Project Morpheus

Quizás non o fixemos notar moito por este blog pero agora mesmo en San Francisco está sendo a Games Developers Conference 2015, unha feira que, como o seu propio nome indica, serve para que os diferentes desenvolvedores de videoxogos e empresas creadoras de hardware se xunten e falen sobre o futuro do sector. Neste último senso onte tocoulle a quenda a Sony Computer Entertainment Inc. quen non se quere quedar atrás no mundo da realidade virtual e que presento o seu novo prototipo de VR para PS4, o Project Morpheus.

O encargado de presentar esta nova aos presentes na conferencia foi Shu Yoshida, o presidente de Sony Worldwide Studios, e que sen dúbida colleu a máis de un por sorpresa ante semellante anuncio. Este novo Project Morpheus conta cunha pantalla de 120Hz que promete chegar a 120fps para os videoxogos, un input lag, ou retardo de entrada, algo menor aos 18ms e unha pantalla que pasa do antigo panel LCD da versión anterior a un OLED RGB de 1920×1080 píxeles da nova que de seguro mellora a experiencia respecto ao anterior modelo. En concreto esta nova pantalla é de 5,7 polgadas, algo que nos ofrecerá un campo de visión aproximado de 100 graos. Evidentemente este novo casco tamén conta con trackers LED, en concreto 9, que nos darán un seguimento do noso movemento de 360 graos.

A verdade é que o futuro da realidade virtual pinta interesante, varios competidores con diferentes apostas que loitarán por demostrar que o seu é o mellor dispositivo, e iso só pode significar unha cousa, mellores aparellos dos que sairemos beneficiados nós, os usuarios, claro que polo der agora aínda imos ter que agardar, Sony espera poñer nos nosos fogares un Project Morpheus no primeiro semestre do 2016.

Sobre o autor:

@AgosReigosa | Ver as entradas publicadas por AgosReigosa »

«Nintendeiro de orixe gustame xogar e probar de todo. Xogador da Mac Master Race.»

Deixar un comentario