Análise de Tomb Raider

Por: Martes, 2 de Abril de 2013

tomb raider 2

A intención das grandes compañías por seguir explotando os seus títulos máis representativos segue á orde do día, mais este feito nos tempos que estamos a vivir podemos resumila cun só termo, “reboot”.
Estes reinicios de sagas son a escusa perfecta para seguir incrementando os beneficios de títulos que tiveron un pasado de ouro. Entre eles atópase Devil May Cry e a súa polémica a causa do novo “look” do protagonista, mais o último nome que apareceu en forma de “reboot” foi Tomb Raider.

Xa fai uns anos ninguén podía deixar de mencionar o nome de Lara Croft ao falar de aventuras/plataformas en videoxogos. Coa chegada desta xeración Nathan Drake e o seu Uncharted sacaron gran parte de protagonismo a Lara. Estaba claro, a saga non innovaba, non sorprendía, un produto aparentemente eterno estaba recaendo no fondo do armario, nese recuncho onde xa ninguén vai.

É aquí neste punto onde Crystal Dynamics quixo abandonar á heroína sen medo a nada e que todo pode, para renovar Tomb Raider cunha protagonista máis humanizada, que trema co medo, que sinta dor, que chore e que nos faga sentir a impotencia de situación límites nas nosas carnes.

HISTORIA

Despois de que o cruceiro onde viaxa a inexperta Lara Croft sufra un terríbel accidente o barco remata nunha misteriosa illa na que buscaban unha lenda mística. Non pasa moito tempo para darnos de conta que a illa non está deserta e unha seita establécese como dominante.

Pasa can "pa" eira!

Pasa can “pa” eira!

Con esta premisa Lara Croft debe escapar desa illa xunto aos seus compañeiros para conseguir salvar as súas vidas.
Pero os habituais da saga botarán de menos a criaturas silenciadas durante milenios, a seres de ultratumba e incluso aos xa típicos lobos que interrompen á tranquilidade da nosa heroína. Pois ben, neste reinicio tócanse todos estes puntos, aínda que ao pretender ser un xogo máis real (dentro do que cabe), as fases de inimigos irreais e de seres extraordinarios limítanse a puntos concretos para non perder a esencia da saga, mais non é un factor que destaque precisamente.

O que si chama a atención son os escenarios pragados de mercenarios e integrantes da seita mencionada aos que Lara Croft debe facer fronte ben sexa cara a cara ou optando por infiltrarse o máximo posíbel.
O argumento con xiros argumentais (aínda que por momentos demasiado previsíbeis) goza dun dinamismo suficientemente levadeiro para facer que o xogador se interese polo que está pasando e non sexa un simple factor secundario, de feito, a empatía entre Lara e o xogador é fundamental á hora de afrontar este título, porque como xa dixen anteriormente e penso que reiterarei máis dunha vez, o carácter humanizado da protagonista incrementa as facultades para divertir deste reboot.

DIVERSIÓN

Dicir que Tomb Raider é un xogo dos máis divertidos da xeración penso que non abonda para os lectores, polo tanto intentarei matizar un pouco as miñas palabras.

O primeiro do que vou falar é da xogabilidade e aínda que innegablemente ten un enorme parecido coa saga Uncharted (moi,moi parecida…) engade certas características que incluso melloran a esta.
A primeiro delas é o método de cobertura automático que non só é completamente fiábel, se non que tamén serve para alertarnos de inimigos próximos e obrígannos a poñernos alerta en lugares que nun primeiro momento non nos parecía perigoso. Isto motívanos a fixarnos en todo o escenario para detectar os inimigos e así acabar con eles. Infiltrándonos?, perfecto. Sodes máis de entrar a tiros?, tamén perfecto.

Dependendo da maneira que acabemos cos inimigos teremos diferentes puntos de experiencia que poderemos gastar no que para min é o método de melloras máis efectivo e aditivo que vin nun videoxogo. Son dos que me gusta o simple nestes aspectos, polo tanto as melloras divídense en só tres categorías: supervivente, cazadora e loitadora, nos cales podemos inverter os nosos puntos de experiencia.
E como se conseguen os puntos de experiencia? Pois eliminando inimigos silenciosamente, atopando tesouros escondidos pola illa, adentrándonos nas tumbas que atopamos e adquirindo diversos obxectos que atopamos polos escenarios. Este feito consegue que o xogador intente buscar a maneira de descubrir todos os recunchos dos escenarios á procura de cada un dos ítems ocultos.

