Moitas novas de The Witcher 3

Por: Luns, 13 de Abril de 2015

Nos últimos días aqueles que agardamos a saída de The Witcher 3, prevista para o vindeiro 19 de maio, recibimos unha grande cantidade de novas moi interesantes sobre o xogo.

Comezaremos cun novo vídeo, no cal podemos ver, por vez primeira, os minutos iniciais do título, máis concretamente o primeiro cuarto de hora:

Outras novas destacadas veñen da man de Damien Monner, un dos deseñadores do xogo, que deixou varias cousas salientábeis nunha entrevista feita a través do seu Twitter. Falou acerca da lonxitude do título, que fixou en máis de 200 horas para completar a 100%. Esta cifra é un incremento moi grande sobre o que os mesmos desenvolvedores dixeran en 2013, cando a duración estimada era de 100 horas e o número de finais diferentes 36. Tamén falou sobre o deseño do sistema de combate, do que declarou que está moi influenciado polo de Dark Souls. Para concluír coas novas que deixou, unha das máis interesantes foi acerca do nivel gráfico das diferentes versións, xa que afirmou que a versión de Xbox One é gráficamente superior á configuración mínima da versión de PC. Da versión de PS4 non falou máis que para afirmar que os xogadores desa plataforma non tiñan que preocuparse polo xogo e o seu aspecto ante a falta de imaxes e comentarios, falta de datos que dalgúns lugares xustifican con que o estudo teña un suposto contrato de exclusividade con Microsoft para a publicación de novas.

A duración estimada por riba das 200 horas para completar a 100% pode encaixar perfectamente con outras das novas que foron publicadas nestes días tolos para o xogo, nas cales aseguraban que os betatesters de CD Projekt Red foran quen de acabar a historia principal do xogo en 25 horas, empregando as mellores rutas posíbeis.

witcher3_2

Mais as novas acerca da lonxitude que terá o xogo non terminan aquí, xa que tamén foron anunciadas 2 expansións alén dos 16 DLC gratuítos que xa foran anunciados. A primeira delas chegará en outubro dese mesmo ano e levará o nome Hearts of Stone, terá unha lonxitude de 10 horas e situará o xogador nunha nova aventura encargada por un home chamado O home de cristal. A segunda destas expansións chegará no primeiro trimestre do 2016 e levará o xogador a unha rexión non visitada nos xogos anteriores chamada Toussaint, cunha lonxitude de 20 horas. Os custos destas expansións non foron publicados.

Tamén tivemos acceso por vez primeira ao mapa completo do xogo, a través dunha imaxe na cal se poden ver todas as rexións que comporán a terceira entrega da saga. Rexións acerca das que un dos guionistas do xogo, Jakub Szamalek, declarou que nesta entrega introduciran 5 illas grandes xunto a outras 5 máis pequenas que poden ser exploradas polo xogador, tanto por terra coma por mar, sexa empregando barcos ou directamente somerxéndose nas augas que as rodean.

witcher3 map

O estudo tamén fixo declaracións acerca dunha das habilidades de Geralt, como é a posibilidade de facer que o tempo vaia máis devagar cando se desexe atacar os enemigos do cabalo en que imos montados. O estudo xustifica que o tempo pase máis lento debido á velocidade de desprazamento nesa situación, que fai que, se o tempo continua a unha velocidade normal, sexa moito máis complicado poder atinar nos obxectivos.

Concluímos con outro vídeo, que neste caso fala das características do xogo.

Sobre o autor:

nach | Ver as entradas publicadas por nach »

«Ainda recordo a primeira vez que probei un videoxogo no primeiro pc que entrou na miña casa, aquel 286 con chave para acender e o lexendario botón "Turbo". Moitas horas da miña vida perdín naquel xogo chamado LHX, despois virían moitos máis, virían novos pcs, o Ignition, os Half Life, o Diablo 2, os PES, os CoD ou os Age of Empires, pero aquel LHX abriume os ollos e deixoume claro que eu quería traballar niso cando fora maior, e niso ando, tentándoo.»

Deixar un comentario