moitas son as características que fan de estos xogos algo tan aditivo como para adicarlles horas toda as semanas para mellorar e non ser o que se coñece como ‘noob’, ou un xogador sen habilidade, como a súa accesibilidade, o aditivo da competición ou o sistema de ligas onde demostrar que se é o mellor.

 

Tras esta pequena introducción para que os non coñecedores deste xénero entenderan un pouco de que imos falar pasamos á nova que nos trae hoxe aquí. Bardo, o novo campeón do League of Legends, acaba de ser presentado, un campeón que polo de momento só se atopa nos servidores de testeo e que en vindeiras actualizacións pasará a estar dispoñible para todos na tenda dos servidores oficiais. Este novo campión, do que non vamos negar que garda certas similitudes con Papá Noel, está destinado á línea de bot cun rol de support, conta cun conxunto de habilidades que o dotan de unha gran movilidade incluíndo un ‘ultimate’ que dará moito de falar. Deixovos coa web que teñen habilitada dende Riot para que poidades botar un ollo máis de preto a este novo personaxe que de seguro veremos moito en partida nos próximos meses.

 

Gústanvos este tipo de videoxogos? Gustaríavos que fixeramos algunha guía para aprender? Coméntanolo nos comentarios.

A primeira TwitchCon xa ten data e lugar

Por: Mércores, 25 de Febreiro de 2015, 11:45 COMENTAR

TwitchCon-2015

 

Ver a xente xogando non é algo que chegara co século 21, é algo que leva pasando moito tempo, en concreto dende que existen as consolas e por calquer motivo o teu amigo non tiña mandos para todos polo que a algún lle tocaba agardar mirando ata que chegara a súa quenda, un feito que se estendeu incluso fóra do ámbito das amizades cando chegaron as recreativas e os rapaces facían corrillo ao redor de aquel que era capaz de chegar aos últimos niveis da mesma sen gastar máis de 100 pesetas. Ver a xente xogando a videoxogos non é en absoluto unha novidade, o que si que o foi foron a chegada de servizos como Twitch pensados e deseñados con esta idea en mente, algo que está triunfando, e porque non o ía facer?

 

A cuestión que nos trae aquí hoxe, máis aló desa pequena reflexión, é a chegada do próximo outono da primeira TwitchCon, a primeira reunión de creadores, retransmisores e espectadores desta coñecida plataforma. A reunión será os días 25 e 26 de setembro en San Francisco, en concreto no Moscone West. Polo momento non se coñecen moitos detalles mais se queredes ser os primeiros en coñecer as novidades que se presenten non perdades ollo a web que habilitaron dende o servizo de streaming para ternos ao tanto de todas as novas.

 

E a vós, gústavos Twitch? Gustaríavos ver a Memoria Pixelada nesta plataforma?