É o momento da old-gen

Por: Venres, 16 de Xaneiro de 2015

old-gen

2015 xa está aquí, o terceiro ano natural da next-gen, o ano no que deberían surxir os títulos para estas consolas por todas partes, e seguramente sexa así, pero se botamos un ollo á lista dos dez xogos que eu máis espero deste ano hai algo que queda patente, os grandes títulos deste ano son, na súa maioría secuelas, por iso , e aínda que poida parecer absurdo, eu vos digo, este é o momento de disfrutar da PS3, da Xbox, da Wii e dos seus xogos.

Comecemos polo que pode ser máis obvio para todos, o prezo. Non vou dicir que mercar unha consola nova da next-gen sexa cousa de ricos pero o que está claro é que non está ao alcance de todos, polo menos non ao meu como humilde estudante, e se por riba a este prezo lle temos que sumar unha cuota mensual para poder disfrutar do online e que os prezos dos xogos, incluso de segunda man, non baixan do rango dos 45€, está quedando claro que se queres a túa consola para algo máis que ser un pisapapeis o investimento a realizar é elevado. Agora botade contas, mercar unha consola old-gen de segunda man e un bo feixe de xogos e aínda vos quedará para ir ao cine, como se fóramos millonarios! Se este é o primeiro achegamento ao mundo das consolas e non che sobran os cartos a old-gen é sen dúbida a túa xeración.

Se o prezo non é para vós un factor a ter en conta, afortunados, pode que o sexa o feito de xogar as sagas completas. Porque sexamos sinceros, máis aló de se o xogo está a 720p ou a 1080p, de se ten modo online ou deixa de ter, o que fai a un xogo relevante é a súa historia, a forma na que este transcurre e como nós somos capaces de meternos dentro de cada personaxe, e por iso mesmo é este o momento de disfrutar de todo aquelo que non puidestedes xogar no seu momento a un prezo asequible, é o momento de xogar a saga Assessin’s Creed, Far Cry ou os Uncharted, tal vez de probar clásicos como Heavy Rain, L.A. Noire, Bayonetta ou Mirror’s Edge por mencionar os máis coñecidos, ou incluso de tirarse aos grandes éxitos como o GTA V ou The Last of Us, grandes xogos que se polo que fora non xogastedes no seu momento estades a tempo de probar e disfrutar como se do día do seu lanzamento se tratase sen o gran desembolso que suporía iso, unha gran selección de títulos para todos os gustos.

Poucas razóns se me ocorren para non xogar a todo aquelo que non se puido no seu momento, gran variedade de títulos e prezos que ata certo punto fan xustiza ao contido. Por iso, porque a democratización do videoxogo é esta, para min este e non outro é o momento da Old-Gen, este é o momento dos grandes xogos.

 

Imaxe | Flickr

Sobre o autor:

@AgosReigosa | Ver as entradas publicadas por AgosReigosa »

«Nintendeiro de orixe gustame xogar e probar de todo. Xogador da Mac Master Race.»

Deixar un comentario