Para que este feito non nos pare na nosa aventura, Crystal Dynamics ofrécenos a opción de “viaxe rápido” en cada un dos campamentos que atopemos, solución perfecta para re-xogar cada unha das zonas na que se divide o mapa.

O título tamén inclúe unha visión especial da protagonista para observar no escenario os elementos importantes, unha visión que queda a un segundo plano xa que o certo é que a dificultade neste Tomb Raider non é demasiado elevada.

o lume está perfectamente recreado

O lume está perfectamente recreado

Aquí o punto feble do xogo (e a de tantos nesta xeración), porque a sensación de conseguir avanzar continuamente sen trabarse en ningunha fase, en ningún puzle, en nigún combate…é plena, e acostumado a recordar a Lara Croft resolvendo puzles , por momentos moi difíciles, a isto, frustra un pouco.

Os retos máis complexos que atoparemos serán nas tumbas perdidas que deberemos descubrir previamente (aínda que non están demasiado escondidas), pero nin sequera estes farán que o xogador se sinta invulnerábel na situación. Unha verdadeira pena que xogos coma estes non presionen máis ao xogador para que se involucre máis na escena.
De todos os xeitos o título consegue manternos pegados á pantalla grazas a un incremento dos obxectos a utilizar que nos van ofrecendo a posibilidade de acceder a lugares na que nun principio estaban inaccesíbeis (si, o máis puro estilo da vella escola) e todo isto ilustrado cun apartado técnico de luxo.

APARTADO TÉCNICO

É un verdadeiro pracer avanzar por uns escenarios tan detallados que conseguen tanto manter en tensión ao xogador con covas escuras e lugares que matarían a calquera que tivese claustrofobia, como facernos sentir no paraíso con fermosos lugares na que os coellos e cervos camiñan sen perigo pola natureza.

Todo isto cunha nitidez incríbel, aínda que a verdade as paisaxes exteriores están algo máis logradas que as interiores, mais isto non fai que digamos en cada momento “nos gráficos vas sobrado Lara”.
Efectos de luz sublimes, texturas brillantes (aínda que finalmente o pelo da protagonista non foi tan realista como prometerán non inicio), escenarios con infinidade de cousas, continuo movemento…
Un apartado no que Crystal Dinamics non se arriscou.

O mesmo ocorre no apartado sonoro, en especial aos berros de Lara que nos fan sentir máis próximos a ela, aínda que todo o son ambiente está moi logrado, rozando un nivel de matrícula de honra.

Infiltración ou acción?

Infiltración ou acción?

DURACIÓN

A aventura en si dura unhas doce horas, mais se queres atopar todos os segredos, resolver todos os puzles e explotar á illa ao cen por cen, nun dubides que superará ás vinte horas sen maior dificultade, porque aínda que o avance na aventura non sexa demasiado complexo, existen retos en cada escenario que debemos decidir se facer ou non, como atopar todos os ovos de aguias, queimar todos os carteis da seita, etc.

Unha aventura dunha duración extraordinaria se temos como referente ao seu padriño Uncharted.

CONCLUSIÓN

Un reinicio da saga Tomb Raider excelente, aínda que a dificultade diminuíu excesivamente non deixa de ser unha aventura que engancha de principio a fin grazas ao seu estilo cinematográfico. Todo isto cun apartado técnico brillante e con situacións límite que nos farán manternos en tensión.

Presentarnos un carácter máis humano de Lara Croft foi todo un acerto por parte de Crystal Dinamics, deste xeito teñen a escusa perfecta para presentarnos unha protagonista novel na que non dubidedes que existirá unha nova entrega, aínda que segundo parece as ventas non foron todo o bos que se esperaba…

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.5
  • SON:
    9.2
  • XOGABILIDADE:
    9.1
  • DIVERSIÓN:
    9.5
  • DURACIÓN:
    9

  • FINAL:
    9.3
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    9.7
  • SON:
    9.7
  • XOGABILIDADE:
    9.5
  • DIVERSIÓN:
    9.6
  • DURACIÓN:
    9.3

  • FINAL:
    9.6

7 usuarios enviaron os seus votos.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

1 Comentario a “Análise de Tomb Raider”

  1. Agrellagalega di:

    Moi de acordo coa análise, sobre todo co feito de que se bota de menos algo máis de dificultade e algúns máis puzzles. O xogo é moi bo xogo, pero á vagadas non se sinte coma un Tomb Raider

Deixar un comentario