Resumo da conferencia de Sony

Por: Martes, 11 de Xuño de 2013

Por fin, onte ás tres e pico da mañá e cun cuarto de hora de retraso daba comezo a conferencia que máis impacientes nos tiña a todos, a conferencia de Sony e da súa PS4.

O primeiro que quixeron facer é sacarse do medio o tema de PS Vita e PS3, comezando falando da súa portábel, da cantidade de xogos que sacarán, que o próximo ano despegará en canto a videoxogos…nada que non contaramos que dixesen, mais de videoxogos propios para esta nada, absolutamente nada.

A continuación tocoulle á PS3 sacar todo o tiña e aquí xa vimos algún tráiler de futuros xogos, aínda que a maioría xa coñecemos a súa existencia, nun ca está de máis volver a velos:

As críticas estanse a desfacer en loubanzas con The Last of US, e comezaron amosando algo do título estrela:

Despois foi o turno de Puppeter un curioso xogo de plataformas no que por momentos recorda ao Little Big PLanet, pero no que os inimigos parecen moito máis fortes:

Rain apareceu despois deixándonos quedar tan espectantes como aconteceu cando o presentaron:

Como non podía ser doutra maneira, a criatura de Quantic Dream, Beyond: Dúas Almas chegou á conferencia nun tráiler cheo de recursos cinéfilos.

e para rematar este lanzamento breve de tráilers tocoulle a Gran Turismo 6 (de xogos de coches imos servidos)

Deste xeito e para deixar a PS3 a un lado lanzaron dous anuncios seguidiños, un pequeno tráiler (sen gameplay) de Batman: Arkham Origins e o que máis repercusión tivo, un pack de PS3 + GTA V a 299€.

gtav-1370915541

Despois disto si, xa entramos directamente na PS4 e despois de amosala ao mundo e comentar algunhas funcións multimedia, comezamos co paseo de videoxogos de PS4:

The Order 1886 foi o primeiro gran título que amosaron, cunha ambientación victoriana, enfrontarémonos a montros con armas da segunda guerra mundial. Unha estraña mestura que non pinta nada mal:

Non podía faltar, e aínda que foi cun breve tráiler,KillZone: Shadow Fall tamén estivo presente:

Drive Club, tamén saíu á luz no E3 con outro pequeniño vídeo que podedes ver a continuación:

Algo máis amosaron de Infamous: Second Son, e este algo parece que gustou á prensa mundial. Non ten mala pinta, pero que gustase tanto como din por aí…

E todo este “rustrido” de vídeos que Sony amosou seguidiños chegaron ao seu fin con Knack, un xogo estilo plataformas cun estilo visual moi similar aos filmes de animación:

Agora deixamos paso a esta enumeración de vídeos para presentarvos por primeira vez a nova IP dos sempre xeniais Quantic Dream, leva o nome de The Dark Sorcerer e parece que a maxia, os seres fantásticos e o humor estarán presentes no xogo en partes iguais.

A continuación Sony deu outro paso adiante para achegarse aos xogadores e comentou as facilidades que lle daría PS4 aos desenvolvedores de xogos independentes, como a posibilidade de publicar os seus videoxogos directamente na plataforma, un detalle que gustará a máis de un.

Os xogos independentes que se amosaron foron os seguintes, acompañados dun vídeo no que vemos algún deles:

The Witness,SuperGiant Games,Transistor,Don’t Starve,Mercenary Kings, Octodad,Secret Ponchos,Ray’s Dead,Outlast,New n’ Tasty,Galak-Z.

Deixando a un lado á comunidade “indie” volveron retomar cos xogos máis comerciais, concreatmente con Diablo III, no que anunciaron que haberá contidos exclusivos para PS3.

A continuación Square Enix chegou con Final Fantasy XV, antes chamado Final Fantasy vs XIII, cun tráiler no que parece que predomina moito máis a acción que o rol:

e un dos títulos que máis agardaban algún dos gamers aficionados ao rol de acción, confírmase Kingdom Hearts 3:

Despois de ver nas anteriores conferencias vídeos de Assassin´s Creed IV: Black Flag, nesta por fin podemos ver gameplay do propio xogo. Todo moi Assassin´s, todo moi similar, pero co mar de telón de fondo:

Como non, o xogo estrela de creo que todas as plataformas para o que vaia saír, Watchdogs tamén estivo cun vídeo ingame que nos siguen metendo ganas de botarlle a man a este título:

Despois aconteceron dous anuncios bastante rápidos e no que apenas se pararon os de Sony, NBA 2K14 e The Elder Scrolls Online

Todo isto para chegar a un xogo que provocou aplausos na propia conferencia, Mad Max. Un título dos creadores de Just Cause que prometen acción post apocalíptica neste xogo:

E despois disto e xa na recta final a guerra das consolas remata, xa que Sony anuncia o que todos estamos agardando. Nada de conexión a internet permanente, poderemos vender os nosos xogos, usalo de segunda man, deixalos… o que deixan claro é que non queren seguir a “absurda” idea de Microsoft e os xogos seguirán sendo nosos ao cen por cen cando os merquemos, polo tanto, como foi sempre, poderemos facer con eles o que nos pete, tanto deixarllo a un veciño, como vendelo ou gardalo para sempre. Ben Sony, ben.

PS4 xogos segunda man

A parte disto tamén sacaron á luz o prezo da PS4. Sairá no Nadal a 399€ (cen euros máis barata que a Xbox One) e non haberá diferentes versións da consola. O que xa non me gustou tanto foi o típico “port” de 1$ = 1€, pero compensárono coa noticia anterior.

Para rematar a conferencia máis longa do E3 presentáronnos un vídeo gameplay do título desenvolvido por Bungie e Activision que trae o nome de Destiny.

Graficamente moi bo, a direción artística tamén, mais polo que me pareceu observar a Intelixencia Artificial dos inimigos é un pouco frouxa, todo é mellorala para queo título sexa de calidade:

E até aquí a conferencia de Sony, así que se onte non a puidestes ver, agardo que vos guste este resume do acontecido máis relevante nesta conferencia.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario