Un GTA ao estilo Lego

Por: Martes, 26 de Febreiro de 2013

Xa pasou máis dun ano dende que Nintendo anunciou o Lego City Undercover no E3 2011. O xogo, desenvolvido por TT Games Fusion, chegará ás nosas tendas o 28 de marzo deste ano, exclusivo para a consola Wii U. Este título basado no popular xogo de pezas tenta innovar no universo dos videoxogos, mesturando o mundo aberto coa aventura, a acción e a creatividade dos Lego.

LEGO_City_Undercover_screenshot_33

A un mes da estrea do Lego City Undercover, TT Games Fusion concedeu hoxe unha entrevista en exclusiva á revista Nintendo Life. Foron especialmente trascendentes as declaracións de Loz Doyle, produtor executivo da empresa, tras ser preguntado pola posibilidade de incluir un DLC nun futuro:

Hai unha morea de vehículos, personaxes e misións. Xa hai moito contido no xogo – estamos falando de entre 40 e 50 horas para completalo ao 100%. É difícil imaxinar que máis poderiamos engadir. Non o imos descartar (engadir un DLC), pero tería que ser algo que encaixase co resto do xogo.

Ao principio do xogo, na área de San Francisco, estarás moi metido na trama principal, pero conforme adquiras habilidades verás cousas cun icono de pechado que antes non podías abrir e agora si. Isto animarate a explorar e usar as diferentes mecánicas e habilidades do xogo.

Está claro que o equipo de Doyle aposta por un sandbox e tenta afastarse da meirande parte dos xogos do universo Lego, pertencentes ao xénero das plataformas. Pode ser o LCU o próximo competidor da saga GTA? Iso aínda está por ver…

 

Sobre o autor:

Drumroller | Ver as entradas publicadas por Drumroller »

«Afeccionado aos videoxogos dende sempre. Calquera cousa que poida ser xogada é benvida á miña colección. Fan das aventuras gráficas dos 90 (Monkey Island, The Dig...) e das consolas portátiles de Nintendo. O meu soño? Conseguir algún día o famoso e cotizado Whirlo para a SNES. Aínda que antes terei que mercar unha SNES, polo que... Ah!, e ás veces tamén son youtuber.»

Deixar un comentario