Análise de Rayman Origins

Por: Xoves, 23 de Febreiro de 2012

Outro personaxe clásico volve ás consolas actuáis e sorprendentemente faino dunha maneira que ninguén esperaba, é dicir, por todo o alto. Rayman regresa nunha aventura de plataformas en 2D, o máis puro vella escola, pero coa diferenza do apartado técnico que se alonxa dos títulos retro e fai recapacitar ao resto das desenvolvedoras de como se debe realizar un videoxogo, polo menos neste aspecto.

Como xa dixen, estamos ante un clásico plataformas no cal deberemos superar os escenarios sorteando as máis diversas dificultades, pero como complemento e variedade podemos facelo xunto a tres compañeiros ao mesmo tempo, e asegúrovos que a experiencia increméntase, aínda que ben é certo que xogando de catro o “barullo” dos personaxes na pantalla pode complicar un chisco o avance polos escenarios pero o pique entre os compañeiros para ver quen consegue máis puntos, quen o fai mellor, etc, compensa profundamente.

Sen dúbida este cooperativo é unha das reseñas máis salientábeis de Rayman Origins case tan sorprendente como o seu aspecto técnico. E volvo recalcar no apartado técnico porque é sublime, sorprendente, ten un aspecto tan colorido, tan fermoso, tan nítido, en definitiva, tan perfecto que cautiva a calquera xogador. Pero non só recae esta calidade na nitidez que ofrece, senón que o deseño dos escenarios están realizados cun cariño que salta á vista nas escenas que aprezamos ao fondo como segundo plano, na disposición das cores (amor puro) e sobre todo nos monstros finais que teñen un deseño de dez, así de claro. Asegúrovos que Rayman Origins é un dos xogos máis fermosos da xeración, porque miraredes vídeos en internet e xa notaredes que se ve especialmente ben, pero poder controlar aos personaxes por estos maravillosos escenarios é de luxo. Todo un festín para a vista.

Pero Rayman Origins non se alimenta tan só do apartado técnico, xa que a xogabilidade tamén acompaña (aínda que con algún matiz), e non só isto, senón que a medida que avanzamos imos adquirindo novos poderes como bucear, planear, correr polas paredes e máis, o que favorecen a un experiencia xa de por si entrañábel. Pero aquí vexo un pequeño problema, xa que algún destos poderes non teñen moita repercusión a nivel de diversión (o poder de cambiar de tamaño non inflúe na xogabilidade) e o poder de correr polas paredes non ten a xogabilidade do resto do título o que nos fará caer en bastantes ocasións por saltos que non deberían acontecer desa forma e sen embargo vemos como o noso personaxe se desploma cara o baleiro.

Tamén é certo que aínda que atopar todas as fadas e coller algunas moedas son un reto máis que complexo, conseguir chegar ao final de cada fase non supón moito esforzo, e máis se imos acompañados doutros xogadores, porque até que todos estén mortos a partida non remata. Aínda que para dar máis variedade ao xogo introduciron fases de disparos e fases de captura, que resultaron ser aínda máis divertidas que o resto do xogo.

Nas fases de disparos os nosos protagonistas subiranse ao lombo dunhas moscas (o sentido do humor non se perde durante toda a aventura e detalles como este que comento, caras dos monstros, etc, faranvos soltar máis dun sorriso) e avanzarán polo escenario disparando a todo o que se mova e esquivando os máis diversos obstáculos. A mosca nunca para e por momentos colle máis velocidade nos cales os nosos reflexos serán chamados para actuar. Diversión en estado puro, unha lástima que non se aumentasen o número destas fases, porque como xa dixen, son aínda máis divertidas que as de avanzar a pe.

A segunda variante de fases son as de captura, que resultan frenéticas, xa que son misións nas que deberemos capturar un cofre que nos escapa a toda velocidade polo escenario. Para capturalo debemos chegar ao final da pantalla esquivando todos os obxectos que nos caen, xa que o escenario derrúbase nestas fases, o que resulta aínda máis espectacular. Sen dúbida as fases máis complexas de todo o xogo.

Como vedes Rayman Origins é un xogazo en toda regra, e aínda que a prensa especializada acolleu a este título como se merecía, as ventas non acompañaron a esta volta do personaxe sen brazos nin pernas, supoño, como acontece sempre, por falta de publicidade porque méritos non lle faltan.

De todos os xeitos se che gustan as plataformas esta é unha compra obrigada porque a nivel de calidade cumpre todos os requisitos, por certo, comenteivos que ten un aspecto gráfico impresionante?

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.8
  • SON:
    7.6
  • XOGABILIDADE:
    9
  • DIVERSIÓN:
    8.8
  • DURACION:
    7.8

  • FINAL:
    8.6
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    9.5
  • SON:
    9
  • XOGABILIDADE:
    9.4
  • DIVERSIÓN:
    9
  • DURACION:
    7.2

  • FINAL:
    8.8

Un usuario enviou o seu voto.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario