Análise de Call of Duty: Ghosts

Por: Martes, 19 de Novembro de 2013

COD Ghosts 3

Hai dous xogos que nunca faltan nunha campaña de Nadal, un é o FIFA e outro é o Call of Duty e baixo o sobrenome de Ghosts, Infinity Ward volve poñerse detrás dun título bélico que pretende seguir sorprendendo, mais que queda nunha posición moi pouco cómoda para seguir explotando a unha saga que aínda mantendo a dose de diversión, as sorpresas son mínimas ou nulas.

O guión de Call of Duty Ghosts sitúanos nun futuro no que despois do emprego de armas nucleares lanzadas dende o propio espazo a terra non é máis que un lugar lúgubre no que os únicos superviventes do bando perdedor son considerados como pantasmas (de aí o nome) os cales conseguiron manterse con vida grazas o seu adestramento e camuflaxe en todo tipo de terreos.

O resto xa case o podedes intuír verdade? Nós encarnaremos a un destes Ghost, aínda que pouco experimentado e teremos que facer fronte ao bando inimigo en diversas situacións.

COD Ghosts 1

Un guión bastante simple e sen sorpresas argumentais no que nos intenta facer superar misións das máis variadas, e quizais o consiga, mais o que non logra é que nos metamos na pel do protagonista.
Si, dende aquel impresionante Modern Warfare a saga quixo facernos vivir momentos espectaculares nos máis recógnitos lugares, e en Call of Duty: Ghosts lévanos a localizacións bastante dispares entre si, misións baixo o mar, cidades asolagadas, control de helicópteros e incluso nos leva ao propio espazo exterior, mais o que non sabe facer é emocionarnos en cada unha desas misións.

Será porque xa non sorprende e contamos co que imos atopar? Será porque Infinity Ward non pon o empeño que debería nestas sagas porque saben que van vender exactamente o mesmo? Sexa polo que sexa non logra que o xogador se emocione avanzando no xogo.
E penso eu, será tan complexo involucrar ao xogador no título? Por que o conseguiron no Modern Warfare?

Se somos honestos teñen moito camiño andado, porque xa teñen unha xogabilidade perfecta, repite exactamente a mesma que en títulos anteriores, pero se algo funciona para que o queren cambiar. Parécenme sublimes os controis desta saga, e esta última entrega non ía ser menos, incluso en misións nas que pilotamos un helicóptero ou un tanque, o control adáptase perfectamente ao pad da consola permitíndonos reaccionar en milésimas de segundos ante calquera ataque sorpresa.

Tamén teñen a un nivel moi alto o apartado técnico, que tamén volven repetir e non destaca máis que capítulos anteriores, é máis, iso de querer plasmar un mundo destruído case por completo fai que predominen as cores escuras e contando mínimas excepcións, as paisaxes son bastante feas a verdade.

Aínda así, isto non inflúe na definición das texturas, que continúa estando a un nivel moi alto.

Así que rememoremos, teñen o control dominado, o apartado técnico tamén, só deben crear unha historia á altura cun guión medianamente traballado e unhas misións que nos adentre de verdade na historia con protagonistas máis carismáticos. É tanto pedir?

COD Ghosts 2

Pero para que van facer isto se facendo o que fixeron conseguen un xogo decente e para que enganarnos, divertido para aqueles amantes dos FPS. E para aqueles que non sexan moi amantes dos shooters en primeira persoa tampouco teñen moito problema, porque o xogo ten unha duración da historia principal case ridícula dunhas cinco ou seis horas, co único afán de rexogalo para conseguir atopar todos os ordenadores que hai escondidos polos escenarios, ou para superar o título nunha dificultade maior (se sodes veteranos da saga podédelo comezar no nivel difícil sen problema ningún).

CONCLUSIÓN

Que é Call of Duty: Ghosts?

Call of Duty: Ghosts é máis do mesmo pero un chisco peor do esperado. Intenta meternos en situacións espectaculares sen conseguir emocionarnos a través dunha historia pouco traballada. De todos os xeitos non sexamos hipócritas, persoalmente, como fan dos FPS non me aburrín durante as escasas seis horas que dura o xogo, pero tampouco me emociona en ningún punto concreto, o que deixa a Ghosts non correcto pero pouco ambicioso proxecto.

Será o momento de volver a darlle un lavado de cara a Call of Duty? Pode ser.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.3
  • SON:
    9.4
  • XOGABILIDADE:
    9.8
  • DIVERSIÓN:
    8
  • DURACIÓN:
    5

  • FINAL:
    8.3
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario