Análise de Walking Dead: Season 2

Por: Luns, 16 de Marzo de 2015

The Walking Dead: Season2-1

A finais de 2012 apareceu no mercado un xogo baseado no comic de Robert Kirkman, que ten nestes intres tamén unha adaptación na pequena pantalla. Case dende o comezo, aqueles que xogaron a dito xogo decatáronse de que tiña algo especial, non era un xogo coma outros que fixera a mesma desenvolvedora. Poida que fose a súa ambientación, de moda neses momentos (e aínda agora mesmo), poida que fose o seu argumento ou poida que fosen as personaxes protagonistas, que se mesturaban á perfección entre elas e co entorno. E de seguro que a meirande parte da xente que xogou ten aínda gravada nalgún punto da súa mente a derradeira escolla que tiveron que facer.

Deste modo, no 2014 aparece a segunda (e cunha terceira xa confirmada) parte da saga, que toma o nome The Walking Dead: Season 2

TWDS25

A historia comeza pouco despois da fin da primeira parte, e nada podemos dicir do argumento sen rebentar o primeiro título da saga, máis alá de dicir que manexaremos a Clementine, a rapaza que viaxaba coa personaxe xogábel dese primeiro xogo, Lee. Máis unha vez, enfrontarémonos a decisións moi duras, as cales conforman o núcleo da historia que se nos está a contar, e que decide o camiño que tomamos nela.

A nivel técnico trátase dun xogo continuista co anterior, cun aspecto visual próximo a un cómic, só que cun ton máis escuro se cadra nos debuxos. Na primeira parte a epidemia comezaba, ninguén coñecía o que pasaba e aínda existía a esperanza. Nesta segunda parte o tema mudou moito, e nótase nos escenarios, máis desfeitos, máis salvaxes, o mesmo ocorre cos personaxes, tanto a nivel artístico como argumental. Ao se tratar dunha aventura gráfica, non destaca nos gráficos ao nivel doutros xéneros mellores para facelo, pero si que é un xogo bastante coidado, aínda que continúa a ter certos erros na visualización das colisións cos obxectos, o mesmo que ocorría no primeiro título da saga.

TWDS2:3

No aspecto sonoro, o xogo é cumpridor, sen grandes mostras de grandeza métenos na historia, cunhas voces bastante decentes, algunha delas mesmo bastante boa, pero que non chegan ao nivel da do protagonista da primeira parte. No tocante aos efectos de escenario e zombies, o xogo cumpre co necesario, máis unha vez, sen ser un xogo especialmente bo neste campo. Tamén cómpre comentar que neste aspecto, pese a que as diferentes superficies sobre as que pasamos soan distinto, algún erro fomos quen de atopar, con asfalto soando coma terra ou terra soando coma auga, un tema que sen dúbida vén da man do erro comentado anteriormente á hora de detectar as colisións, e que a saga arrastra dende o xogo anterior.

A mesma continuidade do tema técnico está presente no aspecto xogábel, no cal o sistema é exactamente o mesmo que na primeira parte, é dicir, podémonos mover polo escenario e en determinados puntos poderemos realizar certas accións (tales como falar con alguén, recoller algo, abrir unha porta, disparar…), as cales terán peso no modo en que se desenvolve a historia. Tal e como era o seu predecesor, este tema provoca que sexa un xogo totalmente lineal, sen máis alternativas que o camiño que os desenvolvedores poñen enfronte de nós, mais mudando pequenas partes do modo no que se nos presenta. O xogo disimula moi ben este tema, facéndonos pensar que somos os donos do desenvolvemento da historia, cando na realidade non somos máis que pasaxeiros subidos nese tren. Como punto negativo dicir que o método de selección da acción a facer, na miña opinión, tiña que ter unha maior distancia entre as opcións a escoller, xa que nalgún momento do xogo, o feito de seleccionar a opción que non querías por causa da pouca distancia entre elas pode ser un pouco frustrante.

TWDS24

En resumo: se vos gustou a primeira parte, non dubidedes en xogar esta segunda, é un xogo moi continuista co anterior, con case todos os aspectos sendo exactamente os mesmos, aínda que con unha atmosfera algo máis escura. Se ben este xogo non se pode entender sen o anterior, e pese a non ser un mal xogo para nada, cunha lonxitude aceptábel para o xénero (aproximadamente dura unhas 9 ou 10 horas) e estar bastante coidado en certos aspectos, a súa historia non é nin de lonxe tan impactante como a do primeiro xogo da saga. E nun tipo de xogo no cal todo xira ao redor da historia, esto é un lastre demasiado pesado como para saír ben parado dunha comparación directa co anterior, que, na miña opinión, é superior en prácticamente todos os aspectos. Ou dito doutro modo, é o mesmo tema que cos irmáns Inzaghi, o menor non chega ao nivel do maior, o que é moi diferente a decir que é malo.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    7.5
  • SON:
    7
  • XOGABILIDADE:
    8.5
  • DIVERSIÓN:
    8.5

  • FINAL:
    7.9
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    7.7
  • SON:
    5.7
  • XOGABILIDADE:
    5.9
  • DIVERSIÓN:
    5

  • FINAL:
    6.1

Un usuario enviou o seu voto.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

nach | Ver as entradas publicadas por nach »

«Ainda recordo a primeira vez que probei un videoxogo no primeiro pc que entrou na miña casa, aquel 286 con chave para acender e o lexendario botón "Turbo". Moitas horas da miña vida perdín naquel xogo chamado LHX, despois virían moitos máis, virían novos pcs, o Ignition, os Half Life, o Diablo 2, os PES, os CoD ou os Age of Empires, pero aquel LHX abriume os ollos e deixoume claro que eu quería traballar niso cando fora maior, e niso ando, tentándoo.»

1 Comentario a “Análise de Walking Dead: Season 2”

  1. srgago di:

    A min estame a decepcionar moitísimo. Perde por completo a maxia e a empatía que tiñas con Lee no primeiro xogo. Ademáis na primeira entrega tiñas un obxectivo e o que facías tiña un fin e un sentido. Neste simplemente paseas sen ton nin son esperando a que pasen as cousas.

Deixar un comentario