Análise Remember Me

Por: Martes, 18 de Xuño de 2013

Os mozos de Dontnod Entertaiment agasállannos cunha aventura futurista que intentará facerse un oco no mercado das plataformas cinéfilas que inaugurou Uncharted por aquel 2008. Valéndose dun apartado visual rompedor, unha trama profunda e un esquema de combate radical e novidoso, Remember Me convértese nunha boa alternativa para os amantes das historias de ciencia e fición.

Se queres saber se o xogo pasa a proba de lume de Memoria Pixelada, segue lendo a intrincada análise que presento de seguido:

remember-me-cover

Nome: Remember Me.

Xénero: Hack & Slash, Plataformas.

Feito por: DontNod Entertaiment.

Producido por: Capcom.

1. Gráficos.

A estas alturas da xeración é difícil sorprender neste apartado, sen embargo, non podemos queixarnos nos tempos que corren xa que xogos como The Last Of Us ou Halo 4 conseguiron romper no arte do visual en sistemas onde todo parecía xa exprimido. No caso do xogo que nos acontece, os mozos de DontNod apostan por un dos motores máis valorados e utilizados da xeración, Unreal Engine 3.

Remember Me preséntanos un mundo futurista moi influenciado pola vertente do Cyber-Punk e isto está representado á perfección en todo o apartado gráfico do programa. Dende as impresionantes edificacións, as interfaces SENSE, as vestimentas dos personaxes, etc; o gusto polo detalle e o respeto ao xénero artístico é notable, sen ningunha dúbida o traballo que levaron volcouse con eficiencia para conseguir que a orixinalidade e o impresionismo futurista sexan os principais factores para cautivar os ollos dos xogadores.

Graficos

Sen embargo, falando en termos xerais, o programa non chega a sorprender e isto é debido ás físicas entre outros factores. Un xogo que se centra tanto na paixón polo detalle non pode omitir tratar co mesmo coidado o motor das físicas. Cousas como xornais voando de forma irregular, cadáveres que atascan os nosos pés ou atóranos as portas, inimigos que ao morrer sofren de espasmos epilépticos que non veñen o conto… Son cousiñas, si, pero conseguen ensuciar en certa medida o cómputo xeral do apartado.

Polo demáis, as texturas están ben definidas na maioría dos casos, é inapreciable a carga de texturas en movemento, os tempos de carga son case instantáneos e os efectos de iluminación cumpren notablemente.

Cabe matizar que na versión de compatibeis, o programa está moi ben optimizado. Cun equipo de gama media xa poderíamos xogalo sen moitos problemas cun esquema de especificacións ultra, incluindo unha boa taxa de imaxes por segundo que non baixa dos 50 FPS.

2. Son.

Un xogo futurista coma este non pode existir sen que a súa banda sonora sexa a nave que nos transporte ao seu interior mediante os sentidos. No caso que nos acontece, podemos respirar tranquilos xa que a estimable colaboración de Olivier Deriviere tradúcese nun compendio de temas que fusionan os xéneros dupstep e clásico, conseguindo unha maxestuosidade sinfonía para os nosos oídos lincada á fantástica ambientación que Remember Me emerxe por todos os seus poros.

Os efectos de son metémolos no mesmo saco, orixinais, espontáneos, tan ricos que conseguen casar como anel ao dedo elevando as súas características aínda máis, se os unimos á devandita banda sonora.

Tampouco presentamos queixa no apartado da dobraxe, voces archicoñecidas como as de Ramón Langa ou Alfonso Vallés aparecen para dar a vida aos intrincados personaxes que se dan cita no xogo cunha interpretación maxestuosa. Quizáis o único que se lles pode achacar é que en certos momentos da aventura, a sincronía dos labios e as voces non é acertada.

3. Xogabilidade.

Presentándoa coma unha aventura cinéfila o máis puro estilo Uncharted ou Enslaved, Remember Me aposta desenvolverse en mapas pechados onde a exploración dos mesmos realizase intercalando combates con momentos de escalada. Unha fórmula que hai uns anos funcionaba sen moitos problemas pero que a estas alturas da xeración xa está máis que sobreexplotada.

Desengranando cada punto deste apartado, os mapas, recreados cun diseño artístico de renome como ben apuntei antes, amósanse seguindo unha ruta marcada, sen apenas desvíos aínda que os poucos que se presentan só serven para conseguir potenciadores de saúde ou de concentración aparte de obxectos extra como imaxes para coñecer o desenvolvemento do xogo.

As partes de escalada non teñen moita ciencia, simplemente con seguir os punteiros que irán emerxendo na pantalla teremos que facer saltos de categoría, trepar por saíntes dos tellados e tuberías, esquivar trampas eléctricas e algún que outro puzzle sinxelo.

jugabilidad

Non obstante, a parte que máis peso ten son os combates. Neste caso, o programa conta cun sistema de combos bastante orixinal que permite ao usuario construir os seus propios movementos a través dos Pressens, que consisten en botóns do mando que posúen diferentes efectos coma absorción de saúde, redución do tempo para facer habilidades especiais ou danos críticos a determinados tipos de inimigos. Conforme vaiamos desbloqueándoos teremos que mezclar uns con outros para formar verdadeiros combos mortíferos.

Outro dos elementos fortes do sistema de combate son unha sorte de movementos especiais que poderémolos usar unha vez teñamos a barra de “concentración” chea. Estes ataques son verdadeiramente destructivos e permítenos elaborar diferentes estratexias no combate, coma por exemplo, destruir os escudos duns soldados cunha mina SENSE mentres usamos o poder de invisibilidade para que non nos bloqueen o combo.

4. Diversión.

Se combinamos unha boa historia, combates interesantes e unha ambientación moi coidada danos como resultado un xogo verdaderamente divertido, pero isto non é todo.

Xa coñeces algunhas das bondades do programa, pero aínda nos falta falar dun par de cousas.

diversion

Como é o caso dos xefes finais. Algo indispensable e que nesta ocasión amosánse dunha forma diferente aos arqueotipos que estamos acostumados a ver. Cada combate resólvese dunha forma distinta, forzando ao usuario a pensar en atopar as debilidades agochadas dos oponentes antes de lanzarse a repartir bofetadas a distro e sinistro. Non tocaremos máis este tema para evitar posibles spoilers, xa que cada xefe ten un peso determinado no transcurso da historia.

Outro detalle son os poderes de Nilin, a protagonista, que nos brinda a posibilidade de entrar na mente de determinados suxeitos para modificar os seus recordos es así convertelos en aliados á nosa causa. Nesta ocasión, teremos que estar atentos ao transcurso do vídeo que da forma ao recordo para alterar diversos obxectos que permitan modificar o desenlace da cinta para conseguir o noso obxectivo. Estes poderes irán amplificándose a medida que vaiamos derrotando xefes finais.

5. Duración.

Un xogo deste tipo soe centrarse nunha campaña individual na meirande parte das veces. Remember Me así o fai, pero lamentablemente a duración da mesma é como un suspiro. Aínda xogando nas dificultades mais altas, o xogo podémolo terminar, sen moitos impedimentos, nunhas 7 horas, aproximadamente.

Tendo en conta a súa linealidade, a experiencia apenas e rexogable, a non ser que queiramos conseguir os arquivos de información ou os potenciadores que nos falten.

Tampouco esperemos outros modos alternativos, o modo campaña é a única oferta do programa.

6. Narrativa.

¿Cómo sería Paris dentro duns anos? Se non somos capaces de imaxinala, Remeber Me ofrécenos a súa visión.

Lonxe de parecer unha xigantesca urbe chea de edificios que suben ata o ceo, a cidade divídese en dúas partes: As barriadas, áreas de maior envergadura asoladas polo lixo da burguesía cosmopolita, unha pobreza esaxerada e formas de vida mutantes a causa do descontrol do SENSE e unha pequena porción de terreo sustentado nunha arquitectura tecnolóxica-futurista. Este trebello chamado SENSE, lígase á mente daquel que o posue, permitindo alterar os recordos e almacenalos. Nos tempos que corren, está considerado a obsesión e o principal centro de entretenemento da poboación mundial.

historia

Sen embargo, Memorize, a compañía que os fabrica, ten o control dos recordos dos seus clientes. Unha empresa con semellante poder non tentaría controlar as vidas das persoas? Esta é a baza que da vida á historia da nosa protagonista, Nillin, unha “errorista” que busca acabar coa corporación e así liberar as mentes das persoas para evitar que as desigualdades sigan medrando a pasos axigantados.

De boa fe podemos dicir que a trama está moi ben estruturada, preséntase inicialmente algo confusa e certos personaxes secundarios teñen un papel un tanto significativo sen moito peso, pero termina por converterse nunha impresionante historia onde se representa a debilidade da mente humana a tecnoloxía e como esta cobra poder, transformándonos en simples criaturas sen razón nin paixón. Non podemos esquecer a entrada da filosofía en certos puntos (que poden gustar máis ou menos en función das nosas preferencias) e o traballado papel de algúns personaxes que chegan a sorprendernos gratamente cara o desenlace da historia.

O mellor:

– A exquisita e coidada ambientación futurista.

– A profundidade da que chega a gozar a historia.

– Un sistema de combate innovador e divertido.

O peor:

– As mecánicas de exploración xa están moi vistas.

– Demasiado lineal, gozaríase mellor tendo algunha clase de tareas secundarias.

– É tremendamente curto e non presenta ningunha modalidade extra a parte da campaña.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    7.8
  • SON:
    9.2
  • XOGABILIDADE:
    8.2
  • DIVERSIÓN:
    9
  • DURACIÓN:
    5.5
  • NARRATIVA:
    8.5

  • FINAL:
    8
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Nero | Ver as entradas publicadas por Nero »

«Levo máis de 20 anos xogando a videoxogos, comecei no meu Comodore 64 repartindo patadas co Last Ninja II, pasando por a Super Nintendo e a Game Boy Pocket no campo consoleril ata chegar as máquinas da presente xeración. Amante do xénero J-RPG e aficionado os xogos de acción, degustar historias e mundos oníricos e a miña paixón como gamer.»

1 Comentario a “Análise Remember Me”

  1. Moucho Branco di:

    Boa análise e moi ben cravado o 5.5 en duración. Será polos meus hábitos roleiros ou polo que se queira, pero a min que hoxe por hoxe un xogo non supere as sete horas paréceme de chiste.

Deixar un comentario