Vive VR

Sony e o seu proxecto Morpheus, Oculus Rift e as súas VR, Samsung e as súas Gear VR e agora, despois de un tempo agardando, chega Valve á realidade virtual con Vive, os seus anteollos producidos por HTC e que, polo menos en especificacións, e a espera de que Oculus Rift saque o seu hardware definitivo a finais de ano, sitúanse como as máis punteiras e avanzadas do mercado, e iso sabendo que Valve está detrás asegura unhas cantas cousas.

Se nos centramos no apartado técnico temos que con cada ollo imos ter unha resolución de 1200×1080 píxeles, algo por debaixo dos 1920×1080 das Oculus, pero que contarán cun refresco de 90Hz, o que non quere dicir que vai funcionar a 90 fps. Na parte exterior destacan os 70 sensores aos que lles temos que sumar un acelerómetro, un xiroscopio, posicionador e un sensor de localización láser que é capaz de situar a posición da cabeza no espazo cun erro inferior ao 0,1º. Ademais de isto, que sería o conxunto dos anteollos por si mesmo, contaremos nun futuro con dous posibles engadidos, o primeiro a SteamVR Base Station, unha base que nos localizará con exactitude nun área de 4,5×4,5 metros, e polo outro lado dous mandos, un para cada man, que nos axuden a interactuar co xogo dunha forma máis real.

Que conclusión podemos sacar de todo isto? Pois por un lado, e atendendo só ao apartado técnico presentado, queda claro que as Vive van ser un referente no que se refire a mobilidade e a posibilidade de interactuar co xogo, xa non só a través dos controis senón tamén co noso propio corpo con controis que simulan a Kinect, aos mandos da Wii e incluso sensores novos para o sector, un paso máis cara unha realidade virtual máis transparente. Polo outro lado temos a Valve detrás, algo que nos asegura contido, e non calquer contido, os primeiros rumores xa sinalan a unha versión de Half-Life para VR, algo que sen dúbida agardamos con ganas.

E vós que pensades da realidade virtual? Será o futuro ou só unha posibilidade máis no mundo dos videoxogos?

 

Web oficial | HTC Vive

Sobre o autor:

@AgosReigosa | Ver as entradas publicadas por AgosReigosa »

«Nintendeiro de orixe gustame xogar e probar de todo. Xogador da Mac Master Race.»

Deixar un comentario