Sei que hai tarefas para as que o fanatismo ou a paixón excesiva non son boas compañeiras; véñenme á cabeza agora mesmo tipos armados e analistas de xogos, por exemplo. Atendendo a esta realidade amordazarei ao pequeno alter ego que me berra no interior da cabeza (na lingua dos dragóns, por descontado) a súa euforia porque por fin case tódalas pezas funcionen nun xogo de Bethesda.

Mentres ato mentalmente a ese pequeno salvaxe nalgunha árbore do camiño a Ventalia, contareivos algo sobre a miña primeira encarnación no reino de Skyrim, cando fiel á miña tradición en The Elder Scrolls fun un home bretón con malas pulgas pero bo corazón (xusto ao revés que na realidade). Se houbo algo que adorei de Skyrim foi o próprio feito de estar alí; explorar o xélido nordeste do reino, onde a neve cae día e noite. Determe despois do ocaso para pasar a noite nalgunha posada e escoitar á luz do lume ao bardo local cantar sobre as lendas do vello reino ou os sucesos actuais. Poñerme de novo en marcha antes do amencer, baixo a preciosa aurora boreal, para percorrer as grandes distancias onde nunca sabes quen ou qué pode aparecer ao xirar o camiño, nin cando che sorprenderá o ruxir dun terríbel dragón para anunciar un duro combate.

E utilizo esa carta de presentación porque considero, como teñen sinalado algúns xornalistas, que o primeiro que hai que dicer de Skyrim é que nunca ningún outro xogo foi capaz de dar tal peso ao próprio mundo no que se desenrola e ás intrahistorias (se todos usan a Unamuno eu tamén, pero ségueme caendo mal) case infinitas que nel viviremos, facéndonos compoñer a golpe de mando unha longa narración skáldica que sentiremos moi especificamente nosa.

Pero recapitulemos.

Sexamos da raza e xénero que sexamos, seremos Dovahkiin, (Dragonborn), aínda que diso enterarémonos un tempo despois de que o imperio intente facernos un corte ao estilo Robespierre e de comezo a nosa aventura. A historia principal levaranos a intentar deter a ameaza do retorno dos dragóns, pero quen queiramos ser en realidade no reino e até onde queiramos chegar dependerá enteiramente de nós. Xoguemos coma xoguemos, o mais probábel é que seguir a trama principal ocupe unha moi pequena parte do noso tempo en Skyrim, e… agardade, non era iso precisamente unha crítica que se lle facía á fórmula de The Elder Scrolls?.

En realidade, quizais a maior división que se deu nos últimos anos entre os amantes do rol occidental era a que se establecía entre seguidores e detractores dos xogos desenrolados por Bethesda.

Fieis ao seu próprio estilo, os programadores da compañía americana teimaron nunha fórmula caracterizada por unha grande liberdade de acción e movemento nun inmenso mapa que moitos consideraban lastrada por defectos conxénitos. Algúns exemplos eran a pésima xogabilidade en terceira persoa, a pouca profundidade das tramas e personaxes principais, ou especialmente o enorme problema dos bugs que por sistema afectaban aos seus xogos.

Non serei eu, (que sempre pensei que xogar ao Fallout coa cámara en terceira persoa era a condena que che caía nalgúns países por asasinato) quen negue eses defectos, pero xa non estamos a falar do mesmo. Iso rematou.

Se algunha vez pretendeuse que The Elder Scrolls fose valorado en pé de igualdade a competidores coma Risen, Two Worlds, Gothic, etc. Dicer que iso tamén é pasado, xa non procede, non há lugar, c´est fini… é unha chaladura, para que nos entendamos.

Skyrim é un paso adiante tan grande na fórmula de Bethesda que por primeira vez moitos escépticos entenden qué era exactamente o que os seus creadores pretendían conseguir coa súa aposta sen que a realización rematase de permitilo. Para explicar que foi o que cambiou no resultado entre este xogo e os seus predecesores, véxome ante a nada sinxela tarefa de resumir o que aporta Skyrim coma novo símbolo do RPG occidental.

Pois ben, por comezar polo mais obvio, os cinco anos que separan Oblivion de Skyrim fanse escandalosamente notábeis no aspecto gráfico. Se Oblivion saudaba a chegada da presente xeración, Skyrim testemuña o lonxe que esta ten chegado. Quizais non son os gráficos mais espectaculares que teñamos visto en XBOX 360 e PS3, pero atendendo ao tamaño do reino polo que nos movemos libremente, á infinidade de elementos cos que interactuar, persoas coas que falar, e ás mais de 300 vilas, cidades, túmulos, granxas, covas, etc que podemos explorar, sen dúbida estamos ante un dos traballos gráficos mais meticulosos e colosais da xeración.

O mapa supera os 40 km cadrados, o que para que vos fagades unha idea equivale pouco mais ou menos á superficie total do concello de Oleiros. Dentro dese terreo todo, dende a mais alta montaña até unha culler ou unha xoia, están creados con todo luxo de detalles e locen un aspecto fabuloso. Estes últimos obxectos pequenos, coma outros miles, poden ser observados ao detalle dende o inventario, o cal nos leva aos cambios que se teñen producido nos menús.

En relación aos seus predecesores, Skyrim ten un sistema de inventario simplificado e moito mais intuitivo, que nos permite acceder con rapidez a calquera obxecto e cambiar ou combinar armas e maxias con comodidade. O maior logro neste terreo é, ao meu entender, que isto fíxose sen ter reducido en absoluto a fidelidade ao espírito clásico do RPG, e aínda aumentando as posibilidades que temos para dispoñer dos nosos obxectos, armas, e maxias, antes ou durante o combate.

Quizais sexa precisamente no combate onde a evolución é menor. Aínda que a posibilidade de combinar arma e maxia en cada man é unha novidade moi benvida, a mecánica destes segue a ser un tanto robótica no corpo a corpo. As imaxes cinemáticas introducidas para dar variedade e espectacularidade á maneira en que rematamos con algúns rivais son unha grande aportación, pero non todas elas funcionan ben nin resultan demasiado naturais, e en todo caso son algo insuficiente para dar plasticidade aos combates.

No polo oposto atopamos o apartado de son, onde é obrigado citar un nome próprio; Jeremy Soule, quen de novo sáese no que a el lle toca e déixanos unha banda sonora para o recordo, cargada de melodías épicas e memorábeis que son ademais perfectamente integradas no xogo por Bethesda, reservando moi intelixentemente os mellores momentos da partitura para subliñar os clímax argumentais e inimigos clave que atoparemos nas nosas aventuras.

Pero o acerto do son vai moito mais aló, facéndonos sentir o frio vento das montañas, o suave eco das covas, ou o inquedante voar dos dragóns dun xeito dificilmente superábel, contribuíndo de xeito definitivo á inmersión que sufrimos en Skyrim dende o mesmo momento de poñer o xogo.

Habería aquí unha grande pega que é a dobraxe ao castelán, pero que obviamente non afecta á versión orixinal do xogo. Sei que a moitos lles resultará convincente a dobraxe, pero se teñen un momento para comparar (a través de youtube, por exemplo) as cancións dos mesmos bardos nas versións orixinal e dobrada faranse unha idea do espírito perdido no camiño e a credibilidade “lost in translation” dalgúns aspectos sociais do xogo. Unha circunstancia desgraciada que me confirma en que substituír o audio orixinal dunha obra nunca é unha boa idea.

Quen teña a posibilidade de xogar ao xogo co son orixinal impoluto (e xa non digamos a gozada de facerse coa edición especial co libro e a figura de Alduin) que non o dubide; ese é o verdadeiro son de Skyrim (e dos seus bardos!).

Sei que quedan moitas cousas no tinteiro, pero é humanamente imposíbel analizar este xogo en profundidade sen competir en extensión coa grande enciclopedia británica, polo que só vou determe nun aspecto mais que atopei especialmente ben enfocado, que é o da evolución da própria personaxe.

Esquezámonos de atribuír puntos a cegas a habilidades que talvez nunca usemos; nesta ocasión os puntos de habilidade nun campo medrarán precisamente a medida que practiquemos ese tipo de acción, de tal forma que será o que vaiamos escollendo facer de xeito cotiá o que se vexa perfeccionado e no que irá destacando a nosa persoaxe. Coma na vida mesma, a práctica será o que nos abra as portas do dominio completo en calquera terreo.

En definitiva, coma usuario experimentado nos RPG, vexo a Skyrim paseándose polas beiras da tan arelada perfección no xénero, (polo menos en canto ao que a tecnoloxía actual fai posíbel); perdoei sen dificultade os pequenos (e non tan pequenos) bugs que se resisten a abandonar definitivamente o selo de Bethesda, e tan só botei claramente en falta algo mais de profundidade nas relacións persoais, algo no que o avance foi apenas perceptíbel, pero que tampouco parece unha prioridade dos programadores, empeñados en que enchamos eses ocos coa nosa imaxinación.

