Análise de Pokémon Shuffle (3DS)

Por: Martes, 24 de Marzo de 2015

Logo_Pokémon_Shuffle

Se unha palabra resume o Pokémon Shuffle é vicio. Nos tempos dos xogos casuais para móbil e do free to play, era cuestión de tempo que Nintendo dese o paso. E que mellor maneira de xuntar unha das franquías de maior fama e a mecánica dun dos maiores éxitos nos xogos para móbil? Non, ollo, non estou a insinuar que o Pokémon Shuffle se pareza en nada ao Candy Crush, mais… ben…

Vaiamos por partes. A historia de Pokémon e os xogos de quebracabezas non é de novo. Os primeiros deles foron o Pokémon Puzzle Challenge (GBC) e o Pokémon Puzzle League (N64), e máis tarde o Pokémon Link (NDS) e o Pokémon Link: Battle! (3DS). E é con este último con quen ten máis que ver. Porque veredes, o Pokémon Link Battle foi lanzado apenas na eshop, a tenda virtual, por 7,99€. É un xogo bo para amantes de Pokémon e/ou dos quebracabezas, sen dúbida, mais non deu os resultados en vendas esperados. Deste modo, a grande N tomou a decisión de simplificar a mecánica, inserir un modo de compra de vidas e potenciar os eventos online. E creou o Pokémon Shuffle.

O Pokémon Shuffle pode descargarse de balde na eshop da Nintendo 3DS. O obxectivo é ir pasando fases onde nos enfrontamos a un Pokémon facendo combinacións con 4 dos Pokémons que teñamos connosco, coa posibilidade de capturar o Pokémon ao que nos enfrontamos ao rematar. A diferenza do Candy Crush e semellantes aquí é onde entra en xogo a idiosincrasia pokemónica, xa que cada Pokémon ten un tipo, e debemos usar os Pokémons máis efectivos contra o rival en cada momento. E onde está o truco entón? Pois en que cada vez que te enfrontas a un Pokémon perdes unha vida. As vidas teñen un tope de 5, e conforme as gastas vanse rexenerando, unha vida a cada media hora. Alén disto, podes obter moedas e xemas para conseguir máis vidas ou melloras para o xogo. E se ben o xogo che vai dando de esmola algunhas moedas e xemas, a galiña dos ovos de ouro é que mediante microtransaccións podes comprar moedas e xemas con diñeiro real. E con esas moedas e xemas poder esquecer o límite de vidas e pasar o xogo rápido e fácil.

Porén, se vos son sincero, o xogo gústame máis sen gastar diñeiro. As 5 vidas gástalas en 10-15 min, e tes que agardar 2h30 para ter as 5 vidas de volta. Entón, é perfecto para partidas rápidas, como descansos do estudo, visitas ao cuarto de baño ou momentos mortos despois de comer. E o feito de ter que agardar realmente fai que teñas máis gana de xogar, viciándote máis.

Mais a xoia da coroa, na miña opinión, son os eventos online. Cada día podes facer check online, e a Nintendo vai de cando en vez sacando fases especiais para conseguir Pokémons que non se poden conseguir no xogo normal (consigue Mew, Kyogre e as formas de Rotom xa, antes de que acabe o prazo!), ou fases para conseguir moedas (co Pay Day de Meowth) e mesmo competicións online con ránking mundial para conseguir megapedras especiais (Lucarita!!).

En conclusión, se tendes unha 3DS e sodes fans de Pokémon ou dos quebracabezas, descargádeo e dádelle unha oportunidade. E se non… pois facédeo tamén. Non perdedes nada. It’s free!

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    6
  • SON:
    5
  • XOGABILIDADE:
    9.5
  • DIVERSIÓN:
    8.5

  • FINAL:
    7.3
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    3
  • SON:
    3
  • XOGABILIDADE:
    7
  • DIVERSIÓN:
    7

  • FINAL:
    5

Un usuario enviou o seu voto.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@AmilGZ | Ver as entradas publicadas por AmilGZ »

«Cando tiña 8 anos regaláronme a miña primeira consola, unha Mega Drive noviña do trinque. No momento en que a conectei á televisión e vin un ourizo azul a rodar pola pantalla, notei un bolboretear no meu estómago. Resultaron ser gases, mais aínda así gostei bastante dos videoxogos en xeral e de Sonic the Hedgehog en particular. Comezou así unha bonita historia chea de amor, sangue e bolachas de dinosauro que se estende até a actualidade.»

Deixar un comentario