Análise do ‘Kirby’s Epic Yarn’

Por: Xoves, 9 de Xuño de 2011

Cun paquete de Kleenex ao meu carón e limpando as bágoas que me caen no teclado do computador, escribo esta análise, esta volta do Kirby, esta volta que nunca debeu chegar ás consolas… polo menos deste xeito.

Cando acendemos a Wii con este xogo dentro ben logo nos decatamos de que non será un Kirby tradicional. A historia céntranos nun mundo de fíos, onde todo está feito deste material, inclusive o noso protagonista. Aquí xa cometen o primeiro e o maior erro que puideron ter, xa que como o Kirby está composto de fíos, perde a cualidade de absorber (queeeeee?) Pois si, a característica principal do Kirby que é o poder de absorción elimínase, podendo soamente infrinxir dano ao inimigo dándolle cun especie de fío/látego. Oh, meu Deus, pero que fixeron? Isto é como se a Mario lle quitasen a capacidade de saltar polos escenarios. Non o comprendo, non.

Como quixeron resolver esta carencia? Pois dando ao Kirby a posibilidade de se transformar en diferentes formas, así como un carro para andar máis rápido ou un paraquedas para baixar alturas pronunciadas e planear. Á parte, existen diferentes zonas en que nos transformaremos en tren (cun control penoso), en trade, e noutra serie de trebellos que nos servirán para superar diferentes lugares do escenario.

Pero tranquilicémonos, quizá estou a sacar as cousas de sitio. Como se desenvolve o xogo? Movémonos nun escenario en perspectiva 2D (estilo Mario) e iremos superando zonas de plataformas dándolle con este fío/látego aos inimigos, colléndoos e lanzándoos e recollendo autocolantes (que nos servirán para desbloquear sinxelos minixogos e adornar a nosa casa) até chegar ao final da fase, onde escoitaremos a clásica canción do Kirby, o cal nos satisfará despois de tanto insulto á personaxe. Mais non só é iso, xa que a dificultade é nula, e cando me refiro a nula non estou empregando ningunha exaxeración, xa que nunca perderemos, nunca. Se caemos nun buraco, uns anxos levántannos e póñennos xusto antes de saltar; se nos matan, os mesmos anxos resucítannos, polo que avanzarás sen complicacións e o que é peor, sen motivacións, algo que te leva a un permanente aborrecemento.

Agora vamos falar do apartado técnico, algo que chamou e namorou milleiros de persoas. Ben, a primeira vez que xogas levas unha grande sorpresa xa que o deseño dos escenarios, as personaxes e todos os elementos da pantalla emiten “amor”. Si, como se estiveses escoitando unha canción pop/pastel. Todo chama a atención, con cores rechamantes, diferentes tipos de materias nos escenarios, todo se move e cuns gráficos moi dignos para a consola que estamos a falar, mais…(si, sempre hai un mais neste xogo), os escenarios fanse tan tremendamente repetitivos e empalagosos, que cando levedes xogando unha hora xa estaredes cheos de tanto fío, tanta cor rosa e tanta igualdade.

E no apartado sonoro acontece absolutamente igual, cando escoitamos por vez primeira sentimos unha melodía de piano suavísima que nos acompaña ao longo do escenario. E gosta, gosta moito porque verdadeiramente as cancións son moi melancólicas e adaptadas. Pero cando levamos xa vinte ou trinta escenarios superados e vemos que a melodía (tan suaviña e melancólica que empalaga) aínda continúa na mesma, acabamos do pianiño até o carballo. Porque está ben que o empreguen para diferentes escenarios, pero non para o xogo completo.

Deste xeito, entre a facilidade que supón superar cada fase e o piano que parece que está tocar unha canción de berce, máis que diversión o que produce é sono. Mais hai que o ver polo lado bo, se sufrides de insomnio tedes unha solución perfecta: Xogade ao Kirby’s Epic Yarn media horiña antes de ir para a cama e quedaredes durmindo coma pedras.

Se queredes tamén podedes xogar con outra persoa na mesma pantalla, tendo absolutamente os mesmos movementos e recursos, por se tedes parella e queredes durmir os dous.

En conclusión, un xogo non apto para persoas de máis de cinco anos e que che fará perder os nervios se es dos que xogaches ás xoias das Game Boys.

Sobre o autor:

@Skaltum | Ver as entradas publicadas por Skaltum »

«A NES mudoume a vida. Descubrín sagas que motivarían a miña existencia e xogos que modificarían a miña forma de pensar. Pouco despois chegou a Game Boy e somerxeume aínda máis neste mundo do que xa non fun capaz de saír. Cantos adxectivos existen para describir unha boa experiencia cos videoxogos? Innumerábeis. Pero sei que uns cantos píxeles mudaron a miña personalidade. Só vos podo dar un consello: Cando poidades tomade un bo caldo de píxeles.»

2 Comentarios a “Análise do ‘Kirby’s Epic Yarn’”

  1. Colloada11 di:

    A ver. Con solo ver la portada se ve que es malo, sin más. Lo que pasa es que esto no es un “análisis” … sino un capítulo más de la campaña antinintendo.

    Por cierto, si tanto gustaban anteriores Kirbys … pues no hay más que jugar a ellos. ¿Qué queremos? ¿un nuevo Kirby? ¿o el mismo Kirby de antes pero que al meter en la Wii funcione? … hay cosas que no comprendo.

  2. Skaltum di:

    Campaña antinintendo?,acepto todo tipo de críticas e respétoas ao máximo pero medrei con Nintendo dende os cinco aniños,desfrutei dela ano tras ano,emociónome recordando as súas xoias e supoño que será por iso que me frustran tanto estes videoxogos, que prometen demasiado e quédanse en nada.
    Acaban de sacar un tráiler dun novo Kirby, como podes ver nesta mesma páxina, e aparentemente parece que volve aos aorixes, polo menos pode absorver, algo é algo.
    Só busco xogos divertidos, dame igual que sexa de Nintendo, de Sony, de Microsoft ou do veciño do lado, só busco diversión, e a verdade, este Kirby non o consegue nin de lonxe.

Deixar un comentario