Os dez mellores xogos da Sega Master System

Por: Venres, 28 de Xuño de 2013

Master_System_II

Nestas datas debe facer coma uns 20 anos que conseguín que me mercaran unha Sega Mega Drive, e con ela chegou un arrinconamento da consola da man da cal entrei neste mundiño, a Sega Master System. Certo é que tal inxustiza non a cometín eu so, e o esquecemento e o non recoñecemento a este sistema é eiva común en boa parte da comunidade gamer, ben polo tempo pasado, ben porque érades moi novos para xogar a esto a finais dos 80, principios dos 90 😉

 

Procedamos pois a redimirnos, e realizar o correspondente Top de mellores xogos para esta consola, que nos tempos dos 8 bits lle plantou cara á poderosa Nes de Nintendo. Mais antes de realizar a recopilación, lembrar que coma sempre, este é un listado froito da opinión persoal do redactor, neste caso tamén limitada polos xogos que realmente probei no seu día, polo que o avezado lector é posible que bote algún título en falta, situación para a cal nos podedes, e se vos anima a, facer chegar os vosos aportes polos comentarios ou nas redes sociais.

(*nota: as carátulas dos xogos de Master System eran exactamente iguais en forma e tamaño cas dos videos VHS. Neste listado cada xogo terá de imaxe a carátula principal, a lapela co título, e a contra carátula (que daba información comercial e contiña “pantallazos” do xogo).

 

Nº10 – Basketball Nightmare (1989)

 

Basketball-Nightmare-MasterSystem-EUR

“Eres o capitán do equipo de baloncesto da escola de secundaria Hometown. Xa gañastes torneos e intentas conquerir o Campionato Nacional Americano de Escolas Secundarias. Mais unha noite tes un soño verdadeiramente estraño…” Así reza a contra carátula do xogo, lembrándome a unha recente promoción dun partido do Obradoiro contra o F.C. Barcelona protagonizada por Alberto Corbacho, mais neste caso, en vez de soñar coas súas mellores actuacións o protagonista do xogo despertase competindo nun torneo de basquet, no cal os rivais son equipos de lobishomes e outras criaturas baseadas no folclore xaponés. Un sistema de xogo simple mais efectivo, uns gráficos resultóns e unhas impresionantes animacións á hora de realizar, ou marrar, mates, xunto coa posibilidade de competir contra outro xogador facían deste Basketball Nightmare un xogo moi entretido e que ben merece estar neste meu top. Video in game pinchando aquí.

 

Nº9 – Trivial Pursuit (1992)

 

Trivial Pursuit

“Trivial Pursuit é o mellor e máis vendido dos xogos de mesa. Esta versión de Sega incorpora todo o que o converteu no que é. Ademáis, Russell o teu animado e simpático mestre de preguntas, con color e son extraordinario, fantástica pantalla de fondo e máis de 2.000 preguntas para devanarse os sesos”. Pouco que engadir á descripción comercial, xa que todos sabemos de que vai. Probablemente o primeiro xogo que servía para xustificar horas na tele ante teus pais. Destacables as preguntas sobre temas musicais e himnos, coa consola tentando reproducilos ao son de pouco máis que bepps. Video in game pinchando aquí.

 

Nº8 – Ninja Gaiden (1992)

 

Ninja-Gaiden-MasterSystem-EUR

“O pobo de Dragon Ninja foi masacrado! O poderoso rollo do Bushido foi roubado! Vostede é Ruy Hayabusa, o último dos Ninjas Dragóns, e ten que atopar o Bushido antes de que sexa utilizado para liberar maldades en toda a Terra!” A introducción chama á heroicidade, e hai estabas ti coma o ninja Ruy, para sortear obstáculos, gabear paredes e fulminar inimigos a golpe de espada ou shurikens, que máis  se lle pode pedir a un xogo? Daquela non comprendía moi ben as diferenzas e semellanzas entre a saga Ninja Gaiden e saga Shinobi, pero agora tampouco, así que non aplica afondar neso agora. Video in game pinchando aquí.

 

Nº7 – Action Fighter (1986)

 

Action Fighter [EUR]

“Tome a motocicleta de “Hang On”, equipea co máis avanzado armamento, dealle a capacidade de poder transformarse nun avión ou nun automóbil, e terase convertido nun combatente Action Fighter!”. Vendíano moi ben, pero ademais cumprían. A variedade de fases ao transformarmos o vehículo era a súa maior baza. A primeira conversión dunha recreativa que puiden ter no meu salón. Video in game pinchando aquí.

 

Nº6 – Dynamite Duke (1991)

 

Dynamite Duke

“O Dr. Ashe, un científico altamente respectado é agora o home máis buscado. Roubou as claves para crear un super home que podería soportar os fortes raios emitidos polo sol, e facer con eles un exército de mutantes cun obxectivo: a dominación global! Aparece Duke Frederick, un heroe de guerra co brazo dereito biónico. Guía a Dynamite Duke na base de Ashe na illa de Rantan e pon fin á ameaza mutante.” Poñámonos en contexto: preadolescente a primeiros dos 90 consumidor de filmes tipo “Rambo” e “Commando”, como non ía gustar esta ensalada de tiros, adaptación dunha máquina recreativa, se ademais non tiñas que pagar cinco pesos por xogar!. Video in game pinchando aquí.

