Análise de GTA V

Por: Xoves, 7 de Novembro de 2013

gta 5 2

Por fin, despois de innumerábeis horas percorrendo a xigante cidade de “Los Santos” cheguei á fin da historia de GTA V e podo dar a miña opinión persoal sobre este xogo que tanto deu que falar. De verdade é tan bo como din os críticos? Si, e non, pero vaiamos por partes.

Primeiro comecemos pola historia, e xa dando por sentado que a violencia (moitas veces extrema) é o pan de cada día desta saga, esta quinta entrega ponnos en pantalla a tres personaxes ben diferentes, Trevor, un psicópata amante da violencia e falto dun verán que non ten reparo e aniquilar a ninguén, Michael, ex compañeiro deste, que despois dalgún cambio nas súas vidas volven a reencontrarse, e Franklin un “pandilleiro” que sen querer, vese involucrado entre estas dúas persoas.

A novidade desta entrega non recae só na historia entrelazada de tres protagonistas diferentes, senón que inflúe directamente en termos de xogabilidade, xa que poderemos cambiar entre os tres personaxes nunha mesma misión, o que nun momento parece que o transcurso das misión será máis variada, pero deixemos de ser tan benévolos con este título e preguntémonos, está ben implementada esta idea? Pois aínda que nun principio gusta moito, pronto nos decataremos que non se explota demasiado ben a posibilidade que nos ofrecen tres personaxes simultáneos, e remataremos finalizando cada misión case en exclusividade cun só protagonista. Non me entendades mal, esta idea é xenial e agradécese un puntiño de orixinalidade, mais despois de ver tanta análise de “dez” , pensaba atoparme con algo máis xenial.

Mais o que si que saben facer ben os de Rocstar é involucrar a tres personaxes nunha mesma historia, mentres consegue narrarnos a vida individual de cada un sen que perda folgos en ningún momento, incluso obrigándonos a tomar decisións que influirá no resto da historia.

gta 5 3

E con isto preguntarédesvos, entón hai que volver a xogar ao GTA V varias veces? Pois se queredes saber a variación entre algunhas das decisións entón si, aínda que dubido que non queiras darlle un descansiño, porque GTA V é abrumador en canto a posibilidades.

Esta quinta entrega é unha xoia en canto a programación, e sentiraste como unha formiguiña no medio dese mapa, porque se che parecen poucas case 70 misións principais, terás infinidade de misión secundarias, todas elas da man das personaxes secundarias máis curiosas que nos pedirán axuda nas súas aventuras paralelas, ademais que de cando en vez aparecen marcados no mapa puntiños azuis que indican situación na que algún habitante necesita a túa axuda (nós decidiremos se o axudamos ou non), a parte a cidade de “Los Santos” está viva, e poderemos xogar ao golf, ao tenis, ir ao cine e outras tantas acción que xa estaban presentes en anteriores títulos o que fai que o simple feito de camiñar por esta cidade sexa unha verdadeira gozada. Iso si, é un título para desfrutalo con tempo, hai que darlle unha posibilidade e intentar descubrir todo o que nos ofrece, porque cando penses que xa non hai máis sorpresas, alí aparecerá un detalle mínimo que che fará pensar que os desenvolvedores pensaron en todo.

Se nos centramos na historia principal que é o que nos atopamos? Pois por moito que me berren os incondicionais da saga, non me parece unha historia principal nada espectacular en canto á definición destas. Si, certo, a medida que avanzamos atopámonos con momentos verdadeiramente épicos, pero quédanse a unha proporción mínima coa cantidade de misións de recheo, por chamalas dalgunha maneira.

Explícome para que non haxa mal entendidos. Moitas veces prepararemos golpes, como atracar algún banco, etc, e para iso necesitaremos realizar mini-misións, como conseguir un coche especial, vixiar…
Pois ben, que unha misión consista en ir a un extremo da cidade para roubar un camión, collelo, e gardalo nun almacén, sen atopar absolutamente ningunha resistencia ou algo que poña en alerta a nosa pericia, pois paréceme, por esaxeralo un pouco, unha perda de tempo. E coma esta misión, o xogo está pragado delas, algo que lle resta puntos a un título que polo que se escoita, aspira ser o título da vida (nótese a ironía).

Para min, este punto foi o máis negativo que vin neste xogo, porque por moi ben que o pases camiñando pola cidade, descubrindo segredos, a historia principal é o que marca a verdadeira calidade dun xogo, e para min, GTA V é un xogo demasiado sinxelo de pasar, no que carecen os momentos espectaculares e priman misións de recheo. Podería poñer decenas de misión deste tipo no que o único que hai que facer é avanzar sen ningunha oposición cara nós, é máis, o xa clásico medidor de alarma da policía, apenas pasa das tres estrelas, só en momentos puntuais, momentos no que tampouco é demasiado complexo desfacerte desta alerta. Aquí Rockstar non estivo demasiado atenta, poñería todo o empeño en recrear esa enorme cidade e despreocupouse un pouco das misión principais?

En canto á xogabilidade pouco cambio con respecto ao predecesor, só me parece algo confuso o control dos vehículos aéreos, aínda que no cómputo xeral é excelente, coches de todo tipo, motos, camións, tractores, quads, lanchas, avións… todo canto vexamos, poderémolo conducir.

gta 5 4

Por suposto non faltan as xa míticas emisoras de GTA V, que a dicir a verdade, de todos os xogos de GTA que lle botei a man, ningunha me gustou tanto como para que me chamase a atención, supoño que farán o seu propósito, dar unha ambientación de fondo mentres conducimos polas rúas da cidade, pero de aí a dicir que a selección de cancións é boa… hai un treito, moi, moi longo.

Até aquí sabemos que é un xogo xigante, cheo de posibilidades, con misión principais moi boas, aínda que pragadas de mini-misións nas que pouco hai que facer, con tres protagonistas entrelazados e un mundo por descubrir, pero como se plasma isto todo a nivel gráfico?
Pois Rockstar volve a sorprender neste aspecto, porque a nivel técnico é unha gozada. Resulta sorprendente observar as sombras da cidade, o xogo de luces, a nitidez coa que se ve todo e o dinamismo co que se move. Aínda que non conseguiron eliminar por completo o “popping” (xeración espontánea de obxectos), agora apenas se produce. Obviamente, cun mapeado de tal magnitudes sempre se produce algún “bug”, pero non deixa de quedarse nunha anécdota, porque en termos técnico, GTA V é unha auténtica obra de arte.

E falo ata detalles de ver como a xente abre paraugas cando empeza a chover, presenzar unha persecución policial allea a nós, atoparnos a xente acampando no medio dun monte, escoitar a xente rir mentres fala…

Estes detalles fan que a cidade estea viva, e todo cun apartado gráfico sobresaínte que nos fai que avanzar pola cidade sexa aínda máis agradábel.

Como podedes comprobar, GTA V é enorme si, pero ten as súas pegas, e para min a máis grande é a pouca espectacularidade das misión principais, de todos os xeitos non deixa de ser un xogo moi divertido, perfecto para adentrarte nel tendo tempo, moito, moito tempo, mais aquí está a pregunta do millón.

Este é o mellor GTA da historia? Polo que puiden ler todos opinan que si, mais dende logo a miña opinión é contraria, porque persoalmente, GTA San Andreas cómelle as papas a GTA V en canto a diversión, e o resto que poida escoitar, “hype” sen caducar.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.5
  • SON:
    8.9
  • XOGABILIDADE:
    9.4
  • DIVERSIÓN:
    9
  • DURACIÓN:
    9.7

  • FINAL:
    9.3
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    9.3
  • SON:
    9
  • XOGABILIDADE:
    8.8
  • DIVERSIÓN:
    9.3
  • DURACIÓN:
    7.9

  • FINAL:
    8.9

4 usuarios enviaron os seus votos.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario