Análise de “The Last of Us”

Por: Luns, 17 de Xuño de 2013

TheLastofUsPoster

Hai xogos que non podo desfrutar axeitadamente con prexuízos, que son incapaces de vencelos e confirman cada un deles. Mais hai outros, (xogos moi especiais), que teñen o potencial para sobrepoñerse ao escepticismo, de sacudilo até que se renda.

Ese é o caso de The Last of Us.

E si, eu era escéptico, érao porque non podo evitar selo cando un xogo chéganos precedido dunha campaña mediática de loubanzas case unánime e dun forte investimento publicitario. Sobre todo cando creo anticipar que o que considero as carencias e simplezas do seu xénero van ser a espada de Damócles que pendure, oscilante, durante toda a aventura, para caer tarde ou cedo rompendo toda conexión coa historia.

Tiña as miñas razóns para non telas todas comigo; aínda que os prestixiosos Naughty Dog demostraran dominar maxistralmente as plataformas nos tempos de PSX, e aínda que Jak & Daxter é comunmente considerado entre o mellor do catálogo de PS2, a evolución da compañía non me convidaba ao optimismo. Son dos poucos aos que a saga Uncharted non so deixou totalmente frío, senón que mais aló dunha formal solvencia técnica, parecéronme xogos xenéricos e pouco inspirados, que aínda que tiñan mais pretensións que os seus antecesores resultaban igualmente infantís, so que agora sen pretendelo.

A proposta de The Last of Us da un xiro radical a estes antecedentes, sumerxíndonos nunha narración absolutamente adulta. E cando digo adulta non me refiro a un baño de sangue ou a imaxes explícitas (que tamén hai), porque aínda que a violencia extrema é o único espazo específicamente “adulto” tolerado nun medio que aínda non se sacudíu de todo os prexuízos, non hai nada mais pueril que a violencia gratuita e os heróes planos de cartón pedra. Afortunadamente nada diso atopamos neste título. Esta é unha narración adulta, moralmente dual e complexa, con persoaxes humanas e tridimensionais, nun dos universos xogábeis mais escuros e crueis que teñamos visto nun xogo. E se precisamente resulta tan cruel é porque a natureza humana asoma até nos actos mais crueis que realizan os nosos inimigos… e nós mesmos. E isto, queridos amigos, é o que me fai conservar a fe e a ilusión no medio; a convicción de que é perfectamente válido para contar historias de grande calidade, exactamente igual que o cine ou a literatura.

the-last-of-us4

 Como a maioría xa saberedes, despois dun breve prólogo o xogo sitúanos nunha realidade postapocalíptica. Un fungo estraordinariamente raro que convirte aos humanos nunha mistura de zombies e o Toad de Super Mario producíu unha pandémia que condenou á maioría da humanidade supervivinte a vivir recluída, con medo aos “infectados”, ás esporas, e sobre todo aos seus semellantes. Por iso a maior parte dos supervivintes vive en “Zonas seguras” nas que opera a lei marcial baixo a batuta dos militares, que suprimiron toda autoridade civil por razóns de “seguridade”.

Estes ingredientes tradúcense nalgo mais complexo do que un “survival horror” ou unha simple aventura de acción, e é que lonxe do que eu tiña suposto, The Last of Us é no narrativo ante todo unha distopía.

O noso protagonista é Joel, a quen vemos no prólogo no “día en que todo se foi á merda”, aprender polas bravas que “o home é un lobo para o home”. A historia como tal arranca nun verán 20 anos mais tarde, co mundo reconfigurado tal e como contábamos. Joel é agora un home cansado, cínico, que se adica ao contrabando para sobrevivir. Xunto á súa compañeira recibirá un encargo moi especial; terán que pasar de contrabando unha nena de 14 anos, Ellie; unha nena que ten un segredo e que pode ser a chave para que as cousas cambien para sempre, para que volva haber esperanza nese mundo cainita e horríbel.

1337246230_the last of us

 O que se propuña como pouco mais que unha trámite rematará por convertirse nunha longa viaxe polo que antes eran os Estados Unidos ao longo das catro estacións do ano. Veremos todo tipo de ambientacións, lugares e climas, e coñeceremos a diversas persoaxes que coma nós só intentan sobrevivir, cada un coa súa historia e circunstancias, pero todos dispostos ao que sexa por saír adiante, xa sexa con nós ou á nosa costa. Claro que iso será no mellor dos casos, porque a maioría dos humanos non infectados que atopemos fora das zonas militarizadas nos dispararán en canto nos vexan.

Así é o mundo de Joel e Ellie, un lugar non apto para descoidados ou inxenuos.

Durante as 15 horas, (pouco mais ou menos), que dura a aventura, o xogo condúcenos as veces cuns saltos narrativos precisos e moi cinematográficos, que buscan transladarnos, confundirnos, ou resaltar o dramatismo dalgúns momentos con secuencias técnicamente exquisitas. Neste sentido cabería falar dos gráficos, pero quen sexa que teña visto algo do xogo en movemento xa saberá a esta altura que nese aspecto estamos tamén ante un dos mellores traballos da xeración. Tanto é así que até haberá momentos nos que un pense ter adiantado uns meses no tempo e ter o mando da PS4 nas mans.

Os entornos naturais e abertos e os fenómenos climáticos sorprenderán especialmente ao verse como nunca se viron nunha consola desta xeración. As animacións faciais son tamén soberbias, e dotan de verdadeira vida e dunha persoalidade única a cada humano co que interactuamos.

thelastofus

Mentres teñamos o control dos nosos protagonistas o reto será considerábel, cunha dificuldade ben axustada que nos obriga a pensar e usar ben os nosos escasos recursos pero que nos permite saír adiante se somos áxiles e temos a mente esperta. (Pódese apostar por un reto aínda maior na dificuldade máxima, pero so é recomendábel para quen xa desfrutase previamente da historia e busque agora un reto xogábel moi, moi esixente).

Os recursos á nosa disposición irán sendo bastante variados, pero nunca numerosos, e sempre improvisados; cócteis molotov, bombas de cravos, coitelos improvisados con cinta aillante, bates de beisbol, etc… e por suposto unha serie de armas longas e curtas das que sempre escaseará a munición. Optimizar estes recursos e explorar o noso entorno na busca de tesoiras, alcohol, e outros ingredientes para fabricalos, é clave para o éxito.

 As armas poderán ser melloradas nunhas mesas de traballo que atoparemos en lugares moi espaciados entre si, (sempre que consigamos as suficientes pezas nas nosas viaxes), así que non nos interesará deixar pasar estas ocasións de mellorar o noso arseal… nunca se sabe cando aparecerá outra mesa de traballo. No mundo de The Last of Us non é recomendábel deixar un caixón sen abrir ou unha habitación sen explorar; cada recurso conta.

 En canto á xogabilidade, quedei plenamente satisfeito. Ao igual que o resto do xogo funciona coma un reloxo suízo. As cámaras bailan ben ao rítmo que marcamos, e non tardamos nada en facernos donos dos movementos da nosa personaxe. Un aspecto a ter en conta é que nos veremos obrigados a fabricar frecuentemente recursos a partir de ingredientes, ou a sustituír armas descargadas por outras nas que aínda teñamos munición, o que poderemos facer con moita facilidade grazas a un sistema áxil e moi doado de dominar.

01

 Unha das poucas críticas negativas que teño visto facer ao xogo é a da intelixencia artificial dos nosos inimigos humanos no combate. Teño que dicer que non estou dacordo, cando menos non mais que no global de títulos. O comportamento dos infectados é diferente segundo o grado da infección, e faránnos adoptar estratexias específicas para cada un deles, sendo sempre coerentes co comportamento que o fungo letal vai espertando no seu cerébro segundo se infectan mais. Pero aínda que o comportamento dos humanos é un pouco caótico e ás veces pode que demasiado temerario, non está en absoluto por baixo da media da IA en combate que podemos ver no común dos xogos. Aínda sendo certo que neste sentido baixa un pouco o listón, os inimigos humanos buscarán rodearnos e meteránnos en apretos traballando ás veces en equipo, non deixándonos nunca matalos tranquilamente dende a nosa cobertura.

En resumo; para un servidor a mellor exclusiva de PS3 xunto a Heavy Rain, unha aventura técnicamente sobresaínte, narrativamente xenial, e moralmente complexa que consegue chegar ao noso interior e deixarnos pensando sobre a natureza humana coma se viñésemos de ler unha novela dun Huxley ou Bradbury particularmente escuro e cínico coa nosa especie. Unha sensación que irá medrando até chegar a un final que redondea á perfección o espírito e a letra do xogo cunha dura mirada ás pantasmas da alma humana.

Simplemente imprescindíbel… E agora se me desculpades vouno xogar de novo.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    10
  • SON:
    9.5
  • XOGABILIDADE:
    9.5
  • DIVERSIÓN:
    10
  • DURACIÓN:
    9
  • NARRATIVA:
    10

  • FINAL:
    9.7
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    9.6
  • SON:
    8.9
  • XOGABILIDADE:
    8.9
  • DIVERSIÓN:
    8.8
  • DURACIÓN:
    8.4
  • NARRATIVA:
    9

  • FINAL:
    8.9

6 usuarios enviaron os seus votos.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Moucho Branco | Ver as entradas publicadas por Moucho Branco »

«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»

5 Comentarios a “Análise de “The Last of Us””

  1. Skaltum di:

    Personalmente aínda non o rematei, pero dame a min que non me falta moito e polo de momento só teño que dicir que é un xogo moi bo, non cabe dúbida, calquera que teña unha PS3 debería xogalo, mais tamén me parece que está sendo un chisco sobrevalorado.

    Explícome, o punto máis forte do xogo é a narrativa coa que se conta a historia, sen dúbida, despois antóllaseme que faltan escenas que rompan coa continuidade do xogo, até onde xoguei, sempre emprega unhas pautas moi similares para saír victoriosos.

    E xa non vou falar do apartado técnico que todos poñen como impresionante, xogastes o Uncharted 3? Moi superior, quizais porque xogan co preciosismo, mais para min que supera a este.

    De todos os xeitos, é un xogo que desfrutar, un paso cara temáticas máis serias de Naugthy Dog,unha madurez dunha compañía que xamais me defraudou, de feito, xa teño reservado o Jak nad Daxter Collection para a PS Vita.

    • Moucho Branco di:

      Lóxicamente non existe a obxectividade completa nestes temas e as impresións van depender moito das diferentes sensibilidades de cada xogador. Este conectou coa miña.
      Xoguei a Uncharted 3, pero baste dicer que non o rematei polo tedioso, previsíbel, xenérico e valeiro que me resultaba. A min paréceme inferior en tódolos aspectos, incluído o gráfico, pero teño que dicer eu xa nunca me ofrecería para facer unha análise de Uncharted, porque o considero o título mais sobrevalorado da xeración,e aínda que son consciente dos seus defectos non podo poñer os seus acertos (que os terá) en perspectiva, por iso non me consideraría apto para esa tarefa.
      En todo caso aínda que veñan da mesma compañía son mundos distantes en todos os sentidos. Pero en fin, penso que a miña visión do asunto xa queda expresada na análise.

  2. Nero di:

    O igual ca ti, son uns dos poucos que Uncharted non conseguiu atrapar del todo, sen embargo despoís de leer a tu análise e comprobar que a narrativa é un dos pilares do xogo, creo que vou ter que trabarlle o dente xD.

    Moi boa análise, encantoume a tu maneira de transmitirnos a experiencia do xogo!

  3. Skaltum di:

    Aínda ninguén comentou nada sobre a introdución de The Last of Us? Para min xenial, sublime, dez minutiños que nos demostra o paso que conseguíu dar Naugthy Dog con este videoxogo.

    E sempre castiguei a enorme sinxeleza dos Uncharted, mais non o vou negar, a min as aventuras de acción encántanme, as plataformas tamén, e a mestura que fixo a compañía con esta saga foi simplemente impresionante.

Deixar un comentario