Tal e como vén de anunciar Turn 10, creadora da saga Forza Motorsport, a cuarta entrega (está previsto que chegue ás tendas o vindeiro 14 de outubro) deste simulador de carreiras, non contará con coches da marca Porsche, xa que non puideron chegar a un acordo con EA Sports, actual propietaria dos dereitos desta marca de coches no mundo dos videoxogos.

Nunha recente entrevista online, Dan Greenwalt (director creativo da saga) comentou: “Como sabes, dende que comezamos coa saga Forza, a licenza de Prosche só está dispoñible a través dunha sublicenza con EA. En Forza 3, fomos capaces de incluír máis de 35 Porsche en colaboración con EA. Para Forza 4 estabamos a estudar meter mesmo un número maior, especialmente no modo Autovista. Ó final, no entanto, EA no deu coa forma de colaborar”.

Con todo, o deseñador non descarta que nun futuro os coches da marca poidan chegar dalgún outro modo ó xogo. Greenwalt tamén comentou que tanto Microsoft como Turn 10 posúen a licenza de Ferrari para PC e XBOX 360, e non por iso tratan de bloquear o resto de videoxogos doutras compañías. Lembrade que EA ten previsto lanzar  o vindeiro 17 de novembro o “Need for Speed: The Run”, que aínda que a saga Need For Speed está moi vista a menos dende hai xa uns cantos anos, continúa a ser parte da competencia no xénero dos simuladores de condución.

Unha mágoa que os amantes desta saga non vaiamos poder desfrutar dos coches desta marca, cos que tantas carreiras temos botado. O malo é que máis adiante tratarán de nos vender todos eses coches nun DLC a saber a que prezo. Se ó final chegamos a poder desfrutar deses coches ou non, os que acabamos perdendo somos os de sempre, os xogadores.

Sobre o autor:

@NetOverflow | Ver as entradas publicadas por NetOverflow »

«A miña primeira consola propia foi unha das míticas compatibles coa NES que traían un feixe de xogos dentro. Máis tarde adquirín unha SNES coa que botei moitas horas diante da televisión, ata que me pasei ó mundo do PC, onde descubrin un mundo novo. Actualmente ando entre os xogos de PC e os de XBOX 360, aínda que de cando en cando, conecto a SNES para volver desfrutar cos seus grandes xogos.»

Deixar un comentario