O universo Minecraft terá unha aventura gráfica

Por: Venres, 19 de Decembro de 2014

Minecraft-Story-Mode
Cando parecía que Telltale Games tiña dabondo ca producción do xogo de Game of Thrones, anúnciase que o vindeiro 2015 publicarán un videoxogo baseado no universo Minecraft.

Este xogo, como é común na desenvolvedora californiana, terá o formato dunha aventura por capítulos, neste caso terá como orixe o universo do popular xogo, aínda que con personaxes e situacións orixinais.

Polo de agora os datos coñecidos son moi poucos, pero entre eles podemos atopar que o xogo terá versións para case todas as plataformas posíbeis, xa que segundo estas informacións, sairá en PC, iOS, Android, Mac e consolas de Sony e Microsoft (está por ver se únicamente nas da nova xeración ou tamén nas anteriores)

Sobre o autor:

nach | Ver as entradas publicadas por nach »

«Ainda recordo a primeira vez que probei un videoxogo no primeiro pc que entrou na miña casa, aquel 286 con chave para acender e o lexendario botón "Turbo". Moitas horas da miña vida perdín naquel xogo chamado LHX, despois virían moitos máis, virían novos pcs, o Ignition, os Half Life, o Diablo 2, os PES, os CoD ou os Age of Empires, pero aquel LHX abriume os ollos e deixoume claro que eu quería traballar niso cando fora maior, e niso ando, tentándoo.»

3 Comentarios a “O universo Minecraft terá unha aventura gráfica”

  1. Telltale deixou de facer aventuras gráficas hai uns cantos anos —”Back to the Future” foi a derradeira—, o xogo de “Minecraft” probabelmente sexa unha película interactiva como “The Walking Dead”, “The Wolf Among Us”, “Game of Thrones”… Cómpre non confundir os xéneros.

    Alédame ver a páxina en marcha outra vez. Saúdos.

  2. nach di:

    Persoalmente creo que a liña que separa as aventuras gráficas das películas interactivas xa non existe. O xogo que tirou abaixo ca diferenza para min foi “Heavy Rain”, eu o considero unha aventura gráfica, pero é o seguinte paso na evolución dese tipo de xogo, máis centrado nos personaxes que na historia, máis tirando cara a acción de película e non a unha estructura clásica de aventura gráfica, menos puzles e máis diálogo/texto/profundidade dos personaxes, pero coma ben digo, é unha opinión persoal.

    • Os filmes interactivos, as novelas visuais e outras formas similares de narración interactiva existen dende os tempos nos que David Cage inda era David De Gruttola. A suposta innovación de Cage no mundo dos videoxogos é bastante discutíbel, non así a súa relación co xénero de aventura, que é inexistente, David Cage nunca fixo aventuras. Nos videoxogos o xénero márcao a xogabilidade, non a temática. A aventura conta historias a través do crebacabezas, a xogabilidade dunha aventura consiste na resolución deses crebacabezas —integrados, con carga narrativa e que decote implican razoamentos fóra da caixa—. O crebacabezas é o elemento consubstancial do xénero de aventura, sen el non pode existir. Por exemplo, se ti colles o Super Mario e lle quitas os obstáculos, nada de inimigos nin precipicios, deixa de ser un plataformas, porque xa non tería a xogabilidade dun plataformas, inda que seguise a contar o rapto dunha princesa e a súa liberación. O que fai a aventura nin é unha temática de aventuras, nin as conversas con outros personaxes, nin o uso de obxectos nin a exploración do contorno, todo iso é accesorio e común a outros xéneros —por exemplo o rol—. A exploración dunha historia mediante o crebacabezas non está presente nos xogos de Cage nin nos actuais de Telltale, porén é indispensábel nunha aventura.

      Telltale basea o seu negocio actualmente na merca de licenzas de grandes franquías, mais a aventura é un xénero minoritario —non a todo o mundo lle divirte utilizar o pensamento lateral— e por iso a abandonaron para facer filmes interactivos, son moito máis doados —e rápidos— de deseñar e teñen a capacidade de acadar o mesmo público ca unha serie de televisión. A catalogación de xénero é útil porque fala da xogabilidade dun título, permítelle saber ao xogador que vai requirir del o xogo, a etiqueta torna inservíbel, incluso perniciosa, cando se usa mal —como é o caso, inda que a culpa non sexa túa—.

Deixar un comentario