O deseño de videoxogos é unha actividade en crecemento continuo durante os últimos anos, non sería estraño que algúns dos lectores de Memoria Pixelada esteades a sopesar esa posibilidade. Moitos dos grupos noveis que decidiron dedicarse a desenvolver videoxogos optaron por comezaren coa aventura gráfica por ser un xénero en aparencia máis accesíbel. Hai diferentes ferramentas que simplifican moito a creación, como o AGS, o Wintermute ou o Visionaire Studio, que permiten realizar aventuras partindo de coñecementos mínimos en programación. Mais detrás de todas esas facilidades respecto a outros xéneros, é unha maneira de contar historias moi específica que precisa do estudio das súas particularidades para conseguir deseños que acaden un mínimo de calidade.

A elaboración dunha aventura é un labor multidisciplinar, algunhas partes son comúns aos demais xéneros e outras caracterizan o que nos ocupa, como o deseño de crebacabezas. Uns meses atrás rematei un documento sobre o deseño de crebacabezas na aventura, elaborado de maneira intermitente durante varios anos. Consta dunha trintena de páxinas que serven de introdución a unha disciplina tan complexa como apaixonante. A documentación é escasa e apenas existe alén da lingua inglesa, tratando sempre o tema de maneira moi superficial. Neste caso penétrase algo máis sen intencións de supoñer unha teoría completa do crebacabezas, algo que cae fóra das miñas posibilidades e que requiriría de centos de páxinas.

A aventura é un xénero que se atopa estancado, nunha época de pouca experimentación, apoiándose nunhas bases deturpadas. Se estades a pensar en deseñar outro tipo de videoxogos pero queredes iniciarvos na aventura por resultarvos máis accesíbel, o meu consello é que non o fagades, que deseñedes dende o principio os xogos que queirades facer; mais se aínda así algún de vós quere deseñar aventuras ou simplemente sente curiosidade polo medio narrativo, este documento pode resultar un útil punto de partida. O crebacabezas de aventura non ten nada que ver cos minixogos ou os enigmas de caderno de pasatempos tipo Professor Layton, aínda que a propia dexeneración da disciplina contribuíse a esvaecer un concepto de crebacabezas de seu que se tenta explorar nestas liñas. Tedes o documento dispoñíbel tanto en PDF como no formato de código aberto e universal, EPUB, adaptado para os lectores de libros electrónicos de seis pulgadas, mais co Calibre (software multiplataforma e en galego) podédelo converter de maneira moi sinxela ao formato que utilice o voso e-reader.

Pica na imaxe para descargar o documento en formato EPUB.

Pica na imaxe para descargar o documento en formato PDF.

Sobre o autor:

@Miguel R. Fervenza | Ver as entradas publicadas por Miguel R. Fervenza »

«Os oitenta transformábanse devagar no ubérrimo esterco do que se nutrirían as aventuras gráficas namentres un verde fulgor actuando tal que bioluminiscente reclamo sexual de vella das papas fixaba a miña atención na monocroma xanela trala que se erguía un universo enigmático. Dende entón, varredores cósmicos, motoserras desprovistas de combustible, inchables bonecas escorregadizas e monos tricéfalos aprópianse das miñas noites.»

Deixar un comentario