Análise Beta: Dead Island Epidemic

Por: Mércores, 25 de Marzo de 2015

deadislandepidemic

A estrea da franquía no xénero MOBA esta a pasar sen facer moito ruído polo océano de free-to-plays dispoñíbeis. Sen demasiada boa crítica, non acaba de ter ese factor diferenciador que parece que procuran os xogos online de moda. Coa lembranza dos anteriores Dead Island que tan ben nolo fixeran pasar decido darlle unha oportunidade. Descargámolo nas nosas librarías de Steam para ver que é o que nos ofrece.

De primeiras, o que temos que ter en conta e que non nos atopamos fronte a un Dead Island ao uso. Non imos ter un xogo de acción/shooter en primeira persoa, senón que imos ver algo parecido ao que xa vimos en xogos como Lara Croft: Guardial of Light e Temple of Osiris, mais daixando de lado os crebacabezas. Teremos unha idea moi próxima se xa probamos a boa idea desastrosamente executada que foi How to Survive.

Como xa dixemos, este xogo basea o seu atractivo na cooperación online, aínda que podemos xogar misións individuais. Como xa acontecía nos anteriores, o modo de un xogador presenta múltiples deficiencias que só poden ser obviadas se se ven compensadas por un xogo que poida facerse moi divertido en compaía. Porén, este non acaba de ser o caso de Epidemic. Si que é certo que en compañía podes deixar de lado as súas carencias, pero fáltalle un plus para darlle unha boa acollida e escollelo sobre outras opcións.

Non debemos esquecer que aínda se encontra en fase beta, e que tanto os modos de xogo como as mecánicas poden verse melloradas nunha versión final. De todas as formas imos comentar o que é o xogo a día de hoxe, que é o que podemos probar.

deadislandepidemic3

Mecánica

A mecánica de xogo é sinxela e moi similar á que podemos ver noutros xogos similares. Controlamos a nosa personaxe coas teclas WASD, diriximos os ataques co rato e lanzámolos facendo clic esquerdo e dereito. Outras teclas como Q, E, R, F ou C serven para usar as habilidades especiais, curarnos, accións de soporte e menús.

Os obxectivos base das partidas son obter subministros, ben de puntos de subministro ou de inimigos clave, e levalos ao punto de partida. Pode haber maior ou menor dificultade, ou diferentes problemas, pero esa é a razón do xogo. Cousas moi boas saíron de mecánicas máis sinxelas, mais é ben certo que aquí se sente a falta de algo de variedade nas misións se o que pretende é que a xente xogue habitualmente.

Nos modos de xogo temos os tres típicos: un xogador, PvE e PvP. O modo de un xogador, sen estar mal, parece estar máis orientado só ás primeiras partidas como aprendizaxe que a un xogo mantido no tempo. Doutra banda, tanto ao PvE como o PvP, mellorando moito o anterior, séguelles a faltar un punto máis nas mecánicas e nas motivacións da partida para lles ver algo de sentido. O PvE faise nun equipo de 4 e teñen que se cumprir as misións que indicadas. No PVP topamos tres equipos de 4 xogadores loitando por ser o que máis suministros obteña.

deadislandepidemic4

Compoñente RPG

Así que comezamos a xogar podemos escoller unha personaxe incial. Temos as típicas clases de apoio, forza bruta, curación… e cada personaxe contará con dúas destas clases. Pola miña parte escollín apoio e curación, sempre fun de ir coidando dos demais. Segundo vas avanzando misións comezas a obter puntos de experiencia e a avanzar niveis cos que activas habilidades e melloras que podes ir incorporando. No meu caso a personaxe contaba cun ataque especial, unha habilidade de curación, e case ao principio desbloqueei unha bomba de fume e unha de feromonas, que serven para dar vantaxe nos combates.

Dentro de cada partida imos subindo uns niveis cos que mellorar as habilidades que xa teñamos. Ese progreso desaparece ao acabar, e teremos que volver subilo de cada vez. Non é nada que sexa moi difícil e así que saibas o que usas máis a miúdo xa terás automatizadas as accións. Isto resultoume moi confuso no comezo, porque daba a sensación de que subías de nivel, pero ao saír da partida non se vía reflexado no teu nivel de xogador, tendo que volver subilo na seguinte.

deadislandepidemic1

Como nos demais xogos da saga, temos un banco de traballo co que fabricar novos elementos como armas ou melloras. Isto farémolo coas pezas que nos obsequian ao final de cada ronda.

Os pagamentos in-game

Non podía faltar isto nun xogo F2P. Poderemos fundir o noso cartón engadindo diñeiro ao xogo, que nos servirá para mellorar calquera aspecto do personaxe e das armas. Iso si, todo pode ser mercado sen necesidade de pagar, mais facelo está claro que acelera moito o proceso. A falta de probalo máis en profundidade, coido que non é un factor tan diferenciador.

Graficamente presenta un aspecto correcto, no fío dos anteriores, no ambiente dunha illa paradisíaca. Os efectos e o movemento dos inimigos non desentoa. Neste tipo de xogos nunca imos detrás duns gráficos sobresaíntes, senón mais ben dunha xogabilidade que supere con nota varias horas de xogo.

deadislandepidemic2

En xeral estamos ante un xogo que pode dar un par de días de diversión para ti e os colegas. Cabe esperar que, se o xogo sae de beta, sexa con máis escenarios e máis variedade de misións. É un experimento que apunta alto, e como primeira experiencia no xénero pode non ir todo o desencamiñada que puidese parecer. Sen dúbida falta traballo para que chegue a ser tido en consideración a medio prazo. Só eles saben até onde queren chegar con iso.

Nun primeiro momento a opinión coa que enfrontas o xogo é boa. Pinta ben e todo cadra como debe, pero xa cun par de horas ás túas costas comezas a ter esa sensación de que non leva a ningures, e non para de medrar segundo van pasando os minutos. Mesmo así, é unha aventura moi valida para unha fin de semana con amigos ou unha noite de xogo online sen pretensións, mais non esperedes ver o novo LoL ou TF2. Vaivos quedar pequeno. No seu favor hai que dicir que en todo o tempo que xoguei non apreciei ningún bug e os tempos de carga foron, polo xeral, curtos. O que si que vin é que facía cousas moi raras ao entrar nas partidas, case como se mudase de pantalla e o xogo e as partidas fosen dúas aplicacións distintas.

Se en novas actualización melloran nos seus puntos fracos talvez sexa un xogo que ter en conta no futuro. De momento é bastante esquecíbel.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    6
  • SON:
    6.5
  • XOGABILIDADE:
    6.5
  • DIVERSIÓN:
    6
  • DURACIÓN:
    5

  • FINAL:
    6
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

srgago | Ver as entradas publicadas por srgago »

«Dende que os meus irmáns maiores chantáronme nuna cadeira a xogar ós winter e california games os xogos foron unha constante na miña vida. Continuando como xogador de SEGA na MegaDrive. Nas portátiles caín coma calquera na GameBoy e as súas sucesoras e máis adiante absorberonme as sucesivas consolas de SONY. E por suposto sempre co PC até de agora que sigo niso, con menos tempo coas responsabilidades da vida adulta pero as mesmas ganas de probar novas experiencias.»

Deixar un comentario