[E3] Nintendo Direct Pre E3 2012

Por: Luns, 4 de Xuño de 2012

Como saberedes, Nintendo acaba de dar unha conferencia vía streaming para aquecer os motores da E3 2012. Desde o Twitter de Memoria Pixelada retransmitímola ao vivo para que puidésedes seguir todas as novidades. Aínda así, ben sabemos que moitos de vós estabades ocupados a celebrar outra caste de eventos, polo que vos traemos aquí o vídeo e os aspectos máis resaltábeis, que poderedes ver se continuades a ler…

A conferencia comeza con Satoru Iwata a falar sobre o problema de estarmos ‘sós xuntos’, cando moita xente está no mesmo lugar mais illada en cada un seu trebello (móbil, ebook, tablet…). Porén, Nintendo vén traernos a solución, faltaba mais!

Antes de afondar máis no tema, preséntanos o novo controlador, o WiiU GamePad. Si, é aquel tablet que mostraban o ano pasado no E3, mais un chisco redeseñado. E que nos ofrece este controlador? Pois ten as seguintes características:

  • O stick pode moverse como normalmente, mais tamén pode premerse. Grandísimo avanzo da tecnoloxía que ningunha videoconsola antes tiña… ah, non, espera, a PS2 xa facía isto!
  • O WiiU GamePad trae un lector de cartóns, un sensor ao que lle achegas cartóns fabricados pola Nintendo para facer cousas nos xogos.
  • Tamén ten un sensor de infravermellos para poder manexar a TV.
  • A pantalla é táctil.
  • O WiiU GamePad ten acelerómetro e xiroscopio (isto é, sensor de movemento).
  • Alén de valer como pantalla auxiliar, en algúns xogos poderá usarse indistintamente a pantalla da TV ou a do WiiU GamePad para xogar.
  • Sobre todo pensado para xogos de 1 xogador ou xogos casuais (tipo Wii Fit). Prometen que non haberá atraso na imaxe apesar de xogar no
  • Wii U GamePad.
  • Non só será compatíbel co WiiU GamePad, senón que presentaron un novo controlador máis clásico chamado WiiU Pro Controller. Tamén valerán o WiiMote e o Nunchuck da Wii.
  • Por último, ten unha cámara para poder facer videochamadas.

Esta será a nova aparencia do WiiU GamePad, que pouco mudou desde o prototipo que vimos no ano pasado. (Imaxe de http://www.elotrolado.net/)

Despois de presentar isto, vai un vídeo sobreactuado dun home que non dá pasado un xogo de zombies e fala cunha figura de acción inespecífica (un boneco, vaia).

A seguinte novidade é o Mii Wara Wara, un lugar onde estarán o teu Mii, o resto de Miis da túa consola, os Miis dos amigos que teñas engadidos e aquela xente do teu país ou que fale a túa lingua que xogue aos mesmos xogos ca ti. A pesar disto, non contedes con que haxa un xeito de conectarse con xente que fale galego, xa sabemos a política de Nintendo coas linguas.

Isto vén a ser o Mii Wara Wara, unha especie de Plaza Wii como a da Wii, mais con máis Miis. (Imaxe de http://www.elotrolado.net/)

A maior novidade que anunciaron, a idea que vai acabar con aquilo de estarmos ‘sós xuntos’, é o Miiverse. Nintendo ten a ben explicarnos que ‘Miiverse’ significa ‘Mii Universe’, por se acaso non se entendía ben. O Miiverse non deixa de ser unha rede social de Nintendo que, de momento, só vai funcionar na Wii U e na 3DS. No futuro queren ampliala a futuros dispositivos de Nintendo e mesmo a móbiles, mais… só é un desexo, non unha promesa. Conforme aparece nos vídeos, parece un tipo Twitter, mais tamén permite videochamadas e máis interactuacións dentro dos xogos. Claro está, o uso do Miiverse que fagan os xogos dependerá dos desenvolvedores. Nintendo dá a ferramenta, depende dos outros usala ou non.

Diagrama explicativo da Nintendo do que é o Miiverse. (Imaxe de http://uk.ign.com/)

Sobre o autor:

@AmilGZ | Ver as entradas publicadas por AmilGZ »

«Cando tiña 8 anos regaláronme a miña primeira consola, unha Mega Drive noviña do trinque. No momento en que a conectei á televisión e vin un ourizo azul a rodar pola pantalla, notei un bolboretear no meu estómago. Resultaron ser gases, mais aínda así gostei bastante dos videoxogos en xeral e de Sonic the Hedgehog en particular. Comezou así unha bonita historia chea de amor, sangue e bolachas de dinosauro que se estende até a actualidade.»

1 Comentario a “[E3] Nintendo Direct Pre E3 2012”

  1. carlos di:

    que curro!!! moi ben rapaces!!!! unha aperta grande

Deixar un comentario