Análise de Max Payne 3

Por: Sábado, 16 de Xuño de 2012

Meses e meses levan “hypenado” esta terceira entrega de Max Payne para rematar sendo unha bola de fume, un engano dos medios, unha estrataxema que de non levar os dous grandes nomes que o respaldan, Rockstar e Max Payne, sería un xogo que acabaría no limbo dos descoñecidos.

A continuación os motivos.


ARGUMENTO

Xa non pilla a ninguén por sorpresa, un típico argumento “made in Rockstar” na que o noso protagonista afectado polo alcohol e antidepresivos traballa para persoas máis poderosas (con máis diñeiro) eliminando aos inimigos sen piedade até que algo sae mal e decide traballar por si mesmo, pero empregando os mesmos métodos “anti-éticos”.

Típica ambientación de Rockstar suburbio-violenta con reseñas de drogas, torturas, insultos, mafias, etc que se xogastes a calquera dos videoxogos anteriores desta compañía poderedes recoñecer moi ben, porque a fin a ao cabo, parece que non saben saírse desas liñas prelimitadas.

Pero non nos desafoguemos coa historia que nos ofrece Max Payne 3, porque, aínda sendo un apartado moi importante para que un título enganche, non é o fundamental, fixémonos na diversión que ofrece.

DIVERSIÓN

Aquí é onde máis me sorprendeu esta terceira entrega de Max Payne 3, porque tendo en conta que os seus desenvolvedores son Rockstars e a súa traxectoria que os precede, o resultado deste videoxogo non é o que merecemos os usuarios.

Con este título xa sabemos que imos ter un xogo de tiros, até aquí todo ben, mais a variedade de situacións que nos ofrecen é moi, moi limitada, tanto, que pasaremos o 99% do xogo facendo o mesmo. Dispararemos a inimigos por escenarios lineais até baleiralos de perigos para avanzar até a seguinte fase que atoparemos…exactamente o mesmo.

Como xa é habitual nestes títulos poderemos empregar métodos de cobertura polo escenario para defendernos das balas dos contrincantes, e como non, nun Max Payne non pode faltar o tempo bala, que non se aprobeita todo o que se debería, podendo realizar só un par de movementos especiais durante toda a aventura.
Así, podemos facer un breve resumo da xogabilidade e diversión deste título. Personaxe atópase nun escenario cargado de inimigos, personaxe avanza por escenario disparando a todos os que atopa empregando coberturas e tempo bala, personaxe remata con todos, personaxe avanza cara seguinte fase, personaxe volve eliminar a todos os que atopa, personaxe…

Cando levedes unha horiña xogando veredes como entendedes o que estou dicindo. O certo é que en contadas ocasións (remarquemos contadas) poderemos disparar dende un helicóptero, unha lancha, pero son situacións que xa estamos acostumados a ver neste xénero e que non vos van sorprender en absoluto.

Por que non ampliaron a variedade de situación? Por que non implementaron unas misión más espectaculares? Por que non aumentaron as posibilidades xogábeis de Max Payne 3?
Todo unha serie de preguntas que lanzo porque estamos ante un xogo triple A, un xogo con presuposto suficiente como para realizar un título no que o espectáculo e a diversión estean presentes.
É certo que se o xogo se titulase doutra forma e a compañía fose calquera outra, podería, incluso, entenderse ou empatizar cos responsábeis, pero estamos falando dunha compañía que coñece moi ben as preferenzas dos xogadores e non se pode limitar a realizar un xogo que como dixen, de non levar ese nome pasaría completamente desapercibido.

Estaredes desexando que se remate.

APARTADO TÉCNICO

Supoño que tampouco vai sorprender a ninguén. Estamos ante un xogo con presuposto suficiente como para entrar polos ollos a calquera persoa, con modelado de personaxes máis que decente e uns escenarios que a medida que avanzamos na historia, van mellorando consistentemente.

As fases en interiores non acaban de convencerme en absoluto, mais si que o fan as zonas externas como nas favelas, no porto e outros lugares que visitaremos.

