Novos ‘remakes’ de Nintendo

Por: Venres, 22 de Xuño de 2012

Se algo caracteriza a Nintendo son as súas varias e exitosas franquías de xogos, como Mario, Zelda, Pokémon, Donkey Kong, Metroid e moitos máis. E se outra cousa caracteriza a Nintendo son os remakes de xogos clásicos. Os Pokémon Verde e Vermello da Game Boy viron de novo a luz na Game Boy Advance, os Pokémon Ouro e Prata fixérono na Nintendo DS, os Zelda: Ocarina of Time e Lylat Wars da Nintendo 64 voltaron renovados na 3DS.

Por iso, os rumores de novos remakes son constantes, e ultimamente véñense escoitando voces a falar dun Zelda: A Link to the past en HD para a 3DS e dun novo F-Zero para a Wii U. Cales son os planos da Nintendo neste aspecto? Aquí están as declaracións do mestre Shigeru Miyamoto:

Particularmente, encontro moito máis interesante crear algo novo baseado no título orixinal: Unha experiencia nova e que sexa diferente do que os xogadores viron anteriormente, mais tendo como punto de partida e base ‘A Link to the past’. Na miña opinión é importante presentar algo novo ao título. Para ser completamente honesto e franco, todos os lanzamentos dese estilo dependen dalgúns elementos, como a dispoñibilidade dos directores no momento adecuado. Algúns directores farían un excelente traballo, outros non teño 100% de confianza. Destes últimos preferiría que fixesen un ‘remake’, é algo que tamén debe ser tomado en conta.”

Eu penso que cando foi lanzado orixinalmente, F-Zero foi unha grande sorpresa para os xogadores, sendo algo novo e completamente diferente de todo que viran. Era un produto sólido, o cal tiña o lanzamento plenamente xustificado. Porén, non vexo ese mesmo escenario coas consolas actuais, esa sorpresa non sería xerada hoxe. Se cadra co futuro das consolas e a chegada da Wii U poderemos ser capaces de crear algo así, mesmo que sexa a través dun xogo un pouco menor e diferente do habitual.

Sobre o autor:

@AmilGZ | Ver as entradas publicadas por AmilGZ »

«Cando tiña 8 anos regaláronme a miña primeira consola, unha Mega Drive noviña do trinque. No momento en que a conectei á televisión e vin un ourizo azul a rodar pola pantalla, notei un bolboretear no meu estómago. Resultaron ser gases, mais aínda así gostei bastante dos videoxogos en xeral e de Sonic the Hedgehog en particular. Comezou así unha bonita historia chea de amor, sangue e bolachas de dinosauro que se estende até a actualidade.»

Deixar un comentario