Resumo da conferencia da Nintendo no E3

Por: Martes, 7 de Xuño de 2011

A conferencia da Nintendo no E3, coñecida no Twitter polo hashtag #NintE3ndo, foi retransmitida na nosa conta (@MemoriaPixelada) a tempo real. Con todo, facemos agora un resumo cos datos máis importantes.

Zelda fai xa 25 aniños... e que ben se conserva!

25 ANIVERSARIO DE ‘THE LEGEND OF ZELDA’

A conferencia comezou cunha orquestra a interpretar temas míticos desta saga, mentres mostraban vídeos dos diferentes xogos da historia doZelda. Despois saíu Shigeru Miyamoto quen, despois de brincar un pouco coa orquestra, anunciou algunhas novidades para celebrar este aniversario:

– ‘The Legend of Zelda: Link’s Awakening‘, o mítico xogo da Game Boy, estará dispoñíbel para descargar na nova eShop da 3DS. E para como están de conmemoración, a descarga será gratuíta.
– Haberá un ‘The Legend of Zelda: Four Swords‘ descargábel para a Nintendo DSi (descoñezo se será compatíbel coa 3DS).
– Para a Wii, chegará no Natal o ‘The Legend of Zelda: Skyward Swords‘.
– E, por último, os compradores do novo ‘The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D‘ que sexan socios do Club Nintendo terán, de balde, o CD coa banda sonora do xogo.

NOVIDADES PARA A NINTENDO 3DS

Imaxe da N64 portát... non, perdón, da 3DS

Foron anunciados novos xogos para a Nintendo 3DS:

Super Mario Kart 3D, con carros que voan e se mergullan. Os vehículos serán totalmente personalizábeis.
Starfox 3D, con control por sensor de movemento e un modo multixogador moi interesante. Poderás ver a cara dos teus compañeiros ao xogar.
Super Mario 3D. Pouco máis hai que dicir, moi na súa liña.
Kid Icarus: Uprising. O xogo ten voces en inglés… aínda que os actores de dobraxe non pareceron moi acaídos.
Liugi’s Mansion 2, que usará todas as posibilidades da 3DS mais continuará na liña do Luigi’s Mansion da Game Cube.
– Outros títulos anunciados: Ace Combat, Tetris, Cave Story, Driver Renegade, PAC-MAN, Tekken, Metal Gear

Tamén falaron sobre a Pokédex 3D (da que xa faláramos aquí) e do Excitebike 3D. Ambos aplicativos gratuítos da eShop.

O ‘PROJECT CAFÉ’ CHAMARASE DEFINITIVAMENTE… WII U

O novo comando desenvolvido pola Nintendo

Anunciaron finalmente que a sucesora da Wii será a Wii U. O nome é un xogo de palabras, pois Wii soa como ‘we’ (nós) e U como ‘you’ (ti). Da videoconsola en si, a verdade, non falaron. Non deron datos de potencia nin nada, limitáronse a presentar o seu controlador.

O comando parece un tablet con botóns aos lados, e conta con pantalla táctil, dous sticks analóxicos, control de movemento, altofalantes, microfono e cámara. Poderás realizar videoconferencias desde el, alternar entre xogar na TV ou na propia pantalla do mando ou usalo como unha segunda pantalla. Persoalmente recordoume moito á conexión entre a Game Cube e a Game Boy Advance, pois parte da mesma premisa, mais desta volta con todos os avances tecnolóxicos actuais.

A potencia da Wii U, á vista dos vídeos que mostraron, está á altura da PS3 ou XBOX360. Entre os xogos que anunciaron están Darksiders II, Dirt, Alien Colonial Marines, Ghost Recon Online, Metro Last Night, Tekken, Ninja Gaiden 3… e o xogo que máis aplausos levou, o Batman Akhram City.

UNHA SORPRESIÑA AGRADÁBEL, O SMASH BROS.

O público tamén se emocionou cando anunciaron que estaban a desenvolver un novo Super Smash Bros., que sairá para Wii U e 3DS. Con todo, non deron datas para el.

Os clásicos sempre voltan…

Sobre o autor:

@AmilGZ | Ver as entradas publicadas por AmilGZ »

«Cando tiña 8 anos regaláronme a miña primeira consola, unha Mega Drive noviña do trinque. No momento en que a conectei á televisión e vin un ourizo azul a rodar pola pantalla, notei un bolboretear no meu estómago. Resultaron ser gases, mais aínda así gostei bastante dos videoxogos en xeral e de Sonic the Hedgehog en particular. Comezou así unha bonita historia chea de amor, sangue e bolachas de dinosauro que se estende até a actualidade.»

3 Comentarios a “Resumo da conferencia da Nintendo no E3”

  1. aPeleteiro di:

    Moi bo o detalle do pé de foto da N3DS hahaha case escacho coa risa xD

  2. Skaltum di:

    A verdade, desgustoume bastante o anuncio de Wii U, máis que nada porque tiña as expectativas demasiado altas penso eu. Gráficamente apenas evolucionou (só se víu o Zelda con máis nitidez) o resto de xogos eran moi Wii. Ademáis, é consola nova ou un accesorio?, é portábel ou de sobremesa ou unha mestura? prezo?, potencia?… demasiadas dúbidas me invaden.

    • AmilGZ di:

      É consola de sobremesa que se manexa cunha especie de Tablet PC. É un concepto raro, por iso se centraron en contar as marabillas do comando e non falaron da consola en si.

      Enfin, a ver cando saen máis datos…

Deixar un comentario