Os 10 mellores xogos de Wii

Por: Sábado, 23 de Xuño de 2012

Seguindo a mesma estela que fixen coas consolas de Sony e Microsoft agora tócalle o turno á famosa Wii de Nintendo. Deste xeito intentarei facer unha selección dos que para min son dez xogos imprescindíbeis desta consola.

Quixera matizar que quizais fose a consola que máis me custou encontrar os dez mellores, xa que Nintendo centrouse case en exclusiva aos casual-gamers e honestamente, os xogos que van dirixidos a este tipo de xogadores nunca chegan sequera ao aprobado.

De todos os xeitos existen xogos moi bos, só hai que saber buscar,aínda que como xa dixen en varias ocasións a calidade dos xogos de Nintendo case na súa totalidade resúmense en dúas palabras, Shigeru Miyamoto.

Comecemos pois co ránking:

Nº10 – Okami

Unha pequena xoia que nos chega dende Xapón (con estética incluida) na que controlaremos a unha deusa reencarnada en loba e que deberá atravesar fermosos paisaxes utilizando os seus poderes máxicos.

Nestos poderes é onde recae a súa innovación, xa que empregaremos o noso mando para usalo como pincel e o que debuxemos na pantalla converterase en realidade como reconstruír pontes, atacar, cortar, etc, etc.

Un xogo longo,entretido e cheo de maxia. Se che gustan as boas aventuras e sobre todo da estética oriental, aquí tedes un claro xogo imprescindíbel.

Nº9 – Resident Evil 4

A cuarta entrega de Resident Evil trouxo gustos (para os amantes dos shooters) e desgustos (para os puristas desta saga), xa que nos propoñían un xogo máis de acción que de terror. Aínda así, a acollida foi cómoda para o xogo, e non é para menos xa que estamos ante un dos mellores xogos de acción da consola.

O problema?, os anos, porque primeiro saíu en Game Cube, despois en PS2 e finalmente na Wii, e isto réstalle orixinalidade.

A estas alturas seguro que a maioría xa o probastes nalgunha das consolas e darédesme a razón en que estamos ante un xogo, moi, pero que moi entretido.

E non, non me meterei na discusión se Resident Evil merecía este cambio ou debería seguir coa súa estética.

Nº8 – Madworld

Poucos xogos son tan orixinais como este, poucos xogos se arriscan tanto como Madworld e poucos xogos son tan brutais como o mesmo. Creo que é un resumo perfecto para este título.

Sumerxémonos nun programa de TV no cal a nosa vida está en xogo, deste xeito deberemos avanzar por escenarios cheos de inimigos eliminándoos da forma máis cruel (e por moito que pese, divertida).

Lanzalos á vía do tren, empalalos cun sinal para posteriormente queimalos nun bidón, lanzalo a unha reixa electrificada… e centos de maneiras de eliminar aos inimigos.

A súa estética tamén é do máis innovador, sendo un xogo totalmente en branco e negro vendo unicamente a cor vermella, é dicir,o sangue.

Un pulsa-botóns en toda regra. Merece unha oportunidade.

Nº 7 – Zelda: Twilight Princess

A primeira incursión de Link en Wii trouxo un título que enamorou a uns e non tanto a outros. Unha nova aventura na que o propio protagonista se podía converter en lobo e empregar así novos poderes.
Volveron os puzles típicos da saga, os artiluxios dos Zelda, o argumento típico…

En definitiva un xogo moi bo pero que non consiguiu chegar verdadeiramente ao corazón de todos os seus fans e o irregular apartado técnico non axudou neste fin.

De todos os xeitos un título a ter moi en conta.

Nº6 – Metroid: Other M

Samus Aran tamén quería os seus xogos nesta consola e o último foi un título en 2D que pretendía volver as súas orixes.

Cun desenvolvemento moi entretido e uns rompecabezas en partes moi complexos fixeron de Other M un título claramente recomendábel e imprescindíbel para Wii.

Mención aparte ao seu apartado técnico e sonoro que redondearon un xogo que te cautivará se es fan deste personaxe e deste tipo de aventura de plataformas.

Nº5 – Donkey Kong Returns

Nintendo o que sabe facer perfectamente é recuperar a todos os seus personaxes clásicos e o gorila máis famoso tampouco perdoaría o seu regreso.

Deste xeito temos un plataformas en 2D na que controlamos ao noso protagonista e poderemos estar acompañados por un compañeiro durante toda a aventura.

Saltos típicos da saga, humor característico, apartado técnico delicioso, son entrañábel… son só algunhas das características que rodean este xogo.

Desfrutarédelo dende o primeiro instante.

Nº4 – New Super Mario Bros Wii

Anos antes New Super Mario Bros aterraba en Nintendo DS e o seu tremendo éxito concerteuno nun novo capítulo para Wii. O resultado mellorou o visto na portábel con novas posibilidades como pasar o xogo completo acompañado de até cuatro xogadores.

Polo demáis, penso que sobran presentacións, Mario en 2D inclúe plataformas de toda a vida, apartado técnico lúcido, variedade de mundos, monstros finais e diversión para dar e tomar, sobre todo acompañados.

Nº3 – Super Mario Galaxy 2

Continuamos con outro xogo de Mario, a segunda parte de Galaxy que supera en todo ao seu predecesor, algo xa complicado de por si.