 

Nº5 – Astérix (1991)

 

Asterix [EUR]

“Panoramix, o Druida, elaborador da poción máxica que impedíu que a aldea gala caera en mans do César foi raptado! Xúntese a Astérix e Obelix no seu intento de rescatar ao Druida e salvar a aldea.” Calquera fan dos comics estaría encantado de xogar a esta adaptación, na cal que podías escoller protagonista e forma de encarar cada fase, posto que Astérix e Obelix tiñán distintas capacidades. Destacaban por simpáticos os inimigos romanos escondidos en toros de árbores. Video in game pinchando aquí.

 

Nº4 – Sonic (1991)

 

sonic

“Rompe a barreira da velocidade do videoxogo con Sonic, o porcoespiño. Desplázate a toda velocidade usando o ataque xiratorio supersónico. Deixate caer por túneles e xira a través do espacio. Rebota ata quedar mareado nunha máquina de pimball. Seguro que nunca antes viras algo coma isto!” É Sonic, hai un antes e un despois da súa aparición nas consolas de Sega. Puxen a reseña do xogo orixinal pero podería ser calquera das súas secuelas tamén da Master System. Video in game pinchando aquí.

 

Nº3 – Super Kick Off (1991)

 

Super-Kick-Off-MasterSystem-EUR

“Super Kick Off captura todo o ritmo vertixinoso, destreza e precisión do máis renonbrado título mundial de fútbol.” Antes da irrupción dos “Fifa” e dos “Pro” os xogos de fútbol eran máis simples, pero non por elo menos entretidos. Para mostra este Super Kick Off no que o máis parecido á realidade era que había un equipo chamado “City” e outro chamado “United”. Video in game pinchando aquí.

 

Nº2 – Land Of Illusion (1992)

 

Land Of Illusion starring Mickey Mouse [EUR]

“Viaxe con Mickey Mouse por castelos encantados en ruínas, por obscuras grutas e bosques encantados, e visite unha xoguetería que toleou. Utilice o seu inxenio e a maxia de Mickey para escapar de ameazadoras trampas, para explorar pasaxes secretas e restaurar a paz e a felicidade no País da Ilusión.” A continuación do Castle of Illusion, realizado con máis mimo se cabe. Gráficos, personaxe, xogabilidade, historia, etc… espectaculares e a mistura de todo raiando a un nivel estupendo. Probablemente un dos xogos mellor desenvolvido para esta consola. Outro nivel. Imprescindible. Video in game pinchando aquí.

 

Nº1 – Alex Kidd in the Miracle World (1986)

 

Alex-Kidd-in-Miracle-World-EUR

“O teu nome é Alex Kidd. Tes valor e un golpe de karate que é capaz de destrozar rochas. E unha grande misión para facer. Sabes que a misteriosa cidade de Radactian. As súas habilidades e talentos son desesperadamente necesarios para axudar. Pero hai un problema, como chegar? as súas únicas pistas son un mapa enrevesado e un medallón feito de Pedra do sol. Será suficiente para resolver o enigma? Enfrontate a obstáculos. Resolve misterios. Descubra os segredos sobre a marcha. Hai unha gran aventura en cada rincón. Precisase dun Kidd coma ti para un desafío coma este.” Non é un simple xogo, é unha lenda. Non sei se foi deseñado Alex Kidd coma insignia de Sega (anos antes de Sonic) ou o seu carisma o ergueu a esa oficiosa consideración, mais para o caso é o mesmo. A venda do xogo nun pack coa consola aumentou a distribucción do mesmo, sendo moi poucos os posuidores dunha Master System que non o disfrutaran. Multitude de situacións, varios vehiculos a utilizar (desde motos e helicópteros a submarinos), as “ondas vitais”, os orixinalísimos xefes finais co “pedra, papel, tesoira” e unha mítica e inesquecible sintonía (que miña nai identificou logo destes 20 anos cando a escoitou como tono no meu móbil) fano o mellor e máis equilibrado xogo desta consola. Video in game pinchando aquí.

Sobre o autor:

@ssendon | Ver as entradas publicadas por ssendon »

«Entrei nesto da man de Alex Kidd, e desde aquel intre comprendín que parte da gracia é escoller o teu bando e criticar o dos outros. Declarome logo de Sega, da Xbox e do Fifa. No futuro apocalíptico que nos agarda enrolareime coma Gears ao servizo da COG, mentres tanto emulo, malamente, a ídolos musicais co guitar hero»

5 Comentarios a “Os dez mellores xogos da Sega Master System”

  1. NetOverflow di:

    Sei de alguén que se vai enfadar por poñer a “Sonic” no cuarto posto… 🙂 🙂

    • ssendon di:

      Podería subilo ao terceiro posto, pero non o vexo competindo cos dous primeiros do listado. Aínda que Sonic é Sonic e non hai dúbidas sobre a calidade dos xogos e a súa importancia como a imaxe “máis universal” do mundo das consolas 😉

  2. Mi madriña… so un destes dez coincide co meu “top ten” 😀

    • ssendon di:

      pois compleméntese ou enméndese ou fágase algo, sempre críticas e ningún aporte, así lle vai ao País :p

      Volver indicar que so escollín de entre os que xoguei no seu día. Polo tanto, unha porción limitada do catálogo e baseada nos meus gustos

Deixar un comentario