GTA V para PC retrásase outra vez

Por: Xoves, 26 de Febreiro de 2015

GTA V

A versión para PC de GTA V parece o conto que nunca remata.

Xa non é o primeiro retraso que sofre esta versión do xogo, que tiña como data de publicación inicial en xaneiro, que primeiro se fixou no 27 de marzo, pero que agora troca ó 14 de abril, data válida tanto para a versión física coma para a dixital.

Rockstar basea os retrasos no feito de que a versión de PC será mellor técnicamente cas versións de consolas, e que fai falla algo máis de tempo para que a versión quede axustada e poida ser publicada en condicións. Esa é a versión da desenvolvedora, pero dende outros lugares rumoréase o feito de que o que están a facer realmente é garantir que as funcionalidades online do xogo (GTA Online e os golpes) estean a disposición dos xogadores dende o momento no que o xogo sexa publicado.

GTA V PC

Aínda non se coñecen todas as melloras que terá esta versión comparada ca de consola, pero tamén se comenta que os problemas poden vir pola cantidade de novidades que presentará, entre as confirmadas ate o de agora está o soporte para ultra alta definición (o xogo supostamente será estable a 1080p/60fps, con soporte para 4K e NVidia 3D Vision), un sistema climatolóxico mellorado, novos animais ou un editor con capacidade para grabar e editar vídeo directamente do xogo.

En vista deste último (e esperamos que derradeiro) atraso, os xogadores serán agasallados con 200.000 dólares do xogo, que poderán usar en GTA Online a modo de compensación.

Tedes toda a información no blog de Rockstar.

Sobre o autor:

nach | Ver as entradas publicadas por nach »

«Ainda recordo a primeira vez que probei un videoxogo no primeiro pc que entrou na miña casa, aquel 286 con chave para acender e o lexendario botón "Turbo". Moitas horas da miña vida perdín naquel xogo chamado LHX, despois virían moitos máis, virían novos pcs, o Ignition, os Half Life, o Diablo 2, os PES, os CoD ou os Age of Empires, pero aquel LHX abriume os ollos e deixoume claro que eu quería traballar niso cando fora maior, e niso ando, tentándoo.»

Deixar un comentario