Análise de CoD: Modern Warfare 3

Por: Martes, 6 de Decembro de 2011

Fai un tempo Infinity Ward sufríu unha serie de baixas que deixaron ao equipo carentes dalgunhas das súas persoas máis características, detalle que me deixou bastante triste, xa que a miña cabeza inconsciente xa deu por feito que os Modern Warfare non serían o de sempre, pero que equivocado estaba, que inocente fun, porque esta terceira entrega é aínda máis grande que as anteriores (ou polo menos á altura do primeiro), con decenas de situación límite que só poderemos saír victoriosos abríndonos paso a tiros.

É curioso como un desenvolvemento tan sinxelo como é disparar a todo o que se move, se converte nunha das aventuras máis espectaculares do ano, o que me fai preguntar a seguinte cuestión, realmente quén foron os que abandonaron Infinity Ward?, serían os de limpeza, porque a calidade non diminuíu absolutamente nada, ao contrario houbo unha mellora con referente á segunda entrega.

Para todos os que xogastes ás anteriores partes (se es fan dos FPS xa podes ir correndo a xogalos, e se non, dálle unha oportunidade, que non estades ante os típicos shooters, asegúrovolo) xa tedes unha idea do que vos ides atopar. Aquí arrastra un pequeno lastre, o lastre que arrastran todas as terceiras entregas, é dicir, o factor sorpresa diminúe, e aínda que se esforzan en poñernos en situacións verdadeiramente espectaculares, todas teñen señas comúns cos anteriores videoxogos, o cal impide que o xogador quede realmente atónito ante Modern Warfare 3.

Sempre nos quedará París

Porque o que realmente cambia é o embrullo das misións e non a estrutura interna destas, é dicir, voltamos a realizar misións de infiltración, dispararemos dende un avión para defender aos aliados, etc, e o peor de todo é que xa non nos sorprendemos tanto cando nos mandan chegar correndo até un punto e caemos por un edificio, resbalamos por unha pendente, ou calquera outra interación que nos fai reaccionar no momento oportuno.

De todos os xeitos son problemas que teñen todas as terceiras entregas, mais non pensedes que o Modern Warfare 3 se limita a isto, certo é que o factor sorpresa baixa de nivel, pero a verdadeira esencia deste Call of Duty é a enorme cantidade de situacións que nos fan resolver, dende abortar o ataque dun submarino, até defender o presidente Norte-americano, seino, demasiado patriótico ianqui, pero lonxe de politiqueos temos unha misión moi divertida, e o fin e o cabo é do que se trata.

E por suposto só son dous pequenos exemplos do que vos depara este shooter, porque o que sempre caracterizou aos Modern Warfare son os saltos argumentísticos que ao mesmo tempo nos fai empatizar cos protagonistas, que penso que é a primeira saga FPS que nos fai entrar nun argumento moi decente e incluso consegue que nos sintamos espectadores do que lle vai ocorrer aos mencionados protagonistas, que son os mesmo que nos anteriores Modern Warfare. Así, este título non só nos engancha de mal maneira polas situacións que resolveremos, se non polo propio avance do argumento que vos fará sentir como no cine.

Pois a todo isto engadídelle un apartado técnico sublime (tampouco creo que sorprenda a ninguén), tanto no apartado gráfico como no sonoro. Os gráficos beben directamente dos seus predecesores, tanto que está ao mesmo nivel. Aquí fáime pensar se Infinity Ward non podería aumentar este nivel neste aspecto, que non nos enganemos, está a un nivel de sobresaínte, mais nunha terceira entrega o mellor sempre é querer superarse, ir máis aló do esperado. Do apartado sonoro non podo dicir nada, cancións de rock en momentos de disparos sen freo, unha ambientación sonora perfecta con xente berrando, helicópteros estoupan, sons de disparos que che pasan ao lado, e un millón máis de sons que te sumerxen nesta guerra moderna impresionantemente.

Así queda todo ao noso paso

Agora tócame falar do de sempre nestos shooters tan bos, a duración. Eu xa estou a pensar se existe unha norma entre calidade-duración, porque canto máis calidade menos duración e a viceversa nunha chea de ocasións.

E digo isto porque colles o mando da consola, quedas anonadado ante tanta calidade e diversión de misións e ás apenas seis horas, os créditos comezan a baixar pola mesma pantalla que fai nada viches empezar o título. Polo tanto recomendo a todos os que tedes os dous xogos anteriores que o comecedes dende o primeiro capítulo, deste xeito tedes unha aventura completa, impresionante e dunhas 18 horas, como debe ser.

Tamén é resaltábel que a misión secundaria como é coller todos os ordenadores de información que hai repartido polos escenarios, foi introducida cunha dificultade menor, e con mirar un pouco atoparédelos case todos.

De todos os xeitos estades ante unha compra obrigada para todos os amantes dos FPS, que a pesar de repetir fórmula, causa o mesmo efecto que as anteriores entregas, diversión e espectáculo sen descanso. E todo isto ao grande, como se un filme estiveses vendo.

Aos que non gustan do xénero atreveríame a aconsellarlle esta saga, máis que nada porque non estades ante os típicos shooters de avanza en liña recta, dispara a todo, e acaba o xogo, non, a fórmula de Modern Warfare non é esta, é unha fórmula moito máis cinematográfica, é uha fórmula que cautivou a milleiros de persoas, e que o certo é, que non me sorprende en absoluto.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.5
  • SON:
    9.6
  • XOGABILIDADE:
    9.6
  • DIVERSIÓN:
    9.5
  • DURACIÓN:
    6.5

  • FINAL:
    8.9
NOTAS DOS USUARIOS

Ningún usuario opinou aínda sobre este videoxogo.

Podes ser o primeiro en facelo.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

Deixar un comentario