Nintendo DeNA

Era algo que se levaba rumoreando desde hai moito tempo e que tiñamos un pouco esquecido despois destes último meses de bo facer da compañía nipoa, ata que finalmente hoxe The Verge saltaba coa nova: Nintendo terá xogos en plataformas móbiles, aínda que con matices. Para comezar non será a propia Nintendo a que se ocupe de crear estes novos xogos coas súas, xa coñecidos por todos, personaxes, senón que a encargada será DeNA, unha coñecida empresa do sector, quen se fará cargo de traer á vida estas aventuras.

Outra das cousas que tamén nos quedou clara é que pese a dar este importante paso cara a diversificación de contidos, isto non significa que vaiamos ver ports de xogos para Wii ou Wii U nos nosos móbiles, nin moito menos. A idea desta alianza é facer as cousas ben e que os contidos que se creen para plataformas móbiles sexan pensados desde a concepción para estas, evitando así botóns que ocupan toda a pantalla e adaptacións que deixan moito que desexar fronte ao orixinal. Como dicía, esta acción trátase dunha alianza, xa que ambas empresas intercambian activos, facéndose Nintendo cun 10% de DeNA e esta cun 1,24% da empresa nipoa.

O certo é que se pensamos na última etapa da compañía non é complicado ver xogos que se adapten á perfección ás pantallas táctiles, se botamos a vista ao catálogo actual podemos ver varios títulos que poderían estar no nosos petos sen demasiado esforzo. Un grande exemplo disto pode ser Captain Toad que incluso a máis de un, salvando as distancias, nos lembra a algún coñecido xogo para móbiles. Veremos que nos depara esta nova etapa xunto DeNA que comezará a dar os seus froitos no outono.

Pero esta non foi a única nova que nos trouxo o día, ao parecer en Nintendo xa están a traballar nunha nova consola co nome en clave NX, unha nova máquina que ao parecer contará cun novo concepto de xogo, como foi no seu momento o control da Wii, e da que teremos máis detalles ao longo deste ano.

Sobre o autor:

@AgosReigosa | Ver as entradas publicadas por AgosReigosa »

«Nintendeiro de orixe gustame xogar e probar de todo. Xogador da Mac Master Race.»

1 Comentario a “Nintendo dá o salto ao móbil e anuncia nova consola”

  1. Skaltum di:

    Eu sigo sendo moi escéptico con relación a estas novas relacionadas con Nintendo, está claro que a compañía ten que facer algo, porque a pesar de que as súas portábeis están a arranxarlle (dentro do que cabe) os números, non está a pasar unha boa etapa.

    Para min a solución segue sendo relativamente doada, intentar fidelizar aos xogadores que fixeron de Nintendo o que é hoxe en día, que recorden a estratexia que seguían coa N64 ou anteriores e que a intenten plasmar hoxe.

    Que van crear outra consola revolucionaria?, con outra maneira de entender os xogos?…si, todo moi bonito… pero cando falan así, é porque van seguir os pasos destes ano, e ca Wii foilles perfecto, coa Wii U está claro que non, coa que está por vir…

Deixar un comentario