Análise: The Walking Dead, de Telltale

Por: Xoves, 7 de Marzo de 2013

Unha das temáticas máis de moda na cultura popular hoxe, é sen dúbida a temática de zombies, dende cómics coma Marvel Zombies, películas coma Zombieland,  libros coma “Zombi: guía de supervivencia” e segue unha longa lista. E un dos grandes contribuíntes a esta moda é “The Walking Dead” e a súa adaptación televisiva do mesmo nome e a actúal adaptación ó videoxogo levada por Telltale.

 

Hai moitas maneiras de adaptar ó videoxogo unha ambientación coma a de The Walking Dead, sendo as máis claras a do xogo de supervivencia ou a de “Shooter”, mais Telltale apostou polo que ven sendo a súa especialidade, as aventuras gráficas por capítulos, aínda que aquí o termo aventura gráfica é moi, moi matizable, como xa veremos logo.

Dicídeme que non dan ganas de darlle unha aperta.



O xogo toma da saga a ambientación do cómic, pero cóntanos unha historia distinta, a historia de Lee, un ex-profesor de historia, preso por asasinato, que camiño do cárcere atópase coa apocalipse zombi, e de Clementine, a nena a que se verá obrigado a coidar, despois encontraránse con distintos superviventes, e farán todo o posible para manterse vivos no medio do ataque zombi. E xusto aquí reside o gran punto a favor do xogo, nos seus personaxes e na súa historia, tódolos personaxes teñen os seus momentos dramáticos, todos deixan ver o tenso do situación límite que están a vivir, e apréciase moito a dinámica do grupo, e especialmente a interacción entre o protagonista e Clementine, que fai que, a intres, den ganas de botar unha bágoa.

 

A isto engádeselle momentos onde podes tomar varias decisións sobre como pode continuar a historia, a quen salvas e a quen non, se participas en determinada situación ou non. Pero nisto non é ouro todo o que parece, e isto que o xogo promete, só o cumpre mediante un truco de maxia; é verdade que as túas decisións influirán no futuro do xogo, mais só realmente nos diálogos e as interacción coas outras personaxes, ou no pronto ou tarde que pode ocorrer a morte dalgún deles. Pero se un personaxe ten que morrer, morrerá, e se algo ten que pasar, pasará, e da igual o que fagas, pode ocorrer antes ou pode facelo despois. Claro, un só pode decatarse disto ó xogar máis dunha partida, ou ó comentar as partidas con algún amigo. O efecto pretendido polo truco (unha inmersión total no xogo e facer o xogador parte do ambiente de medo, tensión, desesperanza e de toma de decisión difíciles) só pode ser efectivo unha soa vez,  e iso xoga en contra, anulando a súa aparente rexogabilidade.

Fuxamos, o casting para a nova tempada de “Gandía Shore” xa comezou.

Xunto a isto, outro dos grandes defectos é a súa xogabilidade, ou mellor dito a ausencia desta. A xogabilidade dunha aventura gráfica mídese polo inxenio no seus quebracabezas, por como forza ó xogador a usa-lo pensamento lateral e por como equilibra a dificultade destos coa satisfación ó ser capaz de resolvelos, mentres que en “The Walking Dead” son tan ridiculamente sinxelos que calquera persoa adulta que necesite unha guía para a súa resolución,  debería volverse a plantexar retoma-los estudos de primaria, xa que o máis díficil deles é do nível do quebracabezas máis fácil do “Monkey Island”. O outro sistema de xogo reside nos “quick-time events” outra vez tan sinxelos que consisten en pulsar un botón moitas, moitas veces moi rápido, un sistema máis propio dun banner de publicidade que dun videoxogo.

Creo que a alguen non lle fixo moita graza que non laváse-los pratos onte.

E é por isto que me custa, decir que “The Walking Dead” é unha aventura gráfica, porque aínda que ten tódolos elementos para sela, están tan simplificados que é imposible chamarlle así, máis ben aseméllase a un híbrido entre unha aventura gráfica e unha película interactiva. E con isto non quero decir que sexa un mal produto, é un produto cunha calidade incrible, unha historia chea de xiros de guión, con personaxes que fanse querer e odiar, con dous protagonistas carismáticos (un deles a nena máis adorable que vin ate agora nun videoxogo), cun ambiente traballado e coidado, e que a primeira vez consegue facerche pensar que todo o que fagas ou digas será importante (aínda que só sexa un truco, é un truco ben levado). por non falar duns gráficos de estilo “Cell Shading” que sen ser a oitava marabilla do mundo moderno, si lle dan un toque de banda deseñada, que crea unha atmósfera moi adecuada. Pero coma recomendación final, os que non poidan obviar a nula xogabilidade, que se alonxen, e os demáis que prefiran desfrutan da mellor historia de zombis en moito tempo nun videoxogo, que saiban que a hora dos camiñantes pode estar a chegar, e mellor xogar para que non nos colla por sorpresa coma a Lee.

 

 

Sobre o autor:

@Agrella | Ver as entradas publicadas por Agrella »

«A miña historia cos videoxogos comezou o día en que meu pai me ensinou a usar a SNES da casa, despois caeu nas miñas mans unha Game Boy e dende entón os videoxogos e Nintendo pasaron a formar parte da miña infancia. Xa de maior afeccioneime aos xogos de PC e dende entón dedícome a matar inocentes sims, mandar exércitos á destrución, disparar a alieníxenas e escorrentar orcos.»

1 Comentario a “Análise: The Walking Dead, de Telltale”

  1. Parabéns pola análise, en poucas liñas describes con claridade que é The Walking Dead.

    Lóxico que che custe dicir que TWD é unha avnetura, porque non o é en absoluto. O xénero márcao a xogabilidade, no caso das aventuras como dis o elemento diferencial é o crebacabezas de aventura, carga narrativa e uso do pensamento lateral para a súa resolución. TWD non narra mediante o crebacabezas, o crebacabezas non supón sequera un reto para o xogador, eses “quebracabezas”, como os QTE, son unha pequena escusa para pasalo por videoxogo, mais trátase dunha actualización dos libros de elixe a túa propia aventura. Pode haber dúbidas en chamarlle filme interactivo ou outra cousa, pero aventura gráfica non é.

    Dáme a sensación de que con TWD Telltale atopou o que levaba tempo a procurar. Quería tirar proveito das súas licenzas chegando ao gran público, con Back to the Future non o conseguiron aínda reducindo a aventura ás súas máis ridículas proporcións. Desta volta renunciando ao xénero que marcou o inicio da compañía, chegaron a esa audiencia que anhelaban, moitísimos xogadores, ventas e incluso recoñecemento. Aínda que a min como xogador non me interesen estes produtos, paréceme ben que se fagan e incluso prefiro que Telltale faga este tipo de historias interactivas antes que aventuras gráficas para persoas que non queren xogar aventuras gráficas.

Deixar un comentario