watch-dogs-atraso
Nun inesperado comunicado feito onte no blogue de Ubisoft, a compañía anunciou que atrasarán o lanzamento do agardado «Watch Dogs» a vindeira primavera de 2014.

Segundo a compañía, esta demora débese ao desexo da mesma de non comprometer a calidade do xogo cun lanzamento prematuro. Durante estes meses aseguran que aproveitarán para pulir os detalles para ter unha mellor experiencia de xogo.

O comunicado completo:

“A nosa ambición dende o comezo con Watch Dogs foi ofrecer algo que encarne o que queremos ver na seguinte xeración de videoxogos. É con isto en mente que tomamos a difícil decisión de demorar o lanzamento ata a primavera de 2014.

Sabemos que moitos de vós vos preguntaredes: Por que agora? Loitamos co feito de que se ía atrasar o xogo, pero dende o comezo adoptamos a postura de que non iamos comprometer a calidade. A medida que nos achegabamos ao lanzamento e todas as pezas do crebacabezas ían encaixando no noso último empuxón antes de completalo, quedou claro que preciabamos un tempo extra para pulir e afinar cada detalle, para que puidéramos dar unha experiencia verdadeiramente inesquecible e excepcional.

Queremos aproveitar esta oportunidade para darvos as grazas a todos. Encántanos e apreciamos como respondedes na web, nos eventos, conferencias de prensa e outras oportunidades de interactuar connosco. A vosa pasión mantennos motivados.

Non podemos agardar a vervos en Chicago a vindeira primavera. Estamos seguros que ides adorar este xogo tanto como nós adoramos traballar nel.”

O lanzamento estaba previsto para o vindeiro 21 de novembro para PC, PlayStation 3, PlayStation 4, Wii U, Xbox 360 e Xbox One.

the-crew-logo
Por outra banda, tamén confirmaron atraso do lanzamento do MMO de carreiras «The Crew», previsto para comezos de 2014, a algún momento entre o segundo e terceiro trimestre do mesmo ano.

Sobre o autor:

@NetOverflow | Ver as entradas publicadas por NetOverflow »

«A miña primeira consola propia foi unha das míticas compatibles coa NES que traían un feixe de xogos dentro. Máis tarde adquirín unha SNES coa que botei moitas horas diante da televisión, ata que me pasei ó mundo do PC, onde descubrin un mundo novo. Actualmente ando entre os xogos de PC e os de XBOX 360, aínda que de cando en cando, conecto a SNES para volver desfrutar cos seus grandes xogos.»

1 Comentario a “Ubisoft atrasa o lanzamento de «Watch Dogs» e «The Crew»”

  1. Antón di:

    Eu íao mercar para PS4, pero como saia antes o GTA V para PS4 ou PC, sei eu quen lles vai mercar o xogo….

Deixar un comentario