Estamos ante un xogo que vai facer historia…. rectifico, que xa está facendo historia. Imprescindíbel dende calquera punto de vista.

PUNTUACIÓN
  • GRÁFICOS:
    9.6
  • SON:
    10
  • XOGABILIDADE:
    9.4
  • DIVERSIÓN:
    9.6
  • DURACIÓN:
    10

  • FINAL:
    9.7
NOTAS DOS USUARIOS
  • GRÁFICOS:
    9.6
  • SON:
    9.8
  • XOGABILIDADE:
    7.2
  • DIVERSIÓN:
    8.7
  • DURACIÓN:
    9.9

  • FINAL:
    9

4 usuarios enviaron os seus votos.

  • 0
  • 0
  • 0
  • 0
  • 0

  • 0

Sobre o autor:

@Moucho Branco | Ver as entradas publicadas por Moucho Branco »

«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»

8 Comentarios a “Análise de “The Elder Scrolls V: Skyrim””

  1. Skaltum di:

    Pola miña parte debo dicir que levo xogado apenas dez horas, pero opinio coma ti no relacionado cos combates, ségueme parecendo moi pouco pulido e lioso, mais a historia, o enorme mundo que nos poñen á nosa disposición e as miles de posibilidades e opcións fan deste xogo (polo menos até onde levo xogado) un xogo de rol moi apto.

    Para aqueles que sexan seguidores do rol (imprescendíbel), para aqueles que non sexan moi fans deste xénero (eu daríalle unha oportunidade)

  2. Carlos di:

    Magnifica analise…. xa me entrou o gusanillo por pillalo este nadal 🙂

  3. Moucho Branco di:

    Grazas Carlos, e se o pillas para o nadal do único que podes arrepentirte é de non telo mercado antes. 🙂

  4. Nina di:

    Eu xoguei a Oblivion e despois a Morrowind, e teño que dicir que, como saga, The Elders Scroll me cativou completamente (pero tampouco coñezo moitos xogos de rol).

    Hai bugs, pero a liberdade de acción, a posibilidade de ir a onde se queira por un mapa enorme (e cunhas paisaxes fermosas, que tamén se agradece), a literatura presente no xogo (fabulosa) e a vida que teñen os personaxes non xogables, fanos, na miña opinión, excelente.

    Teño tamén o Daggerfall e mailo Arena pendentes de probar, así como o Skyrim, pero preciso un computador con Windows e agora mesmo non o teño.

  5. bozak di:

    Un xogo que da moito de si.Tes para xogar horas e horas sen aburrirte.Ademáis os que non o teñan debería aproveitar agora que saíu unha edición especial con todos os DLCS

  6. Vainas di:

    Noraboa polo análise. Ao meu entender é un xogo case obligatorio guste un ou non do xénero, xa que tan so a sensación de perderse polas súas localizacións é única. De vez en cando percátome de que levo dúas horas xogando e non fixen absolutamente nada máís que explorar ou chegar a algún risco a ver qué vistas hai. Xenial!

  7. Moucho Branco di:

    Grazas polos parabéns.
    Xa hai moito que escribín esta análise, e as miñas impresión non cambiaron. Skyrim foi medrando cos DlC e sobre todo cunha lexión de mods alucinantes feitos polos fans que nos deixan un universo en constante evolución.
    Como di Bozak ven de saír a edición lexendaria e é unha boa ocasión para que os que aínda non se decidiron se aventuren polas terras de Skyrim.

  8. NetOverflow di:

    Moi boa análise, Xende. Eu estou a probalo estes días e a verdade é que está moi ben.

    Título coa marca de Bethesda, con todo o que iso supón, tanto para ben, como para mal.

    Gráficamente, as versións para consolas están moito máis limitadas que as de PC, onde, dependendo do hardware que teñas, podes desfrutar duns gráficos punteiros.

    En canto á historia, paréceme incríble que o diga, pero “ten demasiadas misións secundarias!!!”. Si, chegados a certo punto, hai tal saturación de misións que xa non sabes cal facer primeiro. “Son o Sangue de Dragón! Son o Sangue de Dragón!! Uhh!!” Máis ben, eu diría que eres o pringao do reino ó que todo o mundo lle pide que lle vaia buscar isto ou lle leve aquilo a outra persoa. 🙂 🙂

Deixar un comentario