Volvemos a controlar a Mario que deberá recorrer o universo por multitude de planetas en escenarios tridimensionales facendo alarde das súas habilidades como saltar, correr e as súas múltiples transformacións.

Deste xeito irá recolectando estrelas que lle permitirá acceder a novos mundos.

Como novidade temos a Yoshi, o dinosauro que nos permite realizar novos movementos engadindo aínda máis variedade (se cabe) a un xogo de dez.

Non é que sexa un imprescindíbel desta consola, é que é un imprescindíbel de todas as consolas. Obrigatorio.

Nº2 – Zelda: Skyward Sword

A última aventura de Link regresou por todo o alto, cunha aventura espectacular chea de emocións, puzles extraordinarios e rodeado dun apartado técnico que supera o visto nesta consola.

De novo temos que salvar a Zelda e para iso Link viaxará por diversos mundos enfrontándose á máis diversa variedade de inimigos que te poidas imaxinar.

Non penso dicir moito máis, simplemente se tes esta consola, tes que telo.

Nº1 – Mario Kart Wii

E aquí chegamos ao número un, ao mellor xogo de condución da historia, un xogo que te fará desfrutar de innumerábeis horas de xogo.

Diversión pura e dura.

Volvémonos atopar coas mascotas de Nintendo as cales disputarán o primeiro posto nunhas carreiras do máis tolas podendo usar obxectos que recolectamos polos escenarios como as típicas cunchas vermellas, o lóstrego ou o foguete.

Creo que non podo contar o desgaste de dedos que teño de xogar a este título.

Personalmente o xogo de condución máis divertido da historia.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

5 Comentarios a “Os 10 mellores xogos de Wii”

  1. Paula di:

    Na miña opinión, quitaría MadWorld e incluiría Monster Hunter Tri na quinta posición. Polo demais, coincido.

  2. choppo di:

    Un top moi respetable pero este é o meu:

    1. Super Mario Galaxy 2/Super Mario Galaxy
    2. The Legend of Zelda: Skyward Sword
    3. Mario Kart wii
    4. Monster Hunter Tri
    5. The Last Story
    6. Xenoblade Chronicles
    7. Metroid Prime Trilogy
    8. Super Smash Bros Brawl
    9. New Super Mario Bros wii
    10. Donkey Kong Country Returns
    11. The Legend of Zelda: Twilight Princess
    12. No more heroes 2
    13. Madworld
    14. Resident Evil Archives: R.E. Remake
    15. Resident Evil 4: wii edition
    16. Sin &punishment: Sucessor of the sky
    17. Epic Mickey
    18. Resident Evil: Darkside Chronicles
    19. House Of the dead: Overkill
    20. Red Steel 2

    Xa sei que son o doble… pero son todos moi bos. (case me animo e poño 30!, pero creo que chega)

    Saúdos.

    Nota: Okami é un “juegazo” pero salíu tarde, despois da versión de ps2 e ademáis completamente en inglés… eso o relega a un top 30 quizáis ,pero non a un top 10.

    Nota 2: Metroid Other M non está mal pero a visión feble de Samus na historia molestou a moitos fans e o xogo querendo mesturar o clásico co estilo Prime non acaba de funcionar de todo. Ademáis, faise moi fácil. Ten moi bos gráficos e animacións, é un xogo novedoso pero é de notable+ quizáis en un top 30.

    Nota 3: O remake do primeiro Resident en Gamecube é o mellor Resident nunha consola de Nintendo (e pode, digo pode, o mellor da historia de momento). En Wii se reeditaron algúns xogos de Gamecube adaptados ó control de Wii e este foi dos mellores , quizáis so superado polos Metroid 1 e 2 incluídos en Metroid Prime Trilogy.

    Nota 4: Poucos xogos de loita ten Wii pero si ten o máis profundo e orixinal de toda a xeneración (non hai máis que botarlle un vistazo á guía oficial para ver todas a posibilidaes). Para empezar é un Smash polo que o cooperativo multiplica a diversión pero en solitario tes o modo historia e moitos retos. Ademáis tés un monton de personaxes nintendo e algúnha que outra sorpresa.

    • Skaltum di:

      Con relación ao Smash da Wii, xa teño comentado que non me pareceu tan divertido como foi aquela xenialidade saída para a Nintendo 64.

      Quixeron adaptarse, con moitos máis escenarios, moitas máis personaxes, máis ítems…pero personalmente non me enganchou nin unha milésima parte do que o fixo aquela primeira entrega.

      Por isto que non o incluín na miña lista.

      Saúdos

      • choppo di:

        Estou de acordo, cando apareceu na 64 foi moi revolucionario.O de wii non foi tan impactante no seu momento pero creo que é un dos grandes da consola. O de Gamecube tamén estaba moi ben.

        Noraboa pola páxina. Moi interesante.

  3. Nero di:

    Unha lista na que coincido bastante, ainda asi, por o Mario Kart de primeiro me parece un poco fora de contexto cando está considerado dos peores da saga. O mesmo digo para o Metroid Another M, polos fans atopase lapidado de mala maneira mentres co Metroid Prime 3 considerase dos mellores que existen.

Deixar un comentario