Saints Row 4

Por: Mércores, 8 de Abril de 2015

 

saints row 4

Aproveitando o baixo prezo co que podemos atopar para PC o Saints Row 4, decidín probalo estes días. Crendo que é un xogo moi digno de probar e que xa ten certo tempo, vos deixo esta breve recensión evitando o Spoiler no posíbel.

Xa tiña xogado o divertidísimo Saints Row: The Third con moi boas sensacións. Un título moi variado, con moitas misións e moitas horas para perder nel. Pero sen dúbida o seu punto máis forte é o humor co que enfrontan a historia, unha continua retranca, facendo mofa e escarnio de practicamente todo, con moitas referencias a outros títulos e con diálogos e obxectivos tirando seguido da absurdidade. Con este precedente, todo eran argumentos a prol desta cuarta entrega. Sendo verdade tamén que non estaba ben certo, xa que me acompañaba certo medo a que non presentase nada orixinal, senón máis do mesmo. Nada máis lonxe da realidade.

Xogabilidade e Historia

Saints Row 4 2

Temos o mesmo tipo de xogo que tiñamos nos anteriores Saints Row, unha version retranqueira do GTA con controles moi similares. Canto á historia, seguimos o argumento do terceiro. Despois dunha misión antiterrorista coa que gañamos o apoio do pobo estadounidense, facémonos coa presidencia do país. Logo dun salto temporal, vemos unha administración en crise e dispómonos a dar unha rolda de prensa. Nese momento, una frota extraterrestre irrompe na Casa Branca e comeza a abducir todos os membros da banda. E alí comeza a tolemia que é este Saints Row 4.

Despois de acaben por capturalos, seremos introducidos nunha simulación da vida real. Seguro que isto vos soa de algo. E comezamos co océano de referencias e parodias, de Matrix a Mass Effect pasando por Tron e Metal Gear, ou incluíndo mecánicas de xogo como as de Space Invaders, aventuras conversacionais ou side-scrolling Beat’em up. Todo isto, que pode parecer unha marfallada indescifrábel, fíxose de tal forma que até chega a ter sentido e non para de obter sorrisos pola nosa parte.

O eixo central da historia e a mencionada mestura Matrix-Mass Effect que nos terá ocupados entre a simulación e a nosa nave realizando todo tipo de misións. Mais non todo é avanzar na historia, senón que creo que hai dous elementos que paga a pena mencionar.

Misións opcionais e retos na rúa

A variedade de retos que temos por diante en Saints Row 4 é abraiante. Imos pola rúa e non paramos de topar sinais para executar carreiras, misións de destrución, caza do obxectivo, asasinatos, toma de puntos de control e postos avanzados extraterrestres… De modo que se o que nos gusta é espallar o caos e a destrución na cidade non imos ter problema nin falta de oportunidades. Ademais temos toda unha serie de misións opcionais, como as de axuda ás personaxes, que darán moita variedade.

Mellora e personalización da personaxe

Cabería dicir que non hai nada novo neste aspecto, posto que non anteriores tamén podiamos mellorar as habilidades tanto nosas como da banda en troca de cartos. Pero non é así. Neste introducen unhas novas habilidades propias de todo Neo que se prece, os Poderes. Con eles teremos a oportunidade de realizar supersaltos (e mesmo “voar” cal superheroe), ou correr a supervelocidade, mover obxectos con telecinese ou lanzar bólas de fogo, por exemplo. Non fai falta que vos diga que isto mola. Mola moito. No tocante á personalización, teremos toda unha serie de características a editar no noso corpo, e unha cantidade inxente de traxes, a cada cal mais humillante.

saints row 4 4

Toda esta diversión embutida nun título que é obviado por moito público podería enmascarar moitas carencias, xa sexa a nivel gráfico ou a nivel de xogabilidade. Pero non é así. Atopámonos cun xogo moi redondo en todos os seus aspectos, se ben non é un xogo de 10 e a súa dependencia do humor paródico do que fai gala ben pode suscitar certa alerxia entre un público máis xeral e menos “geek. Non estamos ante un xogo para todos os públicos, isto é evidente, mais se co dito xurdiu a curiosidade nesa túa cabeciña, non o dubides e corre a mercalo. Valo pasar moi ben con el. Alén disto, conta con misións cooperativas para botar uns risos cos vosos amigos.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    7.5
  • SON:
    7
  • XOGABILIDADE:
    7
  • DIVERSIÓN:
    10
  • DURACIÓN:
    8

  • FINAL:
    7.9
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

srgago | Ver as entradas publicadas por srgago »

«Dende que os meus irmáns maiores chantáronme nuna cadeira a xogar ós winter e california games os xogos foron unha constante na miña vida. Continuando como xogador de SEGA na MegaDrive. Nas portátiles caín coma calquera na GameBoy e as súas sucesoras e máis adiante absorberonme as sucesivas consolas de SONY. E por suposto sempre co PC até de agora que sigo niso, con menos tempo coas responsabilidades da vida adulta pero as mesmas ganas de probar novas experiencias.»

Deixar un comentario