As texturas son notables conseguindo así un maquillaxe moi apto para un xogo que pretende esconder moitas carencias e que non o consegue, de todos os xeitos se sodes esa clase de persoas que só buscades gráficos, este xogo non vos defraudará.
Tampouco faltan as distorsións tanto nas imaxes como nos sons para crear un ambiente máis decadente, máis suburbial, así como uns efectos sonoros que continuamente nos informan de que algo vai acontecer.

Sen dúbida o mellor apartado do título, persoalmente, o único bo apartado que ten.

CONCLUSIÓN

Nesta pequena análise só quero deixar clara a miña opinión ante un xogo que prometía demasiado e que me ABURRIU, con todas as palabras, todo o tempo que xoguei a el. A estas alturas non se poden limitar a realizar un xogo tan monótono e igual, hai que ofrecer unha experiencia maior ao usuario.

Lin varias críticas por internet e moitas delas con notas de sobresaliente, recalcando na volta dun dos grandes, nun dos shooters máis espectaculares… quizais non falan do mesmo Max Payne 3 que xoguei eu.

De todos os xeitos a obxectividade e os gustos preferentes de cada un son respectábeis por todos e se queredes pasar unas horas avanzando por escenarios premendo o gatillo do mando sen máis alicientes, benvido a Max Payne 3.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9
  • SON:
    8.3
  • XOGABILIDADE:
    5
  • DIVERSIÓN:
    2.1
  • DURACIÓN:
    8

  • FINAL:
    6.5
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

3 Comentarios a “Análise de Max Payne 3”

  1. Mixigodo di:

    Carai, que duros coa diversión. Non o xoguei, así que non podo opinar. Porén, Max Payne foi un dos mellores xogos que xoguei na miña vida no xénero de acción, e Max Payne 2 cumpríu coas miñas expectativas. O caso é que levo moito lonxe do mundo dos videoxogos, polo que non estou para nada ao día. Cos trailers flipo, pero a verdade é que non coñezo cómo está o panorama ao redor.

    Eu agardo que cando o xogue sexa polo menos entretido e dunha duración aceptábel. Claro, depende do que vaias buscando e o que esperes, pero para min o importante é desconectar e desafogar con Max Payne. Se consegue engancharme a historia, é un extra, pero vendo os gráficos e imaxinando as situacións, paréceme que non me defraudará de todo. Iso si, é importante saber que non podes agardar unha obra mestra, senón algo do montón. Así non haberá decepcións.

    Saúdos!

  2. Skaltum di:

    Honestamente teño que dicir que non xoguei ao primeiro Max Payne, mais si que pasei o segundo, e a experiencia non ten nada que ver con esta terceira entrega.

    Se buscas duración, xa che podo dicir que me durou unhas dez horas e como dixen arriba, disparos si, pero deberían ampliar un pouquiño a gama de situacións.

    Quizais esperaba máis deste título, pero a miña experiencia con este non foi nada agradábel. Esperarei a túa opinión se tes a oportunidade de probalo para conversar máis sobre o tema.

    Saúdos

  3. Mixigodo di:

    Non creo que o probe, pois non teño nin equipo suficiente, nin consola, nin teño pensado adquirilo pronto.

    Pero si que podo dicir que nos outros Max Payne me deleitaba cos detalles e éstes eran abundantes (televisións, obxectos cos que interectuar, pósteres que interrelacionan feitos…). Posto que o meu xeito de xogar é ese, a iso me refiro co da duración aceptábel. Un Max Payne pódelo pasar en poucas horas (todas as fases iguais, pegando tiros e vía), ou podes buscar e explorar todos os recunchos e detalles dos mapas, e durarache máis e será máis entretido. Entendo que eses detalles son os que ti botas en falta, porque agora que ten a fama e as vendas aseguradas, descoidouse ese importante apartado para o que non é un xogador casual.

    Saúdos!

Deixar un comentario